O andar Principal da Pedrera, o edificio de Gaudí, acolle as creacións, recreacións e xogos plásticos de Frederic Amat. Amat atrévese a redeseñar as divisións de Gaudí, a instalar inquietantes pezas negras. Cal é o resultado deste diálogo entre o arquitecto modernista e o artista do século XXI?
Lito Caramés
Frederic Amat recrea o seu particular zoótropo na Pedrera
Frederic Amat tanca la quadratura dels cercles i dibuixa la teranyina dels seus discursos projectuals de manera que la coherència eclipsa qualsevol ambigüitat. Tot té sentit i el seu ordit és tant convincent i dens que es diria que no hi havia una altra opció, un altre camí. El seu poder de seducció i de convicció el fan el dilettante idoni per dialogar amb l’arquitectura i amb la ciutat, afegint-hi formes, incorporant-hi continguts i negant que l’ornament sigui el crim que la modernitat va sentenciar (Miquel Adrià, comisario de Zoótropo).
Zoótropo: aparello no que se coloca unha banda con figuras debuxadas en fases sucesivas dun movemento que, ao virar o aparello, produce a ilusión do movemento das figuras. Na presentación da mostra FREDERIC AMAT_ZOÒTROP –instalada no andar solemne da Pedrera– o propio artista recoñeceu que, mentres percorría os espazos do piso Principal da Pedrera –o que foi fogar da familia Milà, de 1.200 m2–, mirar polas fiestras cara o Passeig de Gràcia facíalle a impresión de que estaba dentro do zoótropo, e que as fiestras deseñadas por Gaudí non eran máis ca sucesivas aberturas por onde a realidade exterior se lle manifestaba en diapositivas, co efecto de movemento. E, pola contra, outras veces coidaba que eran as persoas de fóra as que eran observadoras da máquina estroboscópica formada por un tambor xiratorio, cuns cortes a través dos que os viandantes poden ver, non unha serie de debuxos xirando, senón a el mesmo pasar polas fiestras (cortes na parede da Pedrera) e producindo así o movemento, que é o efecto do zoótropo.
Frederic Amat (Barcelona, 1952) é un dos creadores máis recoñecidos do actual espazo artístico de Cataluña. Para Amat a arte é a vida, e por tanto non desliga a súa creación artística da realidade social na que vive e respira. Por iso tamén é un creador vitalista, controvertido e crítico. É dicir, non é unha persoa cómoda, como demostran as polémicas propostas que fai e ten feito para espazos públicos da cidade de Barcelona e mais de outros lugares. A última, e aínda non rematada, é a súa intención de actualizar, mellorar, dinamizar a fachada do Teatre del Liceu (ese emblemático edificio das Ramblas que se queimou hai uns anos, restauración que logo se pagou con cartos públicos) cuns aros vermellos, que escandaliza a unha parte da sociedade benestant barcelonesa. Precisamente o seu quefacer artístico é aberto, multidisciplinar, e abrangue moitas linguaxes na busca da estética: a pintura, o debuxo, a escultura, a instalación, a performance, a ilustración de libros, o audiovisual, a creación escenográfica para representacións teatrais, e por suposto as intervencións en espazos arquitectónicos, tanto interiores como exteriores.
F. Amat. Penjoll, 2012
Poema Pedra e columna de Gaudí
Tres espazos na Pedrera para a creación e a recreación de Amat
L’espai expositiu de la Pedrera és una ocupació del que va ser l’hàbitat de la família Milà. Vaig constatar que aquí queda una presència d’allò que va ser en el seu moment, per això he recuperat les estànces, tot fent un recorregut fantasmagòric. El temps agafa sempre la forma de l’estança (Frederic Amat).
Antes de entrar nas salas da exposición propiamente ditas, no patio oval é doado contemplar unha sorte de colar de doas negras e de dimensións xigantes, que percorre toda a altura da Pedrera. A obra leva por nome Penjoll, que ben se pode traducir por Colgante, alfaia que se coloca no pescozo. É unha peza elaborada para ser instalada noutro edificio do Eixample, pero por razóns varias houbo que retiralo. Agora enche os baleiros do patio con evidentes referencias a un acio de dátiles maduros, ou, quizais, os ovos cilíndricos e negros dalgún insecto xigantesco dispostos a eclosionar en calquera momento; máis a partir de agora que veñen as calores.
No comezo do percorrido, a carón dunha das columnas que Gaudí máis decorou, atópase a montaxe audiovisual Pedra, precisamente para comezar establecendo un diálogo entre as pedras (a columna de Gaudí) e as creacións de Amat. O audiovisual Pedra consiste no recitado do poema Pedra por parte do seu autor, o poeta brasileiro Arnaldo Antunes, desde São Paulo, e a montaxe visual que aquí en Barcelona fixo Frederic Amat. Unha colaboración a distancia. Ao entrar nas primeiras salas salta a sorpresa, o arrepío ante o descoñecido. No primeiro terzo da extensión da vivenda dos Milà, Amat decide revivir a memoria do edificio tal e como Gaudí a proxectou. Despois de vendela a señora Milà, e posteriores reformas, o Principal da Pedrera non ten divisións verticais: a planta está núa de paredes interiores; a señora Milà decidiu tirar todos os tabiques e os teitos, pezas moi traballadas con motivos vexetais e con referencias oníricas. Só se salvaron (isto é ben curioso) os teitos orixinais das dependencias da servidume: alí a señora Milà non entraba e por suposto nada lle incomodaban aquelas cousas que argallara Antoni Gaudí, a quen, por certo, non soportaba. Pois ben, o artista Frederic Amat refai esas divisións. E faino cunhas estruturas de madeira, seguindo a que de certo sería a división orixinal. Para facela, Amat e o seu equipo deixáronse guiar por fotografías antigas e mais polas divisións que conservan os andares superiores, onde si continúan estando as paredes interiores. E para non facer das tales paredes barreiras definitivas, sobre unha estrutura de madeira colócanse teas brancas translúcidas, que deixan entrar a luz de fóra e permiten ter unha certa perspectiva do conxunto. As teas brancas e transparentes fan pensar naquel xogo lumínico que no filme Goya en Burdeos (1999) usou Carlos Saura para, sen mover a cámara, dar paso a acción nun cuarto ou noutro. E en cada espazo destes, recreado segundo as direccións do mestre Gaudí, unha peza de Amat. Como chamarlle a esas pezas negras, de cerámica, de varios metros de longo e cuberta negra e brillante? Frederic Amat denomínaas Càpsules de Momòria. Suxestivo nome.
Na presentación, actividade na que o autor da Homenaxe a Salvador Espriu (instalado nos Jardinets de Gràcia), desbordou enerxía e tempo co gallo que se comprendese perfectamente a intervención que fixo dentro dunha vivenda tan importante como é o Principal da Pedrera, e en diálogo coa creación revolucionaria que Gaudí e axudantes fixeron a comezos do século XX. Na presentación de Zoótropo, Amat afirmou que as pezas negras, de cerámica, eran crisálidas. Crisàlides de les quals, en questió de dos mesos sortirà alguna cosa. E non deu máis pistas do que alí pode acontecer. Estas crisálidas, Càpsules de Memòria, son pezas que provocan sensacións contraditorias. Por unha parte, semellan pequenos refuxios negros, con tellados negros e brillantes, hórreos primitivos onde as persoas do neolítico atesouraban as súas colleitas. Pero, se se observan con atención, con tempo, e coa luz do sol incidindo directamente naquelas masas tan escuras, pódese pensar que son realmente crisálidas absorbendo toda a enerxía que lles dá a primavera mediterránea, para abrirse en formas orgánicas descoñecidas. O negro, xa se sabe, é a cor que contén todas as cores; quizais por aí vai o da memoria. Que sairá de aí dentro? Sairán personaxes que revivirán o proceso creativo do edificio? Aparecerá Gaudí cos planos da Pedrera dirixindo e coordinando pedreiros, ferreiros, ceramistas, etc? As Càpsules de Memòria fan pensar en formas sacadas dalgunha película de ciencia-ficción, inquietantes. Aliens amistosos? E por que non animais? Coas súas cubertas de cerámica negra brillante calquera defende que son armadillos en proceso de xestación, e que calquera día arrincan a camiñar. Ou noutros animais courazados: o Rinoceronte, de Durero, quizais? Amat tamén comentou que ás veces mesmo se lle asemellaban a cabalos coas súas cobertoiras, típicas do Medievo; tal como aínda os pintaba Simone Martini.
Para ter unha primeira visión panorámica de todo o que Amat fixo no Principal da Pedrera (Casa Milà) resulta moi ilustrativa esta montaxe audiovisual, que percorre os tres espazos expositivos que o artista Frederic Amat decidiu que tivese a mostra FREDERIC AMAT-ZOÒTROP.
F. Amat. Càpsula de Memòria e divisións na Pedrera,
Sala da Pedrera con proxectos de Amat.
Frederic Amat, artista total con querenzas dos espazos públicos
Frederic Amat treballa fora de camp des dels límits disciplinaris on es troben la pintura, l’escultura, l’escenografia i l’arquitectura. La seva obra és del segle XXI, però està carregada de ressonàncies de tots els temps i condensa els enigmes de l’art per solidificar-se en una obra total (Miquel Adrià, comisario de Zoótropo).
No segundo espazo, como se dun segundo acto teatral se tratase, Amat instalou as pezas máis persoais. Pezas que sobrepasan a pintura, o vídeo e outras maneiras de arte coñecidas: para min a arte é transportar a realidade a outros lugares e así enriquecela, asegura o artista, autor da fachada do Instituto do Teatro de Barcelona. Unha das pezas máis sorprendentes é un filme de 35 mm. que está a pasar repetidamente sobre unha parede, e semella raiado, en mal estado. E non, a realidade (esa outra realidade da que fala Amat) consiste en que o filme que pasa e pasa non é unha película ao uso: trátase dunha cinta de 35 mm. (de título Estela) sobre a que Amat enganchou cabelos seus; o que semella deformidade son as liñas dos propios cabelos. Un pouco máis adiante hai outra proxección consistente nun audiovisual onde as mans (só as mans) de Nico Baixas executan movementos de ballet, mentres a voz de J. V. Foix recita o poema Una rosa amb un ganivet al pit… Para pechar este segundo acto, como se da trama dunha peza teatral de tratase, Amat instalou unha filmación titulada Carabanchel. Despois de pechar a prisión de Carabanchel, tristemente famosa nos negros anos do franquismo, entraron nesas instalacións o okupas, e guindaron parte do mobiliario carcerario (mesas, cadeiras, caldeiros, vasoiras) aos patios, quedando moitas das pezas enganchadas nunha tela metálica que se instalara previamente para evitar precisamente o lanzamento de obxectos. E o que fixo Frederic Amat foi un travelling, unha filmación seguindo a lonxitude do patio, proxectando a cámara ao ceo, e mostrando todo o mobiliario que se acumulou. Velaquí o vídeo Carabanchel. E neste outro vídeo pódese ver ao artista Frederic Amat entrevistado no seu estudio.
A terceira e última parte, o terceiro acto da exposición, é un percorrido interesantísimo por moitas das intervencións de Amat en espazos públicos, ora edificios, ora parques ou xardíns. A continuación cítanse algúns destes traballos; todos non, pois na Pedrera preséntanse 14 dos que o artista leva feito ou proxectados. No ano 2010 Amat fai unha intervención no renovado Teatre Lliure de Gràcia. Todo o espazo interior que alberga a escaleira que leva á sala de representacións é decorado co que o propio artista denomina Pluja de Sang, centos e centos de gotas de cerámica vermella esmaltadas que enchen as paredes. A metáfora pode estar nas gotas de sangue que verten simbolicamente as pezas teatrais (traxedias, dramas) que no Lliure se representaron e representan. Pero tamén poden ser gotas de viño tinto, dunha xenerosa garnacha do Ampurdà, ou do Priorat, pingas de viño que remiten a Dionisos, deus do viño, si, pero tamén o deus ao que indirectamente se lle atribúe a creación do teatro, por medio das festas dionisíacas que se lle afrendaban, e das bacantes, sacerdotisas que danzaban posuídas polo espírito do deus do viño.
Na Pedrera, Frederic Amat tamén deixou deseños, estudos, fotografías e vídeos da obra Solc, a homenaxe ao poeta Salvador Espriu que lle fixo a cidade de Barcelona. Trátase dunha peza de formigón que xoga coa forma do obelisco instalado na encrucillada Passeig de Gràcia con Diagonal (non se sabe se é o seu reflexo, a súa sombra, ou o seu negativo), e tamén coa forma dun ataúde. Amat di que el quixo referir o obelisco, monumento a Pi i Margall e á Primeira República, que foi inaugurado por Lluís Companys en abril de 1936. Amat quere recoller esa memoria republicana (da primeira e mais da segunda) e facer de Solc (suco aberto na terra) outro obelisco tirado na terra, un negativo, un reflexo do que está en pé. Pero a forma do monumento remite ao catafalco do poeta morto, á nave que partiu pola lagoa Estixia e que xa non regresa. Como anécdota (pero que afirma que para Amat arte e vida é todo o mesmo) dicir que nos últimos días o Concello de Barcelona decidiu mudar o nome que tiña ata agora a praza onde está o obelisco, monumento a Pi i Margall, e devolverlle o nome que tiña durante a Segunda República: Cinc d’Oros.
O mesmo acontece cunha das máis soadas intervencións nunha fachada de Barcelona. Trátase do Mural de les Olles (2001), que instalou na nova sede do Institut del Teatre, en Montjuïc. A intervención consiste en enganchar na mesma fachada unhas 2.000 olas de barro cocido, diferentes, que a modo de teselas elaboran un mosaico moi escenográfico. Frederic Amat comenta que a el acaban semellándolle caveiras que miran cara á rúa, facendo un xogo co lugar onde están (Institut del Teatre) e con algunhas das pezas teatrais inmortais: Hamlet, por exemplo. A seguir do Mural de les Olles, Amat fixo outra intervención ben relacionada con esta antedita. As olas para a fachada do Institut del Teatre foron cocidas nos Tallers Artigas, de Gallifa. E unha vez acabado ese traballo falaron de facer unha intervención na fachada dos Talleres Artigas, e o resultado foi Pits de Gallifa, unha sucesión de peitos, tetas, de arxila que Amat foi executando torneando unha sorte de huchas.
Para remate, volver citar o proxecto aínda non levado á práctica do Cercle Obert, a proposta de renovación da fachada do Teatre del Liceu, sito nas Ramblas barcelonesas. Non se trata de círculos vermellos completos, senón círculos cortados de xeito que a parte que mantén Amat representa a forma que tiñan os teatros gregos e romanos; e tamén a forma da sala principal do Teatre del Liceu. Polo de agora a posible intervención está parada pola negativa do Concello de dar autorización. Haberá rectificación?
Lito Caramés
F. Amat. Pluja de Sang. 2010
F. Amat. Mural de les Olles. 2001
EXPOSICIÓN: FREDERIC AMAT-ZOÒTROP
ata o 16 de xullo de 2017
You might also like
More from Crítica de arte
Ana Tomé: Intemporalidade | Inma Doval
Ana Tomé: Intemporalidade. Exposición de fotografía no espazo cultural da libraría Biblos de Betanzos (mes de marzo de 2024) | …
Os folgos da escultura flúen polas veas de June Crespo | Lito Caramés
Estes meses o Museo Guggenheim instala nas súas salas unha importante mostra dos traballos da escultora June Crespo: Vascular. Que …