Jules Laforgue foi, durante moito tempo, considerado un «simbolista» menor do que só se falaba porque morrera moi novo. Foi a comezos do século XX, cando os críticos notaron a influencia que exercía en Apollinaire que o seu nome comezou a ser reivindicado (con todo, as súas poesías completas só apareceron en 1970, na Editorial Gallimard, no Livre de Poche, en edición de Pascal Pia). Anos máis tarde, a editorial suíza-francesa L’âge de l’homme publicou, en tres volumes, as súas obras completas (Lausanne, 1986, 1995, 1996) a cargo dun equipo de investigadores. Non obstante, cabe lembrarmos que, por exemplo, os surrealistas non o tiñan en grande consideración. Nunha das súas famosas listas de Lede/Non leades, que marcaron a máis dunha xeración de poetas e lectores, podíase ler: «Lede a Tristan Corbiére/ Non leades a Jules Laforgue». Inxustiza por parte dos surrealistas. Por que non? Mais, quen era Jules Laforgue, coñecido nos nosos lares, sobre todo, pola influencia que exerceu en Luís Pimentel?
Laforgue (como Isidore Ducasse, conde de Lautréamont e Jules Supervielle) é o segundo, por orde de nacemento, dos tres grandes poetas franceses nacidos en Montevideo. Seu pai, primeiro profesor e logo empregado de banco en Montevideo, enviou o seu fillo a estudar a Francia aos seis anos, como interno no Liceo de Tarbes (cidade na que tamén morou Ducasse) co seu irmán maior, Émile. Alí permaneceu sete anos. Ao regresar a súa familia a Francia, foi vivir a París con ela. A familia regresa ao Midi e Laforgue fica na capital francesa e comeza a frecuentar os medios literarios, sobre todo o dos Hidrópatas, onde coñece a Charles Cros, o poeta-inventor –quen influirá moito na súa poesía–, Paul Bourget, que aínda non se convertera no autor de fáciles versos que chegou a ser, e outros. Neses anos vive de humildes empregos: traballos de copista, crítico de arte, colaboracións mal pagadas en pequenas revistas. Neses anos coñece ao poeta simbolista Gustave Kahn, co que mantén correspondencia cando este exerce de militar en Alxeria. Foi Kahn quen lle aconsellou non publicar o seu primeiro libro, consello que Laforgue seguiu. Aos 21 anos, por medio de Paul Bourget obtén o posto de lector da emperatriz Augusta, avoa do futuro Guillerme II de Alemaña. Viviu en Berlín e acompañou en diversas viaxes á emperatriz, unha delas a Elsenor onde, como din moitos dos seus biógrafos, debeu cruzar co espírito de Hamlet e concibir o tema dunha das súas Moralidades lendarias (precisamente, a que daremos en tradución). Mais o «espírito» de Hamlet non só deu lugar a unha «moralidade», a un conto, senón que o lector das súas poesías completas ollará que moitos dos seus poemas teñen como epígrafe versos da obra de William Shakespeare dedicada ao príncipe de Dinamarca. Tamén escribiu poemas sobre Hamlet, etc.
En 1885 publica Les Complaintes e coñece a unha inglesa, Leah Lee, coa que casará o 31 de decembro de 1886 (antes tivera diversos amores, tanto en París como en Berlín). Minado pola tuberculose, ten tempo de compor o delicioso Le concile féerique e os poemas de L’Imitation de Notre-Dame la lune, e colaborar na revista La vogue, fundada por Gustave Kahn e mesmo completar o libro de «contos» Moralidades lendarias, que só verá luz postumamente, así como outros libros seus que aparecerán tras a súa morte ao coidado de Édouard Dujardin (coñecido, sobre todo, por ser considerado como o precursor do monólogo interior joyceano: Os loureiros están cortados) e Felix Fenéon (gran crítico de arte, anarquista e precursor, á súa vez, dos micro-relatos: Nouvelles en trois lignes, que se pode traducir como «contos en tres liñas» e como «noticias en tres liñas», xa que foron publicados en xornais). Morreu o 20 de agosto de 1887. A súa muller, que regresara a Inglaterra, morrería o 6 de xuño do ano seguinte, tamén de tise, como o poeta.
Non imos analizar a poesía de Laforgue, marcada por todas as tendencias da poesía simbolista, nin falar da súa riqueza lingüística, nin do influxo que exerceron sobre el as cancións populares, nin da súa maxia verbal, nin do uso, incomparábel, do verso libre. Nin mesmo do seu humor, da súa ironía, máis romántica que simbolista, nin dos seus sarcasmos, da súa procura de Deus e do seu abandono deste: «Pequena oración sen pretensión»: «Pai noso que estás no ceo (oh, alá enriba,/ Infinito que es tan inconcibíbel)/ Danos o pan de cada día/ […] Di!, considéranos aínda pobres nenos/ A quen se deben esconder as Cousas Serias?/ E a Túa Vontade só admite escravos/ Así na terra como no ceo?.. […]/ E déixanos en paz, mortos nos mellores mundos,/ Pacer, no noso curruncho, e fornicar, e rir!… […]», etc. Todo iso, e moitas máis cousas, dan unha poesía burlona, inxenua e decadente, sensíbel, doce, primitiva, simple, superior e clara. Ler a Laforgue é sempre un san exercicio. E cómpre lembrarmos aquilo que dicía T.S. Eliot: «Jules Laforgue e Tristan Corbière, en numerosos dos seus poemas, están máis próximos da escola de Donne que non importa que poeta inglés moderno».
Moralidades lendarias
Este volume de «narracións», aínda que acabado por Jules Laforgue en vida, non viu luz máis que postumamente, en 1890, tres anos despois do seu pasamento. A ironía, que era unha das características fundamentais dos seus libros poéticos, sobre todo de Les complaintes, aquí aparece case que desbocada. Nas cinco moralidades que compoñen o libro, Laforgue trata con sensibilidade refinada e simbolista, lendas e tradicións antigas, personaxes literarios e crenzas relixiosas, e interprétaas de maneira fantástica, despoxando os sentimentos e as paixóns do seu carácter ideal e dramático para mergullalos na realidade cotiá. Hamlet, Lohengrin, Perseo, Andrómena, Salomé, etc. personaxes que protagonizan estas moralidades, non son máis que pretextos para ironizar con humor sobre estes personaxes-lenda, sobre o seu medio histórico mediante anacronismos, bufonerías que se agachan maiormente baixo unha finxida gravidade, etc. En todos os «contos» ou «relatos», o poeta, tratando temas e personaxes impostos pola tradición literaria e cultural, rebáixaos ao rango dunha experiencia cotiá. É neste contraste sutil e na abundancia de reflexións amargas tinxidas de humor case negro que se deseña a actitude particular de Laforgue, alén e aquén do simbolismo, do que foi un dos máis grandes mestres: un romantismo (ao cabo, morreu da doenza típica dos poetas «románticos» segundo Hollywood: a tise) non confesado que se enmascara baixo o cinismo impertinente.
Hamlet ou as consecuencias da piedade filial
Nesta «moralidade», talvez a máis coñecida de todas ou, cando menos, a máis estudada, Laforgue preséntanos o famoso príncipe de Dinamarca. O personaxe, e a acción, escenificados polo poeta francés non son unha parodia (nin no sentido clásico nin no bakthiniano, da palabra). De primeiras, para «re-personalizar» o personaxe, o poeta chama na súa axuda, en primeira instancia, á alegría. Unha alegría perturbadora, que supón consciencia de si mais que tamén dá entrada ao paradoxo e a ambigüidade. Laforgue crea un Hamlet á súa medida. Esta é unha maneira de se apropiar do personaxe ou, se se quere, de se identificar con el. Maneira tamén de se autoironizar.
A pesar dos cambios de nome, os personaxes, e sobre todo Hamlet, son evidentemente os de Shakespeare. O lector, se coñece o orixinal shakesperiano, do que existe unha boa tradución ao galego de Miguel Pérez Romero, observará que o poeta francés mostra o seu personaxe mediante unha brillante parodia –no sentido clásico– dos monólogos da obra do dramaturgo inglés. A partir destas parodias, Hamlet é presentado como un desgrazadiño que intenta, sen éxito, achar, ou dar, un sentido á súa existencia.
Mais non é na parodia, nin no humor, nin na ironía, nin mesmo na crítica, que Laforgue, digamos, brilla. O «brillante» desta moralidade éa posición do narrador. Aquí, o autor relata a historia mediante un narrador algo «estraño»: non é un narrador «omnisciente», ese que tanto pánico produce en moitos modernos e todos os posmodernos. Non; o narrador entra no relato como un intruso, entrega indicacións escénicas e comenta os xestos e as intencións dos personaxes. Noutras palabras, entra como un director de escena, como un director de teatro. Ou se se prefire, como se o autor fixese un tratamento de texto da obra teatral de William Shakespeare.
No fondo, a posición do narrador –ao estar fóra da obra, en primeira instancia, ao saber que debe producir un «efecto» non de lectura senón escénico– de Laforgue disipa a ilusión narrativa e mostra, máis unha vez, que dirixe, á súa maneira, un texto e os seus personaxes: como fai o director teatral. Mais o papel do narrador non está nada claro, xa que ás veces se ben dirixe os personaxes, a súa presenza é tan invasora que é difícil distinguir o seu discurso do do seu heroe: Hamlet. O narrador sabe que a historia que está a contar é coñecida polo lector (o auditor? o espectador?), mais isto non lle impide asombrarse de repente dos acontecementos do seu propio relato, mais, no fondo, sabe que non é o seu relato, que simplemente está a «tratalo» textualmente. E xa ao final da narración (sic) o narrador noméase, aínda que talvez tamén aparecese antes na escena co nome do Anxo Gardián… e o anxo gardián dunha representación teatral é o seu «director» (sen contarmos cos críticos e o público).
Ora, o poeta francés tamén usa das astucias de vello narrador oral (que son as astucias dos primeiros textos teatrais), e outras máis, digamos, modernas (hipotexto, intertextualidade, etc.: esta «moralidade» laforguiana fará, xa fixo, as ledicias desa tendencia crítica dedicada ao intertexto, o hipotexto, o epitexto, o arquitexto e poñan vostedes todos os prefixos de que gusten e engádanlle o sufixo texto: en Palimpsestos G. Genette dedicoulle unhas páxinas). O narrador consegue inserirse na historia como personaxe e testemuña: no fondo, é tamén a súa historia o que está a contar: léanse os últimos «monólogos» de Hamlet e o seu desexo de triunfar no teatro.
A historia, repetimos, é a de Hamlet, príncipe de Dinamarca, tal como se coñece, ou tal como se debería coñecer, pero é modificada. Ora, unha das máis contundentes intervencións sobre o personaxe é facer do príncipe un dramaturgo en decrúa –con todo, isto xa existía, en moito menor grao, en Shakesperare. Hamlet, ao cabo, agora está moito máis preocupado pola cuestión da recepción e creación e da arte que por vingar a seu pai. Ademais, mediante outro movemento contundente, Hamlet decátase de que non é fillo da Raíña e que Yorick, o bufón, era medio irmán seu.
Laforgue desmotiva (desdramatiza!) o personaxe de Hamlet, que perde así as súas razóns (máis ou menos fondas, máis ou menos parvas, máis ou menos edípicas) que xustificaban o seu desexo de castigar á raíña e ao rei. Desmotivación que cambia rapidamente a motivación, porque, como percibirá o lector, Hamlet recibe un novo herdo: o herdo do narrador, é dicir, do director de escena.
HAMLET OU AS CONSECUENCIAS DA PIEDADE FILIAL
É máis forte ca min
Da súa xanela preferida, tan trémula cando se abre cos seus finos vidros romboidais de mallas de chumbo, Hamlet, personaxe estraño, podía, cando quería, facer círculos na auga, na auga, que é o mesmo que dicir no ceo. Velaí cal foi o punto de partida para das súas meditacións e das súas aberracións.
A torre onde, desde o irregular deceso de seu pai, o xove príncipe se arranxou decididamente para vivir, érguese como leprosa sentinela esquecida na punta do parque real, na beira do mar que é de todos. Esta parte de parque é a cloaca onde se verten os detritos dos invernadoiros, os ramalletes fanados de galas efémeras. O mar é o Sund, con vagas que son pouco de fiar, coa costa de Noruega á vista ou a cidade de Helsingborg, ese niño do indixente e positivo príncipe Fortimbras.
Os alicerces da torre onde o xove e infortunado príncipe se arranxou decididamente para vivir, afúndense miserabelmente á beira dunha enseada estancada onde o Sund se arranxa para enviar a podrecer o menos claro da espuma dos restos dos seus cotiáns e impersoais traballos.
O pobre enseada estancada! Flotas de cisnes reais de ollada retranqueira non fan aquí ningunha escala. Do fondo escuro de monllos de herbas soben, nos chuviosos crepúsculos, cara á xanela deste príncipe tan humano, os coros de antigos matrimonios de sapos, estertores viscosos expectorados por vellos acatarrados a que a menor variación atmosférica perturba os reumatismos ou as pegañentas posturas. E os últimos remuíños de barcos laboriosos apenas veñen perturbar, non máis que as perpetuas chuvieiras, a enfermidade de pel dese recanto de auga madura, oxidada por unha baba de fel varrida (como a malaquita líquida), cataplasmada aquí e acolá por grupos de follas chatas cordiformes arredor de rudimentarias tulipas amarelas, arrepiada aquí e acolá por pequenos ramalletes de xunco florecidos de fráxiles umbelas semellantes, entre parénteses, á flor da cenoria nos nosos climas.
Oh pobre enseada! Sapos nela, floracións inconscientes. E pobre punta do parque! Ramalletes que as mozas mal soa a medianoite se liberan deles. E pobre Sund!, vagas embrutecidas polos ávregos inconscientes, nostalxias limitadas polos gabinetes moi cotiáns do Fortimbras que mora en fronte!…
É polo que (agás tempestades) esta punta de auga é ben o espello do infortunado príncipe Hamlet na súa torre paria. No seu cuarto de dúas xanelas de vidreiras amarelas, unha a mostrar en gris cinsento os ceos, o amplo e a existencia sen saída, e a outra aberta ao queixume perpetuo do vento nos altos montes do parque. Pobre cuarto que se debate así no seo dun incurábel, dun insolvente outono! É hoxe sábado 14 de xullo de 1601; e mañá domingo, no mundo enteiro, as rapazas irán inxenuamente a misa.
Nas paredes, unha ducia de vistas da Xutlandia, cadros implacabelmente inxenuos, encomendados noutrora a un pintor que estaba na cadea, e dos que cada peza do castelo utiliza unha boa ducia. Entre as dúas xanelas dous retratos en pé: un, Hamlet vestido de dandi, co polgar enfiado no seu cinto de coiro groseiro, o sorriso atractivo desde o fondo dunha penumbra sulfurosa; o outro, seu pai, acoirazado cunha bela armadura nova, a ollada pícara e faunesca, seu pai o defunto rei Horwendill, irregularmente morto en estado de pecado mortal e cuxa alma teña Deus segundo a compaixón ben coñecida. Sobre unha mesa, no día de insomnio das vidreiras amarelas, un laboratorio de augafortistas irremediabelmente corroído de sucios leceres. Unha esterqueira de libros, un pequeno órgano, un espello de pé, unha mecedora e un aparador secreto (teme ser envelenado desde o sospeito deceso de seu pai). No cuarto de durmir, xunto da cama, un oratorio gótico en ferro forxado do que un xogo de chaves pode facer aparecer dúas estatuíñas de cera, Gerutha, nai de Hamlet, e o seu marido actual, o usurpador adúltero e fratricida Fengo, ambos modelados cun polgar cheo de verbo vingador e o corazón puerilmente furado por unha agulla, que ideas! No fondo da alcoba, ai!, unha ducha.
De negro vestido, espada ao lado, cuberto co sombrero de noctámbulo, Hamlet, debruzado na xanela, olla o Sund, o amplo e laborioso Sund, que deita o seu fluxo habitual de vagas vulgares, á espera do vento e a hora brincar maxistralmente coas humildes barcas dos pescadores (único sentimento que a fatalidade que pesa sobre elas lles consente).
Despois do ceo de onte, e á espera do de mañá, hoxe ceo pesado e macilento, non moi aliviado polo recente chaparrada, mais que promete un fermoso domingo para mañá. É xa o crepúsculo; un deses crepúsculos como as Crónicas do tempos nos informan cunha emoción tan pouco traballada; e os ruídos da cidade de Elsenor que un vasto estanque separa dos dominios reais, que comeza a dispersar e afogar os seus bulicios de día de feira cara ás tabernas.
–Ah! Déixaa fluír doce e ampla como estas vagas, suspira Hamlet. Ah!, do mar ás nubes, das nubes ao mar!, e deixar correr o resto…
E embala o feliz panorama inconsciente cun xesto ad hoc, e divaga así:
–Ah! Se soamente fose empurrado a traballar!… Mais todo é tan precioso de minutos e tan fugaz! E nada é máis práctico que calar, calar e actuar en consecuencia… –Estabilidade! Estabilidade! O teu nome é Muller… Realmente admito a vida rigorosa. Mais un heroe! En primeiro lugar, aparecer domesticado por un tempo e medios, é unha boa e leal guerra para un heroe?… Un heroe? E que todo o resto fose alzamentos de pano!…–. Se eu fose unha rapaciña de casa ben só permitiría que un puro heroe pousase os seus labios sobre o meu destino. Un heroe dos que se poden citar se é necesario grandes feitos, ou fórmulas… Ah! Neste tempo de danno et vergogna, como di Miguel-Anxo (home superior a todos os nosos Thorwaldsen), non hai xa rapaciñas; todas son enfermeiras. Esquezo as bonequiñas adorábeis mais, ai!, incansábeis, as víboras e as pequenas ocas de plumaxe para almofadas. –Un heroe! Ou simplemente vivir. Método, Método, que queres de min? Sabes ben que comín do froito da Inconsciencia! Sabes ben que son eu quen trae ao fillo da Muller a nova lei e que vou destronando o Imperativo Categórico e instaurando no seu lugar o Imperativo Climatérico…
O príncipe Hamlet ten cansazo no seu corazón, máis cansazo que ten en cinco actos, máis cansazo que a nosa filosofía vixía entre o ceo e a terra. Mais neste momento está particularmente irritado pola tardanza duns comediantes que non chegan e cos cales conta dunha forma moi tráxica; alén diso acaba de rachar en anacos as cartas de Ofelia, que desapareceu na véspera, cartas escritas, manía de nova-rica, en papel de Holanda-bis, tan rebelde a ser rachado que os dedos de Hamlet están a arderlle furiosamente. Ah! Miseria e rapazadas!…
–Onde pode estar a estar horas? Sen dúbida na casa dos pais, no campo. Saberá volver, coñece o camiño. A min, por outra parte, nunca me comprendeu. Cando o penso! Era adorábel e bastante mortalmente sensitiva, ao raspar un pouco encontrabamos a inglesa imbuída de nacemento da filosofía egoísta de Hobbes. «Nada é máis agradábel na posesión dos nosos ben que pensar que son superiores aos dos outros», di Hobbes. Así me amou Ofelia, como seu «ben» e porque eu era moralmente e socialmente superior aos «bens» das súas amiguiñas. E as frases miúdas que se lle escapaban, nas horas en que se prenden os candeeiros, sobre o benestar e o confort! Un Hamlet confortábel!1 Oh, mala sorte! Indulxencia, cando menos para o meu anxo gardián, senón para min. Ah! se se me aparecese calquera noite como esta, na miña torre de marfil, unha irmá, máis nova, de Helena de Narbona que soubo ir a conquistar a Florencia ao seu adorado Bertrand, conde de Rousillon, aínda sabendo o desprezo que tiña por ela!…–. Ofelia, Ofelia, miña cara mimosiña, volve, suplícocho; eu non volverei máis – No entanto, meu caro, e todo Hamlet que somos, facemos ás veces un cordial crápula. Basta! – Ah! Aí veñen.
Á esquerda, nas marxes de Elsenor, percibe (quen non oíu falar dos seus asombrosos ollos de andoriña de mar?) un grupo que non pode ser máis que o dos comediantes.
O barqueiro na súa ampla barquiña embarcábaos; un canciño ladraba a estes ouropeis; un pícaro deixara de botar a pelota. Un deses señores, moi envolvido con roupas, tomou como o barqueiro, e co xesto dun que se en canalla para divertir a compaña, un par de remos e singramos cara a… Índices estendidos mostraban o Castelo, unha das damas deixou caer o brazo nu a rentes da auga; e os ladridos, os risos, as voces, chegaban clarificados como en acuarelas. Tiña, certamente, a aparencia dun fermoso serán do século XVII.
Hamlet deixa a xanela e, instalándose perante unha mesa, ponse a follear dous delgados cadernos.
–Non obstante, vexamos! O meu primeiro impulso era entregarme ao horríbel, horríbel, horríbel acontecemento para exaltar a miña piedade filial, facerma en toda a súa irrecusabilidade do verbo do artista, facer berrar o seu derradeiro berro ao sangue de meu pai, requentarme o prato da vinganza! E velaí tomeille gusto á obra! Esquecín pouco a pouco que se trataba de meu pai asasinado, que lle roubaran o que lle quedaba por vivir neste mundo precioso (pobre home, pobre home!), de miña nai prostituída (visión que me estragou a Muller e me empurrou a facer morrer de vergoña e deterioro a celeste Ofelia!), finalmente do meu trono! Eu ía de brazo dado coa ficción dun fermoso tema. Porque é un fermoso tema! Refixen a cousa en versos iámbicos; intercalei futilidades profanas; tomei un sublime epígrafe do meu caro Filotectes. Si, detallei os meus personaxes máis fondo que a propia vida! Forcei os documentos! Co mesmo xenio defendín o bo heroe e o traidor vilán! E á noite, cando remachara a súa derradeira rima a algunha tirada resistente, adormecía a consciencia infantil, sorrindo a quimeras domésticas, como un bo literato que, co traballo da súa pluma, sabe sustentar unha familia numerosa! Durmíame sen pensar en facer as miñas oracións ás dúas estatuíñas de cera e revirar a súa agulla no corazón! Ah, tunante! Vaia monstriño!
O xove e insaciábel príncipe corre a se lanzar de xeonllos perante o retrato de seu pai e béixalle os pes na tela fría.
–Perdón! Perdón, non si, meu pai? No fondo coñécesme…
E levantándose, e non podendo eludir a ollada paterna, sempre e a pesar de todo chiscando detrás dunha expresión realmente faunesca.
–Por outra parte, todo é hereditario! Sexamos médico e natureza e acabaremos vendo claro.
Volve sentarse perante os seus cadernos, que incuba tamén cun ollar realmente faunesco.
–Dá o mesmo, hai fermosas páxinas aquí e se os tempos fosen menos tristes!… Ah! Non ser un simple letrado en París, montaña de Santa Xenoveva onde florece neste momento unha escola neo-alexandrina! Un modesto bibliotecario na brillante corte dos Valois! No canto deste castelo húmido, deste antro de chacais e personaxes groseiros, onde nin mesmo temos segura a nosa pel!…
Acaban de petar dúas veces cunha chave de ouro na argola de prata da porta. Entra un criado.
–As dúas estrelas da compañía están alí, segundo as ordes da Vosa Alteza.
–Que entren.
–E a súa Maxestade a raíña pregunta se a Vosa Alteza persiste en querer dar o espectáculo esta mesma noite.
–Inexorabelmente! E por que non?
–A Vosa Alteza non ignora que o enterro do lord chambelán Polonio é esta noite, á mesma hora.
–Vaites! Cantas consideracións! Uns representan mentres que os outros regresan aos bastidores, eis todo. Meu pobre vello, saibas que o Ideal selecciona para si mesmo o seu grao máis elevado.
O criado desaparece e, detrás da reverencia as dúas estrelas anunciadas, cerra a porta.
–Entrade, irmáns. Sentádevos e fumade un cigarro. Aquí tendes Dubeck e Bird’s-eye. Na miña casa non hai cerimonias. Ti, como te chamas?
–William, responde o mozo primeiro con xibón con mangas rachadas aínda cheas de po.
–E vós, miña bela dama? (Oh, meu Deus, que bela! Vai haber historia…).
–Ofelia, resume esta nunha especie de sorriso enfurruñado, un sorriso tan dubidoso retorcido de malestares, tan maléfico que o xove príncipe debe esaxerar para gañar tempo.
–Como? Unha Ofelia máis nesta poción! Oh!, esta usureira manía que teñen os pais de enfiarlle aos fillos nomes de teatro! Porque Ofelia non existe! É pura historia de palcos e de representacións! Ofelia, Cordelia, Lelia, Caopelia, Camelia! Para min, que non son máis que un paria, non tedes outro nome de bautismo (de Bautismo, entendede!) que me sirva?
–Si, Señor, chámome Kathe.
–Aleluia! E este acáevos mellor! Chúchovos as mans, oh Kate, por esta etiqueta.
Érguese e vai beixarlle o fronte, demoradamente, o fronte de Kate, do que se vira bruscamente para ir á xanela a esconder a cara entre as mans.
William fai un sinal á súa compañeira:
–Non nos enganaran. Éo.
–É posíbel? Responde, con toda a súa mansedume azul, os ollos de Kathe que, zas!, encontran a Hamlet que volve ao seu lugar.
Hamlet alza lisonxeiramente os ombros.
–E ben, meus fillos, abonda de tremoias. Que repertorios traedes?
–Temos As alegres comadres de Saint-Denis, O doutor Faustus, A Apoloxía de Menenius Agrippa, O rei de Tule.
–Dirédesme o resto pasado mañá, cando non o espere. Todo isto son belas concepcións, mais non concepcións inmaculadas como as miñas. Para aquí, e para esta noite, estudaredes secretamente o drama que vou darvos. Seredes ademais principescamente recompensados. É un drama meu. Só demanda tres papeis principais. Hai un rei, chámase Gonzago, e unha raína, Baptista; desenvolvese en Viena. A raíña ten relacións adúlteras e conspiradoras co seu cuñado Claudius. Un serán, o rei durme a sesta, choca os seus pecados en flor debaixo da glorieta; a raíña finxe que pela austeramente fresas para cando esperte o seu esposo. Xorde Claudius. Os dous cómplices intercambian un beixo silencioso, logo funden o chumbo nunha culler e vérteno delicadamente no oído do rei.
–Que horror!, deixa escapar Kate cun sorriso que morre de noxo.
–Non si? Horríbel, horríbel, horríbel!… Dicimos, por tanto, que verten o chumbo fundido (ese líquido tan claro!); o pobre rei Gonzago fina con grandes convulsións e estado de pecado mortal, reparade ben. Entón Claudius tíralle a coroa colócaa na súa cabeza e ofrece o brazo á viúva. A consecuencia de todo isto é que, a pesar dos máis aborrecidos prognósticos, William fará de Claudius e Kate a raíña, dous bonitos monstros, abofé.
–É que… dubida Kate.
–É que, declara William, a miña compañeira e máis eu só temos o costume de interpretarmos papeis simpáticos, preferentemente.
–Simpáticos? Fato de brutos! E sobre que podedes xurar que unha criatura é simpática aquí abaixo? E para máis, o Progreso!
–Nós estamos ás ordes do noso gracioso señor.
–Aquí tedes o manuscrito, William; confíovolo, non o extraviedes. Sen bromas, que o estimo moito. Preparádeo tranquilamente para esta noite. Agora, ollade o que subliñei con lapis vermello sangue de boi, deberá salientarse e realzarse. E todo o que o que rodeei cun círculo azul, podédelo suprimir como moi episódico, aínda que no fondo… en fin, por exemplo, todas estas coplas:
«Un corazón soñador de ollares
Puro de calquera espírito de conquista!
Estou tan canso de arte!
Ensaiar, que dor de cabeza!…
Oh lúa de mel
Descende do ceo!».
E esta:
«Oh miña alma brava
O carne altiva e recta
Son eu que cobizo
Ser o teu escravo».
–Vaites, é moi bonito!, deixan escapar William e Kate mirándose.
–Tedes razóns. Ah, se os tempos fosen mellores!… e esta:
«Encláustrate! O amor, o amor
Cambia nos tempos que corren,
Simple e sen fe como uns bos días».
–Realmente curioso, asegura o actor.
E Hamlet, príncipe de Dinamarca e criatura infortunada, exulta!
–E esta deliciosa redondilla:
«Era unha blusa
E ton e ron petitpa ta pon,
Era unha blusa
Que tiña todos os botóns…» etc.
–Et caetera, et caetera! A miña sorte, en fin, terá sido ben estraña!… Mais este, non o suprimades, é o canto de triunfal do usurpador Claudius, cantado coa música dos Presentimentos enganosos…, coñecédela?
«Estou en mesura
De probar que Deus
Mirará con bos ollos
Esta aventura!».
Vamos, entendémonos. Aquí tedes o manuscrito, confíovolo, meu querido William. Por outra banda, o espectáculo comeza só ás dez, eu irei un pouco antes aos bastidores para ver como vai a cousa. Na espera, non quereredes que vos amoeste non aceptardes isto?
As dúas estrelas méteno no bolso e saen cara a atrás.
William declama en sordina á súa compañeira:
A demencia está en todas partes e sen cerimonias
Golpea ao humilde mercador e ao actor de xenio,
E a garda que vixía as portas do palacio
Non protexe a Hamlet.
–Pobre rapaz!… suspira anxelicalmente Kate, e non ten un aspecto perigoso…
Hamlet, home de acción, perde cinco minutos en soñar diante do seu drama agora en boas mans. E logo exáltase:
–Iso é. O Señor Fengo comprenderá. A bo entendedor… Só teño que actuar, que asinar! Actuar! Matalo! Facerlle restituír a vida! Matar!… Onte adestreime matando a Polonio. Espiábame, agachado detrás deste tapiz que representa O Masacre dos inocentes. Ah, están todos contra min! E mañá Laertes e pasado maña o Fortimbras de alí enfronte! Hai que actuar! É necesario que mate ou que me evada de aquí! Oh!, evadirme!… Oh liberdade! Liberdade. Amar, vivir, soñar, ser célebre, lonxe! Oh! Querida aurea mediocritas! Si, o que lle falta a Hamlet é a liberdade. –Non pido nada a ninguén. Non teño amigos. Non teño un amigo que poida contar a miña historia, un amigo que me precedería por todas as partes para me evitar as explicacións que me matan. E non teño ningunha amiga á que podería gustarlle. Ah, si, unha enfermeira! Unha enfermeira por amor á arte, que só beixa moribundos, xentes in extremis, que non poden vangloriarse despois. E, no fondo, dicir que existo! Que a miña vida me pertence! A eternidade en si antes do meu nacemento, a eternidade en si despois da miña morte. E pasar así os meus días a matar o tempo! E a vellez que vén, a vellez repugnante, reverenciada e venerada polas rapazas, polas hipócritas e rutineiras rapazas. Non podo patexar así, anónimo! E deixar Memorias non me basta! Oh, Hamlet, Hamlet! Se soubesen! Todas as mulleres virían saloucar sobre o teu divino corazón, como noutrora saloucaran sobre o corpo de Adonis (con máis séculos de civilización enriba). –Puf, que interese poden ter pola miña biografía, co seu pan de cada día, arrodeada de amores e de mortes? Si, sen dúbida, un intre, no escenario, despois de cear, mais volvendo para a súa casa!… Os homes e as mulleres por parellas admirarán os meus escrúpulos de existencia, mais de maneira ningunha imitaranos e non sentirán vergoña por iso, entre eles, de home amado a muller amada, nos seus fogares. Máis tarde acusaranme de crear escola! E se eu nomease o meu sagrado Mestre, o meus universal Mestre! –No entanto, que só estou! E a época, en verdade, non axuda nada. Teño cinco sentidos que me ligan á vida, mais o sexto, o sentido do Infinito! –Ah!, aínda son novo, e mentres goce de desta saúde excelente. Vaites, vaites. Mais a Liberdade! A Liberdade! Si, ireime e regresarei anónimo entre as boas xentes e casarei para sempre e para todos os días. Será, de todas as miñas ideas, a máis hamlética. Mais esta noite é preciso actuar, é preciso obxectivarse! Adiante, por riba das tumbas, como a natureza!
Hamlet descende da súa torre, enfíase por un longo corredor tapizado con monótonas vistas da Xutlandia (aos que, ao pasar, lanza esgarros heroicos), despois vira por un patamar onde os dous alabardeiros sentinelas apenas teñen tempo de recoñecelo e presentarlle armas. Outros, nos bancos, xogan aos dados. Hamlet berra ao pasar: Sustine et abstine! Liberdade, liberdade!, e, asubiando, descende unha escada e áchase no peristilo de saída, diante da loxa do castelán.
A xanela do castelán está aberta; da persiana pende unha gaiola. Mesmo antes de ver esta gaiola, Hamlet corre cara a ela, ábrea, colle un tépedo canario adormecido, tórcelle o pescozo entre o polgar e o furabolos, e sen deixar de asubiar máis allegro, lánzao ao fondo da habitación, á cabeza (mais isto por azar) dunha rapaciña que está alá, a calcetar, aproveitando o derradeiro fío de luz do día, e que se detén, os ollos arregalados e as mans xuntas, diante desta fulminante maldade.
Hamlet foxe sen virar a cabeza. E de repente retrocede, vai cara esa xanela e entra nesa habitación. A rapaciña continúa alí, as mans xuntas, lánzase aos seus pés.
–Oh! Desculpa, desculpa! Non o fixen a posta. Ordéname todas as expiacións. Mais son tan bo! Teño un corazón de ouro como xa non se fan. Compréndesme, non si, compréndesme?
–O meu señor, meu señor!, balbucía a rapaciña. Oh, se soubésedes! Compréndovos tanto! Ámovos desde hai tanto tempo! Comprendín todo!…
Hamlet érguese. «Outra máis!», pensa.
–Está doente teu pai?
–Non, meu señor.
–Tanto peor: Mostrarías moito xenio ao pórlle cataplasmas.
–Oh! E a vós, que ben vos coidaría!
–De acordo, volverei pasar o próximo luns. O meu cáncer aínda non supura (non sei en verdade o que ten). Até o luns, caro anxo.
Hamlet afástase, debidamente aliviado. «Se matei o paxaro foi para adestrar a man», pensa.
Xove e infortunado príncipe! Estes estraños impulsos destrutivos sáltanlle a miúdo á gorxa despois da morte demasiado demasiado irregular de seu pai.
Un día, Hamlet partira a media maña para ir de caza. Esta vez, a premeditación mantivérao esperto toda a noite (a noite que trae consello). Armado que non podía máis con excelentes alfinetes, preludiou para empalar escaravellos que a Providencia puña no seu camiño e despois deixábaos continuar así. Arrancou as alas ás bolboretas fútiles, decapitou lagartos, cortou as pernas de detrás aos sapos, sazonou de salitre un formigueiro e prendeulle lume, recolleu moitos niños trilantes nas matogueiras e abandonounos na corrente do río próximo para que coñecesen o país. Todo isto segando ao mesmo tempo, segando á esquerda e á dereita mil flores sen consideración polas súas virtudes farmacéuticas. O bosque, cos seus mil rumores primaverais, seducíao, tal como o seduciría unha cámara de tortura coas súas mil crepitacións sobre os ferros candentes! E finalmente, polo serán despois dunha inútil sesta máis lonxe baixo as árbores que nin viran nada, ao regresar sobre os seus pasos un último espasmo incitouno a tirar das vítimas que non se puideran esconder para morrer, e que encontraba no seu camiño, unha libra de ollos cegos. Lavou as mans, engraxou as falanxes, facía estalar as falanxes, xa completamente inzado de malestar. Ah!, era O DEMO DA REALIDADE!, a alegría de constatar que a Xustiza só é unha palabra, que todo está permitido –e con razón, Santo Deus!– contra os seres limitados e mudos. Mais ao se aproximar ao castelo, Hamlet, rendido de insomnio e de estúpidas exaltacións, sentira a vasta mágoa do crepúsculo enredalo para o esganar. Entre a paso de lobo, corre a se fechar na súa torre, sen luz, chapuzando alucinado nun bulicio intermitente de ollos cegos, de ollos cegos enzoufados con indesecábeis bágoas, logo anicouse completamente vestido debaixo dos cobertores que lle quecían suores fríos, chorando o elixir das bágoas, pensando case en se asasinar, ou cando menos en se rachar a cara a modo de expiación. Ao sentir o seu corazón, o seu corazón de mouro mergullado para sempre na charca de pobres ollos cegos inmortalmente pensativos. Ao día seguinte: «Puff! Que ridículo fun! E as guerras! E as podremias de matadoiro dos séculos do mundo antigo, e todo! Penoso provinciano! Tunante! Pedicuro!».
Hamlet non se aflixiu máis no que respecta ao irreparábel asasinato do paxariño –simple rotación de válvula concedida aos seus animal spirits. É moi cómodo: e se Hamlet non pensa que non apreciou por outra parte moito á triste Ofelia (oh!, non moito por outra parte, pobre paxaro!), o seu Anxo da Garda fixo o mesmo .
O cemiterio de Elsenor xace amontoado en declive sobre o ampla estrada, a vinte minutos da cidade. Hamlet atravesa a súa tripla porta; cinco ou seis tendas viven aquí do Corpo de Garda. E logo, o campo como en todas as partes triste e plano, fóra murallas…
Obreiros regresan. Detense un cortexo de casamento, a pensar que podería facerse na cidade a esta hora.
En Elsenor ninguén recoñece ao príncipe Hamlet. Dubidan, non saúdan. E por outra parte, a súa pequena persoa… Xulgade…
De estatura media e altivo con excesiva naturalidade, Hamlet mostra, non moi alto, un gran rostro infantil: cabelos castaños a avanzar en punto sobre unha fronte case sagrada e a caer, lisos e débiles, divididos por unha pura raia dereita, que tapan dúas minúsculas orellas de rapariga; máscara imberbe, sen aspecto lampo, dunha palidez un pouco artificial mais xove; dous ollos azul-gris que se asombran por todas as partes e son cándidos, ora fríxidos, ora requecidos polos insomnios (bastante felizmente, estes ollos novelescamente tímidos irradian en pensador límpidos e sen mancha, porque Hamlet, co seu aspecto de ollar sempre para abaixo como buscando tentear con invisíbeis antenas o Real, faría máis ben o efecto dunha camándula que o dun príncipe herdeiro de Dinamarca); nariz, sensual, unha boca inxenua, ordinariamente aspirante, mais a pasar de présa do medio fechado da paixón ao equívoco ricto das galináceas, e desta carantoña cuxas comisuras son estiradas polos grillóns da galera contemporánea, ao riso irresistibelmente rachado dun bochudo pícaro de catorce anos; o queixo non é, ai!, moi prominente; e nada de voluntario, tampouco, no ángulo maxilar inferior, agás nos días de tedios inmortais en que a mandíbula, levando cara a adiante e os ollos por iso mesmo recuando na sombra do fronte vencido, toda a máscara recollida, envellece vinte anos. Ten trinta. Hamlet ten os pés femininos; as súas mans son sólidas e un pouco tortuosas e crispadas. Leva no índice da man esquerda un anel de esmalte verde con forma de escaravello exipcio. Só se viste de negro e camiña, camiña, co paso arrastrado e correcto, correcto e arrastrado…
Con paso arrastrado e correcto, Hamlet camiña no crepúsculo cara ao cemiterio.
Cruza con manadas de proletarios, vellos, mulleres e nenos que regresan das cotiás prisións capitalistas, curvados baixo o seu sórdido destino.
–Vaites!, pensa Hamlet, que o sei tan ben coma vós senón mellor. A orde social existente é un escándalo para sufocar a Natureza! E eu non son un parasito feudal. Mais que! Naceron así, é unha vella historia e non impide as súas lúas de mel nin o seu medo da morte, e ben está o que non acaba. –Si! Unha fermosa mañá levantádevos todos para que entón isto acabe! Metede todo a sangue e fogo! Esmagade como chinches de insomnio as castas, as relixións, as ideas, as linguas! Refacédenos unha infancia fraterna sobre a Terra, nai de todos nós, para ir pastarmos con eles a países quentes.
Nos Xardíns
Dos nosos instintos,
Imos coller
Con que sandar.
NOTAS
1 Lémbrese que en inglés Hamlet significa Casiña, aldea, etc.
You might also like
More from Narrativa
Doce Setembro | Morgado MBalate
Morgado Mbalate Doce Setembro Nasci do amor entre o senhor Henrique e a dona Palmira, numa madrugada de 6 de Setembro de …
Cidade Cinza, de Sara F. Costa | Uma entrevista de Nuno Santos
Sobre Cidade de Cinza de Sara F. Costa | Uma entrevista de Nuno Santos