Poemas dedicados a Luísa Villalta, pouco despois de saber do seu pasamento.
A Luísa Villalta, in memoriam
O ARCO DA LUZ
I
O tempo pasa.
Mais a música das súas horas
intacta
permanece en nós.
…..
Nesta mañá de sol
a calma imprime un selo de eternidade ao tempo.
Melodías interpretadas
con violinos mudos
están a chorar por ti.
Pousada arestora nun recanto da luz,
es palabra e alborozo no bico dos paxaros.
Silencio habitado
pola música do espírito.
II
Ese momento
no que o vento ao pasar
levou as flores.
…..
Esa estrela branca
que enaltece o seu ouro no escuro.
Buscádeme nela.
Ou no arco da lúa.
Cando no ceo debuxa
a curva dun sorriso.
III
Sinfonía das árbores.
Sen música, as follas bailaron para ela un minueto.
En clave de luz.
…..
Soaban campás.
E a choiva, era tempo de chover,
pediu unha tregua.
O aire, tornouse todo azul,
pois estaba a chamar por ela.
Foise
nota en fuga.
De súpeto
os ollos tíñanlle ás.
IV
Ela
xa é intérprete de eternas melodías.
Dende o sorriso malva
dos amenceres.
……
Sinto que me fire o voso pranto.
Sabede que o silencio
é a mellor maneira
de expresar os pesares máis íntimos.
Son silencio.
E veño a vós,
nunha intanxible música.
Escoitádeme….
V
Allegro, allegro pequeno.
Resonancias de líquido cristal.
Os pasos da choiva.
……
Outubro.
As nubes
cabalgando no ceo xa están aquí.
Chorando choiva.
As nubes
escuréceno todo con veos de cinza.
E ti
a tanxer a cítara
tras da fermosa lúa.
VI
A alma é feble
bolboreta prendida
dun sutil fío.
…..
Unha man
pousa, e ninguén a ve,
sobre as páxinas
dun libro inconcluso.
Leve aceno de á de pomba o desa man.
Esa man, que ninguén ve,
está a escribir
un derradeiro
e invisible verso
no seu libro.
VII
Liturxia de aves
nos altares do outono.
Ladaíñas de xílgaros.
……
Soñas aínda
coa luz dos teus veráns.
Esa luz que creaba no aire maxia
e reinos de paxaros e bolboretas.
Luz que traía, no colo verde,
promesas azuis
envoltas no son do teu violino.
Soñas.
Aínda soñas
Coa ledicia dos días.
Co mar.
Onde as dornas se miran
coma nun espello.
VIII
E aqueles sons de violino
que enchían toda a casa
son agora silencio.
…..
Volverás.
Un día volverás a nós,
na música das horas e das pólas verdes.
No asubío dos paxaros e os ventos.
Eses ventos que traen a flor da cerdeira nos beizos.
Si, volverás.
Virás da man da luz
nos ritmos concertados
da lúa e das mareas.
Soño, dixo un día.
É o sol que está cheo de océano,
ou é o océano o que está cheo de sol?
Velaí a maxia dos espellos.
You might also like
More from Chelo Suárez
O gato de Hilario
Hilario volveu de América máis pobre que marchara. Para disimular a súa frustración, presumía diante dos colegas de ter vivido …
Emulando a Juan Eduardo Cirlot
Recreando ao meu admirado poeta Juan Eduardo Cirlot. Meu pranto Meu pranto é a cruz que me condena, meu pranto vai pola xustiza …