Sala Galería Mayoral
A Galería Mayoral, no mesmo corazón do Eixample barcelonés, volve sorprender cunha exposición de calidade e da talla da que pode facer calquera institución museística pública. Neste caso o eixo da mostra é o artista Antonio Saura, un dos “rebeldes” que opuxeron as súas prácticas plásticas á violencia do franquismo. Nestes días que se van cumprindo as cláusulas da lei de Memoria Democrática, vén ao pelo rememorar a quen se enfrontaron á ditadura.
❧
Saura en el seu context. Galería Mayoral
Creemos que nuestro arte no será válido mientras no contenga una inquietud coincidente con los signos de la época, realizando una apasionada toma de contacto con las más renovadoras corrientes artísticas. Vamos hacia una plástica revolucionaria —en la que estén presentes nuestra tradición dramática y nuestra directa expresión— que responda históricamente a una actividad universal. (Manifesto do Grupo El Paso, 1957).
A actual mostra que presenta a Galería Maroral nestes meses centrais de 2023 (Saura en el seu context) ofrece de balde ao público visitante seis pezas espectaculares e moi representativas dos traballos pictóricos de Antonio Saura (1930-1998), un dos artistas máis recoñecidos da segunda metade do século XX. Esas seis pinturas de Saura están acompañadas por outras tantas obras doutros artistas coetáneos e compañeiros seus (o seu contexto), o que confire ás salas da galería Mayoral unha forza creadora merecente ds mellores espazos expositivos. Acompañan a Saura nese desexo de facer historia: Juana Francés, Manolo Millares, Manolo Valdés, Joan Miró, Antoni Tàpies e Eduardo Chillida. A meirande pléiade da pintura que perante o franquismo se confeccionou en España (e, de paso, loitou contra esa ditadura) ilumina con luz potente e dramática a galería da rúa Consell de Cent.
O pintor e escritor Antonio Saura (irmán de Carlos Saura, cineasta fundamental na historia do cinema deste país e que morreu hai uns meses) foi un dos fundadores do colectivo artístico Grupo El Paso (1957), un dos grupos definidores da nova arte que rachou coas liñas tradicionalistas que seguía e pretendía impor a ditadura franquista. Colectivo que apostou por procurar no estranxeiro as liñas das novas vangardas (informalismo europeo, expresionismo abstracto nos EEUU). Os fundadores de El Paso foron Juana Francés, Luís Feito, Manolo Millares, Rafael Canogar, Manuel Rivera, Antonio Saura, Antonio Suárez e o escultor Pablo Serrano. Neste censo concéntrase boa parte da creatividade máis sobresaínte das décadas dos 60 e 70, así como case todas as firmas que foron parar ao Museo de Arte Abstracto de Cuenca.
Antonio Saura é deses creadores que -desde os anos 50- mantén unha liña estética que foi denominada informalista, e que se caracterizou pola pintura xestual e matérica, ao que se achegaba con tonalidades escuras e/ou negras, unha resposta á negra ditadura na que lle tocou vivir moitas décadas? Tales eixos estéticos son compartidos por outros dos seus compañeiros de promoción e de preocupacións estéticas; por exemplo por Manolo Millares. Millares maltrata os lenzos, racha telas para logo pretender coselas, e rematar para tonalidades negras e vermellas: a loita de tantas persoas que sufriron as represións daqueles anos? A Saura acontécelle algo similar, mesmo se diría que expresa en pintura as imaxes de filmes do seu irmán, Carlos Saura. Carlos foi quen de compendiar en hora e media a Guerra Civil, na cinta titulada La Caza(1965), con imaxes en branco e negro, música mínima e dramática. A atmosfera de traxedia clásica tamén se pode identificar en Llanto por un bandido (1963), filme no que se reproduce unha obra de Goya: Duelo a garrotazos. A identidade dos dous irmáns; ao fondo o mestre Francisco de Goya. Ou, como ben dixo Celso Emilio Ferreiro no seu famoso poema: O teito é de pedra. / De pedra son os muros / i as tebras. / De pedra o chan / i as reixas. / As portas, / as cadeas, / o aire, / as fenestras, / as olladas, / son de pedra.
A Galería Mayoral é unha excelente ferramenta cultural que ten o gusto de programar moitas, moitas exposicións -xa monográficas, xa de varios autores- que permiten ver e coñecer en toda a súa dimensión a creatividade rebelde que se repuxo á ditadura. É longo citar todas as mostras que, por exemplo, sobre creadores do grupo El Paso xa leva programado ao longo das última década: Juana Francés (unha das poucas que sobre esta informalista se teñen efectuado; por ser muller?), Antonio Saura, Manolo Millares, Rafael Canogar, así como outras sobre Tàpies, por citar algúns exemplos. As exposicións de Mayoral -e esta tamén-, e xa o teñen dito críticos recoñecidos, teñen a calidade e importancia que poden ter outras que se programan en entidades museísticas públicas, con subvencións públicas. O esforzo desta galería merece todo o recoñecemento.
A importancia da mostra Saura en el seu context está baseada na extraordinaria calidade das obras presentadas. Calidade que mes mo se pode confrontar coas dimensións. As pezas Ecorché 1 e Metamorfosis, de Saura e presentes en Mayoral alcanzan unhas extensións fóra do común.
Saura en el seu context. Antonio Saura e os seus compañeiros de viaxe artístico e político.
La contemporaneità di Saura sta nel parlare dei grandi drammi dell’umanità e soprattutto di ciò che è l’uomo. La sua pittura incarna la nuova dimensione umana, cio è la perdita dell’uomo come centro, e il passaggio a una condizione di lacerto, bersaglio. È il tema delle crocifissioni, elaborato dal 1958/1959, da cui è exclusivo un significato religioso e dove l’uomo in croce deviene immagine della tragicità del tempo e della storia (L. M. Barbero, Antonio Saura, “corpo a corpo” con la pittura, 2018).
A exposición Saura en el seu context aínda por riba é unha perfecta radiografía do quefacer de Antonio Saura ao do tempo. As pinturas -escuras, duras- do autor de Cantamina combinan con axilidade e dinamismo, pinceladas rápidas, nadas da rabia, da enerxía que axuda a confrontar os escuros tempos de censura, de represión; toda a carga que chega da Guerra Civil. Algúns exemplos: a peza Ecorché 1 (1985), fantástica exhibición de dominio escénico de control das grandes telas, é demostración de feridas internas, de rabia contida, de desexos de berrar, e mesmo de manifestar o sentido tráxico do vivir dos humanos: a carga (a cruz?) que se impón a cada persoa (condena?) polo feito de estar viva. Cómpre lembrar que a iconografía do corpo ecorché ten unha longa tradición na arte europea. Trátase de presentar corpos espidos de pel, corpos desollados que mostran a estrutura muscular dos corpos e de órganos internos. Xa o propio tema dá idea da intencionalidade do pintor. Xa Rembrandt creou a impactante tela do Boi desollado. A naturalidade e realismo de Rembrandt (dimensións, morfoloxía e cores) foron cambiadas por Saura a eses negros e grises que tanto remiten á pezas negras de Goya, e tamén á situación represora da ditadura. Así mesmo, en Mayoral hai dúas pinturas dunha das series que moito traballou Saura: as Crucifixiones, outra volta cun tema tensado, cun motivo que fala de sufrimentos (de torturas?), cunha serie que tamén se pode interpretar como un xeito máis de loita antifranquista.
Tamén os responsables da Mayoral lograron traer ás súas salas a inxente peza sauriana de Metamorfosis (1985), ringleiras de retratos que van variando, transformándose (sempre nos dominios do branco e negro (o perpetuo sentido tráxico das existencias?). Antonio Saura dedicou tempo a facer retratos. Con anterioridade xa desfilaron polas súas instalacións retratos ben coñecidos como o de Brigitte Bardot ou o de Dora Maar. Tampouco nestas pezas que representan mulleres ben coñecidas abandona o trazo forte, a pincelada violenta, o rictos tenso e duro. Ao falar destes retratos acaen ben os versos obsesivos do seu poema Programio (1950): pintar la isla de los espectros. / pintar los monstruos de las antiguas mitologías. / pintar monstruos totalmente inventados. / pintar los monstruos de mi nueva mitología bárbara.
Na actual exposición Saura en el seu context acompañan ás monumentais pezas de Saura outras obras de coetáneos, amigos, compañeiros de militancias e resistencias á opresión e ás censuras. Unha delas é El Cardenal Fernando de Guevara (1986), de Manolo Valdés, obra que en realidade vén sendo unha versión da pintura que a finais do século XVI elaborou El Greco, un retrato magnífico, digno das mellores feituras que naquel século se fixeron en Italia e noutras xeografías europeas. A peza de Valdés semella estar na liña dos retratos que fixo Francis Bacon sobre o papa Inocencio X, reinterpretacións da figura autoritaria que Velázquez tivo o acerto de retratar psicoloxicamente. Hai diferencias, evidentemente, o retrato de Valdés escora pola crítica política, pola estética pop, mentes que Bacon proxecta nas súas pinturas arrepío, dramatismo vital. E Manolo Valdés foi quen de pasar as dúas dimensións da peza Las Meninas de Velázquez ás tres da escultura e a facer a Menina, icona pop.
Está presente tamén unha obra de Juana Francés, a única muller artista que consta como fundadora do Grupo El Paso, pintora informalista e principal, e que todo indica que os seus propios compañeiros de militancia estética fixeron o posible por facer desaparecer da vida pública. Proba disto son as poucas exposicións que de Francés se teñen programado. Unha delas, e por certo magnífica, foi a programada pola Galería Mayoral: Juana Francés: l’informalisme també era dona. Pódense ver obras de Eduardo Chillida ou de Antoni Tàpies. E outra das que tamén está presente é a creación de Joan Miró, La pierre philosophale (1975), obra ben coñecida do autor de La Masia.
A creación de Antonio Saura é especial, única e facilmente identificable. O pintor negro, o artista que vibrou pendurado dun pasado estético que lle chegaba con forza e complicidade, e un presente asfixiante, frustrante. Nas pezas de Saura non se definen as partes da obra; o seu expresionismo convulsivo non llo permite, pero a reiteración xestual fai pensar na action painting que tanto se practicaba ao outro lado do Atlántico Pollock e demais compañeiros da chamada Escola de New York (e que tan ben foron aproveitados pola CIA para vender o american way of life e enfrontarse ás manifestacións artísticas humanistas que se daban en Europa). A xestualidade de Saura é mecánica executada desde o branco e o negro; desde esa atalaia da traxedia, do dramatismo existencial.
❧
EXPOSICIÓN: Saura en el seu context. Galería Mayoral, ata o 10 de xuño de 2023
You might also like
More from Artes
Irving Penn, a fotografía sen ornamentos | Lito Caramés
A Fundación MOP (A Coruña) ten o acerto de presentar unha mostra antolóxica de todos os traballos do gran fotógrafo …
entre espelhos falsos magritteanos e peugadas in-corpóreas de Bete Gouveia | Luís Serguilha
«entre espelhos falsos magritteanos e peugadas in-corpóreas de Bete Gouveia», por Luís Serguilha