Un conxunto variado de iniciativas abordan esta problemática social desde o prisma literario.
Está organizado por alumnado da facultade, que procura sensibilizar e loitar contra os diferentes tipos de violencias exercidos contra as mulleres
❧
«Con motivo do 25 de novembro (Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres), do 20 ao 27 deste mes terá lugar na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña o evento Esta furia e esta razón. Semana poética contra as violencias de xénero. Está organizado polo alumnado da materia Poesía en Lingua Galega e Portuguesa, coa colaboración do decanato e da biblioteca da facultade. Consta dun conxunto variado de iniciativas que abordan esta problemática social desde o prisma literario.
As actividades comezaron o 20 de novembro coa distribución polas portas das aulas da facultade de vinte e cinco poemas en galego e portugués que tratan o tema da violencia contra as mulleres. Ese mesmo día, foi instalado no vestíbulo do centro un mural colaborativo onde todas as persoas que o desexen poden participar completando a frase “Eu loito contra as violencias de xénero porque…”. Ademais, creouse na biblioteca da facultade un centro de interese bibliográfico que reúne vinte obras poéticas relacionadas coa temática do evento.
O día 22, a partir das 13:00, no Salón de graos da mesma Facultade de Filoloxía, terá lugar o coloquio “A poesía galega contra as violencias de xénero”, con participación da investigadora e creadora artística Inma Doval Porto, da tamén investigadora e poeta Ánxela Lema París, e da escritora Ana Fraile Somoza, estudante do centro que acolle o evento. Unha vez finalizado o coloquio, haberá un recital poético aberto a todas as persoas interesadas, que poden ler textos propios ou alleos. Todas as actividades son de acceso libre e gratuíto, aínda que para o recital é preciso inscribirse previamente no correo electrónico poesiadecuarto@gmail.com.
Con esta iniciativa, que ten como lema un verso da poeta galega Ana Romaní, o grupo organizador procura partillar co resto da comunidade universitaria unha parte dos coñecementos adquiridos na súa formación académica, ao tempo que efectúa un labor de sensibilización e loita contra os diferentes tipos de violencias exercidos contra as mulleres. A través da conta de Instagram @poesia.udc pódense seguir algunhas das liñas de traballo desenvolvidas nas semanas previas a este evento, así como as últimas novidades en relación con el.»
❧
You might also like
More from Letras
Amazonidades: Gesta das Águas, de Marta Cortezão | Carla Nepomuceno
Marta Cortezão (acervo da autora) TROVA, POESIA QUE NOS MOVE O Café com Português apresenta Amazonidades: Gesta das Águas, da escritora Marta …
Hiância VENTRÍLOQUA, de Virna Teixeira | Luís Serguilha
Hiância VENTRÍLOQUA, de Virna Teixeira | Luís Serguilha. VENTRÍLOQUA e a dor inenarrável que percorre um corpo.