Surrealismo. Manuel Colmeiro, 1936
Desde o xoves 22 de xuño, a Fundación Eugenio Granell alberga a exposición Conexións surrealistas. Colmeiro, Granell e o surrealismo no exilio, un proxecto comisariado por Carlos Bernárdez que poderá visitarse ata o 10 de setembro
O proxecto «Conexións surrealistas. Colmeiro, Granell e o Surrealismo no exilio» pretende unha lectura do impacto do movemento surrealista na obra do pintor Manuel Colmeiro na décadas dos trinta e corenta e mostrar os puntos de conexión coa obra de Eugenio Granell, pintor da mesma xeración e figura de referencia do surrealismo desde os anos corenta, ambos con traxectorias vitais marcadas polo exilio e pola súa presenza en América Latina.
Como pano de fondo destas afinidades estéticas está o contexto do exilio republicano en América, que une ambos os pintores, e a relación coa diáspora que provoca en figuras centrais do surrealismo a caída de Francia en 1940 en mans dos nazis, un éxodo de artistas e intelectuais que, como é coñecido, tivo un singular impacto nos Estados Unidos e en México. A presenza na mostra de obras e documentos de André Breton, André Masson, Wifredo Lam, Wolfgang Paalen, Esteban Francés, Óscar Domínguez, César Moro ou Roberto Matta, todas da Colección Granell, evidencia esta enleada e fructífera rede de ligazóns que tivo unha importancia fundamental na evolución da arte, sobre todo nos anos da Segunda Guerra Mundial.
Na diáspora americana, e neste contexto xenérico, Colmeiro e Granell partillan preocupacións sociais e certos puntos e procesos de evolución comúns, dentro dunhas linguaxes e propostas fortemente persoais. Viven o exilio en xeral como unha realidade conflitiva, tentando tamén a integración nunha realidade nova na cal irremediabelmente teñen que realizar o seu labor. Esta integración vai acompañada dun esforzo actualizador das súas linguaxes, ligado ao contexto internacional e ao americano en particular.
Entre as obras de Colmeiro destaca a serie de cabezas de afogados que foron elaboradas nunha linguaxe cos ecos surreais, que o artista xa ensaiara en obras de comezos da década dos trinta, e que será ben común na arte de guerra no bando republicano, nestas obras renova, adaptadas á nova situación, a ligazón entre o mundo intelectual republicano e galeguista e o mundo popular, representado agora nas figuras das vítimas da guerra.
En Granell, como en Colmeiro, tamén aparecen nos anos corenta cabezas exentas, velaí o seu Autorretrato (1944), dun estilo figurativo que salienta a cabeza en primeiro plano e un fondo con decoración amébica que se combina co onírismo da figura. Nesta liña do retrato surrealista, entendido como proxección dos desexos e ao tempo como reflexo/desdobramento do eu, Granell realiza obras como Autorretrato de indio (1945) en que as referencias formais a Picasso son evidentes mais interpretadas cunha sólida ligazón ao mundo indíxena, que se manifesta nos trazos físicos e nos pormenores étnicos.
Para máis Información sobre a Inauguración da exposición: CONEXIÓNS SURREALISTAS. COLMEIRO, GRANELL E O SURREALISMO NO EXILIO: EDUARDO LÓPEZ VALIÑA. Conservador xefe FUNDACIÓN EUGENIO GRANELL. Pazo de Bendaña Praza do Toural s/n. 15705. Santiago de Compostela tel. (+34) 981 57 21 24 tel. (+34) 981 57 63 94 fax. (+34) 981 56 40 69 e-mail: conservadorjefe@fundacion-granell.org; web: www.fundacion-granell.org.
You might also like
More from Artes
entre espelhos falsos magritteanos e peugadas in-corpóreas de Bete Gouveia | Luís Serguilha
«entre espelhos falsos magritteanos e peugadas in-corpóreas de Bete Gouveia», por Luís Serguilha