Froito da colaboración entre o cociñeiro Xosé Cannas e a escultora Elena Gómez Dahlgren xorde o proxecto “Cociñando polo lado salvaxe do Atlántico”, presentado recentemente no restaurante Pepe Vieira (Raxó, Poio), para o que foi concibido.
Ao longo de case un ano, a artista foi realizando un conxunto de obra gráfica directamente inspirada nos ingredientes e as receitas de Xosé Cannas e nunha segunda fase unha singular vaixela que sintetiza todas as suxestións do traballo gastronómico e harmoniza dun xeito sobranceiro cociña e artes plásticas.
As obras concibidas por Elena Gómez Dahlgren, máis que unha vaixela convencional, máis ou menos acertada en deseño, hai que entendelas como obxectos artísticos que funcionan como soporte da obra gastronómica. Son traballos cerámicos que expresan a enerxía creadora por medio dunha extrema economía das formas, que aluden sinteticamente a mundos materiais variados (desde o vexetal até o seriado), propendendo a un certo organicismo que pode evocar formas, por exemplo, dun vexetal ou de formas xeolóxicas, sen facer delas imaxes abstractas, e nas que o propio ritmo é o que se torna visíbel, concreto, cheo de sutileza e elegancia.
Certamente, toda o conxunto ten un referente orgánico e natural, mesmo cando tende a formas xeométricas, aspecto que evidentemente ten que ver cunha profunda identificación co motivo inspirador -esa frescura e intelixencia que agroma nas receitas de Xosé Cannas-, como se a artista quixese captar delas a súa pulsión, non a súa visión máis epidérmica. De aí esa intensa potencia física que deitan as súas pezas, que remiten ás pulsións profundas e ao mundo telúrico.
Son traballos que non pretenden reflectir vaixelas xa existentes, senón que, sen dúbida, pertencen a unha realidade-outra, paralela ao mundo real e en diálogo co culinario, que se cargan de unha indubidábel potencia poética e que acaban por constituírense en signos vitais.
Neste sentido, Elena Gómez Dahlgren consegue pór en funcionamento, por medio destes soportes cerámicos, moitos niveis de suxestión -claramente en relación cos traballos gastronómicos de Xosé Cannas-, expresando plasticamente un certo “estado de ambigüidade”, por usarmos un termo caro ao surrealismo, que é a condición que se impón na nosa lectura das súas imaxes e obxectos, non a única lectura, sen dúbida, mais si a de maior intensidade. O resultado de conxunto permite enxergar como a totalidade das pezas posúen uns criterios coa suficiente ambigüidade que posibilita entendelos e interpretalos non soamente como obras individuais –unha opción posíbel e lexítima-, senón tamén como parte dun argumento, dunha reflexión que quere amosar a lectura visual dunha artista que se enfronta con problemáticas determinadas no ámbito plástico, nesta ocasión feliz e deliberadamente sometida a un contexto, unha temática e unhas necesidades materiais que semellaban levala inevitabelmente ao terreo do deseño, mais do que ela escapou sen renunciar de vez ao carácter utilitario que leva implícito o traballo.
De por parte, algo que tamén transmite rotundamente a artista é que a escultura supón para ela unha relación co material de enorme intensidade, cunha profunda consciencia do seu papel como creadora e do proceso a seguir, sen o que sería imposíbel dar forma a materiais sólidos e durábeis.
RELACIÓNS FORMA-ESPAZO
O tratamento físico das pezas dótaas dun contraste manifesto entre zonas de intenso puído e as máis esgrevias; nas primeiras tórnase a superficie reflectidora nun espello, contrapóndose estas áreas coas zonas de maior rugosidade; dalgún xeito Elena Gómez Dahlgren segue na liña de escenificar e dar resposta a vellos problemas das relacións forma-espazo, como fixeron os artistas da vangarda histórica condo se achegaron ao mundo cerámico. En concreto, no caso da escultora viguesa, cremos que a cerna das súas pescudas non está estritamente no problema da forma, senón, máis ben, no dos vestixios do seu ritmo, movemento ou posicionamento tridimensional.
O resultado, visto no seu conxunto, salienta pola súa esgrevia elegancia. As pezas son postas en común conformando un mundo emotivo, desde un tipo de elementalidade que xorde do refinamento obxectual, a que deitan cada unha das pezas e que permite que agrome a súa potencial poeticidade. O sentido obxectual e poético ao tempo destas pezas pode evocarnos e trasladarnos a mundos diversos: xeolóxicos, grafismo prehistórico, formas vexetais… como punto de partida, pero este referente non é máis do que un simple esteo no camiño, non unha etiqueta estática, da que as obras e a proposta están ben lonxe. Hai en todos os soportes -máis que pratos- unha aparencia de inutilidade -ou, mellor, de estraña utilidade-, de obxecto atopado, de recreación lúdica, que é o que carga de sentido poético o universo da artista, aspectos que coido resumen a vontade que transmite esta atractiva serie que nos fai chegar desde todos estes obxectos a esa realidade sempre esvaradía e case imposíbel de aprehender que é a beleza.
Como na música atonal o son, como na pintura a liña e o baleiro, en “Cociñando polo lado salvaxe do Atlántico” cociña e soporte conquistan un estado de pureza e expresividade. Textura, sabor e forma conseguen, daquela, reducírense á súa dimensión máis esencial: signo e comunicación.
Carlos L. Bernárdez
You might also like
More from Carlos L. Bernárdez
As leccións do mestre Castelao
O chegada do óleo A derradeira leición do mestre, propiedade do Centro Galicia de Buenos Aires e agora exposto na …
A pintura de Alfonso Sucasas: o costumismo transcendido
A vizosa obra de Alfonso Sucasas (Lalín, 1940 – Vila de Cruces, 2012) estivo marcada polas súas fondas fidelidades pictóricas …