As loitas polos dereitos civís que a comunidade afroamericana leva décadas esixindo, que tivo nos anos 60 acontecementos como o asasinato de Martin Luther King e que actualmente se mantén no movemento Black Lives Matter, tamén están presentes nas creacións artísticas de Carrie Mae Weems, artista afroamericana. As súas series fotográficas desembarcan agora en Barcelona facendo un importante percorrido por espazos da cidade. Weems hai anos que se pregunta: Se puideses mudar a historia, que farías?
❧
Carrie Mae Weems. Loitas afroamericanas
He felt her demands for more than he could presently give would cause her to lose a good thing. She felt his lack of compromise around her simple needs would soon have her singing,
I love you Porgy, / don’t let him take me, / don’t let him haldle me / with his hot hands. / If you can keep me, I / wants to stay here / with you forever and / I’ll he glad. (Carrie M. Weems, un dos textos que acompaña a Kitchen table Series, 1990).
No filme Hell on the Border, recreación da historia do primeiro marshal negro que houbo nos EEUU, un dos personaxes, branco, que acompaña ao protagonista chámalle (entre outras cousas) mono. O marshal dálle unhas labazadas, e o insultador dille “Para min esa palabra non significa nada. É o que oín toda a vida, o que sempre me dixeron”. Por contra o marshal reitera: “Para min ten moita importancia. Non me volvas chamar iso”. Para quen non sufre ou sufriu o racismo en primeira persoa quizais estas cousas pasan desapercibidas, ou considéranse comentarios menores. As linguas de calquera latitude, en xeral, están cheas de expresións coloniais e racistas e machistas. Esta anécdota cinematográfica, e o seu significado, podería ser o substrato que aguanta a creatividade da artista Carrie Mae Weems e, por suposto, a base da magna exposición Carrie Mae Weems. Un giro de lo posible, que agora se pode disfrutar no KBr Barcelona Photo Center e mais na Fundación Foto Colectania , así como unha instalación na Capella dels Àngels, do MACBA.
A esta posibilidade de colaboración que se dá para acoller a mostra Carrie Mae Weems. Un gran giro de lo posible -acontecemento que é inusual aquí e en moitas outras latitudes-, a artista chamoulle durante a presentación da exposición un milagre colectivo.
Desde os anos 80 -momentos nos que Weems comeza a presentar os seus traballos artísticos- sempre houbo neles unha constancia: evidenciar a vida, a experiencia, pasada e actual, das persoas que conforman a comunidade afroamericana nos EEUU. Weems suma a esta permanente procura das identidades, de crítica contra estereotipos, contra discriminacións, -pola súa condición de muller- a preocupación polos temas de xénero. Ser do colectivo afroamericano e muller, nese país (e en moitos outros) comporta vivir unha realidade moi dura. Carrie Mae Weems traballa por series, desde a primeira, a que elaborou para a súa graduación. Nas series que se poden ver no KBr e en FotoColectania (que son case todas as que confeccionou) están presentes interrogantes e críticas sobre a raza, o xénero, a violencia, a política … Unha artista que con toda claridade toma partido. Cómpre lembrar -a pór de anecdótico- que ata hai pouco na industria cinematográfica os personaxes de negros facíanos brancos pintados con betún: non se lles permitía aparecer nas grandes pantallas.
As fotografías, os vídeos, as performances e outras creacións de Carrie Mae Weems -xa pola implicación persoal da artista nos seus traballos, xa polo tratamento dos temas e imaxes escollidos, rezuman verdade. Ao estar diante de calquera das series de Weems, algo sae das imaxes que provoca emotividade. A persoa que pasa por diante das fotografías é alcanzada pola pulsión sentida. Veracidade, crítica beleza.
Carrie Mae Weems. Crítica, beleza, humor
BONEYARD
alarms clocks wake the dead on judgment day
kerosene lamps light the path to glory
the last cup, plate and spoon used by the departed should be placed on the grave
(Texto de Carrie Mae Weems na serie Sea Islands, 1991).
Carrie Mae Weems foise formando en moitos lugares (California, París, New York) ata acabar por definirse como unha artista multidisciplinar, pois cultiva a fotografía, audiovisuais, performances, vídeos dixitais ou creadora de textos que poden acompañar outros traballos ou non. Weems remove conciencias e realidades. Se puideses mudar a historia, que farías? Esa reflexión ten dirixido boa parte dos seus traballos: visitar o pasado, estudalo, e mirar de que non se volva repetir.
Nos anos 90 elaborou a serie From Here I Saw What Happened And I Cried, unha das súas creacións máis emblemáticas e das que máis sona lle deu no intre de aparecer. A longa serie está elaborada a partir de daguerrotipos (de poboación negra) de mediados século XIX, encargados por un científico da Universidade de Harvard para evidenciar que eran unha raza inferior. Teñen o valor de ser as imaxes reais máis antigas que se conservan de escravas e escravos negros. O científico (Louis Agassiz) usou eses retratos (moitos nus e outros con escasas roupas) para difundir as súas teorías euxenésicas, frenopáticas, que demostraban a inferioridade biolóxica inherente ás persoas de color negro e, en consecuencia, xustificar a súa explotación ,a súa submisión e, por descontado, a súa segregación.
A artista, recolleu eses retratos e, sen encomendarse nin a Oxún nin a Shangó, pintou de cor sangue as tales imaxes, engadíndolles mensaxes de carácter poético e reivindicativo, coa obvia intención de devolver a esas maltratadas persoas a súa dignidade. As mensaxes aínda hoxe feren a sensibilidade de quen observa: ante o perfil nu dunha muller, You become a Scientific profile, para o retrato dunha moza (neste caso vestida): Some said you were the spitting imaxe of devil, …
A serie é longa e descarnada.
Esa universidade de Harvard dixo que ía denunciar a Carrie M. Weems por utilizar imaxes dos seus arquivos se permiso. A fotógrafa afirmou que mellor, que se o facían aínda se coñecería mellor a historia de tan racista utilización de retratos de persoas concretas para tales fines. Ao final foron as familias das persoas retratadas as que actualmente están a denunciar á prestixiosa institución. E -contra todo prognóstico- esa universidade acabou por mercar esa serie de Weems, outra mostra da forza que esta artista imprime a todas as súas series e producións. Actualmente as obras de Carrie Mae Weems están nos mellores museos e entidades culturais de Europa e América (MOMA, National Gallery of Art (Washington), Metropolitan Museum, Tate Modern, etc.
A voltas con tales utilizacións espurias de imaxes, é moi posible que a Carrie Mae Weems, cando estivo aquí en Barcelona, ninguén lle comentase que na provincia de Girona estivo, perante practicamente todo o século XX, o corpo disecado e exhibido publicamente dun home bosquimán coñecido como El negre de Banyoles. En 2000 foi devolto a Botswana.
Cómpre deixar claro que Weems non se dedicou, nin dedica, a facer panfletos. Non. As súas obras arrincan das circunstancias vitais que lle tocan vivir, e concrétanse neses mesmos medios que a envolven, que a conforman como persoa. Pero esas realidades duras, discriminatorias, propias, son presentadas nas series que elabora de maneira que a estética teña un peso importante na concreción de imaxes, de performaces, de instalacións. A beleza. Saber atopar unha faciana con tintas estéticas en aqueles temas e situacións que -en principio- non tiveron (ou teñen) ningunha. Xa pode ser coloreando daguerrotipos antigos, xa presentando escenas domésticas, burlas, e outras situacións, os modos para saber xerar beleza no que se presenta como desolador.
A tal dobre fin (mostrar realidades discriminatorias e atopar beleza en intres violentos, agresivos) Carrie Mae Weems decide ser ela mesma, o seu corpo, a súa presenza, a protagonista dalgunhas desas series. A serie Kitchen Table redúcese a fotografías domésticas, que captan a mesa da cociña da artista, e onde sae ela soa, con fillos, amigas, parella. Nas series Roaming e Museums (imaxes de cidades ou edificios singulares) hai unha figura -en primeiro plano, vestida de negro e de costas- que se opón á imaxe de fondo; esa figura é a propia fotógrafa. Seguindo coas preocupacións de Weems de saber xuntar crítica e beleza, no ano 2010 crea a serie Not Manet’s Type, fotografías nas que a cámara diríxese a un espello redondo no que se reflicte un dormitorio. Arredor ou no leito dese cuarto está Carrie núa. A cada imaxe acompáñaa un pequeno texto. Tres desas fotos, consecutivas, levan por baixo o textos seguintes: It was clear, I was not manet’s type, Picasso -Who had a way with woman- only used me & Duchamp never even considered me. Na segunda: But I could have been worse, imagine my fate had Dekooning gotten hold of me. E na última das tres: I knew not from memory, but from hope that there were other models by which to live. Beleza, humor, crítica.
Esta serie Not Manet’s Type é evidentemente unha crítica á historia da arte, relato elaborado por homes e onde se promocionan valores patriarcais e violentos. Ese irónico comentario sobre a sorte que tivo a propia artista de non caer nas mans de De Koonig, demostra coñecemento e excelentes capacidades para tirar por terra o relato patriarcal. Nos anos 80, paralelamente aos comezos de Weems, tamén en EEUU xurde o movemento reivindicativo Guerrilla Girls, activistas feministas enfrontadas tamén a esa historia da arte tradicional, tal e como evidencian no seu primeiro cartel: Do women have to be naked to get into the Met. Museum? Daquela ás Guerrilla Girls faltoulles implementar as reivindicacións das mulleres negras.
Carrie Mae Weems. Un gran giro de lo posible. KBr Mapfre
Weems, como intelectual pública, produce un tipo de arte que é unha fonte epistémica, merecedor da consideración do que a socióloga Patricia Hill Collins denomina pensamento feminista negro.(Elvira Dyangani Ose, comisaria, no catálogo).
Para rematar o ano 2022, ano da volta a certa normalidade, a Fundación Mapfre, por medio do seu importante centro en Barcelona, KBr Barcelona Photo Center mostra ao público o resultado de esforzos de anos: Carrie Mae Weems. Un gran giro de lo posible, unha magna exposición sobre a case totalidade da obra fotográfica desta reputada artista norteamericana pois abrangue 20 series das elaboradas nos derradeiros 40 anos. O título, moi atinado, vén referendando a interrogante que hai décadas se fixo Weems: Se puideses mudar a historia, que farías? Na súa condición de muller afroamericana, Weems interroga ao pasado coa teima de revisalo e rexeita os estereotipos que a sociedade e o poder branco fomentan sobre as poboacións negras. No fondo as súas loitas estéticas e efectivas van encarreiradas a denunciar a violencia que se exerce deliberadamente contra as comunidades máis débiles das sociedades (as mulleres, determinadas minorías). Pódese dicir que a historia da humanidade é, en boa parte, a historia da violencia?
A exposición Carrie Mae Weems. Un gran giro de lo posible está organizada pola Fundación Mapfre a través dos seus departamentos de fotografía, basicamente levados por Carlos Gollonet, unha das persoas que máis sabe de fotografía. Está comisariada por Elvira Dyangani Ose, comisaria desta gran retrospectiva de Weems, e actual directora do MACBA. Elvira Dyangani xa foi tamén a comisaria que levou hai uns 20 anos a Weems ao CAAC de Sevilla. Unha artista afroamericana presentada por unha muller nada en Guinea Ecuatorial.
A proposta expositiva Carrie Mae Weems. Un gran giro de lo posible ten a sorprendente característica de que se trata dunha colaboración, ao menos no feito de mostrar obras. Proposta pola Fundación Mapfre diversas entidades de Barcelona, agora mesmo, e ata comezos do 2023, as series de Weems están espalladas pola urbe. Como é esperable no KBr Barcelona Photo Center é onde se concentra a meirande parte das 20 series postas a disposición do público. Á marxe dalgunhas xa citadas como a impactante e longa From Here I Saw What Happened And I Cried, nas amplas salas de KBr están as Africa Series. Unha destas é The Slave Coast Series (1993) onde Weems recolle lugares do que foi o terror escravista: edificios onde amoreaban seres humanos á espera de que no horizonte (os horizontes sempre son esperanzadores?) aparecesen as velas dun barco negreiro para cargalos e obrigalos a facer unha infernal travesía cara o continente americano. Son ben coñecidas as ilustracións de como se habían situar os corpos neses navíos negreiros para que entrasen máis en cada viaxe. Nesa serie están (como non!) imaxes dos edificios da illa de Gorée (Senegal) desde a que saíron rumbo ao descoñecido -aterrorizadas, desesperanzadas- tantos centos de miles de persoas.
No ano 1987, Carrie Weems confecciona unha das súas series máis incipientes: Ain’t Jokin’. É unha serie moi seria, crítica, dura, que -pola contra- a artista presenta como se se tratase dunha broma inocente: empregar tópicos e chistes sobre as persoas afroamericanas para xirar as súas mensaxes e presentar unha relectura incómoda, axudada por textos que van por baixo de cada imaxe. Unhas das fotografías de Ain’t Jokin’ representa a un neno que mira directamente á cámara, e por baixo, Weems escribiu: WHEN ASKED WHAT HE WANTS TO BE WHEN HE GROWS UP, THE BLACK BOY SAYS,”I WANT TO BE A WHITE MAN CAUSE MY MAMA SAY, ‘A NIGGER AIN’T SHIT.'” Que futuro pode ter ese rapaz de cinco ou seis anos? Noutra unha moza aparece sentada a unha mesa, e cun zanco de polo na man dereita; por baixo: BLACK WOMAN WITH CHICKEN. Referencias ao hábito de comer polo fritido por parte das persoas afroamericanas xurde en varios filmes. Por exemplo, en Green Book (no que tamén se evidencian a discriminación e a segregación racial) o protagonista (músico negro) non quere comer ese tipo de polo fritido; e o chofer branco que o leva dille que está moi bo, e que é unha das cousas que máis agradan aos negros. Noutra magnífica cinta, The Help (aquí Criadas y señoras !!) as criadas -negras- preparan magnificamente ese manxar, e mesmo recomendan facelo cunha graxa especial, que optimiza o prato.
Por se non fose suficiente coas series que en KBr se poden disfrutar (mais a instalación dun despacho de avogados loitadores polos dereitos civís, con elementos da artista e outros que fan referencia ás loitas dos anos 60 e seguintes), tiveron a xenial idea de forrar as paredes de todas as salas da mostra cun papel pintado creado pola propia Weems. É un papel que reitera ata o infinito un tema -en branco e negro- tamén sinxelo e frugal: un espazo natural, tropical, onde unha muller negra ergue os brazos, por entre os que baixan polas inzadas de froitos abondosos. A muller negra como símbolo de fertilidade? Seguramente. De certo a artista remite a xeografías africanas e ao feito de que as mulleres -antes e agora- son a base de moitas das comunidades e mais das súas economías.
Carrie Mae Weems. Foto Colectania, MACBA
A Fundación Mapfre permitiu a Foto Colectania que exhibise dúas series moi coñecidas e moi importantes nos traballos de Weems. Unha delas é The Kikchen Table Series (1990). As imaxes de Carrie Mae Weems sempre teñen a tendencia a ser austeras, diríase que monacalmente frugais, parcas de elementos; os precisos para facer o relato que a artista quere, pero sen que a atención do observador se disperse ou entreteña en aspectos anecdóticos. O interior da cociña da propia artista, onde só se verán unhas cadeiras e a mesa que dá nome á serie; enriba unha lámpada sinxela. As paredes nuas, a cámara fixa sempre no mesmo sitio e idéntica colocación. E diante da máquina de retratar vai aparecendo a artista rodeada de persoas e quefaceres domésticos e cotiás: coa súa parella, con membros da familia, soa, peiteándose, facendo os deberes coa súa filla, comendo, lendo. E esta imaxes combinadas cun relato escrito co que a fotógrafa vai elaborando reflexións sobre a vida, sobre as situacións que se explicitan nas imaxes. Algúns destes textos son mostrados nestas liñas da reseña.
Pola súa banda, na capela dels Àngels do MACBA ofrécese Lincoln, Lonnie y yo, unha videoinstalación, fantasmal, hipnótica, que se presenta como unha ilusión óptica. As imaxes animadas van aparecendo sobre un escenario envolto de cortinaxes vermellos, e vanse mostrando como se se tratase dos espíritos de persoas que xa desapareceron: manifestantes na loita polos dereitos civís, boxeadores ou a propia Weems con sombreiro de copa. A instalación fai referencia a loitas pretéritas e actuais: o presidente Lincoln que declarou ilegal a escravitude, Lonnie, un loitador e amigo da artista, e a propia Weems, como seguidora desas loitas tan necesarias nun país onde (por exemplo) a policía segue matando persoas afroamericanas nunha ringleira que non ten fin. As loitas de décadas -que nesta vídeoinstalación se explicitan- vense na actualidade reforzadas por movementos como o Black Lives Matter.
O día que se fixo a presentación de Carrie Mae Weems. Un gran giro de lo posible, díxoselle a Weems que naquel mesmo espazo (a capela) e no ano 2017, o artista Miralda efectuara unha fantástica instalación, Holy Food, nada menos que a instalación de capelas con todos os atributos (comidas, símbolos, iconas, imaxes, etc. dos orixas que viaxaran de África a América coas persoas escravizadas. Para a reseña sobre tan interesante exposición, Javier Laviña, profesor do Departament d’Antropologia i Historia d’América da UB, escribiu, entre outras cousas: Los Orishas que viajaron engarzados en los cascos de los buques negreros desembarcaron en el Caribe, donde los esclavizados consiguieron mantenerlos en la oscuridad de los barracones. Cada divinidad tenía su color, sus alimentos y sus toques de tambor.
Carrie Mae Weems. Un gran giro de lo posible é unha proposta moi atractiva. Atractiva pola calidade e cantidade de obras presentadas, encantadora por conformar unha viaxe por toda a cidade de Barcelona: as imaxes de Weems reestruturando a propia urbe. E atractiva polo que ten de colaboración entre tres entidades tan diferentes, tan dispares. Este acordo marca un vieiro que oxalá sexa continuado por outras entidades e noutras áreas da cultura. A excepcionalidade destas colaboracións non pasou desapercibida á artista, Weems, que na presentación da antolóxica mostra definiuna como Milagre colectivo.
❧
EXPOSICIÓN: Carrie Mae Weems. Un gran giro de lo posible. KBr Barcelona Photo Center, ata o 15 de xaneiro de 2023
You might also like
More from Artes
13ª Raias Poéticas ~ Afluentes Ibero-Afro-Americanos de Arte e Pensamento
13ª Raias Poéticas ~ Afluentes Ibero-Afro-Americanos de Arte e Pensamento
Ana Tomé: Intemporalidade | Inma Doval
Ana Tomé: Intemporalidade. Exposición de fotografía no espazo cultural da libraría Biblos de Betanzos (mes de marzo de 2024) | …