Stéphane Mallarmé, como poeta, non foi ben recibido e moito menos ben entendido por estes lares, é dicir, en Galicia. Non imos reproducir comentarios, que existen, de insignes «figuras» das nosas letras sobre o autor de Un lanzamento de dados: son tan penosos que nos darían vergoña a todos: aos seus autores e a nós, os seus lectores. Tamén cabe dicir que até os anos 1980 talvez o poeta non fora comprendido do todo. É a partir dos traballos de Paul Bénichou, Jacques Rancière, Henri Meschonnic, James Sacré, Alain Badiou e outros, que Mallarmé comeza a ser considerado como un gran poeta. Como un poeta revolucionario, e non só no terreo literario, senón tamén no, digamos, «social». No social porque a gran lección de Mallarmé aos poetas incide directamente no social (quizais os seus poemas sexan os máis prístinos representantes do «anarquismo literario»). Cal é, xa que logo a lección de Mallarmé? A poesía está feita, faise, coas palabras de cada día, saturadas de sentido, o que conduce a unha solidariedade entre a linguaxe, e ético e o político –non a política, ollo! O esquecemento desta solidariedade –e outra das grandes leccións de Mallarmé– é o esquecemento do suxeito, e a poesía, sen suxeito, talvez non sexa nada.
Non imos, aquí e agora, falar da poética e da poesía de Mallarmé: fáltanos tempo e, sobre todo, saber, mais non debemos esquecer, por exemplo, que para Alain Badiou o autor de L’après-midi d’un faune é un dos catro dialécticos franceses, os outros tres serían –ou son, ben que é discutíbel, sobre todo polas ausencias– Pascal, Rousseau e Lacan. E a dialéctica de Mallarmé, aínda que presente nos seus poemas, fai acto de presenza, sobre todo, nos seus escritos en prosa. Léanse os seus textos Crises dos versos, Unha arte para todos, O misterio nas letras, etc. E léanse os textos que damos a continuación. Textos sobre teatro: durante un tempo Mallarmé escribiu, por encarga, diversas recensións de obras teatrais. (Tamén, hai que dicilo, nun tempo quixo triunfar no teatro e argallou algúns textos que nunca se coñeceron e que se reconverterían en poemas como L’après-midi d’un faune ou Hérodiade, cuxa estrutura para-teatral é indiscutíbel.) Recensións? Máis ben meditacións sobre as obras que «visionaba». Meditacións (ou apuntamentos) que conducen a unha clara idea do que debe ser o teatro: un teatro «mental», que se afasta tanto do teatro naturalista dominante no seu tempo como do nacente teatro simbolista: Maeterlinck, Ibsen, o primeiro, e grande, Claudel, etc. Este teatro mental, porén, só aparecerá, baixo outro nome, na década de 1950, e o seu gran representante será Samuel Beckett, cuxa filiación mallarmeana talvez aínda estea por descubrir. Ben que para Mallarmé o gran representante deste teatro mental, se xulgamos que o teatro mental renuncia, na súa recepción, á «maquinariaۚ» teatral no seu conxunto, esta debe ser suplantada pola lectura individual, é… William Shakespeare. Para Mallarmé, como pode percibir o lector nestes textos traducidos, e noutros integrados en Apuntado no teatro e en Divagacións, o texto teatral non está necesariamente vinculado ao teatro, é dicir, á súa representación. O que, tamén, se non lemos fonda e meticulosamente os textos do poeta, pode levar a pensar que Mallarmé clama por un teatro «elitista» (para el, o teatro mental era case que imposíbel na súa época, mais era completamente necesario) ou, o que é peor, pode conducir a un «teatro» ou a un texto «teatral» ou «parateatral» produtor de kitsch. De todos estes perigos, realmente existentes, escapa, ou elúdeos, o poeta ao nos facer ver que o teatro, mesmo mental, debe rexeitar tanto a «ditadura» do escritor como a superstición (fetichismo?) do texto, o que retomaría, sen nomealo, Antonin Artaud en O teatro e o seu duplo. Non obstante, cabe preguntarse se a renuncia ao texto non conduce o teatro a un cul-de-sac e o reduce, simplemente, a xesto, a berro, é dicir, a unha crise da que o teatro contemporáneo non puido fuxir desde o inicio dos anos 1950. Mais este é outro debate que haberá que pór sobre o tapete, lonxe das discusións académicas e dunhas prácticas populistas que confundiron teatro con espectáculo.
Estes textos que hoxe entregamos de Stéphane Mallarmé non foron os únicos escritos sobre teatro do poeta francés, hai algúns máis, pero pensamos que dan unha clara idea do que sobre «a arte de Talía» (por usarmos unha cursilada) pensaba un dos máis importantes poetas dos últimos dous séculos que tan mal recibido –et pour cause, e nunha próxima entrega explicaremos por que– entre os poetas galegos.
APUNTADO NO TEATRO (1)
O desespero no último lugar da miña Idea, que se debruza nalgún corredor colado ou de pasta de cartón, olladas perdidas, trazos anticipadamente fatigados de nada, porque, de xeito ningún!, despois de poucas palabras no taboado desdeñado por ela se non a fai virar o seu único salto, eis que inevitabelmente cochicha nun ton de angustia xorda e me tende a renunciar ao voo longo tempo axitado polo seu capricho. «Mais está moi ben, é perfecto –que é o que aínda pretendes, amigo meu?», logo, cunha man baleira de abano, «Ímonos (quere dicir) non obstante– nin sequera nos aborreceremos e temo non poder soñar outra cousa. –O autor ou o seu equivalente, o que querían facer, fixérono e desconfiaría que isto poida executarse mellor ou de forma diferente».
Que pretenden realizar, oh alma miña?, respondín unha vez e sempre desconcertado ou eludindo a responsabilidade de conducir aquí a unha exquisita dama anormal: pois non é ela, con certeza!, se cómpre vermos a nosa alma ou ben a nosa idea (ou sexa, a divindade presente no espírito do home) que despoticamente me propón: «Vén».
Mais é unha falta desconsiderada de previsión pola miña parte.
–«O que gustarían facer? Non tomou ela a precaución de prolongar face a face cunha finxida curiosidade «non sei, ou si…» reprimindo, a peor tortura de só poder achar moi bo e tampouco abominar isto a cuxo encontro veu e extraviouse! Un bocexo, que é a suprema, case inxenua e a máis solitaria protesta, mais cuxo horror radiante e visíbel a araña suspendía como un eco».
–«… Talvez isto?».
Ela explicou e aprobou con efecto a tentativa de xentes que cun talento indiscutíbel e mesmo con valentía se a súa inanidade era consciente, encher mais con elementos mediocres extraídos da súa especial noción do público, o orificio magnífico ou a espera que, como unha fame, se afunde cada noite, no momento en que brilla o horizonte, na humanidade –apertura de fauces da Quimera descoñecida e frustrada con gran coidado polo acomodo social.
Outra cousa semella inexacta e, con efecto, que dicir? Existe a solución mental como nos meandros dun drama e a súa inextricabilidade esixe de todo o que non pode falarse, ou a Visión mesma, calquera que se aventure nun teatro contemporáneo e real arríscase a ser condenado co castigo de todos os compromisos; se é un home de gusto, serao pola súa incapacidade de non deixar de aplaudir. Acho, por outra parte, por pouco que interese procurar motivos á placidez de tal personaxe, ou Nós, Eu, que o erro inicial radicou en acudir ao espectáculo coa súa Alma with Psyche, my soul (2): que esperades!, se todo aumenta segundo o banal malentendido de empregar, como por necesidade, a nosa pura facultade de xuízo na avaliación de cousas supostamente introducidas xa na arte, ou de segunda man, en suma, a algunhas obras…
A Crítica, na súa integridade, non existe, non ten valor ou non iguala case a Poesía á que se achega unha nobre operación complementaria, agás apuntando, directa e soberbiamente, tamén os fenómenos ou o universo: mais, a pesar disto, xa pola súa calidade de primordial instinto situado no segredo dos nosos repregamentos (un malestar divino), cede á sedución do teatro que mostra só unha representación, para os que non poderían ver as cousas en si mesmas!, da obra escrita no folio do ceo e expresada polo Home co xesto das súas paixóns.
A carón de aborrecidos erros que se debaten, ollade!, xa a época prepara tal transformación plausíbel; así, o que outrora se chamou crítica dramática ou o folletón, que xa non existe, cede moi correctamente o lugar á reportaxe das primeiras representacións, telegramáticas ou sen outra elocuencia que a que implica a función de falar en nome dunha unanimidade de mudos. Engadide a indiscreción, aquí as bambolinas, nadas de gasa ou de pel atrapadas entre os bastidores de lona apresuradamente preparados para os ensaios (delicia aínda se só for repeticións): é o que ao teatro consagrará a prensa de noticias. O paradoxo no escritor superior foi durante moito tempo, pódese lembrar, con fugas e silencios imaxinativos, ocupar o xénero literario creador do que abrolla a prosa, a Crítica, para marcar as flutuacións dun artigo de enxeño ou de moda.
Así, cando a noite non anuncia nada, indiscutibelmente, a que pague a pena ir con paso alegre e se lanzar ás mandíbulas do monstro e por este xogo perder todo o dereito a desdeñalo, un é o único ridículo!, non existe a ocasión de proferir algunhas palabras perante a lareira, xa que se o vello segredo, baixo a fixeza da nosa ollada, evoca, pola forma limonosa do fogar, a obsesión dun talento aínda reducido e minúsculo ao lonxe, é aquí gala íntima.
Meditativo:
Hai (atízase o lume) unha arte, a única ou pura, en que enunciar significa producir: ouvea as súas demostracións pola práctica. O intre en que brillará o milagre, engadir que foi isto e non outra cousa, mesmo anularía tanto que non admite senón a luminosa evidencia de existir.
Gustaría baixo o mandato das circunstancias, mellor que folgadamente, anotar aquí algúns trazos fundamentais.
O ballet ofrece pouco: é o xénero imaxinativo. Cando coa ollada se illa un signo da dispersa beleza xeral, flor, vaga, nube e xoia, etc., se, entre nós, o medio exclusivo do saber consiste en xustapor o seu aspecto á nosa nudez espiritual para que ela o sinta análogo e o adopte nalgunha confusión exquisita súa con esa forma evanescente –só a través do rito, alá, enunciado da Idea, non nos parece a bailarina a medias o elemento causal, a medias humanidade apta para se confundir na flotación do soño? A operación, ou poesía, por excelencia e o teatro. Inmediatamente o ballet resulta alegórico: enlazará igual que animará, para marcar cada ritmo, todas as correlacións ou música, primeiro latentes, entre as súas aptitudes e moitos carácteres, de tal xeito que a representación figurativa dos accesorios terrestres a través da Danza contén unha experiencia relativa ao seu grao estético, unha consagración efectúase alí como proba dos nosos tesouros. Ao deducirmos o punto filosófico en que se sitúa a impersonalidade da bailarina, entre a súa aparencia e un obxecto imitado, para algún hime: pícao con inefábel punta, pono; logo desprega a nosa convicción de piruetas prolongadas cara outro motivo, ao considerar que todo, na evolución por onde ela ilustra o sentido das nosas éxtases e triunfos entoados pola orquestra, é, como o quere a arte mesma, ficticio ou momentáneo.
Único principio! e así que brilla a araña, é dicir, por si mesma, a exhibición repentina, baixo todas as facetas, for a que for e a nosa ollada diamantina, unha obra dramática mostra a sucesión das exterioridades do acto sen que ningún momento conserve nada real e sen que, ao cabo, nada aconteza.
O vello Melodrama, ao ocupar a escena conxuntamente coa Danza e baixo a dirección do poeta, satisfacía esta lei. Apiadada, a perpetua suspensión dunha bágoa que non acaba de se formar nin de caer (aínda a araña) escintila en mil olladas, ora, un ambiguo sorriso desata o seu labio pola percepción de brincadeiras nas cantarolas ou nunha frauta que rexeita a complicidade con algún sufrimento enfático da partitura, perforando fisuras de esperanza e de día: advertencia mesmo se maliciosamente cesa e eu consinto en escoitar ou seguir, ao longo do labirinto da angustia que conduce a arte –verdadeiramente non para me agoniar como se non estivese abondo seguro do meu destino, espectador que asiste a unha festa; mais debo mergullarme de novo, dalgún xeito, no pobo, para que poida ser, na santa Paixón do Home liberado aquí de acordo con algún inxenuo manancial melódico. Semellante emprego da música mantense preponderante como unha meiga considerando que enguedella e rompe ou conduce un fío adiviñatorio, breve disposición de interese: iluminaría os compositores prófugos ao acaso e sen o sentido exacto da súa sonoridade. Non perdería ningunha inspiración ao coñecer a lei humana e profunda que regula, en virtude dun instinto popular, as relacións da orquestra e das táboas neste xenial xénero francés. Alí lense os axiomas, inscritos por ninguén, un antes que todos os outros!, que cada situación insolúbel, como ficaría se se supón que o drama foi outra cousa que unha aparencia ou trampa para a nosa reflexión, rexeita, disimula e sempre contén o riso sagrado que desatará. A fúnebre tapizaría da súa imaxinación, nos Bouchardy, nunca se escureceu de ignorancia –o engano detrás do pano só existe grazas a unha hipótese rotatoria pouco a pouco resolvida aquí e acolá pola nosa lucidez: aínda máis, que o sobresalto do gas e da electricidade, gradúa o acompañamento instrumental, dispensador do Misterio.
A ocasión de non dicir nada non xurdiu e non alego, para a vacuidade deste estudo ou de todos, discretos lamentos!, o ano nulo senón máis ben o defecto previo da visión sublime subministrada á empresa da súa tarefa polo literato esquecedizo que entre el e a época perdura unha incompatibilidade. «Vai vostede ao teatro? –Non, case nunca»: esta resposta á miña pregunta, por alguén, de liñaxe singular, abonda, home ou muller de mundo, coa tapizaría dos seus soños en contacto coa existencia. «Por certo, eu tampouco!», podería intervir se a maior parte do tempo o meu interese aquí non o clamase a través das liñas até o branco final.
Entón, por que…
Por que? por ningunha outra cousa que pola instigación do paso irredutíbel do demo da Perversidade que resumo así: «facer o que non é necesario, sen outra vantaxe a tirar, que a incomodidade fronte a produtos (que nos son, por natureza, estraños) finxindo outorgarlle un xuízo: cando unha coincidencia en canto á exposición, baixo unha falsa luz, de xuízos supremos e intempestivos». Arriscar, con esforzos cara unha gratuíta mediocridade, e aínda equivocarnos, nada nos obriga, polo demais, a esta contradición agás o feitizo talvez descoñecido, en literatura, de extinguir estritamente unha a unha calquera consideración que brillase con pureza, así como borrar incluso certas palabras cuxa cínica obsesión prolonga en min a supervivencia dun corazón –en consecuencia, baixeza de usalas mal a propósito. O parvo esbardalla sen dicir nada, e errar mesmo coa exclusión dun gusto notorio para a prolixidade e precisamente co fin de non dicir nada, representa un caso especial que sería o meu: exhíbome na excepción deste ridículo. Non convén denunciarmos incluso mediante unha verborrea o funcionamento do terríbel Azoute omnipotente… a época desencadeou lexitimamente dado que na multitude ou ampliación maxestosa de cadaquén xace acocho o soño! nunha multitude a consciencia da súa xudicatura ou da intelixencia suprema, sen preparar con novas circunstancias nin o ambiente mental que identifica a escena e a sala. Sempre antes da celebración dos poemas extinguidos no ovo dalgunha ausente cúpula futura (se unha data ha acomodarse ao estado actual ou non debe despuntar, existe dúbida) foi formidabelmente necesario, pola infatuación contemporánea, erixir, entre o abismo de inútil fame e as xeracións, un simulacro apropiado á necesidade inmediata, ou a arte oficial que tamén pode chamarse vulgar; indiscutíbel, disposto a abranguer polo veo basáltico do banal o empuxe da multitude xubilosa aínda que percibe pouco a imaxinación bruta da súa divindade. Máquina provisional imperfecta para a consolidación de que?, institución máis vacante e durábel que me convence pola súa oportunidade –chamouse a todos os cultos artificiais e rutineiros; funciona como os salóns anuais de Pintura e de Escultura, cando descansa a engrenaxe teatral. Falsea, á vez, como a escoura que rexeita o creador, o chorro delicado e virxe e unha xemelga clarividencia directa do simple; que, talvez, aínda deberían conciliarse. Heroicos artistas de hoxe en día!, antes que pintar unha soidade de claustro ao facho da vosa inmortalidade ou sacrificar perante o ídolo de vós mesmos. Apañade este monumento, enorme indicador non menos que os bloques de abstención abandonados por certas idades que non puideron senón cubrir o solo cun considerábel vestixio negativo.
HAMLET (3)
Lonxe de todo, a Natureza, en outono, prepara o seu Teatro, sublime e puro, esperando para iluminar, na soidade, prestixios significativos, que a única ollada lúcida capaz de penetrar o sentido (notorio, o destino do home), un Poeta, sexa chamada a praceres e a coidados mediocres.
Eisme, a esquecer a amargura folla seca, de retorno e disposto a anotar, para min mesmo e tamén dalgúns, as nosas impresións nacidas de Noites banais que o máis só dos illados non pode, ao vestir o traxe que a todos acae, deixar de considerar: para conservar un malestar e, sabendo, en virtude de certas leis non satisfeitas, que xa non é ou non é aínda a hora extraordinaria.
. . . . . . . . . . . . . . . . . .
Et cependant, enfant sevré de gloire
Tu sens courir par la nuit dérisoire,
Sur ton front pâle aussi blanc que du lait,
Le vent qui fait voler ta plume noire
Et te caresse, Hamlet, ô jeune Hamlet! (4)
(THËODORE DE BANVILLE.)
O adolescente esvaecido de nós no inicio e que acosara os espíritos superiores polo loito que lle prace levar, recoñézoo, pois debátese baixo o mal de aparecer: porque Hamlet exterioriza, sobre as táboas, este personaxe único dunha traxedia íntima e acochada, o seu nome mesmo no cartel exerce sobre min, sobre ti que o les, unha fascinación emparentada á angustia. Agradezo os acasos que, contemplador deslocado da visión imaxinativa do teatro de nubes e da verdade para retornar a algunha escena humana, me presentan, como tema inicial da conversa, a peza que eu xulgaba tal por excelencia; porque nela existía a ocasión de ofuscar facilmente olladas axiña desafeitas do horizonte púrpura, violeta, rosa e sempre ouro. O comercio dos ceos onde eu me identificaba cesa, sen que unha encarnación brutal contemporánea ocupe, sobre o seu biombo de gloria, o meu lugar ao que axiña renunciei (adeus esplendores do holocausto dun ano estendido a todos os tempos para que non se xustapoña a ninguén a súa inútil consagración); mais avanza o señor latente que non acaba de ser, sombra xuvenil de todos, partícipe así do mito o seu drama solitario! e que, ás veces, tanto este paseante dun labirinto de axitación e de pesares prolonga os circuítos co suspenso dun acto inacabado, parece o espectáculo mesmo polo que existen as candilexas ao igual que o espazo dourado case moral que prohíbe, porque non hai outro tema, sabédeo ben: o antagonismo de soño no home contra as fatalidades da súa existencia deparadas pola desgraza.
Toda a curiosidade, é certo, no caso de hoxe, atende á interpretación, mais falar dela, imposíbel sen confrontala co concepto.
O actor conduce este discurso (5).
Por si só, por adiviñación, mestría incompatíbel dos medios e tamén unha fe de letrado na sempre certa e misteriosa beleza do rol, soubo conxurar non sei que maleficio como insinuado no ar desta impoñente representación. Non, non censuro nada á instauración do magnífico lugar nin ao porte de suntuosos traxes, aínda que de acordo coa teima erudita do en-presente, isto está anticuado, sen dúbida ningunha; e que a elección exacta da época do Renacemento espiritualmente nubrada cunha insignificancia de peles setentrionais, priva do lendario proceso primitivo, tornando, por exemplo, os personaxes en contemporáneos do dramaturgo: Hamlet, el, evita ese erro na súa tradicional case nudez sombría un pouco ao Goya. A obra de Shakespeare está ben construída de acordo co único teatro do noso espírito, prototipo do resto, que se acomoda á posta en escena actual, ou a pasa por alto, con indiferenza. Desconcértame outra cousa, antes que pormenores miúdos infinitamente penosos de regular e discutíbeis: un modo de intelixencia peculiar no lugar parisiense mesmo onde se instala Elsenor e, como diría a lingua filosófica, o erro do Teatro Francés. Esta praga é impersoal e a selecta compañía aclamada, na ocasión, multiplicou o seu minucioso celo: representar a Shakespeare, quéreno ben e queren representalo ben. Con certeza. Para o cal non abonda o talento, senón que cede perante certos hábitos inveterados de comprender. Aquí Horacio, non é que o aprobe, con algo de clásico e segundo Molière no aspecto: mais Laertes, abordo o tema, actúa en primeiro plano e pola súa conta como se as viaxes, duplo loito penoso, implicasen un interese especial. As máis belas calidades (en conxunto) que importan nunha historia que extingue todo o que non é un heroe imaxinario, mesturado a medias coa abstracción; e isto é esburacar coa súa realidade, como nunha tea vaporosa, o ambiente, que emana o emblemático Hamlet. Necesita comparsas! porque na pintura ideal da escena todo se move de acordo cunha reprocidade simbólica de tipos entre si ou con relación a unha soa figura. Maxistral, tal actor infunde a intensidade do seu verbo franco a Polonio nunha senil necidade solícita de intendente dalgún conto xovial, gózoo, mais esquézome entón dun ministro moi diferente que alegraba a miña lembranza, figura como recortada na usura dunha tapizaría semellante a aquela en que lle é preciso entrar de novo para morrer: grotesco, vello bufón inconsistente, cuxo cadáver frívolo non implica, abandonado a metade da peza, ningunha outra importancia senón a que dá a exclamación breve e arisca: «unha Rata!». Quen erra arredor dun tipo excepcional como Hamlet non senón el, Hamlet: e o fatídico príncipe que parecería dar o primeiro paso na virilidade, rexeita melancolicamente, coa punta inútil da espada, fóra da rota prohibida á súa marcha, o cúmulo de locuaz vaidade xacente en que máis tarde, á súa vez, correría o risco de se converter, se envellecera. Ofelia, virxe infancia obxectivada do lamentábel herdeiro real, fica de acordo co espírito moderno de conservatorio: ten naturalidade, como o entenden as mozas inxenuas, preferindo, no canto de se abandonar ás baladas, introducir toda a cotiá experiencia dunha sabia entre as comediantes; nela irrompe, non sen graza, algunha entoación perfecta, nas pezas do día ou da vida. Entón sorprendo na miña memoria, ademais das letras que agrupan a palabra Shakespeare, voar eses nomes que mesmo é sacrílego calar, porque se adiviñan.
Que poder o do Soño!
O –non sei que esvaecemento sutil e murcho e de imaxinaría de antano, que falta a mestres artistas, amantes de representar un feito como acontece, claro, absolutamente novo! El, Hamlet, estraño a todos os lugares onde asoma, impono a estes viventes moi en relevo, pola inquietante e fúnebre evasión da súa presenza: o actor, sobre quen se axusta un pouco exclusiva a propósito a versión francesa, restabelece todo no seu lugar mediante o exorcismo dun xesto que anula a influencia perniciosa da Casa ao mesmo tempo que esparexe a atmosfera do xenio, cun tacto dominador e polo feito de se contemplar inxenuamente no texto secular. O seu encanto, todo elegancia desolada, harmoniza como unha cadencia con cada sobresalto: logo, a nostalxia da antiga sabedoría inesquecíbel a pesar das aberracións que produce a tempestade ao axitar a pluma deliciosa do seu toucado, eis, talvez, o carácter e a inventiva da representación deste contemporáneo que tira do instinto ás veces indescifrábel para el mesmo, resplandores de escoliasta. Así, paréceme restituída a dualidade mórbida que constitúe o caso de Hamlet, si, louco por fóra e baixo a flaxelación contraditoria do deber, mais se fixa no interior dos ollos nunha imaxe de si mesmo que garda intacta alí como unha Ofelia nunca afogada, ela!, disposto sempre a se recuperar. Xoia intacta baixo o desastre.
Mimo, pensador, o tráxico interpreta Hamlet como soberano plástico e mental e sobre todo como existe polo herdo nos espíritos deste fin de século: conviña, por unha vez, despois da angustiosa vixilia romántica, ver chegar até nós resumido o belo demo, de actitude talvez mañá incomprendida, xa está feito. Con solemnidade, un actor lega, dilucidada, un pouco mesturada mais moi de conxunto, co selo de autenticidade dunha época suprema e neutra, a un porvir que probabelmente non se preocupase por ela mais que non poderá, cando menos, alterala, unha semellanza inmortal.
NOTAS
(1) Na «bibliografía», datada en Valvins en novembro de 1896, que escribiu para o volume Divagations (volume que contén: Un libro como os que non amo, ANÉCDOTAS OU POEMAS –O fenómeno futuro, Lamento de outono, Estremecemento de inverno, O demo da analoxía, Pobre neno lívido, A pipa, Un espectáculo interrompido, Reminiscencia, A declaración feirant, O nenúfar branco, O eclesiástico, A gloria, Conflito–, VOLUMES NO DIVÁN –Outrora, á marxe dun Baudelaire; Fragmento para resumir Wathek–, ALGÚNS MEDALLÓNS E RETRATOS DE CORPO ENTEIRO –Villiers de l’Isle Adam; Verlaine; Arthur Rimbaud; Laurent Tailhade; Beckford; Tennyson visto desde aquí; Théodore de Banville; Edgard Poe; Whistler, Édouard Manet: Berthe Morisot–, RICHARD WAGNER, SOÑO DUN POETA FRANCÉS, ANOTADO NO TEATRO, CRISE DE VERSOS, RESPECTO AO LIBRO –A acción restrinxida; Escaparates; O libro, instrumento espiritual–, O MISTERIO NAS LETRAS, Oficios –Pracer sagrado; Catolicismo; Do mesmo–, GRANDES SUCESOS DE ACTUALIDADE –Ora, Acusación, Claustros, Maxia, Bucólica, Sociedade, Confrontación, O Patio, Salvagarda–), Stéphane Mallarme escribe respecto a Anotado no teatro: «A opinión adxunta (La Revue Blanche, recentemente) non podería intercalarse, no curso do estudo dedicado a Hamlet, sen deformala: complétao, á marxe. “Un empresario, nunha provincia unida á miña adolescencia, epigrafiaba HAMLET, que representou, co subtítulo ou o DISTRAÍDO: este home dun gusto primorosamente francés, pretendía, supoño, preparar, con iso, ao público a singularidade que Hamlet, único, conta; e ao aproximalo, cada un bórrase, sucumbe, desaparece. A peza, punto culminante do teatro, é, na obra de Shakespeare, transitoria entre a antiga acción múltipla e o Monólogo ou drama consigo mesmo, futuro. O heroe –comparsas todos: pasea, máis nada, lendo no libro de si mesmo, alto e vivinte Signo; nega coa ollada os outros. Non se contentará con expresar a soidade, entre as xentes, de que pensa: mata con indiferenza ou, cando menos, morre. A negra presenza do incrédulo causa este veleno, que todos os personaxes morren: sen que se tome sequera o traballo de ferilos, na tapizaría. Entón situado, con certeza, como contraste co indeciso, Fontibras, como xeneral; mais sen máis valor e se a morte, frasco, estanque de nenúfares e florete, desencadea a súa variada pompa, onde leva a sobria librea alguén excepcional, iso importa, como final e última palabra, cando o espectador se recobra, que esta suntuosa e estancada esaxeración de morte, cuxa idea fica como a lección, en torno a Quen se fai só –por dicilo así desaparece vulgarmente ao paso dun exército que baleira a escena con este medio de destrución activo, ao alcance de todos e ordinario, entre o tambor e as trompetas”. «Todos os anacos seguintes, coa excepción de APUNTADO NO TEATRO, d’OS ELEMENTOS DO BALLET, que pode encontrarse en La Revue franco-Americaine, primeira entrega editada polo príncipe André Poniatowski e do parágrafo “O único, tiña que ser”, inédito, despois de TÁBOAS E PÁXINAS no National Observer, mostran, de acordo co seu contido, pouco máis ou menos, unha campaña dramática que fixen en La Revue Indépendante… e inesquecíbel, en condicións abondo particulares –eu ía só ocasionalmente ao teatro: de aí talvez a quimérica exactitude de tales apreciacións, e cando indicaba algúns afastamento dos folletóns ou recensións despois daqueles, profesionais e marabillosos, de Gautier, de Janin, de Saint-Victor, de Banville, non, nada, non pensaría seriamente, que o xénero, honrado por estes grandes letrados, resucitaría hoxe e prodigaría un esplendor que se emparenta ao de todos eles, nítido, supremo impoñente, con CATULLE MENDÈS capaz de se producir diariamente magnífico cara ás ocasións mediocres: intento, perante tales panos de razón, de prestixio, de lealdade e de encanto sobre aquilo, que continuei, para min, unha falta de interese ou o hábito actual do teatro, tapizados con furia e maxia, ao non percibir o baleiro contemporáneo detrás». (N. d. T.)
(2) Ululame (estrofa III) EDGAR POE.
(3) Son, con algunhas modificacións, as páxinas publicadas en La Revue Indépendante, 1 de novembro de 1866, co título «Notes sur le Théâtre». (N. d. T.)
(4) «E non obstante, neno despoxado de gloria,/ Sentes correr pola noite irrisoria,/ Sobre o teu fronte pálido tan branco como o leite,/ O vento que fai voar toda negra a túa pluma/ E aloumíñate, Hamlet, o xove Hamlet!» (N. d. T.)
(5) Ou Mounet-Sully (outubro 1886).
You might also like
More from Críticas
Sobre “Estado Demente Comrazão”, de Paulo Fernandes Mirás | Alfredo J. Ferreiro Salgueiro
Estado Demente Comrazão é um livro complicado. É por isso que não está na moda. Parabéns ao seu autor!
O tempo das “Não-Coisas”. E o uso excessivo das redes sociais segundo Byung-Chul Han
"O que há nas coisas: esse é o verdadeiro mistério" Jacques Lacan Agarramos o smartphone, verificamos as notificações do Instagram, do Facebook, …