O debuxo é un pulo expresivo que florece dentro dos humanos, desde a infancia e desde a noite dos tempos. É a manifestación estética primaria. Debuxar é descubrir, ten escrito John Berger, que tamén é debuxante. Na vila mariñeira de Sitges é doado coñecer –estes meses– boa parte da magnífica colección de deseños propiedade da Fundación MAPFRE. O debuxo é só unha técnica artística destinada a servir de fundamento a outras artes? Ou é unha arte plástica con entidade propia, e finalidade en si propia?
*
Debuxos das coleccións MAPFRE. Que é o debuxo?
Para o artista debuxar é descubrir. E non é unha frase bonita, é literalmente certo. É o acto mesmo de debuxar o que forza ao artista a mirar o obxecto que ten diante, a diseccionalo e volvelo unir na súa imaxinación, ou, se debuxa de memoria, o que o forza a afondar nela, ata atopar o contido do seu propio almacén de observacións pasadas (John Berger. Berger on Drawing, 2005).
Nestas datas o Museu Maricel de Sitges, alberga a exposición titulada Del modernisme a les avantguardes. Dibuixos de la col·lecció de la Fundación MAPFRE. Unha moi boa escolma de deseños riscados entre mediados do século XIX e mediados do XX. Cen anos de debuxo, cen anos de historia da arte. Os debuxos da colección MAPFRE están agora nun espazo privilexiado. O conxunto de Maricel foi edificado entre 1910 e 1918 polo artista Miquel Utrillo por encargo de todo un personaxe. Quen tal petición lle fixo era o magnate norteamericano Charles Deering. Deering coñeceu a Ramon Casas, o pintor modernista por excelencia de Cataluña, en Barcelona, e a partir desa amizade e coñecemento desta terra, Deering decide atopar un sitio onde gardar as súas coleccións de arte. Por iso lle encarga a Utrillo a construción do pazo de Maricel, xusto por riba do mar, e a carón do Cau Ferrat, a casa que xa fixera o outro gran artista do momento: Santiago Rusiñol (contan as crónicas que ás afamadas festas modernistas que Rusiñol montaba en Cau Ferrat viña tamén dona Emilia Pardo Bazán, esa gran escritora e intelectual que quixo ser académica da lingua, e o machismo da época -e dos académicos- non lle permitiu).
O deseño é un modo de expresión plástica baseado na plasmación de liñas sobre unha superficie plana. O debuxo é sen dúbida o pulo primario que ten o/a artista para reproducir inmediatamente a idea que lle percorre o cerebro. Precisa pouco material, mesmo se pode facer sobre area e cun garabullo. Iso é o que se conta que estaba a facer Arquímedes na praia de Siracusa cando un soldado romano o matou. O debuxo nace dun pulo dos humanos. Por que debuxan os nenos? Que fan? Reproducir o mundo de seu?
Os debuxos xa están nas covas onde viviron ou fixeron rituais os humanos do paleolítico. Reproducir un cabalo, un bisonte, un cervo sobre a rugosa superficie da cova, que significa? ¿Os primeiros deseños foron os que riscaron os devanceiros, reseguindo as siluetas agrandadas das persoas da comunidade, que a fogueira na que se quentaban e coa que escorrentaban depredadores, reproducía xa nas paredes, xa no chan tisnado de cinza? Sabían os gregos destes deseños anteriores? Tiraría de aí Platón o preciso para artellar o fermoso mito da caverna? O que se reflicte na parede do fondo da cova son sombras (de animais, persoas…), son as ideas. O deseño pertence ao mundo das ideas. Por contra, a pintura descende ao trato da singularidade –da continxencia– por medio de formas únicas e a través das cores.
O debuxo é o medio dinámico co que o pensamento visualiza e desenvolve as ideas. O debuxo –pola súa sinxeleza e apuro– é conceptista. Cun lapis sobre unha folla de papel bosquéxanse as liñas fundamentais da realidade, do mundo. Este xeito de expresión plástica prescinde dos detalles. Tamén se abre a sintetizar as imaxes da imaxinación. E dos soños. Por iso os surrealistas amaron e practicaron tanto o deseño. O deseño das súas propias obsesións, ou aquelas que –con automatismo– ían saíndo en grupo. Os debuxos xestados por Prévert, Tanguy, Miró e compañía en paralelo á escrita dos cadavre exquis. O deseño no reino da fantasía. Que vía o Principiño naquela caixa que lle debuxou Saint-Exupéry?
Del modernisme a les avantguardes. Dibuixos de la col·lecció de la Fundación MAPFRE. Sitges
Os debuxos -sexan as figuras encollidas de Giacometti ou as esaxeradamente substanciais de Rembrandt– non se lamentan da distancia, senón que responden á vez: AQUÍ. E iso non é arbitrario. (…) Refírese á estrutura esencial do espírito humano, sen o que non habería posibilidade de recoñecer a distancia. Os debuxos ofrecen hospitalidade a unha compañía invisible que está con nós (John Berger. Berger on Drawing, 2005).
A Fundación Mapfre conta con fondos propios conformados por fotografías, pinturas, grabados, debuxos e algunhas outras pezas. No total alcanzan uns 2600 obxectos. Agora, en Sitges, Museu Maricel, é doado contemplar uns 47 debuxos sobre papel que foron executados por 33 artistas, entre mediados do século XIX e mediados do XX. Esta escolma de pezas da colección Mapfre xa peegrinou ros centros de arte, como o Museo Picasso de Málaga (2001), o Museo de Bellas Artes de Cuba (La Habana, 2004), o Instituto Cervantes de Nueva York (2005), o Museo Nacional de Arte de México (2007) ou o Bass Museum of Art de Miami (2008). Interesante proposta, tanto polos artistas que firman os papeis, como pola calidade, como polo feito de que moitos dos deseños teñen tamaños grandes; máis do que habitualmente teñen os debuxos.
A por de deixar fóra outros nomes sobranceiros, no palau Maricel hai obra do pintor Marià Fortuny, do escultor Auguste Rodin, así como de Degas, Sorolla, Picasso, Matisse, Picabia, e tamén de Maruxa Mallo, de Torres García, Klee, Juan Gris, do noucentista Joaquim Sunyer, e dos ínclitos Dalí e Miró. Del modernisme a les avantguardes. Dibuixos de la col·lecció de la Fundación MAPFRE está comisariada por Ignasi Domènech, xefe de colecciones dos Museos de Sitges, e organizada conxuntamente polo Consorci del Patrimoni de Sitges e mais a propia Fundación Mapfre. Domènech na presentación fixo unha loa ao contido da mostra, afirmando que en si mesma era un pequeno compendio da historia da arte deses cen anos que abarca cronoloxicamente. E remarcou dous aspectos a ter en conta. Primeiro, eses cen anos conteñen con toda seguridade a máis explosiva das revolucións nas artes plásticas (impresionismo, vangardas, etc), e segundo, o debuxo non é a irmá pobre das artes expresivas, por el mesmo o debuxo forma part essencial de la creació artística.
Debuxos dadás, surrealistas. Miró, Dalí, Mallo, Charchoune
As persoas deben falar menos e debuxar máis. Persoalmente agradaríame renunciar por completo á fala e, igual ca natureza orgánica, comunicar todo o que teño que dicir visualmente (Johann Wolfgang Von Goethe). Todos os debuxantes bos e xenuínos debuxan de acordo coa imaxe que teñen nos seus miolos, e non segundo a natureza (Charles Baudelaire).
Dentro da interesante escolma que ofrece o museu Maricel en Sitges ( Del modernisme a les avantguardes. Dibuixos de la col·lecció de la Fundación MAPFRE), desde aquela atalaia do Mediterráneo, hai un bo mangado de deseños que pertencen a artistas que militaron, ben nas filas do revolucionario movemento dadá (nado na confortable e neutral Zurich, 1916, en plena Gran Guerra, entre as paredes do Cabartet Voltaire), ben no máis estruturado grupo organizado á redor de André Breton, coñecido como surrealista. Entre os primeiros hai unha serie (Seis retratos dadá, 1922), obra do Serge Charchoune. De orixe Ruso, Charchoune viaxa por Europa e vive mormente en París, onde coñece –entre outros– a Francis Picabia, e onde se entusiasma cos fauvistas, e posteriormente co dadaísmo. Esta serie de pequenos retratos versan sobre persoas relacionadas coa corrente dadá, por exemplo Tristan Tzara ou o mesmo Charchoune. En realidade son retratos mínimos, elaborados con escasos trazos para, aínda así, dar un perfil identificable do personaxe. Son deseños que ben poden pasar por caricaturas.
A caricatura é debuxo? En xeral a caricatura é un retrato. Un retrato no que se esaxeran algúns trazos físicos dunha persoa (ou grupo) coa intención de buscar un parecido que a persoa observadora pode identificar con facilidade. En moitos casos a caricatura ten unha finalidade burlesca, humorística. A caricatura, como se pode comprobar na prensa diaria, precisa de trazos sinxelos e precisos; un debuxo de precisión e sintético. Doutro xeito non terían o éxito que tiveron (e teñen) as series que nos anos 30 fixo Daniel Rodríguez Castelao na prensa escrita: Cousas, Os dous de sempre. A concisión de liñas para retratar os tipos sociais. Castelao e Luís Bagaría foron os grandes caricaturistas da prensa peninsular antes da Guerra Civil. Durante a Guerra Civil, e despois, Castelao seguiu debuxando as barbaries fascistas, nos álbums Galicia Mártir, Atila en Galicia e mais Milicianos. Non hai moito volveu haber protestas pola manipulación política da chegada a Galicia dunha pintura que Castelao elaborou xa en Bos Aires, no exilio, que non é máis ca recreación dun deseño anterior: A Última Lección do Mestre. O deseño e posterior pintura están dedicados ao seu gran amigo e compañeiro de loitas políticas (fusilado polos franquistas), Alexandre Bóveda.
Da artista nada en Viveiro, Maruxa Mallo, a Fundación Mapfre é propietaria de Estampa, 1928. Este deseño corresponde á serie Estampas que Mallo fixo para a súa primeira exposición en Madrid, en 1928. Nela hai moitos motivos, algúns de procedencia popular, como un anxo que voa na parte superior dereita, outros científicos (probetas e outros instrumentos de laboratorio), máscaras, ollos, formas xeométricas, e un ceo estrelado. Todo presentado con cores grises, e algo azulados, fríos e asépticos, para dar –como dixeron as críticas do momento– un aire de peza desinfectada, que contén un ar de quirófano. Á volta do exilio, na mostra de 1975, Mallo mudou o título desta peza, titulándoa –entre surrealista e evocadora– como Los ojos de Luís Buñuel sobre la mesa, custodiados por Rafael Alberti, José Bergamín, Federico García Lorca, la Virgen del Pilar y Pablo Neruda.
De Salvador Dalí e mais de Joan Miró hai colgados nas paredes de Maricel varias composicións. Todas moi surrealistas. O mesmo acontece tamén cunha peza de Joan Ponç, o membro do grupo Dau al Set. As creacións de Miró son deseños dos anos 30, e xiran arredor dos temas clásicos no artista de Montroig: corpos femininos, estrelas e outros elementos. Mesmo hai un deles que se titula Batalla de arrogantes (1934), no que ceiba os seus produtos imaxinarios ata alcanzar a sátira ou a broma.
No caso de Dalí, os debuxos presentados son perfecto reflexo do seu quefacer. Un dos deseños leva por título Solitude Mental (1932), no que o autor do Gran Masturbador elabora unha estrutura ovalada que se repite, e repite, e repite, a carón dos reloxos brandos. A destacar polas súas dimensións Guerre Esthétique (1943), que pasa dos 70 cms de altura. Nesta obra, un numeroso grupo de personaxes, espidos, loitan entre eles, en todas as posicións posibles (o que lle permite a Dalí demostrar a súa mestría nesta arte plástica). Algo hai na composición que remite ás guerras clásicas contra os centauros e mais ás composicións de Paolo Ucello e Botticelli.
O debuxos que xeran os escultores. Rodin, Hugué, Archipenko, González
No debuxo desprégase toda unha complexa filosofía das marcas, os signos e os rastros. O debuxo é o lugar onde a cegueira, o tacto e o parecido se fan visibles, e é tamén o punto da máis delicada das negociacións entre a man, o ollo e a mente (James Elkins, teórico vencellado ao Institute of Art, Chicago, en John Berger. Berger on Drawing, 2005).
Na presentación de Del modernisme a les avantguardes. Dibuixos de la col·lecció de la Fundación MAPFRE, Ignasi Domènech, comisario, afirmou –diante dun deseño de Archipenko que alí se pode contemplar– que os escultores debuxan dun xeito especial. Case sempre buscan xa, no debuxo, os volumes, as masas, a terceira dimensión. E realmente en moitos dos deseños contidos na mostra, feitos por escultores, pasa tal cousa. Un exemplo evidente é o de Ángel Ferrant, Sen título / Composición (1950). O deseño, diríase que un estudo para unha posible escultura monumental, xa leva incorporadas as sombras dos volumes que o artista xa lle atribúe nos seus miolos. As cavidades que Ferrant vai prefigurando na composición preséntaas xa coas súas sombras e todo. Moi volumétrico. Outro tanto vale para Collage nº 2, do artista ucraíno Archipenko. As partes do corpo humano que danza e se contorsiona vai definido por bloques de material e as súas sombras xeradoras de volumes.
Para o mesmo dicir de Manolo Hugué, que no seu debuxo con augada Figura de espaldas (1924) é quen de presentar a traballo escultórico perfectamente definido, mesmo semella que o escultor vai tallando formas volumétricas co lapis. A tinta chinesa e acuarela de Julio González Sin título (1940) é posterior, por tanto, a toda a serie da Montserrat que lucirá no Pavillón da República Española na Exposición Internacional de París, 1937 (a carón do Guernika e mais da estilizada forma de El pueblo español tiene un camino que conduce a una estrella, de Alberto). Por contra, os dous deseños de Auguste Rodin non convidan tan claramente como os anteriores a pensar nunha escultura. Son deseños que máis ben miran de estudar posicións de figuras femininas sen máis.
Outros deseños, outros artistas destacados: Picasso, Picabia, Grosz, Matisse, Fortuny, Gris
Todos os artistas descobren que debuxar, cando se trata dunha actividade compulsiva, é un proceso recíproco. (…) Cando a intensidade de mirar alcanza certo grado, o creador dáse conta que unha enerxía igualmente intensa avanza cara el na aparencia do que estea investigando. Toda a obra de Alberto Giacometti é unha demostración de iso (John Berger. Berger on Drawing, 2005).
Estes meses Caixaforum Barcelona presenta unha interesante exposición sobre o pintor alemán Max Beckmann. Con título homónimo, e provinte do Museo Thyssen-Bornemisza de Madrid, a mostra fai un importante repaso pola produción do que se considera o mellor pintor alemán do século XX, Max Beckmann. No intento de definir a creación deste gran artista, o museo Thyssen, Caixaforum e o comisario (Tomás Llorens) envurullan os apelativos e afiliacións. No que nos manuais sempre se deu por certo que Beckmann é un pintor principalmente expresionista, os textos de sala e da web de Caixaforum quérese dicir que é un pintor realista. Incomprensible. Ao tempo, se se busca no portal web do museo Thyssen a Beckmann alí claramente se explicita que é coñecido pola súa “pintura expresionista”. Pois ben, entre os debuxos da colección Mapfre que están agora en Del modernisme a les avantguardes. Dibuixos de la col·lecció de la Fundación MAPFRE, hai unha peza que ben podería firmar o propio Beckmann. Trátase de Ein Abend in Berlin (1929), creación en acuarela e tinta de George Grosz. A composición crítica contra a burguesía alemá que se deixaba ir pola vida fácil e luxosa dos anos 20 e comezos dos 30. Neste debuxo as dúas parellas visten moi ben, nas paredes colgan cadros que han ser caros, e todo o interior vese confortable e con muebles de calidade. Unha peza de Beckmann que se asemella moito á de Grosz é Sociedade, París (1931). A base é a mesma, e os elementos desta festa na embaixada alemá en París, igual. Dise que estas dúas pezas van dentro do movemento chamado Nova Obxectividade. Tense dito que Nova Obxectividade é unha reacción contra as derivas espirituais e abstractas ás que chegara a pintura expresionista. Para superar o expresionismo, búscase atopar de novo a figura humana, os obxectos perfectamente identificables, como se se propendese a reflectir a realidade obxectiva. Cousa que na práctica non aconteceu. O que os cultivadores da Nova Obxectividade fixeron en realidade foi botar man das formas (que tanto se perderan, entre cubismos e outras vangardas) para criticar as sociedades de xeito absolutamente subxectivo. Este movemento figurativo rematou no ano 1933, cando o nazismo chegou ao poder.
O elenco de artistas que firman os deseños incluídos na colección da fundación Mapfre é amplo e nel fan aparición os nomes máis sobranceiros da arte de finais da centuria decimonónica e mais do século XX. Debuxar é descubrir, afirma John Berger que tamén é debuxante. Quizais por iso nomes como Matisse ou Picasso debuxaron tanto, e de xeito tan compulsivo. ¿Por que Picasso era quen de estar días seguidos debuxando o mesmo tema, e varias veces cada día?. A súa serie O Pintor e a Modelo contén centos de debuxos, reiterados, obsesivos; á procura de que? Que detalle se lle resistía ao pintor malagueño? Na mostra Del modernisme a les avantguardes. Dibuixos de la col·lecció de la Fundación MAPFRE está –entre outros do mesmo autor– o debuxo cubista e picassiano Mademoiselle Léonie (1910), un gran debuxo, de case 70 cms de altura no que o lapis e a tinta chinesa van conformando a cabeza feminina. Hyenri Matisse –outro dos monstros artísticos do pasado século– está representado por un delicioso Seated Nude in Studio (1926). Aquí tamén volve, dalgún xeito o tema do pintor e a modelo envurullado, nesta ocasión, polo pracer de vivir que Matisse impuña a todo o que facía.
Francis Picabia está representado por Espagnole (1918), un deseño a cores que non hai moito estivo na casa Garriga Nogués (sede actual da Fundación Mapfre en Barcelona) como parte da exposición Picasso-Picabia. La pintura en cuestión. Foi unha grande oportunidade de contemplar man a man a creatividade destes dous artistas “os Pica”, como lle chamaban en París.
As referencias e valoracións sobre a importancia da mostra Del modernisme a les avantguardes. Dibuixos de la col·lecció de la Fundación MAPFRE poden ser moitas e diversas. Xa dixo Domènech, comisario, na presentación: Aquesta exposició és una verdadera història de l’art. Sorolla, Klimt, Gris, Gleizes, Degas, Sonia Delaunay, Fortuny, Schiele, Nonell, Chillida e moitos nomes máis. En resumo: unha atractiva presentación para visitar a exposición de debuxos da Fundación Mapfre e, de paso, a vila mariñeira de Sitges. Aos pés do Museu Maricel –como ben di Paul Valéry no seu poemario Le Cimetière marin— La mer, la mer, toujours recommencée!
EXPOSICIÓN: Del modernisme a les avantguardes. Dibuixos de la col·lecció de la Fundación MAPFRE. Museu Maricel, Sitges. Ata o 23 de xuño de 2019.
You might also like
More from Crónicas
XIIº Encontro de Escritores de Língua Portuguesa
Entre os dias 5 e 8 de setembro tive a honra de representar a Galiza em Cabo Verde no XIIº …
Primeira Crónica desde Xai Xai: a chegada
Participação de poetas da Galiza no VII Festival Internacional de Poesia de Xai-Xai, Gaza, Moçambique Primeira Crónica desde Xai Xai: a …