Duncan Phillips, xunto coa súa muller, foi un refinado coleccionista norteamericano que pretendeu facer, a comezos da vixésima centuria, o Museo do Prado Americano.
Lito Caramés
De romanticismos, realismos e clasicismos
O título de realista impuxéronmo como lle impuxeron aos homes de 1830 o de románticos (…) Non quixen imitar nin aos antigos nin aos modernos: o meu pensamento tampouco consistiu en alcanzar a meta ociosa da “arte pola arte”. Non! Quixen extraer do coñecemento da tradición o sentimento razoado e independente da miña propia individualidade. Saber para facer, tal foi o meu pensamento (…) Ser, non só pintor, senón tamén un home; nunha palabra, facer arte viva, tal é o meu obxectivo (Gustave Courbet).
A nova exposición que ofrece Caixaforum Barcelona, Impresionistes i Moderns. Obres mestres de la Phillips Collection, comeza a modo de antesala cun repaso por algúns dos mestres franceses da primeira metade do século XIX: Ingres e Delacroix (os dous grandes inimigos), Daumier, responsable da actual estética do Quixote. Tamén Gustave Courbet, con Penedos de Mouthier (1855), onde sobresae o traballo case científico do grande revolucionario para plasmar de xeito escultórico as rochas que hai polas voltas da súa Ornans natal. Nesta ocasión non é doado contemplar, do mestre do realismo, L’Origine du Monde (1866), nin Le Sommeil (1866), nin Le Retour de la Conférence (1863), cadro que mostraba un grupo de curas borrachos camiñando enriba e arredor dun burro, mentres os paisanos se esmendrellan, e que, ante o escándalo que provocou a obra, foi adquirida por un católico fundamentalista para destruíla (na actualidade só queda dela un deseño preparatorio). E de Édouard Manet chega o Ballet Español (1862). Noutras salas de Caixaforum Barcelona hai estes meses un vídeo que actualiza a coñecida pintura de Manet, Olympia.
Degas. Bailarinas na barra. 1900
Impresións, paisaxes e retratos de pincelada solta
Coa invención da fotografía a pintura tivo que cambiar. O Impresionismo, o Surrealismo. Esperábase do pintor que copiase a natureza e a realidade, pero ese papel asumiuno o fotógrafo. Por tanto, o pintor tivo que procurar facer algo que para a fotografía fose imposible. A fotografía cambiou o rumbo da arte. Máis tarde, os pintores comezaron a desprezala: unha máquina non pode facer arte. (H. Sugimoto)
Cando un fato de xente nova (entre eles Berthe Morisot) fan a primeira exposición impresionista en París (1874), Europa vive tempos convulsos: as unificacións de Alemaña e Italia, a segunda Revolución industrial coa industria química (que lles brinda a pintura preparada e en tubos de chumbo para que poidan pintar au plein air) e a electricidade iluminando as cidades nas noites, a competitividade pintura versus fotografía, o xaponismo na sociedade europea a partir do ano 1868. Alén de todo iso, parte da innovación que lograron as e os impresionistas vén de que fixeron visible a pintura mesma. Ata entón os pintores enchían lenzos de cores satinadas, uniformes; os impresionistas son os primeiros que mostran a pincelada, as infinitas pinceladas de cores diferentes. O ollo do observador é o que ten que fusionar esas gotas de cores para producir outra diferente, a partir das pinceladas.
En Montjuïc, na mostra Impresionistes i Moderns. Obres mestres de la Phillips Collection, contémplase, por exemplo, La Route de Vétheuil (1879), de Monet, onde o pintor reflicte sobre o pavimento de terra as sombras de árbores (aplicando con fidelidade a teoría das cores) sen que se vexan esas árbores; o mesmo que facía Pissarro, e que lle valeu fortes críticas por explicitar sombras de algo que estaba fóra do lenzo. Comezarán aquí tamén os problemas co “marco” da obra pictórica? Non hai moitos meses que en EEUU comezou o movemento Renoir Sucks at Painting contra as obras de Auguste Renoir. Na Phillips Collection unha das obras-referencia, destacada e favorita do fundador é Le déjeuner des canotiers (1881), de Renoir, un lenzo de grandes dimensións (130×175 cms). Tamén irán alí a reclamar que tiren a pintura ao lixo? En Caixaforum comparten a sala de obras impresionistas unhas bailarinas de Degas (que noutra mostra, a escasos metros, ten outra peza) e o Auto-portrait de Cézanne (1878-1880), do que Duncan Phillips dixo que, en caso de incendio do museo, esa sería a obra que salvaría. E, feito non usual, un lenzo da artista Berthe Morisot: Dúas mozas (1894). Morisot e Pissarro foron os únicos artistas que expuxeron obra en todas as mostras do grupo de impresionistas. Por contra, nada se menciona da obra desta muller que viviu inmersa na corrente impresionista e foi tan valorada polos seus correlixionarios.
Cezánne. A montaña Sainte Victoire. 1886
Duncan Phillips. The Phillips Memorial Art Gallery
O obxectivo principal da civilización hoxe debería ser derrubar todas as barreiras artificiais que separan os pobos (…) A arte non só ofrece un medio de comunicación espiritual libre entre persoas que non poderían entenderse doutro xeito, senón que ademais é o símbolo perfecto do instinto creativo e das dinámicas harmónicas e de unidade que xera a paz (Duncan Phillips, 1928).
Duncan Clinch Phillips Junior (1886-1966), herdeiro de metalúrxicos de Pittsburg e mais de fabricantes de vidro, fíxose crítico de arte. Con tal razón viaxou por Europa e comezou a aconsellar aos pais sobre que arte deberían mercar. E el mesmo fixo o propio. En 1918, acabada a Gran Guerra, comeza a madurar a idea de abrir un museo de arte moderna na capital dos EEUU. Daquela non había en tan inmenso país un só museo dedicado a arte moderna (o MOMA inaugúrase no 1929). A idea do museo faise realidade en 1921, ano no que se abre en Washington, no que fora a casa familiar, a The Phillips Memorial Art Gallery (hoxe The Phillips Collection), co que pasou a ser o primeiro museo dos EEUU dedicado á arte dos séculos XIX e XX. Desde o comezo Duncan conta, como co-fundadora, coa pintora impresionista Marjorie Acker Phillips, con quen casou precisamente en 1921.
Os Phillips negáronse a organizar as salas do seu museo, e aos artistas, por épocas, nin por nacionalidades, nin por áreas xeográficas. Todo o contrario, as súas directrices para realizar exposicións na súa galería baseábanse no obxectivo de visualizar contrastes e analoxías (…) xuntar as almas afíns de artistas de distintos lugares do mundo e de diferentes períodos históricos e identificar a súa ascendencia común entre os mestres antigos que anticiparon ideas modernas (D. Phillips, A Collection in the Making, 1926). Ideas similares ás que expresa Julião Sarmento cando di: “un artista é un artista”.
Duncan Phillips tiña un obxectivo: facer do seu museo o Prado norteamericano. Como crítico da arte, e despois da visita que fixo ao museo madrileño en 1923, sabía que moitos artistas do XIX (Manet, Delacroix, etc.) viaxaran a Madrid a ver o Museo do Prado e estudar a pintura barroca, Goya e outros mestres. Pescudaba iso: que as e os artistas non só expuxesen na súa galería, senón que acudisen a ela para o estudo e descubrimento dos mestres da centuria anterior. Dentro desas directrices fundacionais tamén estivo o interese por coñecer aos artistas, para sentir de primeira man os seus pensamentos e intencionalidades artísticas. Coñeceron a moitos: Rothko, Matisse, e moitos foron os que visitaron a Phillips Collection. Unha destas visitantes foi Georgia O’Keeffe, da que foron os primeiros compradores de obra.
Picasso. Cuarto azul. 1901
Impresionistas e Modernos
Agora chega a Caixaforum Barcelona desde a Phillips Collection o préstamo de 60 obras de pintura, pertencentes a 44 artistas, baixo o título de Impresionistes i Moderns. Obres mestres de la Phillips Collection. A mostra está comisariada por Susan Behrends Frank, conservadora da Phillips Collection, e mais por Alex Mitrani, crítico de arte. As obras do museo fundado por Duncan Phillips non habitúan a viaxar fóra dos EEUU, por iso é unha ocasión especial para contemplar creacións de grandes mestres do século XIX e do XX. Esta selección xa estivo en Roma, despois viaxará a Madrid e xa non se poderá ver en ningunha outra cidade europea. Quitado O Cuarto Azul, de Picasso, e Cabalos saíndo do Mar, de Delacroix, as outras 58 pezas exhíbense por primeira ver en Barcelona. Aquí un paseo polas salas da mostra.
Nos anos 60, logo de décadas coñecendo artistas e adquirindo pinturas e esculturas, a Phillips Collection xa tiña unhas dúas mil pezas. Hoxe xa vai polas 4.000, cifra moi respectable e superior a moitas outras institucións museísticas europeas e americanas. Os Phillips sempre optaron pola compra de obras expresionistas, ou aquelas onde se reflectían sentimentos, emocións. Influiría nestes gustos as tendencias pictóricas de Marjorie? Por iso recoñeceron que lles custaba valorar a Picasso, tanto polos seus cambios de estilo como pola propia vida que levaba o artista; a dificultade tamén se pode estender ao cubismo en xeral. E Kandinsky facíaselle excesivamente abstracto. Tal vez por iso, tamén, se bota en falta na escolma de 60 obras que chega a Barcelona algunha pintura surrealista ou Dadá, máxime sabendo que hogano celébrase o centenario da creación do movemento Dadá en Zurich, no Cabaret Voltaire, cando Ball comezou a recitar o poema fonético Gadji beri bimba glandridi laula lonni cadori … (daquela, curiosamente, tamén vivía nesa cidade suíza un tal Vladimir Ilich Ulianov).
En 1982, Marjorie Acker Phillips, co-fundadora da Phillips Collection xunto co seu home Duncan, escribe no seu libro “Duncan Phillips an His Collection” (1982): A Phillips Collection debe manter a vitalidade que sempre tivo, e ten que seguir sendo o espazo de coñecemento, gozo e descubrimento, mediante frecuentes cambios nas montaxes da colección enriquecéndoa con novas adquisicións. A política da Phillips Collection sempre foi resaltar a continuidade na arte, a evolución da tradición por medio da experiencia e a necesidade de pór a proba as innovacións actuais tomando como referencia as fontes do pasado.
Kandinsky. Outono II. 1912
De cubismos e expresionismos
Cubismo non é de forma senón unha estética, e incluso un estado de ánimo, polo que é inevitable que estea conectado con cada manifestación do pensamento contemporáneo. É posible inventar unha técnica, pero non se pode inventar toda a complexidade dun estado de ánimo (Juan Gris).
Aínda que o cubismo fose unha vangarda que non expresa a priori emocións -e que non lles agradaba-, o matrimonio Phillips acabou mercando obra de Picasso, de Gris e mais de Braque. De Gris porque se mostraba como o máis espiritual dos tres. De Braque interesáronlle mormente as naturezas mortas -unha delas Natureza morta con uvas e clarinete (1927) está en Montjuïc-. Aínda que un dos pintores preferidos de Phillips foi Pierre Bonnard, pola súa espiritualidade e simbolismo, herdanza do movemento dos Nabis, onde estivo metido moitos anos (a Phillips Collection conta con 17 pinturas de Bonnard e outros tantos debuxos).
En Impresionistes i Moderns. Obres mestres de la Phillips Collection tamén están algúns Morandi, Matisse, Dufy, Kokoshhka, etc. E remata a escolma cos expresionistas abstractos americanos: Pollock, Diebenkorn, Louis ou Rothko. A espiritualidade do Rothko en plena madurez queda explícita no seguinte parágrafo dunha entrevista concedida polo artista ao crítico de arte Selden Rodman: Non son un artista abstracto, non me interesa a relación entre cor e forma. Só me interesa expresar as emocións humanas máis elementais. A traxedia, a éxtase, a fatalidade do destino e cousas así. Que moitas persoas se esborrallen e choren ao verse confrontadas cos meus cadros demostra que consigo expresar este tipo de emocións humanas elementais. A xente que chora diante dos meus cadros vive a mesma experiencia relixiosa que eu sentín ao pintalos (Marc Rothko, 1950). A Phillips Collection conta, de xeito permanente, cunha The Rothko Room.
Picasso. Corrida de touros, 1934
Berthe Morisot, Georgia O’Keeffe, Maria Helena Vieira da Silva
Se unha mira detidamente unha flor, ten todo o mundo diante súa. A maioría da xente de cidade corre tanto que non ten tempo para mirar as flores. Odio as flores; píntoas porque son máis baratas cas modelos e non se moven (Georgia O’Keeffe).
Na exposición que provén da Phillips Collection, hai tres obras que saíron das mans e da creación de tres mulleres. Un 6,8% dos 44 artistas representados, e un 5% das 60 obras expostas. Durante a presentación de Impresionistes i Moderns. Obres mestres de la Phillips Collection, a comisaria non quixo dicir cantas mulleres-artistas tiñan obra nos fondos do mencionado museo; o que si afirmou foi que non contaban con ningunha peza de Mary Cassatt, a pintora impresionista norteamericana máis coñecida e que tamén expuxo cos impresionistas en París. Habería envexas por parte de Marjorie Phillips? E postos en contacto logo con responsables da Phillips Collection, vía correo electrónico, por ver de pescudar ese aspecto, non se recibiu resposta positiva, polo que non é posible aclarar se este museo conta con moita obra de mulleres artistas. As tres obras que se poden ver agora en Caixaforum Barcelona son Motivo de Follas (G. O’Keeffe, 1926), unha peza na súa liña sensual, Caballetes (M. H. Vieira da Silva, 1960), enmarcada no expresionismo abstracto, e Dúas Mozas (B. Morisot, 1894), impresionista, xa citada.
Non hai moito, con motivo da mostra El Triunfo del Color. De Van Gogh a Matisse. Colecciones de los museos d’Orsay y de l’Orangerie, o centro de documentación e conservación do Musée d’Orsay contestou aos correos electrónicos e enviou unha lista completa de mulleres-artistas e as súas obras nesa institución: un total de 176 mulleres artistas. Co gallo doutra exhibición temporal, La Belleza Cautiva. Pequeños tesoros del Museo del Prado, consultouse, asemade vía correo electrónico, o Arquivo de Documentación do Museo do Prado sobre o particular, e a resposta foi que o museo conserva 83 pezas de autoría feminina demostrada (gravados, esculturas, fotografías, pinturas), das que 45 son pinturas.
No ano 2010 o MNAC presentou a mostra Convidats d’Honor: 75 pezas de arte para celebrar os primeiros 75 anos de vida do museo; ningunha delas saída do cerebro e da man dunha artista, nin de Ángeles Santos, nin Lluïsa Vidal ou Lola Anglada. A omisión aínda era (se cabe) máis grave se se ten en conta que un fato de artistas (Miró, Picasso, Dalí, Nonell, Tapiró, Martorell) tiñan obra repetida para completar as 75 pezas. Actualmente en Vic pódese ver 116 anys de pintura catalana con obras de: Ramon Casas, Santiago Rusiñol, Joaquim Sunyer, Joaquim Mir, Francesc Gimeno, Salvador Dalí, Joan Miró, Joan Brossa, Antoni Tàpies, Miquel Barceló, Josep Guinovart, Perejaume, etc. Ningunha peza de muller-artista. Nalgunhas cousas non se adianta.
Lito Caramés
EXPOSICIÓN: Impresionistes i Moderns. Obres mestres de la Phillips Collection
Caixaforum Barcelona
ata o 19 de xuño de 2016
You might also like
More from Crítica de arte
Irving Penn, a fotografía sen ornamentos | Lito Caramés
A Fundación MOP (A Coruña) ten o acerto de presentar unha mostra antolóxica de todos os traballos do gran fotógrafo …
entre espelhos falsos magritteanos e peugadas in-corpóreas de Bete Gouveia | Luís Serguilha
«entre espelhos falsos magritteanos e peugadas in-corpóreas de Bete Gouveia», por Luís Serguilha