Cando observas as miñas fotografías estás a mirar os meus pensamentos
O fotógrafo Duane Michals entende a vida do mesmo xeito que practica a fotografía: desde o inconformismo. Para Michals unha imaxe non suplanta un fato de palabras, por iso viuse na necesidade de buscar novos termos de linguaxe fotográfica. O interesante dunha foto é o que non é visible, declara este creador a contracorrente.
Lito Caramés
Para min a fotografía son preguntas e mais historias
Opina que o que non se pode ver é infinitamente máis importante que aquilo que é visible. A primeira razón pola que Michals é revolucionario é polos contidos. Non usa a fotografía como método para lembrar o que viu senón para inventar o seu mundo. Cando precisa superar as formas convencionais é quen de crear secuencias e de escribir por riba das fotografías, mirando como se fose un herexe (Enrica Viganò, comisaria).
As dependencias da casa Garriga i Nogués, sede actual da Fundación MAPFRE en Barcelona, veñen de encherse coas fotografías do artista norteamericano Duane Michals, un home de 85 anos cunha vitalidade contaxiosa e emperrado arestora en danar todo o que poida a unha persoa á que odia: Donald Trump. Decidiron os responsables da Fundación MAPFRE que a exposición de Michals se titule simplemente: Duane Michals. Un título austero para a retrospectiva máis ampla que se fixo nunca sobre o fotógrafo inventor das secuencias. Austero, si, pero acae ben co ser dese home que visto pola rúa, sen referentes, pode ser confundido cun poeta, ou cun activista dos dereitos civís.
Michals non é un fotógrafo convencional. Ao longo da súa vida divorciou totalmente o seu traballo profesional como fotógrafo para revistas e para outros medios (un traballo que lle permite vivir sen luxos) do que realmente lle interesa: a fotografía artística, os traballos de investigación sobre a imaxe, sobre os modos de expresar estados de ánimo, crítica social, emocións. Na presentación da mostra Duane Michals, o fotógrafo (que malia os seus anos viaxou a Barcelona para atender aos medios de comunicación, presentar as súas creacións ás personalidades culturais da cidade e mais para manter conversas co público) na presentación, recoñeceu que desde os inicios os seus intereses centráronse en pescudar formas de expresión (a arte é principalmente expresión, foron as súas verbas). E nunca lle gustou da fotografía (á que chegou por vieiros indirectos) o silencio, o mutismo que transmite unha imaxe conxelada.
Michals. Boy in Leningrad. 1958
Michals. Empty New York, 1964
Hai fotógrafos que sempre fan a mesma foto
Duane Michals non é un fotógrafo convencional, nin se sente tal. Estudou deseño, e comezou a traballar como deseñador gráfico en New York, e en máis dunha ocasión afirmou publicamente que está contento de non ter estudado fotografía, pois eses estudos académicos, regrados, acabarían condicionando e limitando o seu pensamento e creatividade. Así, sen estudar fotografía mira polo obxectivo con toda liberdade. E tamén por iso tanto critica aos fotógrafos profesionais: hai fotógrafos que sempre fan a mesma foto. Michals ve no traballo profesional de moitos retratistas un xeito de traballar que se repite, que sempre ten encadres, posturas, iluminacións semellantes. O único que muda é a face, remata na súa crítica. Na mesma liña van as acusacións de que o peor inimigo do fotógrafo é o propio fotógrafo; as súas rutinas, a ausencia de imaxinación.
Está claro que Michals non é un fotógrafo convencional. Nesa profesión foi sempre un outsider. Tamén o sería en calquera outra, pois é unha persoa moi curiosa, intelixente, e como consecuencia inquieta, ademais de inconformista. No ano 1958, con 26 anos, Michals viaxa á URSS. É a súa primeira viaxe fóra de EEUU, nuns anos nos que as relacións entre ambos países non estaban no seu mellor momento, e non era doado moverse nin obter visados para entrar na antiga Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas. Visita bastantes cidades: Leningrado (hoxe de novo San Petersburgo), Minsk, Moscou, Kiev. Como turista en país estraño quere tirar fotos dos lugares e das xentes coas que se atopa, pero non ten máquina de retratar, e leva a que lle presta un amigo. Comenta Michals que aprendeu a dicir en ruso: permíteme que lle faga unha foto? ás persoas coas que ía cruzando por rúas e prazas. E así, sen preparar, sen demasiadas pretensións foi tirando fotos de mulleres, nenos e homes en interiores e con fondos arquitectónicos. Na primeira sala da Fundación MAPFRE, e na parede, Michals escribiu con rotulador, manualmente, unha mensaxe a carón desas fotografías de xuventude feitas na URSS: These are the photographs that changed my life. Duane Michals. De volta a New York gustaron moito esas instantáneas, limpas, espontáneas, frescas, e compráronllas. E aí arrinca a súa carreira como fotógrafo; abandona o deseño gráfico e pasa á fotografía autodidacta; por iso escribiu nas paredes da casa Garriga i Nogués que son as fotografías que lle mudaron a vida.
Michals. Magnus Was Burnt by Solange’s Fiery Mane, 2008
Na mente do principiante hai moitas posibilidades, pero na do experto hai poucas
Cando vexo a unha muller que chora, pregúntome por que chora, como se sente realmente, que emocións hai por tras desas bágoas. Entrar no seu mundo, iso é o que me interesa. Aínda que as emocións son perigosas porque son vagas e transitorias. A vida é unha gran pregunta (D. Michals).
Na exhaustiva mostra Duane Michals están presentes aqueles traballos non profesionais aos que o fotógrafo dedicou tempo e esforzos. Pero tamén hai unha sala enteira reservada ás súas producións profesionais, os seus retratos de actrices e actores de cine, de artistas e doutros personaxes ben coñecidos. Michals sempre foi (e aínda é) unha persoa moi curiosa; e esa curiosidade non lle permite aceptar as técnicas, métodos e linguaxes artísticas xa tripadas. De aí as solucións ás que recorrerá para fuxir dese silencio da imaxe que tan pouco lle agradaba, e das que se falará máis adiante. Na presentación da mostra da súa fotografía, Duane Michals comentou, ao caso da curiosidade e de manter as mentes abertas, que hai un libro que lle agrada moito, e que recomenda: Mente Zen, Mente de Principiante, editado en España por Gaia Ediciones. O autor do libro é un monxe budista xaponés, Shunryu Suzuki, radicado en California, onde aprendeu zen e foi fundador de varios centros zen, entre eles o de San Francisco. O libro contén unha escolma de pequenos artigos e reflexións que Suzuki foi escribindo para os seus alumnos. Polo que se relaciona con Michals, o libro comeza cunha frase contundente … e suxestiva: Na mente do principiante hai moitas posibilidades, pero na do experto hai poucas. Por iso Michals fala do libro: o interesante é manter sempre unha actitude aberta, curiosa ante todas as cousas; ter un ollar limpo, sen prexuízos, disposto a sorprenderse a cada pouco. Por iso Michals divorcia perfectamente o seu traballo profesional, formal, encargado por revistas e outros medios, do que realmente o atrae, a investigación, o coñecemento.
Por iso, Michals (Pensylvania, 1932) non é un fotógrafo convencional. A este peculiar fotógrafo influíuno moito o cine, como un fenómeno revolucionario do seu tempo. E sempre procurou manterse en contacto e ao día co que acontecía na arte contemporánea (foi amigo de Andy Warhol, por exemplo), así como da literatura en xeral e da poesía en particular (ten escrito bastantes poemas). É coñecedor, tamén, do pensamento filosófico actual e mais dos avances científicos. Na presentación, diante dunha das súas fotostexto, deu unha disertación sobre a física cuántica, respecto da representación do tempo e mais do espazo nas súas instantáneas. Antes de revolucionar a fotografía coas súas propostas a contracorrente, xa apuntaba maneiras rebeldes e diferenciadas. No ano 1964 decide facer unha serie titulada Empty New York. Os domingos erguíase ás catro da mañá e percorría a cidade durmida, e retrataba aqueles espazos que, noutros días, noutras horas, eran formigueiros humanos. A serie mostra arquitecturas baleiras, sen seres humanos: rúas, centros de traballo, teatros, parques, restaurantes. Michals sempre dixo que esta serie fíxoa inspirado polo fotógrafo francés Eugène Atget, que confeccionara uns 60 anos antes milleiros de imaxes de París e da súa transformación, pero igual, sen persoas. Algunhas das imaxes desta serie de Michals fan lembrar as particulares creacións de Sugimoto, que hai un ano estiveron expostas nas mesmas salas onde agora están as de Michals.
Os temas que trata Michals nos seus innovadores traballos fotográficos son todos; a vida. Desde a vitalidade ata a morte; o tempo que desaparece, e o espazo que case sempre é unha ilusión; un espello. O fotógrafo de Pensilvania ten afirmado que o que máis o atrae dunha fotografía non é o que se ve, senón o oculto, o descoñecido, o misterio. E tamén declara (influído polo pensamento zen?) que as cousas importantes acontecen dentro de nós, non fóra; de aí unha das frases que o fixeron célebre: Cando observas as miñas fotografías estás a mirar os meus pensamentos. Por avatares ocultos pero que existen, hai nestes meses unha exposición no MNAC dun pintor pouco coñecido: Pere Torné Esquius. Poètica quotidiana. Pois ben, Torné Esquius pinta e debuxa algunhas escenas onde semella que lle interesa o que non está representado; o que xa pasou, a historia que a persoa observadora pode intuír ou inventar. Esa intención de Torné Esquius de ir máis aló do visible queda evidente na pintura La cambra trista (1913): un cuarto baleiro onde acaba de suceder unha escena dramática. E así mesmo nun dos debuxos da seris Els Dolços indrets de Catalunya (1903) pasa algo similar; todo está estragado nese interior, como se se tratase da escena dun crime. De certo teríanlle gustado a Michals esas pinturas e deseños.
Michals. Dr. Heisenberg’s Magic Mirror of Uncertainly, 1998
Michals. Andy Warhol, 1972
Duane Michals: rebelde, poeta, comprometido
Gañei a vida como afeccionado-profesional, sen ansias de montar un estudo, contratar persoas ou comprar o equipo preciso para alcanzar o éxito comercial. Funcionaba comodamente coa miña industria artesanal. A miña idea era dedicarme a unha cousa que me encantaba e lograr que alguén me pagase por facela. En consecuencia, levo cincuenta anos sen traballar (D. Michals, 2014).
A exposición Duane Michals, que actualmente ocupa as salas de dous andares da casa Garriga i Nogués, as dependencias da Fundación MAPFRE en Barcelona, presenta ao público unha extensa escolma de 270 fotografías, máis algún dos vídeos que este inquieto profesional anda a confeccionar nos últimos tempos. Hai retratos tomados naquel para Michals fundacional ano de 1958 na URSS (These are the photographs that changed my life) pasando por todas as experimentacións que realizou, ata tomas que non teñen máis dun ano. Duane Michals está comisariada pola periodista e estudosa da historia da arte Enrica Viganò, especializada en comisariar exposicións e que foi fundadora de Admira, unha axencia de Milán dedicada desde 1997 á organización de eventos culturais relacionados coa fotografía (xa ten organizado outras exposicións de Michals). Tamén é autora de libros sobre arte, en concreto dun, publicado tamén en España, onde entrevista a Michals: Duane Michals habla con Enrica Viganó. Neste vídeo hai información interesante sobre a mostra.
Trátase neste caso dunha magna exposición antolóxica do traballo deste fotógrafo atípico e revolucionario. Michals, fuxindo do silencio dos retratos estáticos que non eran do seu agrado, e por suposto da moda dos anos 60 e 70, que era andar á caza do intre decisivo, acaba sendo un dos renovadores das linguaxes fotográficas, axudado evidentemente por non ter unha formación académica e pola súa rebeldía. Entre as súas achegas á historia da fotografía cóntanse as secuencias e mais as fotostexto, que a seguir se aclararán. A súa rebeldía e compromiso social non lle permitiron entrar de cheo no mercado especulativo da arte (como xa se explicou, mantivo unha separación absoluta entre o seu traballo profesional e mais as realizacións fotográficas que desexaba facer). Nunca tivo estudo profesional como tal e as copias que agora están na Fundación MAPFRE (moitas delas vintage) son de pequeno formato, por négase a tirar as copias en grandes formatos para así vendelas máis caras.
Duane Michals comezou a ter éxito a partir de pequenas exposicións que ía presentando en galerías pouco coñecidas. Pero pouco a pouco os especialistas foron atendendo os seus traballos. Froito do seu éxito son os numerosos libros de fotografía que leva publicados. Entre eles Sequences (1970), Duane Michals. Photographs with Written Text (1981), A Visit with Magritte (2011), The House I Once Called Home (2003), Questions without Answers (2002).
Como profesional traballou para moitas revistas: Mademoiselle, Esquire, Harper’s Bazaar, Vogue, e tamén se dedicou á confección de carteis para empresas como Energizer, IBM ou Microsoft. Fixo a portada do disco Synchronicity (The Police, 1983), na que xoga co tempo e mais co espazo. E ten retratado a personaxes como Truman Capote, René Magritte, Andy Warhol, Marcel Duchamp, Passolini, de Chirico, Marguerite Duras, Truffaut, Clint Eastwood, Scorsese, Madonna, Richard Gere ou Sean Penn.
Michals. Clint Eastwood, s. d.
Dr. Heisenberg’s Magic Mirror of Uncertainty
Sempre que fixen algunha cousa foi coa intención de liberarme, de expresarme con máis claridade. Así, comezar a facer secuencias liberoume da tiranía do momento decisivo. Hai uns anos había a crenza de que ir pola rúa coa esperanza de atopar o intre perfecto era o único xeito de facer unha fotografía (…) Introducín ideas novas na maquinaria fotográfica: non che cómpre deambular polas rúas cunha cámara á procura da vida, Ti es a vida (D. Michals, 2001).
A inquietude intelectual de Michals manteno atento a todo cambio e proposta que se dea na sociedade. Especialmente na arte. E, outra volta, nas paredes da casa Garriga i Nogués de Barcelona, pediu que quería escribir outra sentenza alí onde aparecen retratos que lle fixo a tres grandes artistas plásticos: These are my heroes: Magritte, Balthus, de Chirico. É dicir, o surrealismo en tendencias ben diversas. Por biografía tocoulle convivir co pop art (amigo de Andy Warhol, de quen dixo na presentación que era boa xente, ambicioso, pero moi pesado) e mais cos enfants terribles do expresionismo abstracto, fillos directos do surrealismo europeo.
Nos anos 60 comeza a súa primeira revolución no mundo da fotografía. Como ben di o propio Michals, daquela facer fotografía era andar á caza da imaxe impactante, a teoría do intre decisivo; se non se capta ese minisegundo a foto non vale. Esta tendencia fotográfica atribúese a Cartier-Bresson (inventor da fotoreportaxe) que logo foi seguida por moitos outros naqueles anos. Pero Michals di ao respecto: Por moi elegante que sexa Cartier-Bresson e moi brillante que sexa Robert Frank, dedicábanse a reaccionar diante dos feitos, eran reporteiros de xornal. E eu, por contra, era narrador. Michals non quere ser reporteiro, a el non lle chega con que unha imaxe mostre un salto, ou un bico, ou do voo dun paxaro, pretende contar unha historia; e suxerir cousas que non están visibles pero que se poden deducir dunha lectura das imaxes. Michals buscaba o modo de fuxir do silencio da imaxe.
E entón é cando inventa a secuencia. A secuencia é a sucesión de varias imaxes (mormente 5, 6 ou 7) que mostran unha historia, diversos pasos dun feito. Tal proposta foi un escándalo nos anos 60, pois viña a dicir que unha imaxe soa non era suficiente, case a dinamitar as esencias da fotografía. Michals, dentro da liberdade que tiña ao divorciar totalmente a fotografía profesional da fotografía que quería facer, limitouse a dicir: ampliei o instante decisivo a seis ou sete instantes. Entre as secuencias máis coñecidas –moitas delas agora na Fundación MAPFRE Barcelona– cómpre citar Death Comes to the Old Lady (1969), secuencia na que unha inquietante figura negra, borrosa, visita a unha anciá, e ela desaparece. Ou The Fallen Angel (1968), ou Grandpa Goes to Heaven (1989). Os temas abordados nestas composicións son todos: eros, tánatos, o tempo, reflexións filosóficas. E para elaboralas bota man de amigos e coñecidos, que lle serven de modelos. Un caso especial, polo que ten de reflexión filosófica, de demostración de coñecer o pensamento actual e de xogar co tempo e o espazo é Dr. Heisenberg’s Magic Mirror of Uncertainty (1998). O doutor Heisenberg foi un físico afamado e coñecido por ditar o principio de incerteza (contribución fundamental á física cuántica), segundo o que é imposible medir de xeito preciso a posición e o momento lineal dunha partícula. Pois ben, Michals o que fai é xogar –nunha secuencia de 6 instantáneas– coa face dunha moza e co seu reflexo nun espello: a incerteza vén de comprobar que o reflexo sempre é diferente en cada unha das fotos. E, co seu fino sentido do humor, Michals engade o espello, que logo está a suxerir outros mundos; o de Alicia e outras dimensións.
Michals. Now Becoming Then, 1978
Time is such a funny thing, it’s like the hole inside a ring
A escritura liberoume porque deu voz ás imaxes. Como o cine sonoro. Eu dígoche o que non podes ver na fotografía. Escribir foi liberador porque de cada vez engadía unha capa máis (D. Michals, 2001)
As secuencias foron, por tanto, a súa resposta rebelde á convicción xeral de que a fotografía só podía ser o intre que a glorifica. Pouco despois Michals segue camiño e chega, por propia necesidade expresiva, á fototexto. Michals, o fotógrafo intelixente, non convencional, reiterou en moitas ocasións que o que lle atraía dunha imaxe non era o visible, senón o que pode haber por detrás, a historia dos espazos, das xentes. E tamén –aínda que isto sexa un ataque frontal contra a propia fotografía– que unha imaxe non vale mil palabras. Se a estes dous convencementos se engaden as súas preocupacións filosóficas, sociais, estéticas, máis a rebeldía, o compromiso, chégase á fototexto.
A fototexto é unha composición que se autoinventa Michals para poder solucionar os desexos expresivos. Consiste nunha imaxe –que para o observador pode dicir pouca cousa, non son imaxes orixinais, raras–, sobre a copia da que o fotógrafo escribe manualmente un texto indagativo, especulador. Os textos poden ser reflexivos sobre temas que lle preocupan, explicativos, descritivos, pero nunca panfletarios, nin adestradores.
Un exemplo moi ilustrativo compono Black is Ugly (1974). Na fotografía aparece un home negro de avanzada idade, sentado de perfil, mirando á esquerda, con expresión cansa e nun cuarto espido. Por riba e por baixo da foto un texto manuscrito de Michals: Durante toda a súa vida creu as mentiras que lle explicaban os brancos. Pensaba que ser negro era feo e un castigo de deus (aínda que non comprendía cal era o seu pecado). Así estivo toda a vida pasando frío cando os brancos andaban quentes, pasando fame cando os brancos comían. Parecíalle a orde natural do mundo (sen entender por que o castigaran). E, cando lle dixen que todo iso non era verdade, non me creu. Era demasiado tarde. Contemplando a fotografía non se espera a mensaxe que o acompaña. A reflexión é dura, a conclusión á que pode chegar o espectador, terrible
Con esta técnica da fototexto Michals aborda calquera tema que lle preocupe, en moitos casos botando man do humor e da fina ironía. Nas salas da Fundación MAPFRE xorden temas como a condición humana, a sociedade, o racismo, a emancipación da muller, a homosexualidade, a relixión, etc. E por suposto tamén se mete co mercado da arte cunha serie que titula: How Photography Lost its Virginity en the Way to the Bank. O propio Michals afirmou que: utilizo a fotografía como ferramenta de investigación do tempo. Úsoa co mesmo desexo dun escritor. Son un contacontos.
Noutros casos de fototextos, Michals bota man directamente do poema, como alegoría do tempo, como ferramenta de investigación que o aproxima á física cuántica. Tal acontece no caso de Time is Such a Funny Thing, no que se acompaña unha montaxe fotográfica entre a portada dun xornal e o retrato dun home novo. O poema, reflexivo sobre o tempo, de difícil tradución comeza: Time is such a funny thing, / it’s like the hole inside a ring, / It’s always now and never then, / But when I saw it’s now again / It’s never now but always then. / We’re always here but never there, / But when I go from here to there, / When there is here and here is there / Should you think you’re very tall / Next to a tree you’re not at all, / and if you think you’re very small / next to a bee you’re ten feet tall (…)
Nos últimos anos, e seguindo coas ansias de contar historias e mais de fuxir do silencio da imaxe. Duane Michals anda a crear vídeos de non máis de sete minutos de duración, nos que sintetiza unha complexa historia. Algún destes vídeos tamén está agora na Fundación MAPFRE Barcelona. E para rematar no presente, o fotógrafo confesou que nestes intres anda argallando unha exposición dedicada ao señor Donald Trump, do que dixo que non lle cae nada ben, e que procurará atacalo tanto como poida, ata deixar de ser unha persoa educada.
Lito Caramés
EXPOSICIÓN: Duane Michals
Fundación MAPFRE Barcelona
ata o 10 de setembro de 2017
You might also like
More from Crítica de arte
«O meu corpo é a miña arte viva»
Hincapié. Vitrina, 1989 A frase anterior foi escrita pola artista María Teresa Hincapié, que aproveitou a súa formación teatral para facer …
25 anos do Museo Guggenheim Bilbao: arte e vida
25 anos do Museo Guggenheim Bilbao: arte e vida. O Museo Guggenheim Bilbao este ano chega ao seu aniversario número …