Pequenos libros de artista e obxectos-poema
Coa exposición “Este non é o poema” de Emma Pedreira, comeza a súa andaina o proxecto Nómades: entre a palabra e a imaxe, baixo a organización e curadoría de Inma Doval Porto. Trátase dun proxecto artístico-discursivo que tende unha ponte entre o verbal e o visual, entre o texto escrito e outras formas de expresión creativa como son a colaxe, o debuxo, a fotografía, a vídeo creación, a pintura ou a e escultura. Dentro deste proxecto teñen o seu espazo autoras galegas que son nómades entre a poesía e as artes plásticas e visuais, todas elas poetas. Exporán as súas obras na libraría Biblos de Betanzos e participarán en actividades paralelas onde se manterá vivo ese debate arredor das súas “labores múltiplas”: entrevistas, presentación de libros, proxeccións ou faladoiros sobre a inespecificidade da arte e poesía contemporáneas. A mostra de Emma Pedreira pode visitarse até o 3 de marzo.
Emma Pedreira, artista polifacetada e poliédrica, é unha das creadoras máis salientábeis do panorama literario galego actual. Porén, se ben o seu oficio creativo máis coñecido é a escrita, cada día nos sorprende con novos produtos artísticos que estenden o poema alén da páxina e da palabra, sen abandonar a súa esencia. O tamén artista múltiplo António Aragão (1981), nun texto sobre o que el denominaba a “arte do movemento”, afirmaba que a poesía está en continua experimentación e desprazamento, que muda constantemente de expresión e que é iso, precisamente, o xerme da súa existencia. Ese movemento está unido ao xogo e tamén ao acaso, ao encontro, a re-utilización de materiais que son desprovistos do seu significado inicial para ser unicamente signos con posibilidade de inter-acción. Igualmente, insistía na arte como “campo de possibilidades” e na poesía como xogo, sen o cal non podería ser considerada como tal.
A autora galega preséntanos unha escolma das súas colaxes, creadas desde 2018 até hoxe, un total que se aproxima ao medio centenar de arte-factos verbo-visuais onde a colaxe e a ensamblaxe xogan co poema ou ben son, o propio poema. Así, en-caixa, mora, habita, intérnase e avanza nunha colaxe-poema ou nun poema-colaxe onde todo é palabra e todo é imaxe, ora ben, non sempre é o que semella ser. De feito, en “Este non é o poema”, a iconicidade da imaxe está en discusión. O título da exposición remite á obra ben coñecida de Michell Foucault sobre o pintor surrealista belga René Magrite “Ceci n’est pas une pipe” e sitúanos ante un desafío lúdico que nos leva a unha das continuas reflexións da obra de Emma Pedreira: a re-significación das imaxes e da palabra.
O punto lúdico, de xogo e transformación é unha constante do seu facer e, en ocasións retoma o fío dalgunhas voces da poesía experimental portuguesa como Salete Tavares ou Alexandre O’Neil. Paradigmáticas, neste senso, son as pezas onde re-crea a táboa periódica dos elementos químicos, para construír, cos seus símbolos un poema.
Cada peza mantén a ilación constante coa palabra, a linguaxe continúa a ser a poética porén, con outros materiais. Ela extrae, re-corta, des-membra, cola, re-constrúe e re-significa, re-contextualiza, agrega e ensambla, mesmo borra, elimina e recupera, troca. O corpo feminino tamén se fragmenta e se metonimiza. A boca, órgano da palabra, protagoniza moitas das súas colaxes, como o fai o corazón, o embigo, a cabeza ou as extremidades. Podemos observar como, nas súas redes sociais, utiliza hashtags diversos cos que crea designacións propias para novas variedades de colaxe: skin-colage ou mouth-colages que fan referencia a esas composicións en que a centralidade da boca ou da cabeza son absolutas.
As súas colaxes son orgánicas cun constante devir entre o humano e o vexetal ou animal. As plantas fan parte dunha conexión co herbario e o ritual, poden mesmo ser invocación, como a autora ten indicado nalgunha ocasión. Algunhas das obras expostas inclúen eses elementos colados ou ensamblados a modo de obxectos encontrados.
O herbal mantén a conexión co papel, elemento que a autora non perde nin nas súas ensamblaxes por ser elo de cohesión coa palabra. Bo exemplo son as colaxes da serie “As cicatrices son para a amante”, creadas sobre papel de realización artesanal. A autora presenta unha selección de sete pezas a modo de metáfora sinestésica onde podemos participar de sensacións táctiles, olfactivas, visuais, gustativas ou, mesmo auditivas, a través dos elementos que a autora incorpora: a pel que “garda esencias”; o sutil dunha buganvílea seca, quebradiza, sonora, que fica detida, no papel, no seu proceso efémero de disolución; o recendo que desprende a lavanda, de talo áspero e cor violácea; ou o sabor das rosáceas e a “sede inútil” que reza un dos textos.
Salientamos a variedade de materiais utilizados, procurados ou procedentes do acaso. Recortes extraídos de revistas, libros, folletos, carteis publicitarios, prensa, fíos e bastidores de costura, pétalas, penas de paxaro, “l’object trové”, material de refugallo que ela encaixa no papel e re-significa. Sempre en composición manual, nunca dixital.
Alén das colaxes, destacan na exposición os pequenos libros de artista e poemas-obxecto, onde a autora lle dá unha volta ao tradicional formato do poemario nunha sucesións de corpos mínimos con dobras, colaxes, pintura e, de novo, multitude de obxectos encontrados. O papel prégase en multitude de formas, incorpora cambios espaciais, movemento que acrecenta a diversidade de lecturas e ese efecto lúdico.
A tradición, o ritual, a costura, o fío subversivo, a enunciación a través doutras voces (as ancestras, as poetas, as bruxas, as loucas, as mulleres que son parte da historia e foron e son silenciadas), son elementos constantes na súa obra e están, igualmente, presentes nas colaxes. Na mostra hai pezas onde a autora dialoga con outras autoras, como Rosalía de Castro, ben con presenza na propia imaxe ou co xogo que establece co título. Neste senso hai un forte discurso de empoderamento da muller, mesmo na propia utilización da colaxe, xénero que ao que na creación de artistas masculinos das vangardas lle foi dado o valor de obra de arte experimental, no entanto, na creación feminina é desvalorizado e desprovisto desa consideración.
A dor tamén ten o seu espazo, o dano que se repite en cada punzada da agulla e nese corazón víscera “ferramenta translúcida que nos atravesa, Esta bala enquistada que nos acompaña” (Pedreira, 2002, p. 43), un “animal carroñeiro, sempre irá devorar o dano” (Pedreira, 2018, p. 21).
Referencias
Aragão, A. (1981). A arte como «campo de possibilidades. En A. Hatherly y E. M. de Melo e Castro (Eds.), PO.EX: Textos teóricos e documentos da poesia experimental portuguesa (pp. 102–105). Lisboa: Moraes Editores. Recuperado de https://po-ex.net/taxonomia/transtextualidades/metatextualidades-alografas/antonio-aragao-a-arte-como-campo-de-possibilidades/
Pedreira, E. (2002). Os cadernos d’amor e os velenos. A Coruña: Espiral Maior.
Pedreira, E. (2018). Antídoto. Santiago de Compostela: Alvarellos.
You might also like
More from Crítica de arte
Suzanne Valadon, artista valente | Lito Caramés
Agora, no MNAC, pódese disfrutar da mostra Suzanne Valadon. Una epopeia moderna, unha antolóxica dedicada a esta artista que, contra …
“Veneradas e Temidas” ~ O poder feminino entre dualidades | Lito Caramés
Exposición Venerades i Temudes. El poder femení en l’art i les creences. Caixaforum. Divinas dualidades.