Adán, malia vivir nun perfecto Edén, rodeado de indiscutibles marabillas, aburríase do xeito que se aburre todo ser vivo, cando non acada máis perspectiva que si mesmo, nin ten con quen compartir sentimentos nin propiedades. Un día, por se distraer, deu en enredar co barro, dándolle forma de xerra. Puxo tanta paixón no acto, que namentres traballaba a branda materia foina dotando de sinuosas curvas, un longuísimo colo, dúas gráciles asas… A peza era tan fermosa que, no entanto secaba ao sol, extasiado, non lle quitaba ollo. E sentiu axiña o pulo de rodeala cos brazos e bicala, ata que notou unha estraña sede… Encheuna de auga nun manancial e bebeu dela con degoiro; pero canto máis bebía, sentíase máis e máis sedento. Logo de enchela e baleirala ata tres veces, abrazándoa, quedou durmido. Entón soñou que a ánfora cobraba vida e mórbida, acariciábao… Adán experimentou un pracer tan grande que se derramou…
Deus, que xamais perdía de vista ao único habitante do Paraíso, descubriuno entregado ao pracer solitario… E, soprando na boca da xerra, converteuna nunha fermosa criatura, á que lle chamou Eva. Non espertara Adán das súas fantasías, cando unha serpe o mordeu, inxectándolle a súa pezoña. O pobre morreu envelenado, sen decatarse de que a xerra que xacía ao seu carón se convertera nunha atractiva rapaza.
Deus, traveso, enredou bolboretas nas pálpebras de Eva, que de seguida caeu nun soño… Arroubado o Creador, contemplou os entreabertos beizos da moza, dos que escapou un cálido e fondo suspiro… Apreixando o suspiro entre as mans, envolveuno o Divino en carne mortal. E así foi como xurdiu o novo Adán, nado dun anhelo da primeira muller.
You might also like
More from Chelo Suárez
O gato de Hilario
Hilario volveu de América máis pobre que marchara. Para disimular a súa frustración, presumía diante dos colegas de ter vivido …
Emulando a Juan Eduardo Cirlot
Recreando ao meu admirado poeta Juan Eduardo Cirlot. Meu pranto Meu pranto é a cruz que me condena, meu pranto vai pola xustiza …