Cando observas a alguén que escribe algo, non se che ocorre pensar que ese alguén que escribe está a escribir un conto ou un poema.
Viaxaba no autobús. Unha rapaza situada uns metros fronte a min, tomaba notas nun pequeno caderno. De cando en vez alzaba a cabeza, quedaba un cacho pensativa e volvía a escribir apresurada, coma se temese que se lle escapasen as ideas. Curioso, estirei o pescozo… A letra resulta intelixible, dada a distancia que me separaba dela. “Gustaríame saber o que escribe nese caderno -pensei-. Se cadra apuntes para algún exame, ou pode que estea a facer a lista da compra, ou de calquera outra cousa. Tal vez se trate dun diario”…
A ningunha rapaza se lle ocorrería escribir intimidades, nun autobús ateigado de ollos vixiantes. Foi entón, cando en medio dos murmurios dos demais pasaxeiros, claras coma o cristal, oín as palabras que a moza escribía… Ela permanecía muda. Pero as palabras que os seus pensamentos ían rexistrando no papel, viñan polo aire pousar en min. Pechei os ollos. Non necesitei más que afinar ben o oído…
O que escribía a moza dicía:
“Carrapuchiña tiña apenas quince anos, unhas trenzas estupendas, un corazonciño doce e tenro coma unha cirola, e unha figuriña moi lanzal. E pestanexaba cun aceno moi coqueto. Con eses atributos non é de estrañar que na escola todos os rapaces toleasen por ela. Ata que un día, nun campamento de verán, caeu nos brazos dun monitor pervertido. Gustoulle… En menos dunha semana, converteuse na amante de todos os campistas.
Unha tarde cando ía á fonte, atopou un lobo esperándoa no camiño.
– Xamais vin nada tan fermoso coma ti, criatura! Acheguémonos cabo daquel piñeiral, prenda, e farei contigo o que non imaxinas… -díxolle o Lobo.
Seguiuno, pois xa estaba de volta de todo… E o único que aprendeu daquel lobo foi a oulear… Foi entón cando apareceu un cazador corto de vista, que apuntándoa coa escopeta, a acusou de practicar zoofilia. A que se armou!! Na praza da vila, logo de lle cortar as trenzas, e facerlle anacos a capa vermella e a carrapucha, botárona ao lume por pervertida.
Mentres o lobo, a quen todos crían vítima das súas maquinacións, departía amigable coa avoa da rapariga, que todo hai que dicilo, xamais sentira chispa de cariño por ela.
A moza fixo aquí unha pausa, mentres eu, asombrado, tentaba dixerir canto acababa de oír… De alí a un cacho, volveu centrarse na escrita. Por segunda vez, as palabras que ía poñendo no papel, dispersándose polo aire cargado do autobús, viñeron pousar en min. Desta vez mudara de rexistro.
“Continúo sentada escribindo, mentres viaxo no bus. Síntome observada polos ollos famentos dun descoñecido. Non aturo a súa curiosidade. Seguro que é un dexenerado… Non quero arriscarme… Na próxima parada baixo”.
Cando a rapaza se apeou, non se me ocorreu seguila. Ata a fin da viaxe fun correndo a sentarme no seu asento, que ulía á súa colonia. Aquel aroma recendía a lúas e mazás…
O asento aínda retiña a calor do seu corpo adolescente.
You might also like
More from Chelo Suárez
O gato de Hilario
Hilario volveu de América máis pobre que marchara. Para disimular a súa frustración, presumía diante dos colegas de ter vivido …
Emulando a Juan Eduardo Cirlot
Recreando ao meu admirado poeta Juan Eduardo Cirlot. Meu pranto Meu pranto é a cruz que me condena, meu pranto vai pola xustiza …