Lembro que aínda era noite cando espertei. A xente ollaba o ceo alumeado polas escintilantes estrelas. De socate, un lampo fugaz moveuse a gran velocidade, creando un fermoso espectáculo. Estou seguro de que os chamáns nos falarán do seu significado na cerimonia de hoxe no Templo do Sol.
Os deuses enviaban sinais para nos indicar as nosas tarefas. Nalgunhas ocasións realizabamos un sacrificio animal, como o da llama. Noutras, xuntabámonos arredor dos lumes e adorabamos as figuras de barro modeladas polos oleiros e que representaban os guerreiros que nos protexían, como facía o cóndor, encargado de levar as almas dos nosos mortos ata as estrelas.
Cando escaseaban os alimentos da terra, saiamos ao mar, a pescar nas nosas embarcacións de totora e, no tempo das colleitas, a Pacha Mama bendicíanos cos seus alimentos.
Esa noite a maxia flotaba no aire. Quilla, a Lúa, acababa de nacer e brillaba no ceo xunto con Venus. A estrela fugaz agarimara a ambos co seu resplandor deixándonos unha mensaxe. Iamos subindo pola ladeira da duna cara o sagrado Templo do sol. Alumeabámonos con fachos en honra á Lúa Nova, a Venus e ao Solsticio, unha conxunción astral propicia.
Ao chegar ao Templo, cruzamos as tres órbitas polos túneles, ata nos agrupar no Centro do Pai Sol, arredor dos chamáns e o Curaca que rexía Chankillo. Tras un fondo silencio, escoitamos o son da buguina e o Curaca falounos con voz vibrante e transcendida de emoción: chegara o tempo do Solsticio de Inverno, o tempo das colleitas.
O Sol, Inti, amencía na Primeira TorreLúa para iniciar o seu novo periplo e percorrer, outra volta, o longo camiño das Trece Torres construídas polos nosos devanceiros. Os sabios chamáns pasaran moitas lúas e soles consultando o ceo e, consonte o movemento dos astros, sinalaron a posición precisa das Trece Torres Lúa aliñadas de Norte a Sur no monte Chankillo.
O Curaca chamoume para me encargar a misión de seguir o paso do Sol e da Lúa, ademais dos outros astros que se albiscaban ao amencer e ao declinar de Inti, no seu incesante camiño de reencarnación ata a última Torre.
Nalgunhas ocasións, ao camiñar cara as Torres, atopábame con algunha das “presenzas” que velaban por nós. Eran enviadas polos deuses que moraban no mundo invisible. Ás veces, elas, facíanse visibles. Aparecían cando realizabamos os rituais en honor ao noso deus supremo A apaec.
Conforme transcorrían os días e as noites observando o ceo, sentía que eu tamén ía cambiando cos astros e aínda que algunhas noites anubraba, podía intuír o movemento das estrelas que nos guiaban.
Decateime de que en Chankillo o ceo únese coa terra para crear a vida a través da auga, regando as nosas colleitas nutridas pola luz do Sol e o magnetismo da Lúa, a sutil dona da noite.
Os moches estamos unidos por unha forza espiritual que nos permite vivir en harmonía coa natureza do deserto, a influenza dos ceos e a sabedoría do Universo.
Chankillo une o ceo coa terra
ALLIN HAMUSKA/BENVID@S
Solsticio de inverno de hai 2.300 anos.
Gustavo García Roig
NOTA: Tradución ao galego por xentileza de Chisco Fernández Naval.
You might also like
More from Audiovisual
Inma Doval: “[círculo dentro do círculo]” | Carla Nepomuceno
O corpo, a vertigem, os ângulos... são alguns dos elementos que encontramos em [círculo dentro do círculo] de Inma Doval …
Marta Cortezão: “Cantiga Maria” | Carla Nepomuceno
A escritora Marta Cortezão lê um poema seu intitulado CANTIGA MARIA, deleitando-nos com a sua escrita.