Repasar, e repensar, a historia da arte é tarefa fundamental. Mais de tanto en tanto os estudos van máis aló. Picasso-Picabia. La pintura en cuestión, na Fundación Mapfre Barcelona, é unha atrevida e exitosa formulación para visitar con outros ollos as vidas e as creacións destes dous xigantes do mundo artístico do século XX. Visita moi recomendable.
Barcelona. Españolas. Revista 391
Les cubistes veulent couvrir Dada de niege; ça vous étonne mais c’est ainsi, ils veulent vider la niege de leur pipe pour recoubrir Dada.
Tu en es sûr?
Parfaitement, les faits son rélévés par des bouches grotesques.
Ils pensent que Dada peut les empêcher de practiquer ce commerce odieux: Vendre de l’art très cher.
( F. Picabia na revista 391, 1917).
A Fundación MAPFRE na súa traxectoria de ofrecer interesantes exposicións temporais, trae a Barcelona Picasso—Picabia. La pintura en cuestión, unha aposta arriscada (por iso atractiva) na que se investigan as traxectorias de ambos artistas, xa nos intres que biografías e teimas estéticas os aproximan, xa naqueles outros que forzas centrífugas os afastan. Un dos intres que os disímiles artistas coinciden é na súa estancia en Barcelona no ano 1917. A Gran Guerra obriga a moitas persoas –entre elas artistas– a refuxiarse en países neutrais. España era neutral, e Barcelona unha cidade próxima á fronteira con Francia. Sobre as implicacións da vila de Barcelona coa arte durante a Gran Guerra cómpre lembrar que o 23 de abril de 1917 inaugurábase no Palau de Belles Arts (hoxe derruído) a Exposicion d’Art Français. A mostra viña organizada pola Société des Artistes Français, pola Société Natioanale de Beuaux Arts e mais polo Salon d’Automne. Tratábase, en realidade, de levar a Barcelona a exposición anual do Salon d’Automne que, pola guerra, non se podía facer en París. Expuxéronse máis de 1400 obras entre pintura, escultura, artes decorativas e arquitectura, con pezas de artistas como Degas, Cézanne, Courbet, Gauguin, Renoir, etc. A proposta inicial de facer a magna exposición en Barcelona arrincou de artistas cataláns (como Ramon Casas e Santiago Rusiñol) relacionados coa cidade de París, que con este xesto expresaban o seu agradecemento á Cidade das Luces. En 2014 a Fundació Miró programou a mostra Barcelona Zona Neutral 1914-1918 na que se puideron volver ver algunhas das pezas que estiveran na exposición de 1917. Unha das actividades paralelas a esta exposición que se realizaron nesta vila foi o famoso combate de boxeo entre Jack Johnson, boxeador profesional, e mais o poeta Arthur Cravan. Adiviñen o resultado.
No medio de tanta personalidade que acudía a Barcelona por mor da guerra, aparece por aquí Francis Picabia, fuxindo dela pois xa a coñecía por ter estado mobilizado como francés (outro que tamén estivo na guerra foi o poeta Paul Éluard). Por aqueles meses tamén aparece por Barcelona Pablo Picasso. Picasso vén seguindo a xira que a compañía dos Ballets Rusos estaba a facer por Europa; na compañía traballaba Olga Koklova, futura esposa do pintor, e razón pola que Picasso chega a esta cidade. En Barcelona os Ballets Rusos representarán o ballet Parade, do músico francés Satie, con escenario de Jean Cocteau e vestiario de Picasso. Os dous artistas (Picasso e mais Picabia) deberon coincidir máis dunha vez, aínda que pouco se saiba das súas vidas na vila, agás que en outubro estiveron xuntos nunha corrida de touros, tal e como Picasso especifica nunha postal ao seu amigo Apollinaire (postal que é doado ver en Picasso—Picabia. La pintura en cuestión).
Que fan os dous artistas en Barcelona? De certo participaron da vida artística de Barcelona, visitarían a Exposicion d’Art Français e outros eventos. Artisticamente tanto un como o outro deixáronse ganar durante aqueles anos por un tema que xa viña estando de moda desde comezos do século XX: a hispanidade e os seus derivados. Na Exposition Universelle et Internationale de París, inaugurada o 14 de abril de 1900, o espectáculo que máis público logrou xuntar ao longo dos meses de exhibición foi L’Andalusie au temps des Maures, unha demostración da permanencia da visión romántica que aínda se tiña da España de comezos do século XX. Agora nas salas que a Fundación Mapfre ten na Casa Garriga Nogués de Barcelona están colgadas varias pezas onde o motivo das mesmas é a pintura de bustos de mulleres identificadas como españolas, e ataviadas coas mantillas, as peinetas e o mantón de Manila. Os tópicos traballados de xeito realista, como se lle di ás pezas de Picasso destes anos –intres nos que abandona o cubismo– de estilo ingresco. Hai unha pintura ben interesante de Picabia, executada anos máis tarde (1927-28), pero que alude á súa estada nesta vila; titúlase Barcelone, e nela o artista utiliza a súa coñecida técnica das transparencias: superpoñer varias imaxes no mesmo lugar, unha forma inventada por Picabia de traballar collages con pintura; xeitos de brincar aos surrealismos. Neste caso o retrato dunha muller (española), o perfil doutra persoa, e de fondo unha reprodución caricaturesca do Cristo en Maxestade de san Climent de Taüll. Falando de transparencias e mais do medievo, Picabia pinta en 1938 unha cabeza feminina con cores un tanto estrañas: Había II. En realidade o artista xoga co visible e mais co oculto; o cabelo da muller e boa parte dos elementos da cara están recortados e delimitados por unha liña negra, como se facía na pintura mural románica, e como se facía nas vidreiras góticas. Para máis brinquedo, superposta á face feminina vai unha pomba, referencias ao embarazo de María en Nazaret?
En Barcelona, a pesar de que en 1922 realiza unha exposición individual nas galerías Dalmau, nunca se valorou o traballo de Picabia. Pasou desapercibido cando estivo na vila durante a Gran Guerra, e tampouco despois houbo opinións nin valoracións sobre os seus traballos, nin para ben nin para mal. Por contra Picabia traballou arreo nesta cidade. Aquí funda a Revista 391. O nome da revista ten a súa historia. No ano 1913 Picabia estaba en New York, pois formaba parte da pléiade de artistas que presentaban obra na Armory Show (en realidade, International Exhibition of Modern Art), considerada a primeira feira de arte contemporánea dos Estados Unidos; máis de 1200 pezas de artistas de ambas beiras do Atlántico, con representacións de todas as vangardas. Un dos promotores da Armory Show foi Alfred Stieglitz, propietario da galería de arte 291, que se atopaba no número 291 da V Avenue de New York. Stieglitz, fotógrafo e compañeiro da pintora Georgia O’Keeffe, tamén editou unha revista de arte coa homónima cabeceira de 291. Francis Picabia escribirá e publicará deseños nesa revista. Cando anos despois (1917) Picabia se atopa en Barcelona propón a Dalmau publicar unha revista de arte, a Revista 391, como choscadela evidente á revista de Stieglitz. Picabia foi o seu director e o contido da mesma foi basicamente dadaísta (como evidencia o texto que se copia no comezo deste apartado) . A máis dos textos de Picabia, na revista apareceron escritos de Apollinaire, Marie Laurencin, Max Jacob, Duchamp, entre outras e outros. Os primeiros números publicáronse en Barcelona, e posteriormente (ata 1924) seguiron editándose en New York, Zurich e París. Na mostra Picasso—Picabia. La pintura en cuestión tamén se poden ver varios exemplares da Revista 391.
Os dous Pica. Picasso-Meditarranée
Picabia e Picasso son máis ou menos da mesma estatura, que é bastante baixa, e pesan máis ou menos o mesmo, que é un peso bastante honroso. E non serían quen son se un fose o outro (…) Póñense, sen sabelo, a mesma gravata e esta vez levaban exactamente o mesmo par de zapatos e todos nos decatamos e cada un sinaloullo ao outro e eu díxenlles que se erguesen e se quedasen de pé, un a carón do outro: tiñan a mesma estatura, tiñan os mesmos zapatos, pero non se parecían en nada, nada en absoluto (Gertrude Stein, Autobiographie du tout le monde, 1978).
A Fundación Mapfre volve sorprender coa proposta expositiva Picasso—Picabia. La pintura en cuestión, un arriscado exercicio de xogos comparativos, de paralelismos e de diverxencias nas vidas e nas obras de dous grandes artistas do século XX. A exposición está comisariada por Aurélie Verdier, conservadora do Musée National d’Art Modern. Centre Pompidou, e organizada pola Fundación Mapfre e mais polo Musée Granet, de Aix-en -Provence, onde xa estivo presente esta mostra. En total, na casa Garriga Nogués hai 150 pezas, entre pinturas, esculturas, debuxos, gravados e documentos ben diversos (revistas, postais, cartas, fotografías) para mirar de ofrecer os vieiros, paralelos ás veces, dispares, outras, que estes dous personaxes riscaron.
Cando aínda non eran moi coñecidos, en París chamábanlles Os dous Pica, expresión que fai pensar que algunha cousa tiñan para que a xente os relacionase. Picasso era malagueño, e Picabia tiña ascendencia hispanocubana; o primeiro nacera no seo dunha familia con poucos recursos, e Picabia criouse dentro dunha familia acomodada, o que lle permitiu vivir comodamente (é ben coñecida a afección deste artista polos automóbiles; ao longo da vida tivo centos). Picabia será un dos puntais do dadaísmo parisino; Picasso o inventor do cubismo. O xogo con que se expresa Gertrude Stein sobre os seus dous amigos é esclarecedor desas proximidades e das mesmas distancias que os mantiñan en órbitas distintas, pero interconectadas, con forzas centrípetas e centrífugas potentes. Contan amizades dos artistas que, cando Picasso se quería autocriticar dicía: estou facendo o Picabia. No ano 1920 o outro pica publica na revista La Pomme de Pins un deseño-escrito que dicía: Picasso est le seul peintre que j’aime, mentres que noutros momentos non para de criticar ao exitoso pintor.
Programar, por tanto, unha mostra na que se quere presentar ao público a relación tan diversa destes dous artistas, destas dúas grandes personalidades, é un reto importante. A comisaria, Aurélie Verdier, ten moito mérito ao meterse nos dous mundos e mirar de buscar luces que permitan aclarar que cousas os unían, que os facía criticarse. Poida que Stein tivese razón: eran iguais, pero non se parecían en nada. Pero Verdier soubo rastrear museos e bibliotecas onde puidese haber testemuñas das biografías, das traxectorias artísticas. Así Aurélie Verdier sabe que na novela Aurélien, de Louis Aragon, publicada no ano 1944, descríbese moi ben o mundo das vangardas no París de entreguerras. E no medio de toda a historia principal do romance aparece un personaxe, Zamora, pintor español, medio lunático, medio clarividente e envexoso. A carón xurde Picasso (co seu propio nome) como un home miúdo pero iluminado polo xenio que o desborda. O autor (Aragon) di de Zamora que envexaba a Picasso pola súa fama e gloria, e que para contrarrestalas faise dadaísta. Evidentemente Zamora é Picabia. Polo que se ve, tamén na literatura se manifestan os antagonismos dos persoeiros da arte. Así mesmo soubo atopar a canción Ils n’ont pas ça que fala dos dous artistas, e da que se dá conta máis adiante.
A mostra Picasso—Picabia. La pintura en cuestión inscríbese dentro dun ambicioso programa de actividades organizadas polo Musée National Picasso-París baixo o título xenérico de Picasso-Mediterranée, e que se executan entre os anos 2017 e 2019. trátase dun ciclo cultural multiforme, que se extende por nove países mediterráneos e no que xa están comprometidas setenta institucións. Polo de agora van programadas máis de 70 exposicións.
Monstros. Costa Azul. Esencia de verbena
Ils n’ont pas ça, ils n’ont pas ça / Ils n’ont pas, il faut l’ déclarer / M’sieur Poincarré / Madame Carré / Monsieur Poiret / Madame Cora / Monsieur Doumergue / Monsieur Domergue / Ni tous les bals de l’Opéra / Ni Otéro, Olida, Picasso et Picabia / Chez eux, ils n’ont pas ça / Ils n’ont pas ça (Estrofa da canción Ils n’ont pas ça –1924-, da cantante Mistinguett).
No ano 1924, pouco despois de rematar a Gran Guerra, certa prensa xenófoba acusaba a presenza de moitas persoas–artistas e non– estranxeiras en Francia. Para contrarrestar tales propagandas a cantante popular Mistinguett fixo popular a peza Ils n’ont pas ça. A mensaxe da mesma é que noutros países teñen moitas cousas, pero en Francia teñen moitas outras; e no retrouso menciona concretamente que fóra non teñen Ni Otéro, Olida, Picasso et Picabia, dando por feito que estes artistas –igual ca Bella Otero– eran franceses (aquí a letra completa). Afírmase no romance que L’Espagne possède / Grenade et Tolède / Les jardins de l’Alhambra, e continúase por Italia, América, a India, o Xapón, etc. ¿Por que se cita en 1924 a Picabia e mais a Picasso como os dous artistas –que tiñan consideración de estranxeiros (falábase moito da españolidade dos dous)– con clara identidade francesa? Non se cita a ningún outro artista ao longo de toda a peza. Curioso. E máis nese ano, 1924, que é un dos intres en que Picasso e Picabia comezan tempos de proximidade física, familiar e artística.
A partires do ano 1924 Picabia e mais Picasso terán uns tres anos de próxima e habitual relación. Por unhas e outras razóns os dous artistas deciden ir veranear á Costa Azul. Picabia coa súa compañeira, Germaine Everling, instálase en Mougins, unha pequena vila a carón de Cannes, no interior; mentres que Picasso coa súa familia, tamén, veranea a escasa distancia: en Juan-les-Pins. Pero non rematan aí as coincidencias. No ano 1924 Franis Picabia pinta Veglione, unha peza non moi grande que representa na súa traxectoria artística un xiro radical. Picabia abandona o dadaísmo ao que estivera tan unido, e ao tempo –con esta peza e seguintes– proclama claramente o seu afastamento do surrealismo, por moito que o pope André Breton llo pedise insistentemente (tamén llo pedía (e desexaba o seu ingreso, a Picasso). Veglione era o nome que na Costa Azul se lle daba, daquela, ás festas de disfraces e entroidos. Para máis provocación, Picabia pinta o fondo da pintura de cor rosa, con Ripolin, que era unha laca industrial que había pouco que se inventara, e que chegaron a usar moitos pintores (entre eles Picasso). Sobre ese fondo rosa o artista con devanceiros hispano-cubanos, pinta unha parella con trazos monstruosos, deformes. A muller que aparece á esquerda da pintura ten ollos desorbitados, mans expresionistas. O home semella unha máscara. E o conxunto inscrito nunha sucesión de trazos de pintura negra, branca, vermella, serpeantes por toda a tela (quizais serpentinas da festa?). O conxunto é desacougante, raiano nos gustos dos expresionistas alemáns. A esta peza seguen outras na mesma liña. Esta etapa de Picabia coñécese co nome xenérico de Monstros. Con similares feituras, Picabia creará, neses mesmos tempos varias telas pertencentes a ese período monstruoso. Por exemplo Le Baiser (1923-26) ou Les Amoureaux (après la pluie), 1924-25, ambas pezas agora na interesante exposición (Picasso-Picabia. La pintura en cuestión) que a Fundación Mapfre presenta en Barcelona. Diríase que Picabia aposta polas liñas simplificadas, próximas á caricatura grotesca. O primeiro semella unha parodia das parellas que se dan bicos nos filmes máis comerciais, con xeitos na presentación da parella que escora polas beiras de Chagall. Les Amoureaux, peza pintada tamén con Ripolin, co seu fondo totalmente negro, acude á caracterización (a cabeza da muller fai lembrar as caricaturas de Mingote na revista satírica La Codorniz). Un caso máis desa etapa monstruosa e deformante: Les Trois Grâces (1924-27), pintura na que parodia sen contemplacións a obra de Rubens.
Durante eses anos (1924-1927) os dous artistas atopáronse con frecuencia nos seus lugares de veraneo; unha familia ía á casa da outra, e viceversa. E os parecidos entre ambos creadores saltaba á vista de moitas persoas que os arrodeaban. Germaine Esterling, a compañeira de Picabia, escribiu sobre estes anos: Os Picasso pasaron varios veráns en Cannes. O seu fillo era da idade de Lorenzo; os nenos xogaban na praia … A min facíanme gracias as similitudes que vía entre Picasso e Picabia… Tiñan os mesmos puntos de vista. Un detalle divertiudo: sen consultarse entre si, vestían igual en certas ocasións! Non rematan aquí as semellanzas. No verán de 1925 –veranenado en Juan-les-Pins, Picasso pinta Le Baiser, unha peza grande. Segundo moitas estudosas e estudosos é unha imitación do que xa fixera Picabia. A parella que se bica presenta as faces igualmente deformadas e monstruosas, aínda que o conxunto ofrece máis colorido do que Picabia incluía nas súas obras. Pouco queda nestas pezas de Picasso do cubismo militante que mantivera ata había pouco. Está o malagueño dando outra ceavoga ás súas realizacións pictóricas? Non é o único caso. No mesmo ano Picasso pinta unha peza de máis de 2 metros de alta titulada La Danse. As figuras que bailan volven ser presentadas con xeitos similares. Tan forte foi a influencia de Picabia no pintor de El Guernica como para que seguise os seus pasos estéticos?
A personalidade e creacións de Francis Picabia non pasan desapercibidas. Eran ben evidentes para a cantante Mistinguett que loa persoeiros “franceses” (que o equipara con Monsieur Picasso), e tamén o serán para intelectuais e creadores noutrras técnicas. En 1930, Ernesto Giménez Caballero, persoa controvertida por ter apostado polas vangardas, por ser membro da xeración do 27 e mais por ser un dos introdutores en España do fascismo, presenta o filme Esencia de verbena, unha produción de 11 minutos de duración na que se percorre en 12 referencias a loa do espírito da festa popular en Madrid. Leva por subtítulo: Poema documental de Madrid en 12 imágenes. Aparecen no filme Gómez de la Serna e outros personaxes coñecidos; e intercálanse obras de catro artistas (españois?): Goya, Picasso, Maruxa Mallo e Picabia. Curioso que algúns pasen en poucos anos (e dunha cantiga a unha película) de ser esencias francesas a converterse en prototipos castizos. Evidentemente está presente Maruxa Mallo, a pintora galega, que por aqueles anos percorría os arredores da capital á procura de esqueletos, caveiras, cardos e outros motivos naturais que incluír nas súas pinturas, así como a súa querencia polas festas populares. Unha peza cubista de Picasso abre a filmación, e na 11 imaxe aparece unha pintura de Picabia –en branco e negro, pero perfectamente identificable–. Que peza escolle Giménez Caballero? Nada menos que Les Amoureaux (après la pluie), unha das máis representativas desa etapa creativa que os estudosos chaman Monstros.
Cubismos, dadaísmos e outras áreas de cofrontación e achegamento
Le matelas est probablement une langue / plus incrédule peut-être / le décès la glu visiteurs / Captifs dans l’antichambre / des magazines sur le sommeil / de mise en scène — / Le point sensible dévore / sans espoir (Picabia, poema Cri, no libro La fille née sans Mère, 1918).
A mostra Picasso—Picabia. La pintura en cuestión ten longo percorrido, variados apartados onde se vai reseguindo o quefacer dos dous artistas. Ben é certo que Picasso nunca se xuntou cos dadaístas, aínda que fose ás exposicións que os cultivadores das ofertas rachadoras que saíran en 1916 do Cabaret Voltaire (Zurich), organizaban en París; e é ben coñecido que Picabia participou dalgún xeito do cubismo ao practicar o que se deu en chamar orfismo, modalidade creada por Delaunay a base de círculos e cores ben característicos da súa obra e mais da súa compañeira, Sonia Delaunay. Posteriormente Picabia, a quen moitos analistas consideran o anti-artista por antonomasia, a persoa que levou a escrita automática a niveis non practicados antes, engaiolouse coas máquinas, e boa parte da súa máis característica creación sexan pinturas, e mormente, deseños de enxeños que lle permiten da renda solta á súa imaxinación e á súa dura ironía aplicada a persoas das súas contornas; pinturas e deseños xa en solitario, xa incluídos nos moitos libros de poemas dadaístas que publicou ao longo da vida.
Por contra Picasso deu voltas ao clasicismo, chegando a ser acusado polos seus seguidores de traidor, cando en 1915 debuxa o retrato do seu amigo Max Jacob cuns trazos totalmente convencionais (feito que aproveitará Picabia para burlarse del nas páxinas da revista 391). Outras similitudes e desencontros xa se teñen comentado. Andando os anos Picabia centrarase nas súas coñecidas transparencias, para rematar nos anos 50 coas pinturas monocromas marcadas con varios puntos (Points) doutras cores. Picasso, pola súa parte, seguirá unha carreira fulgurante, na que a figura humana será en todo momento o eixo das súas creacións. A potencia creativa destas dúas persoas non remata na pintura, nin nos debuxos ou esculturas. Francis Picabia e mais Pablo Picasso foron escritores e publicaron, amén de amplos epistolarios, libros de sobranceira calidade literaria.
EXPOSICIÓN: Picasso-Picabia. La pintura en cuestión
Fundación Mapfre, Barcelona
ata o 13 de xaneiro de 2019
You might also like
More from Lito Caramés
Dominica Sánchez no Principal de Còrsega | Lito Caramés
Unha artista especial, de longo percorrido, como é Dominica Sánchez presenta agora as súas creacións nun espazo singular, o piso-galería …
Manuel Outumuro: Lembranzas de infancia e profesionalidade | Lito Caramés
Outumuro, O Retrato da Ausencia As imaxes que na infancia se gravan nos miolos sobreviven lúcidas perante décadas. Nas salas da …