Parece difícil de crer (os meus médicos darían fe diso), pero hoxe os meus ósos, concretamente dúas partes dun deles, apófise coracoide e o glenoide, fixeron que fose parar a Compostela. E estando alí dispuxen gastar o tempo, primeiro no Museo do Pobo Galego (coa súa fermosísima escada) e despois, no que ten ao seu carón descascándose, aínda que é máis novo, o Centro Galego de Arte Contemporánea.
Visitada xa a expo que clausuraban hoxe “agrupardesagrupa, rupturas da representación“* tiven dúas sorpresas:
A presentación do seu catálogo, onde gostei especialmente da intervención de Chus Martínez Domínguez, que falou da parte invisible da xa de por si invisible “xeración sen xeración” de artistas de Galicia, que situaron despois do Grupo Atlántica -unha certa xeración tapón, que diría Alejandro Castellote, el falando de fotógrafxs da mesma época, situados dende os primeiros momentos da Transición- e antes da primeira xeración saída da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Falou das mulleres artistas desa época, lamentando a falla do seguimento que debería terse feito dende o mundo da crítica e do comisariado -por certo, eran dous homes os que comisariaban esta exposición, Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre-. Preguntábase -retoricamente, supoño, e con certa ironía- “por que terían deixado de crear, desaparecendo do mundo artístico?”, como se iso non fose xa “tendencia”, e non só de xénero.
Leveime de agasallo un fermoso libro catálogo con dous lobos* e ningún bobo* -denominación sempre ben acaída e pillada de Paco Salinas, da editorial Mestizo- o logo da Xunta e o do CGAC (bótanse en falla patrocinios, e iso que deberíamos contar cun inxente tecido empresarial propiciado polos nosos xestores dende a entrada na CEE, perdón, UE, no ano 1986, grazas ás axudas concedidas, investimentos…) e os textos son técnicos, dos curadores, a mencionada Chus Martínez e Xosé Manuel Lens. Hai tamén un extenso equipo profesional de montaxe da exposición e de elaboración do catálogo, maquetadores, fotógrafos, tradutores…
Sorprendeume que o actual director, Santiago Olmo, se levantase para agradecer, en perfecto castelán, a doazón dunha obra por parte dun dos artistas participantes -Jorge Barbi- defendendo o museo e a súa colección como un rexistro do paso dos artistas polo mesmo. Faltaría máis, a cantos mantén o artista!, espero que polo menos cobrasen por expoñer as obras e ceder as imaxes para o catálogo, esa sería a praxe correcta nunha entidade das características do CGAC, que tamén debería mercar obra para os fondos, claro.
Pero o CGAC xa no ten a forza de cando naceu e manexaba presupostos que criticaban moitos artistas, porque minoraba o investimento público no resto das iniciativas. Hoxe ese papel lévao o Gaiás e se o CGAC pasa apuros económicos, do resto xa nin falamos.
Momento da proxección con música en directo da obra de Isaac Pérez: The Soul of O. Nermaud.
Aínda así brindoume unha segunda sorpresa, había “Correspondencias Sonoras”, o ciclo de concertos nos que Vertixe Sonora Ensemble** leva dialogando dende hai anos coas exposicións -eu mesmo participei proxectando en directo as miñas imaxes no adicado á mostra de Jeff Wall (2011).
Primeiro foi a presentación na que estiveron case todos os compositores e o director artístico, Ramón Souto, e que resultou moi contida e interesante (de novo todo homes, Chus Martínez). Despois o concerto, estupendo coma sempre, aínda que tiven que marchar antes do final -por esixencias meteorolóxicas-, para o que me situei na esquina máis próxima á saída; quen frecuente a sala coñecerá o seu ruidoso chan. Todo un éxito de Vertixe, con abundante público para o que é habitual nesta música contemporánea que é tan esixente.
É interesante o que se ve dende esta esquina: todo. Un incidente cunha rapaza de dous anos -sen conciencia aínda (os pais, digo)- que espertou no medio da escuridade cunhas imaxes proxectadas que non descifraba e unha música que a aterrorizou e comezou a chorar desconsolada coa conseguinte carreira da nai, seguida do pai, que a conduciu no colo ao vestíbulo. O concerto estaba sendo gravado, recomendo que non se tente borrar da gravación, incluso lle diría ao autor Isaac Pérez Vicente e a Vertixe Sonora, que tentasen engadilo na partitura con espírito surrealista, como un objet trouvé, un bo accidente creativo. Houbo outros que marcharon no medio das pezas sen razón aparente, pero que aplaudían mui forte para facerse notar ao final das interpretacións nas que si estaban presentes, e falo de persoas que deberían ter sensibilidade ou polo menos cultura para non facelo, pois forman parte do mundo artístico máis celebrado, tanto na dirección como na creación, máis pendentes do teléfono ou de vender unha peza ao saír: “contactos veniales” e postureo, cando para min quizá o máis importante na arte é a honestidade -difícil está a resiliencia.
Presentación do concerto (de esquerda a dereita): Ivo Nilsson (Suecia), Iván Ferrer (México), Henrik Denerin (Suecia), José Subía (Ecuador), Ramón Souto e Isaac Pérez Vicente (Galegos).
En fin, as esquinas (asimilámolas a extremos?) é o que teñen.
Xacobe Meléndrez Fassbender, Compostela 28 de Xuño de 2016
(*) Jorge Barbi, Carme Nogueira, Simón Pacheco, Pamen Pereira, Isaac Vicente e María Ruido.
(**) Moika Streitová, frauta / Pablo Coello, saxofón / Roberto Alonso, violín / Ailsa Lewin, Thomas Piel, violonchelo / David Durán, piano / Diego Ventoso, percusión / Xoán Xil, electrónica e difusión de son / Ramón Souto, director.
NOTA DE PALAVRA COMUM: as fotografias pertencem ao autor.
You might also like
More from Crítica de arte
Suzanne Valadon, artista valente | Lito Caramés
Agora, no MNAC, pódese disfrutar da mostra Suzanne Valadon. Una epopeia moderna, unha antolóxica dedicada a esta artista que, contra …
“Veneradas e Temidas” ~ O poder feminino entre dualidades | Lito Caramés
Exposición Venerades i Temudes. El poder femení en l’art i les creences. Caixaforum. Divinas dualidades.