Pinturas de Picasso
O pasamento de Pablo Picasso aconteceu en 1973. Co gallo dos cincuenta anos desa efeméride celebrouse (e aínda segue) o ano pasado o acontecemento cultural Celebración Picasso, con actos en dous continentes. Na vila de Barcelona dúas institucións tan arreladas como son o Museo Picasso e mais a Fundació Miró xuntan forzas e, conxuntamente, presentan unha magnífica exposición. Unha colaboración, un exemplo a seguir.
❧
Miró-Picasso. Exposición conxunta
Picasso encarnou toda a vontade de rachar os vellos prexuízos de diversos séculos e arriscou, en cada obra, descubrimentos ás súas medidas co gallo de proxectar o actual sobre o plan da eternidade. Miró, cibando a súa liberdade, veu na obra de arte a superposición das cousas en dous planos:o concreto e mais o máxico. (Christian Zervos, 1949).
É un feito destacado que dúas entidades radicadas na cidade de Barcelona se conxuren para acordar a realización da mostra Miró-Picasso con dúas sedes. Exacto. Máis ou menos a metade da exposición atópase nas salas da Fundació Miró, na montaña de Montjuïc, e outro tanto acontece no Museo Picasso, instalado desde os anos 60 no barrio de La Ribera (rúa Montcada).
A mostra Miró-Picasso está integrada dentro da efeméride europea Celebración Picasso, para conmemorar os 50 anos do pasamento de Pablo Picasso en 1973. (o ano 1973 foi denominado -xa daquela- o ano dos Pablos, pois, por coincidencias vitais e políticas, no mesmo ano morreron o afamado músico Pablo Carlos Salvador Casals y Defilló – Pablo Casals, o gran poeta chileno Pablo Neruda (en realidade Ricardo Eliécer Neftalí Reyes Basoalto, morto xusto doce días de que Pinochet dese o golpe de estado e asasinase a Salvador Allende e mais Pablo Picasso. A Celebración Picasso 1973-2023 é todo un acontecemento cultural de primeiro orde internaional. Organízanse cicuenta exposicións e outros eventos que se acabarán celebrando por toda Europa e tamén por cidades dos EEUU. Coa mobilización de tantos recursos humanos e económicos, preténdense facer substanciosas achegas aos estudos da obra do artista total malagueño.
É un luxo que ambas entidades se poñan de acordo e teñan coordinado os seus esforzos para poder presentar en Barcelona esta magna exposición. O total de obras, ben diversas, presentadas entre ambas institucións museísticas é de 338. Nada menos. Entre elas pódese reseñar que as pinturas pasan de 115, que as esculturas presentadas chegan á trintena, que entre unha e outra ofrecen máis de 70 debuxos, e tamén máis de 70 pezas de obra gráfica. Iso por non falar dunha vintena de cerámicas, e libros ilustrados, etc. Todo un luxo. Tan importante acontecemento artístico foi comandado por varias comisarias: polo que afecta á Fundació Joan Miró de Barcelona, as responsables son Teresa Montaner e Sònia Villegas, mentres que Margarida Cortadella e mais Elena Llorens foron as que se encargaron de facelo mesmo por parte do Museo Picasso de Barcelona.
(No ano 2022 houbo outro exemplo de boa colaboración e magnífica disposición para que a cidade de Barcelona se inzase de obras fotográficas da grande artista Carrie Mae Weems. O acordo naceu da principal entidade organizadora, a Fundación Mapfre desde as instalación do KBr que ten na Vila Olímpica, e logo se sumaron Fotocolectania e mais o MACBA. Fantástico!)
A exposición da que agora se fala fai unha viaxe polos intres máis sobresaíntes nos que ambos artistas acaban por atoparse, xa sexa fisicamente na mesma cidade ou vila, xa nos eidos artísticos e estéticos. E, ao tempo, vai atopando as afinidades entre ambos creadores. Por exemplo, afonda nas relacións cos círculos surrealistas da capital francesa así como de certos compromisos políticos que van compartindo. Observa o interese desas dúas persoas tan amantes da liberdade e tan transgresoras das normas establecidas -eses dous artistas, fundamentalmente pintores- pola cerámica ou pola escultura, do mesmo xeito que pola escritura e a poesía e os poetas, dos que foron amigos.
Miró-Picasso. Cubismos e surrealismos. Artistas totais
Amigo y maestro: (…) He pasado unos días en Barcelona. Efecto, después de haber vivido en París, muy aplastante. La intelectualidad viven 50 años de retraso y los artistas hacen el efecto de aficionados. (…) Conforme con U., en que para ser pintor hay que quedarse en París. (…) (Joan Miró. Carta a Pablo Picasso, xuño de 1930).
As ganas de revisar toda manifestación artística que tiveron estes dous grandes artistas son paradigmáticas. Para comezar, Joan Miró pintor, debuxante, escultor, ceramista, e outras habilidades, foi un dos inventores do que daquela os surrealistas chamaron a escrita automática, e que desde entón tamén é coñecido co nome de cadavre exquis.A capacidade creativa en pleno funcionamento, o subconsciente ceibe e bulideiro.
A querenza por outras expresións plásticas lévano a coñecer ao gran ceramista Llorens Artigas, e acabar por traballar con el. Consérvanse fotografías de Català-Roca, amigo de Artigas e mais de Miró, nas que se poden apreciar aos dos amigos traballando en e nos arredores do estudo-taller que Artigas tiña en Gallifa, e que hoxe é local da Fundació Llorens Artigas. Tras visitar Miró (que vivía en Mallorca) unha exposición de Artigas en Barcelona comeza a amizade entre ambas persoas e mais a necesidade de traballar xuntos. Xuntos, non subordinados. Dous artistas. Els seus esmalts, creats específicament per a cada gerro i madurats al forn com una fruita, –comenta Joan Gardy Artigas, fillo do ceramista de Gallifa- posseeixen la vida, la força i el poder de les obres mestres.
Precisamente na mostra Miró-Picasso están ben representadas as querenzas dos dous polas pezas de cerámica. Picasso, xa con motivos tauromáquicos ou con naturezas mortas, tamén dedicou tempo, esforzos e coñecementos a cultivar esta expresión plástica que ten o engado de viaxar polas fronteiras da artesanía e mais da arte.
Á marxe do debuxo e mais da pintura, Picasso traballou moito -sumándose ás vangardas tamén nesta expresión- nos eidos da escultura. Xa cedo elaborou un monumento para o seu amigo poeta Apolinaire, aínda que logo non se chegou a executar (demasiado vangardistas aqueles arames grosos que habían conformar a homenaxe? Demasiado cubistas?). Ata hai pouco estivo visitable outra das exposicións programadas dentro da Celebración Picasso, aquela que levaba por título Picasso escultor, no Museo Guggenheim de Bilbao. Nestes aspectos escultóricos Picasso tivo ao seu carón ao grande escultor Julio González, o autor de La Montserrat que no Pavillón da República (París, 1937) miraba con forza e solidariedade para o Guernica.
Miró-Picasso. Guerras. Nous ne sommes pas les derniers
Acotío pasaba por diante dos fornos crematorios, e dicíame un amigo checo: “Ves? Mañá ou pasado pasaremos pola cheminea. Nunca máis pasará unha cousa similar. Nós somos os derradeiros que veremos unha cousa como esta”. Anos despois, cando a carga interior foi demasiado forte, os recordos do campo reapareceron, e comecei a pintalos, e decateime de que non era verdade. Non somos os derradeiros. (Zoran Music, nos anos 70).
Joan Miró e mais Pablo Picasso tamén tiveron que pasar polas duras situacións de varias guerras devastadoras ao longo da súa vida. Por non falar da Gran Guerra, que os acaba por traer a ambos á cidade de Barcelona, cómpre resaltar a traxedia que significou a Guerra Civil Española, esa barbarie que os fascismos acabaron por provocar. No Pavillón que a República instala na Exposición Universal de París, estandarte contra o fascismo, moitos artistas presentaron obras. Por exemplo, Joan Miró pintou directamente sobre as paredes do edificio un gran mural titulado El campesino catalán en rebeldía. Con tal feitura, tan efémera, o mural desapareceu; ao tempo o artista de Montroig imprimiu un cartel (logo tamén selo postal) que se vendeu para recoller fondos para a República: Aidez l’Espagne. Alí estaban tamén pezas de tanta transcendencia estética como la Fuente de Mercurio de Alexander Calder (agora instalado na mesma Fundació Miró de Barcelona), La Montserrat de Julio González (unha escultura heroica, resistente) ou El pueblo español tiene un camino que conduce a una estrella, obra de Alberto Sánchez.
A carón destas formidables obras presentouse o mural, graffiti, monumento de Picasso que significou e significa o rexeitamento da guerra, dos xenocidios: o Guernica, de sobra coñecido. E no propio pavillón puxéronse á venda, en pro da República, exemplares da serie de gravados Sueño y mentira de Franco, que o malagueño confeccionou naquel duro 1937.
Acabada a Guerra Civil comeza a brutalidade total, a II Guerra Mundial. E, ante tal violentación das vidas de millóns e millóns de persoas, os artistas escollen diferentes solucións. Miró -igual que moitos dos seus compañeiros do movemento surrealista, emigra aos EEUU, a New York concretamente. Alí Tanguy, Miró, Breton e tantas e tantos outros acaban por influír moi fortemente nun mangado de rapaces novos, norteamericanos e europeos, que conformarán a chamada Escola de New York, ou os Expresionistas Abstractos.
Pola súa parte, outros -como Matisse e mais Picasso- deciden quedar en Francia e resistir á ocupación alemá e outras agresións dos fascismos. En 2007 o MACBA programou unha potente e crítica exposición titulada Sota la Bomba. O punto de partida da mostra era confrontar e contrastar a arte que se creou en Nova York e mais en París na década posterior á guerra: contrastar a arte como manifestación das expectativas de vida que se xeraban nas dúas ribeiras do Atlántico. Como exemplo a política dos EEUU de enfrontamento total á URSS, xa coa Guerra Fría, xa con demostracións bélicas como as explosións atómicas, e as opcións máis pacifistas que se ofrecían desde a destruída Europa. Así, cando Picasso presenta a súa serie da Pomba da paz para o Movemento Mundial dos Partidarios da Paz (1949) o goberno dos EEUU reaccionou contra ela e contra o pacifismo que subscribía cunha campaña de moitos dólares. En Sota la Bomba había, por suposto, obras de Picasso e mais de Miró. (Véxase o exhaustivo traballo de F. Stonor Saunders, La CIA y la guerra fría cultural, 2013. A CIA –a través do MOMA de New York e de todo tipo de axudas– impulsou por todo o mundo a arte dos enfants terrible do expresionismo abstracto: os Pollock, de Kooning e compañía).
Respecto do parágrafo que enceta este apartado (e mais sobre a reflexión xa case eterna das traxedias -xenocidios incluídos- que provocan as guerras), dicir que o artista e periodista Zoran Music (1909-2005) estivo destinado en Venecia, alí os nazis detivérono e foi dar ao campo de exterminio de Dachau. Os meses que estivo no campo debuxa cadáveres amoreados, con tinta que rouba na enfermería. Liberado o campo, volve a Venecia e volve pintar paisaxes e paisanaxes dálmatas. O pesadelo do campo desapareceu dos seus miolos. Por contra, a comezos dos anos setenta volven os cadáveres. Zoran Music dá unha explicación dura e arrepiante: os cadáveres saíron nos anos setenta cando comezou a ver as atrocidades doutras guerras (mormente a guerra do Vietnam). A evidencia doutra nova barbarie humana faille revivir a dor, dispara algún subconsciente mecanismo de autodefensa e provoca que as imaxes traumáticas reaparezan outra volta. O que dixeron -con esperanzadora convicción no ano 1945- as persoas que saíron con vida dos campos de exterminios nazis: Nous sommes les derniers, era desgraciadamente falso. E a serie de pinturas que Music elabora no ano 1973 titúlase: Nous ne sommes pas les derniers. Actualmente, xa 2024, a humanidade pode seguir a proclamar que Nous ne sommes pas les derniers. Que llo pregunten ás persoas palestinas, ou sudanesas, ou chadianas, ou de tantos outros lugares.
❧
EXPOSICIÓN: Miró-Picasso. Fundació Miró e mais o Museo Picasso, ata o 25 de febreiro de 2024
You might also like
More from Artes
Paz Errázuriz, o reverso da realidade chilena | Lito Caramés
A fotógrafa Paz Errázuriz retratou as faces antiestéticas, incómodas da ditadura de Pinochet. E segue na mesma liña.
Suzanne Valadon, artista valente | Lito Caramés
Agora, no MNAC, pódese disfrutar da mostra Suzanne Valadon. Una epopeia moderna, unha antolóxica dedicada a esta artista que, contra …