Nos últimos anos os irmáns Santilari crean obra artística na que a alta calidade técnica, e non menos a estrutura conceptual, alcanzan espazos reservados aos mestres. As súas pinturas, os seus deseños, habitan privativos parnasos da excelencia. Contemplar a mostra Santilari. Obra recent na galería Artur Ramon é puro deleite para os sentidos. A austeridade de elementos á que chegaron estes artistas, brinda aos visitantes o pracer da complicidade intelectual? Pere e mais Josep, Josep e mais Pere, son quen de sollar vieiros polas dúas beiras dos espellos que lles concede a plenitude.
*
Vaidades precisas para aprehender os silencios da vida
41. Mira que la flor más delicada más presto se marchita y pierde su olor; por tanto, guárdate de querer caminar por espíritu de sabor, porque no serás constante; mas escoge para ti un espíritu robusto, no asido a nada, y hallarás dulzura y paz en abundancia; porque la sabrosa y durable fruta en tierra fría y seca se coge.
57. El camino de la vida, de muy poco bullicio y negociación es, y más requiere mortificación de la voluntad que mucho saber. El que tomare de las cosas y gustos lo menos, andará más por él. (Juan de la Cruz, Dichos de Amor y de Luz, 1584).
No ano 2008 os irmáns Santilari presentaron unha mostra antolóxica dos seus traballos nos Espais Volart da Fundació Vila Casas. Unha exposición extensa e diversa: bodegóns, nus femininos, paisaxes “de proximidade”. Xa daquela o percorrido polas salas trocábase nunha festa do savoir-faire artístico, un paseo por certas sensibilidades da arte barroca. Sorprendía gratamente a peza >Bodegó de Tardor (1993), unha auténtica homenaxe a Caravaggio: os pámpanos acabados de cortar por enriba das uvas e do froiteiro branco permitían imaxinar a emoción de ter estado diante da primeira natureza morta que pintou o autor de >David coa cabeza de Goliat cando aínda a pintura estaba fresca; e a luz que entra por unha fiestra que —sen verse— está á dereita, é a mesma luz que acompaña a Pedro e a Cristo na tela “A >Vocación de Mateo”, luz que define a parede de cor indefinida e múltiples gradacións de corido que constitúe o fondo próximo e desconcertante da mesma obra. Tamén alí, nos Espais Volart, reclamaba a súa presencia outro bodegón: Codonys (Marmelos), de 1992. Diante desa composición tan delicada e de cores pastel, a memoria deixábase ir até atoparse naquel patio de casa madrileña que ese mesmo verán do 92 permitiu a Antonio López e mais a Víctor >Erice filmar a marabilla de >El Sol del Membrillo. Será unha azarosa coincidencia de datas? Ou trátase de algo máis complexo: identificación de estilos e motivos pictóricos?
Volvendo ao presente e á galería Artur Ramon, as pezas de Santilari. Obra recent traspasaron xa algunha barreira; sexa esta de lugares e horizontes, sexa de identidades ou de séculos. Aínda que non lles acaia ben, os Santilari van polo mundo con cadansúa coroa de loureiro. Hogano son quen de situarse diante do espello da historia da arte, e de saber que chegaron a cotas de execución moi altas. Tal posición permítelles entrar no xogo de sentir o trazo de grafito definido por Rembrandt cando inician o deseño dunha nova peza, de aguantar na man esquerda a paleta empregada na elaboración dunha cerimonia nupcial na vicaría; de viaxar –en fin– a Delft mentres dan varias capas de imprimación a unha nova tela.
Que concentración atopou Josep para acabar por crear L’artista. Vas amb flors I, esa delicada pintura que nace das mestrías de caravaggios e zurbaráns? A observación atenta desta singular peza de tan só 27x27cm acaba por asombrar. O artista definido por un humilde lapis Faber-Castell —os Santilari non empregan outros—, e un fino pincel: a alegoría conceptista da ARTE. L’artista. Vas amb flors I ten todas as perspectivas e non ten ningunha. Pola banda dereita hai —elidido— un potente foco de luz que ilumina o primeiro plano; un primeiro plano moi próximo a quen observa. Máis aló a nada. O fondo escuro pecha visións e abre fiestras á calidade técnica. ¿Que veladuras de cores terra, de sutís imprimacións en verde, de grises aplicou o artista nesa escura noite plena? Ese fondo é un mundo de combinacións, a forza dos escasos elementos da pintura. Como é posible que en tan pouco espazo haxa tanta gama de brancos? Por que a delicadeza inmaculada das flores de azalea estoupa contra ese fondo creador na dereita? Por contra, as mesmas flores van perdendo intensidade cara ao fondo, e mesmo se perciben transparentes os pétalos da que sobresae á esquerda. Como se pode debuxar e pintar un cotiá vaso de vidro sobre o volume cegador que emerxe da profundidade? A auga está brincando con talos e follas verdes, totalmente visible, e a súa liquidez exerce de bola de cristal, centrada, na que condensar o oráculo desta vanitas. O trapo que serve de peaña ao vaso con flores ten tal xogo de pregues, tonalidades e volumes que se admira nel boa parte da historia da arte europea, a lo menos desde o século XV. As follas verdes que acompañan a brancura uniforman a pintura. O seu verde fai choscadelas co lapis Faber-Castell, verde escuro, e recolle as mínimas insinuacións verdosas que se agochan na sima da perspectiva aérea. L’artista. Vas amb flors I, unha peza de reducido tamaño, pero grande de máis. Unha obra mestra.
Memorias do tempo. Frugalidade e sabiduría
Colui que fece, e non di cosa alcuna, / il tempo, che non era anzi a nessuno, / ne fe’ d’un due e diè ‘l sol alto all’uno, / all’altro assai più presso diè la luna. / Onde ‘l caso, la sorte e la fortuna / in un momento nasquer di ciascuno; / e a me consegnaro il tempo bruno, / come a simil nel parto e nella cuna. / E come quel che contrafà se stesso, / quando è ben notte, più buio esser suole, / ond’io di far ben mal m’affliggo e lagno. / Pur mi consola assai l’esser concesso / far giorno chiar mia oscura notte al sole / che a voi fu dato al nascer per compagno. (Michelangelo Buonarroti, Soneto CIV, 1536).
Pere e Josep Santilari son xemelgos, comparten o mesmo obradoiro e mesmo pintan cadros a medias. Desde os seus anos de estudo comprenderon que a creación artística non defire moito doutros traballos, doutros oficios. Véndoos concentrados no seu coidado centro de traballo de Montgat, veñen aos miolos imaxes verosímiles de tempos pasados: un taller artesanal do Seicento, un mosteiro medieval. Atendendo á disciplina coa que se aplican nas longas xornadas laborais, poderían ser ben dous monxes en transos de elaborar unha icona bizantina ou rusa. O silencio, o traballo cos lapis, a meticulosidade e destreza convidan a intuír que eses dous artistas practicaron meditación espiritual antes de enfrontarse a un papel (caso de deseños) ou tela; que se someten a unha dieta alimentaria especial para mellor comunicar cos obxectos a representar, coas composicións ideadas. >Este vídeo achega aos xeitos de traballo dos autores da longa e espléndida serie de vanitas que levan anos elaborando, e outros universos recreados.
Que exercicios corporais e mentais non fixo Pere para atopar a composición do deseño La joventut que agora loce na galería Artur Ramon? Cantas horas dedicadas á preparación e á execución de semellante obra que —no líquido elemento— fai apostas de virtuosismo con >El aguador de Sevilla? Que misterio pode aclarar a perfección lograda coa única utilización de lapis? Pere, igual ca o seu irmán, coñece ben o seu oficio. Saben que os papeis —cartolinas— sobre os que traballan só poden ser moi especiais con tal que soporten as friccións dos 15 tipos de dureza de lapis empregados na elaboración de La joventut (e de tantos outros deseños). Faber-Castell fabrica durezas desde o 9H ata o 9B. As flores de amendoeira no vaso de cristal, para desafiar todas as escalas. Como é posible debuxar con lapis un branco tan absoluto? Á dereita un busto de Afrodita apaña toda a luz que vén de fóra, obrigando ao artista a marcar o perfil grego con soberbia precisión e, así mesmo, definir a conca dos ollos con divina suavidade. A mesa pérdese cara o fondo, dando paso ás gradacións de grises, para, máis aló, atopar —outra volta— a escura noite, cegadora de detalles, reveladora dos volumes do primeiro plano. A xuventude, o carpe diem, definida nas esencias de catro elementos, alambicada nesta vanitas de case imposible factura.
Coñecerán estes artistas a obra de Tarkovski, >Andrei Rublev, o film que recrea a vida do gran pintor de iconas rusas? Identificaranse cun creador tan afastado xeograficamente? As vanitas e bodegóns dos Santilari veñen sendo os modernos pantocrátors e kiriotissas. Verdadeiras teofanías.
Para chegar á obra final os Santilari usan a fotografía como recurso do que extraer referentes de luz sobre os que investigar, para traballar semanas e evitar que as flores ou as froitas podrezan, ou a auga se encha de balor. A luz é o eixe de produción, a ditadora do traballo, a mestra que lles di cando remataron a obra. Pero o seu realismo non é fotográfico, é luminoso. A luz que viaxa ao longo dos séculos de Caravaggio a Josep, de Rembrandt a Pere. Esa luz que tanto impresionou na súa serie >7 pecats capitals, amb Josep Santilari i Pere Santilari.
Os irmáns Santilari levan uns 30 anos dedicados á creación artística. Pasaron, loxicamente, por varias etapas, estilos, sempre dentro do canon da representación realista. Pero na última década estes interesantes creadores deron un salto cualitativo que os proxecta máis aló de ensaios e revisións das súas traxectorias. A mestría de Josep e Pere vese, cáptase, na inmensa destreza técnica. E tamén —moito— nas composicións. Estes disciplinados artistas van perdendo lastre, van abandonando a necesidade de acumular elementos para dar sentido a unha peza, a unha interpretación dos silencios da vida. E optan pola austeridade monacal, pola simplificación das composicións. A mostra que presentaron hai un ano en Artur Ramon (>7 pecats capitals) representou un cambio importante nos seus xeitos de traballo. Pretender –e conseguir!- representar un concepto tan abstracto como é a >Envexa nun debuxo de menos de 40×40 cm e só cunha caveira, un cordel, unhas flores e unha rama de aciñeira é proba máis ca suficiente da excelencia que xa ten alcanzada o Pere. Outro tanto acontece coa pintura de Josep que, para definir a >Ira emprega só unha caveira. É posible máis conceptismo ideolóxico e artístico?
Diante desta magnificencia pouco se pode argumentar. O mellor é admirar agora as pezas que se atopan na mostra Santilari. Obra recent. Josep ten dito nalgunha ocasión que, cando pinta o pé dunha figura, é tal a súa concentración e detallismo que se acaba sentindo o propio pé. Non hai dúbida, os irmáns Santilari contemplan o mundo, a vida, desde os dous lados do espello. Son pintores e protagonistas nos seus matrimonios arnolfini, deveñen camareiros e clientes nos seus particulares folies bergère, son anxos e creadores nas venus do espello. Os artistas de Montgat van facendo camiño, un camiño de sobriedade e plenitude. Cada xornada que pasa abandonan o seu pulido estudo como monxes zen a retellar o xardín que só contén area e unhas pedras. Xa non saben que é o horror vacui, xa miran a vida desde o outro lado do espello. As súas vidas semellan —cada día máis— un haiku:
É virtuosismo
a chama dese fulgor?
O inefable
Flores en vanitas. Ineffability
Fue sueño ayer, mañana será tierra. / ¡Poco antes nada, y poco después humo! /
¡Y destino ambiciones, y presumo / apenas punto al cerco que me cierra! / Breve combate de importuna guerra, / en mi defensa, soy peligro sumo, / y mientras con mis armas me consumo, /
menos me hospeda el cuerpo que me entierra. / Ya no es ayer, mañana no ha llegado; /
hoy pasa y es y fue, con movimiento / que a la muerte me lleva despeñado. / Azadas son la hora y el momento / que a jornal de mi pena y mi cuidado / cavan en mi vivir mi monumento. (Francisco de Quevedo, soneto).
Na biblioteca e salas da histórica galería Artur Ramon están colgadas nestes meses algunhas das creacións máis actuais dos Santilari. >Santilari. Obra recent é unha escolma de pezas, de reducido formato, nas que ocupan un lugar destacado un novo motivo pictórico dentro da historia artística destes irmáns xemelgos: as flores. Azaleas, flores de amendoeira e outras marabillas naturais presiden moitas das pinturas e deseños executados nos anos 2017 e 2018. Flores. Cantos á natureza, si, pero tamén a querencia que, de hai anos, veñen tendo Pere e mais Josep polas vanitas. Sexa cal sexa o título e o motivo representado con flores, a brevidade que define a beleza de tal elemento primaveral por excelencia, vén reclamando a lectura Tempus fugit. Estes creadores permítense dedicar longas xornadas a cantar —graficamente— a beleza fuxidía do esplendor floral. A retención intemporal da súa beleza é un canto á vida. E esa louzanía “adolescente”, telúrica, necesaria, tamén é a lembranza da velocidade do tempo, da ilusión de eternidade subxacente nos degoros da humanidade. As composicións dos irmáns Santilari, a por de austeras e excelentes, viaxan dun lado ao outro do espello, atinxen os temas universais da arte, da existencia.
Por se todo isto non fose suficiente como para dedicar tempo a admirar as creacións destes dous artistas e seguir os seus pasos de preto, este ano a galería Artur Ramon publicou o libro Ineffability. Josep Santilari & Pere Santilari, con textos e selección de imaxes do estudoso >Timothy J. Standring, que actualmente é o Gates Family Foundation Curator no >Denver Art Museum. Colorado. Colabora con moitas universidades, tanto en Francia como nos EEUU, comisariou un mangado de exposicións, e ten publicado tratados sobre Rembrandt, un dos seus artistas favoritos, pero tamén sobre Monet, Degas ou Van Gogh.
>Ineffability é un libro de moi coidada edición. As imaxes reprodúcense sobre un papel de gran calidade, o que permite valorar as características e calidades das obras. O texto de Standring, titulado La Virtud de la Disciplina é unha homenaxe ao traballo serio e constante destes artistas, aos que o autor compara con monxes medievais. Entre as máis de cincuenta obras reproducidas atópanse creacións dos últimos anos, pero tamén se fai un repaso por pezas dos anos 80 e 90. O señor Standring visitou varias veces o estudo de Montgat, e alí, lupa en man, tratou de descubrir os misterios da creatividade dos Santilari. Algo que custa explicar, inefable. Desde agora Ineffability vén sendo a carta de presentación internacional destes artesáns do figurativismo.
Nun poema José Ángel Valente, ese portentoso poeta, amigo de Tàpies, di: La luz no está en la luz, está en las cosas / que arden de luz tenaz bajo la lluvia. Estarán de acordo os irmáns Santilari? Para eles a luz é o eixo das súas composicións e resultados finais. Verán eles como arden os obxectos? Será iso o que os motiva para lograr a excelencia?
E se Zeuxis e Parrasio, os excelsos pintores gregos, fosen irmáns? Xemelgos? A que bodegón de Josep ou de Pere van os paxaros comer as uvas, ou o queixo? Que celosía de luz rebelaría ás aves a perfección? Agora que os artistas de Montgat debuxan, en sintonía, temas como Narcís i Eco, ¿que lles falta a esta parella para retar ás autoridades do Olimpo e garantir a fortaleza do humanismo, a extraordinaria enerxía que desprenden as competencias entre Eros e Tánatos?
*
EXPOSICIÓN: Santilari. Obra recent. Galeria> Artur Ramon, ata o 27 de setembro de 2019.
You might also like
More from Crítica de arte
Suzanne Valadon, artista valente | Lito Caramés
Agora, no MNAC, pódese disfrutar da mostra Suzanne Valadon. Una epopeia moderna, unha antolóxica dedicada a esta artista que, contra …
“Veneradas e Temidas” ~ O poder feminino entre dualidades | Lito Caramés
Exposición Venerades i Temudes. El poder femení en l’art i les creences. Caixaforum. Divinas dualidades.