Os primeiros días de agosto as temperaturas acadaron os trinta graos á sombra, algo insólito, se temos en conta o clima do país. A calor pegañenta non me deixaba acougar. Nen sequera polas noites enfiarme o sono. Aquelas noites tórridas durmía coas fiestras abertas de par, substituíndo os cristais das ventás por un mosaico azul, salferido de estrelas. Gustábame contemplar o ceo, tapiz ateigado de bodoques de luz. Era como soñar esperta. Unha madrugada, no tapiz celeste apareceu a lúa, pálida e solitaria ánima. Con pasos lenes, esvaraba entre as sombras da noite e as primeiras claridades dun novo día. O sol vermello, que asomaba a fronte aló, nos límites do mar, acendía a mañá. Pola fiestra coáronse os berros alporizados dunha gaivota que aniñaba no tellado da casa veciña. Un home vestido de escuro, gabeaba sixiloso polas tellas. As luces do amencer reveláronme as súas intencións… Caeu sobre o niño, e impávido, matou ás crias. Nai gaivota, que viña de procurar alimento no, deixou caer do bico un peixe aínda vivo, e alonxou a sinistra figura con berros entolecidos. A dor materna ante a perda dos fillos, ten a mesma dramática intensidade en todas as especies. O niño baleiro, arranxado na primavera, lique a lique, folla a folla, con paciencia e amor, a carón da cheminea, xa non tiña sentido. Era coma un pequeno cadaleito. A lúa, pálida e solitaria ánima, que con pasos lenes viñera esluírse entre as sombras da noite e do día, caeu, ave fría, no oco baleiro do niño… Nai gaivota ollouna sorprendida e, esquecendo a dor, tendeu as ás sobre o niño. Namorada da inxel brancura da raíña da noite, agarimou e emprestoulle toda a súa calor á sombra de nácara, que repousaba entre a penuxe suave que quedara no berce dos poliños mortos.
-“Con que hei criar o que saia deste estraño ovo?”. -Pensou- E púxose a imaxinar que moería estrelas, para alimentar con po de luz o froito de tan fermosa pérola; soñando xa o día en que lle aprendería a voar.
You might also like
More from Chelo Suárez
O gato de Hilario
Hilario volveu de América máis pobre que marchara. Para disimular a súa frustración, presumía diante dos colegas de ter vivido …
Emulando a Juan Eduardo Cirlot
Recreando ao meu admirado poeta Juan Eduardo Cirlot. Meu pranto Meu pranto é a cruz que me condena, meu pranto vai pola xustiza …