O tempo ten unha relación caprichosa coa arte; o que hoxe agrada, mañá é ignorado. Cantos creadores, e creadoras, sofren esquecemento, despois de vivir o éxito e o recoñecemento do público? A obra de Pere Torné Esquius, pintor e ilustrador, é un bo exemplo das veleidades doso que se acostuma chamar tempo.
Lito Caramés
Pere Torné Esquius. Poètica quotidiana
Aquesta exposició és una de les funcions del MNAC: donar a conèixer artistes avui oblidats pel cànon, i en aquest cas és el producte de dos anys d’investigació, que van permetre localitzar tres-centes obres, tot i que el punt de partida eren les quatre peces que té el MNAC exposades (Pepe Serra, director del MNAC).
Como ben afirma o director do Museu Nacional d’Art de Catalunya (MNAC), unha institución museística pública ten que dedicar os seus recursos a un amplo abano de campos, entre os que a investigación é un dos prioritarios, aínda que sexa dos que se fan de portas para dentro e non sempre cheguen aos públicos que patrullan polas salas do museo. Desde hai uns anos –mormente desde que chegou Pepe Serra ao MNAC– este museo ten un empeño especial en recuperar a moitas e moitos artistas que en vida tiveron recoñecemento como creadores, pero que a roda e as neves do tempo foron sepultando as súas memorias e inquedanzas. A arte segue modas e, xa se sabe, o que gusta hoxe é antiestético mañá. Nestes necesarios traballos de recuperación o MNAC xa investigou e expuxo publicamente a obra do orientalista Josep Tapiró, acuarelista nado en Reus pero que viviu case toda a súa vida adulta en Tánxer, onde foi bo amigo da familia Cerdeira Fernández (os netos viven en Ceuta e aínda conservan algunha peza do pintor); a do mozo Carles Casagemas, amigo de Picasso, morto aos 20 anos e con todo autor de obra moi persoal; a tan xusta e necesaria restitución de Lluïsa Vidal, feminista e pintora profesional, aos postos de primeira figura do modernismo (o metódico traballo de ocultación desta artista chegou ao extremo de borrar a súa firma nalgún dos seus óleos e pór o nome de Ramon Casas, por exemplo); a recuperación do bo facer do elegante e mordaz Xavier Gosé, a sociedade catalá nunca lle perdoou as súas feroces críticas sociais. E agora tócalle a quenda a Pere Torné Esquius.
A mostra que estes meses está no MNAC: Pere Torné Esquius. Poètica quotidiana, é (incidindo no dito máis arriba) a primeira exposición que unha institución museística pública dedica a este pintor, debuxante e ilustrador de libros que disfrutou en vida de grande predicamento, fama e recoñecemento entre o público e as minorías intelectuais da cidade de Barcelona. O MNAC, logo de facer unha investigación de dous anos, consegue xuntar 37 pinturas e 48 deseños. Destas pezas algunhas son inéditas, xa que estaban perdidas ou descoñecíase totalmente a súa existencia. Durante estes dous anos de investigación Elena Llorens e mais Eduard Vallès, comisarios de Pere Torné Esquius. Poètica quotidiana e tamén conservadores do propio MNAC, lograron referenciar e clasificar 300 obras de Torné Esquius. Como ben di Pepe Serra, os comezos da investigación foron catro pinturas que o MNAC ten expostas desde hai pouco –desde a renovación das salas de Art Modern–. E de comezo tan reducido Llorens e Vallès chegaron a controlar tres centos de traballos do autor do Els dolços indrets de Catalunya. Parabéns para os investigadores.
Pere Torné Esquius (1879-1936) é dono dunha produción rica, na que destacan excelentes interiores de casas, xa da burguesía urbana, xa do mundo rural de masia, e que obtivo prestixio tamén como ilustrador de libros e autor de viñetas cómicas publicadas en xornais e revistas de Francia (como Le Rire, Fantasio ou Le Courrier) e de Cataluña (La Il·lustració Catalana, Empori, Papitu ou na revista infantil Jordi). Torné Esquius ganouse ben a vida coas súas obras artísticas, e levou unha especie de dobre vida: pasaba longas estadas en París, cidade na que producía e ilustraba libros e revistas, e outras en Barcelona, onde tamén traballaba, pero mormente expuña as súas pezas en salas como a Sala Parés. Precisamente foi nesta sala, en 1903, onde fixo a súa primeira exposición individual. O ano anterior pasara catro meses en Madrid cunha bolsa de estudos. Esta información coñécese agora porque Llorens e mais Vallès atoparon no rexistro de copistas do Museo del Prado o seu nome (solicitou copiar pinturas de Velázquez, Goya, Ticiano e o Greco).
Torné Esquius. Ilustración dun conto de Perrault.
Pintura de interiores
Prescindeix (Torné Esquius) de la tècnica i se centra més en l’evocació de moments suspesos en el temps. No hi ha presència humana, però es dedueix que hi ha hagut vida just una mica abans. El protagonisme recau en els elements inanimats que poden arribar a produir un efecte inquietant, pertorbador, a l’espectador ( Eduard Vallès, comisario da exposición).
Moitas das pezas de Torné Esquius, xa pinturas, xa deseños, reproducen interiores de vivendas. Nestes interiores nunca aparece un ser humano. Nese senso hai como un baleiro, ausencias. Pero todo o que o pintor mostra nas súas creacións de interiores está a falar desas persoas que precisamente non aparecen. No cadro ou debuxo pode estar a comida na mesa, hai flores nos vasos, nalgún caso hai unha cheminea prendida, ou unha boneca está a falar de presencias infantís, cando non é un gato negro que deita na butaca onde quizais estivo hai pouco o seu dono. Torné Esquius non pretende deshumanizar. Máis ben todo o contrario, quere falar da humanidade sen a necesidade de que estea diante do observador da pintura. Na entrevista que o pintor concedeu en 1916 a El Poble Català, a única que se coñece que concedeu, declara: as cousas son máis sinceras e máis francas ca cos homes (…) cos interiores pódese expresar todo o que é humano, incluso nos seus máis sutís matices. Realmente Torné Esquius consegue expresar moitas cousas con esa pintura ou debuxos de interiores.
A ausencia de persoas é unha constante en moitas das obras de Torné Esquius. Non en todas, pois pinta escenas infantís, fai deseños eróticos, etc. Cómpre dicir tamén que Torné Esquius non é neste xeito de presentar a pintura e mais os debuxos totalmente orixinal. Hai unha coincidencia no tempo e no espazo que pode sorprender: polas mesmas datas Santiago Rusiñol, a quen Torné coñecía (aínda que fose máis grande) pintaba os seus Jardins d’Espanya, unha serie de estampas que Rusiñol editou no ano 1903, á que logo seguiu unha segunda serie. Pois nas pinturas de xardíns de Aranxuez, de Granada, de Mallorca, de Barcelona, etc. Rusiñol nunca coloca persoas, son creacións saídas das mans de humanos, pero sen eles. Os xardíns vense coidados, as árbores recortadas, as fontes con auga, pero sen xente. Hai en moitos esculturas humanas, si, pero o branco mármore non permite pensar na muller que hai un pouco lía un libro de poemas nun dos bancos a carón do estanque ou no home que escribía unha carta (de amor?) no umbroso e delicado seo do xardín. Que podían ter en común Rusiñol e Torné Esquius? ¿Que os dous comezaron sendo modernistas, aínda que logo o primeiro tirou máis cara o simbolismo e o segundo entrou nas filas do noucentisme?
Torné Esquius. La cambra trista. 1913
Pintura de interiores: La cambra trista
En un entorn humil, el pintor de les coses petites ens trasllada a través d’aquesta pintura a temes de gran transcendència per als humans. I ho fa sense mostrar agonies, esventraments, ni enterraments, sinó només allò que resta després de la mort: una habitació deshabitada i silent (Eduard Vallès).
Como ilustración desta falta de persoas en espazos totalmente humanizados, ben paga a pena comentar a pintura La cambra trista (1913), comprada en principio polo coleccionista Lluís Plandiura, e hoxe na colección da Biblioteca Museu Víctor Balaguer, de Vilanova i la Geltrú. O Museu Víctor Balaguer ten unha importante pinacoteca, con obras de Sorolla, Fortuny, Casas e Rusiñol, e con destacados préstamos do Museo del Prado. La cambra trista é unha pintura de 50×50 cm, que medio presenta un cuarto dun interior doméstico máis ben humilde. Nesta pintura Torné tamén bota man desa técnica comezada a comezos do século XVII por Caravaggio e seguidores de non facer explícitos os obxectos ou persoas na súa totalidade; cun anaco é suficiente. Deste xeito o pintor achega o punto de vista do observador aos espazos presentados e deixa que a imaxinación, ou a memoria, reconstrúa aquelas partes que quedan ocultas. Na Cambra trista só aparece medio leito que está á esquerda, igual que o cadro da Dolorosa que colga na parede na cabeceira; para facer o mesmo á dereita: a cómoda e o espello non están completos: o pintor está esixindo un esforzo a quen mire. Ou pretende crear unha atmosfera de certa inestabilidade, neste interior tan sosegado?
No cuarto de La cambra trista –un cuarto humilde– non hai ninguén, pero ese cuarto estivo cheo de xente ata hai unha miga. O pintor deixa todas as pistas posibles, mesmo o título está a falar da historia que aí aconteceu, e agora está a pasar fóra. Por riba do leito e polo chan hai flores (rosas e brancas) frescas, pegados ao leito dous candelabros coas velas ben consumidas; sobre a cómoda da dereita máis flores; rosas e brancas, e un candelabro pequeno; na parede do fondo dúas cadeiras populares de enea e un reloxo que funciona, pois o péndulo está virando cara a esquerda (o reloxo, símbolo do paso do tempo…). E nesa mesma parede unha fiestra pola que se observa o campanario dunha igrexa coas campás a dobrar (á esquerda sobresae o sino que soa e que case se fai sentir desde a posición de visitante). En toda a composición predomina o debuxo sobre a pintura, tendo os obxectos unha liña escura que os define e separa dos fondos e resto de útiles domésticos. Fronte ao que se podería esperar polo tema insinuado na pintura todo lenzo está impregnado de variedades de cor verde, que Torné reparte uniformemente por toda a superficie.
Que representa esta pintura? Que sucedeu neste cuarto, do que semella que acaba de marchar bastante xente? No leito estivo ata hai unha miga un morto (un neno?, unha moza?) e familiares e amigos neste intre acompañan o cadaleito polas rúas rurais da vila o corpo morto ata a igrexa, onde a campá está a tocar a morto. A composición é sinxela, aínda que mostre moitas máis cousas das que se ven. Non faltan críticos que ven nestas composicións de interiores de Torné Esquius similitudes con cadros de Van Gogh. Pero en case todos os casos, a composición de Torné é máis sintética, sen complicacións nas perspectivas, nin nas pinceladas. Todo fai intuír que das súas estadas en París aprendeu ben os referentes de Toulouse-Lautrec e mais da elementariedade de liñas do cartelismo de finais do XIX. O que fai nesta peza Torné –xa polo que respecta a non representar a totalidade do leito, da cómoda ou do espello, xa por privarnos dos protagonistas da historia acontecida– é o que en narrativa se coñece como elipse. Moitos son os literatos e literatas que na modalidade do relato ou conto usan esa figura, eliminando escenas, dando saltos no tempo, dando por entendidas accións que non se especifican. Hemingway dominaba moi ben esta técnica. E Carlos Casares tamén, como o demostra no ácido e violento relato O xogo da guerra.
Torné Esquius. Els dolços indrets de Catalunya. 1903
Els dolços indrets de Catalunya, a obra definitiva
Y les cases no son pedra sobre pedra fredament, els jardins no ho son sols per un bell artifici, els arbres ingènuament decoradors y les flors qui diuen sols y serenes, no hi son per frèvola lleminadura dels ulls, car en Torné –sempre en contacte ab la vida, malgrat ser un somniador constant– els ha trobat quelcom fondo, fondo … (Francesc Sitjà, revista Empori, Barcelona, 1907).
Pere Torné Esquius viaxa por primeira vez a París no ano 1905. Desde entón a súa vida gravitará entre estas dúas cidades. No ano 1910 aparece publicado o volume Els dolços indrets de Catalunya, unha colección de 39 debuxos a pluma sobre papel. Algúns dos debuxos tamén teñen unha miga de cor, aplicado coa técnica do gouasche. A colección, tal e como reza na portada do volume, é unha Colecció de dibuixos de Torné-Esquius precedits d’un pròlech de Joan Maragall y d’una noticia de Francesc Sitjà. Francesc Sitjà, poeta, era o grande amigo de Pere Torné Esquius –en varias ocasións foi depositario dos seus traballos– e tamén foi o seu valedor nalgunhas das revistas (Empori, unha delas) onde se publicaban críticas de arte e se seguía a actualidade cultural de Barcelona. E Torné tamén foi amigo Joan Maragall, o gran poeta. Seica Torné foi á casa de Maragall para mostrarlle os deseños que pensaba publicar como Els dolços indrets de Catalunya, e tanto lle agradaron ao autor de Nausica que se ofreceu de contado a escribir un prólogo para o álbum.
Os debuxos son unha escolma paisaxística e arquitectónica de variados lugares da xeografía catalá. Els dolços indrets de Catalunya foi celebrada por Eugeni D’Ors e mais por outros promotores do noucentisme case que como unha declaración de ideais deste movemento renovador. Tanto é así que ao ano seguinte, 1911, Eugeni D’Ors inclúe a Torné Esquius entre os noucentistas, e ao álbum Els dolços indrets de Catalunya dentro do Almanach dels noucentistes. O pintor de La cambra trista sae na mesma portada do almanaque, iso si a carón doutras persoas sorprendentes.
As recentes verificacións feitas polos comisarios desta mostra sobre Torné Esquius permitiron descubrir un feito que non se sabía. Cando Torné marcha a París en 1905 déixalle ao seu amigo e poeta Francesc Sitjà a colección de debuxos que logo serán publicados en Vilanova i la Geltrú baixo o nome de Els dolços indrets de Catalunya. É dicir, que os deseños que foron celebrados como esencia noucentista, foron ideados e plasmados sobre papel en plena época modernista, xa que a data de creación dos tales deseños establécese polas voltas de 1903. É máis, o percorrido que tivo que facer Torné Esquius por Cataluña para reproducir ermidas e masías lembra moito á viaxe en carro que uns anos antes (1889) fixeran Santiago Rusiñol e mais Ramon Casas e que tamén deu como froito o álbum Por Cataluña (desde mi carro) con deseños de Casas e textos de Rusiñol.
A escolma de 39 deseños Els dolços indrets de Catalunya é unha representación xenuína da Cataluña rural e mais católica. Torné Esquius trata de vender no exterior unha imaxe idealizada de Cataluña. Case todas as imaxes representan algunha imaxe de masías ou dalgún edificio relixioso (igrexa, ermida). Este últimos, xa por dentro, xa por fóra, son o motivo de 15 dos dolços indrets, mentres que as casas campesiñas sono en 16 traballos a pluma. Torné Esquius pretendeu facer un inventario do patrimonio paisaxístico e arquitectónico catalán; algunhas das construcións debuxadas xa non existen. Algo así como se o pintor formase parte da Junta de Museus, e percorrese Cataluña á procura de lugares aínda non datados. Entre os lugares que xa foron identificados están o santuario de Núria ou El Carmel, unha masía de Horta (Barcelona) ou unha igrexa de Queralbs. Insistindo no dito anteriormente, nestas 39 instantáneas de lugares singulares da xeografía catalá tampouco hai –en ningún caso– persoas. O que se mostra é froito directo dos esforzos de xeracións de persoas que cos seus traballos ergueron casas para os seus deuses, e outras para si mesmos; pero elas non están. A imaxe idealizada que Torné tratou de dar tamén debía ser eterna.
Torné Esquius. Els dolços indrets de Catalunya, 1903
Un dolç indret, escena dun crime?
No heu de veure en Torné Esquius un sincer, sinó un arbitrari, no un home manat del art, sinó un home que mana. I per això aquest sabi regrés a la ingenuitat, no és una hipocresia, no és una afectació, és un esquema, és la figuració de la esència de la cosa (Gladius, Ciutat, 1911)
Nas estampas de Els dolços indrets de Catalunya Torné Esquius demostra, aos seus 24 anos, ter un dominio absoluto do debuxo. Os lugares arquitectónicos e paisaxísticos escollidos son presentados cunha sinxeleza de liñas que ben recorda as viñetas que logo confeccionará toda a vida; poucas liñas, espazos totalmente en branco onde a vista ha trazas volumes. Xa daquela Torné tiña que coñecer ben as técnicas do cartelismo, pois o seu antecesor e coetáneo –Ramon Casas– non o facía mellor. Atrévese tamén, como xa se mencionou respecto do interiores, a non riscar todas as liñas dunha arquitectura, aínda que sexa esta unha igraxa (a de Queralbs, por exemplo). Tampouco se sabe moi, nalgúns casos, cal é o obxectivo dos seus trazos: se un cruceiro, se unha mínima ermida ou un rochedo. Non hai ningunha sombra. ¿Unha débeda da estampa xaponesa, que tanto triunfaba daquela na cidade de Barcelona, onde chegou a haber moitos comercios exclusivos de venda de produtos xaponeses, e dous museos de arte nipón?
Ao longo dos anos de creación Torné Esquius usa, nalgunhas das súas obras, un recurso pouco usual: a proposta dunha escena serena, sen xente, relaxante, pero… Pero un ou varios detalles obrigan ao espectador a saír da tranquilidade bucólica que o invadiu na primeira mirada. Iso precisamente é o que fai o pintor na obra Interior (1913), que se conserva no MNAC. Un interior acolledor: cheminea, unha mesa, dúas cadeiras, cortinas, libros nos andeis, alfombra. Pero sobre a mesa papel, un tinteiro, pluma e un candelabro cunha vela consumida de todo. Que pasou? Quen estaba a escribir tivo que saír a toda présa que deixa o tinteiro aberto, os papeis sobre a mesa? Tanto ou máis sorprendente é aínda un dos deseños de Els dolços indrets de Catalunya. O cuarto dunha masía que ten saída a un patio, con plantas, testos sobre un banco, un paxaro nunha gaiola, unha persiana medio enrolada na porta; todo coa sinxeleza de liñas característica destes debuxos. Se se repara unha miga máis xa se ven os vidros rachados, un testo no medio do cuarto tirado e roto, case todas as plantas están secas e o paxaro está morto, patas arriba, na súa gaiola. Que aconteceu? Semella que quen vivía nesta casa tivo que saír correndo, sen tempo de levar consigo o paxaro nin as plantas, sen poder pechar as persianas. Por que?
Torné Esquius. Escena para cuarto infantil.
Ilustrador, autor de viñetas cómicas, pintura infantil
Torné Esquius nunca foi persoa de ir á moda. Cando imperaban os gustos polo moderno, o urbano (automóbeis, velocidade), o autor de Els dolços indrets de Catalunya refúxiase nos motivos rurais, nos interiores domésticos intemporais, na pintura para nenos. Torné é un artista polifacético, que tratou moitos temas. En París traballou elaborando viñetas para varias revistas humorísticas do momento, como Le Rire, por exemplo; e asistía ao Salón dos Humoristas. Para estas revistas exercitou as súas dotes para os debuxos erótico-psicalíticos. Un dos xeitos máis regulares cos que se gañaba a vida era precisamente como ilustrador, profesión que exercía en Barcelona, para a revista Empori, entre outras, pero máis aínda en París. De revista e de libros.
E foi quen de crear unha linguaxe ben persoal na ilustración da literatura infantil. Ilustrou contos (algúns de Perrault, entre outros autores), libros, material pedagíxico e revistas. Salienta a súa colaboración na revista infantil Jordi, publicada ao longo do ano 1928. En moitas destas colaboracións estaba por tras as súas amizades con Sitjà e mais coa compositora Narcisa Freixas. Sitjà compuña as letras de cancións que logo musicaba Freixas, e Torné ilustraba os libros e mesmo os materiais pedagóxicos que tamén confeccionaba e editaba a compositora. Aquí unha versión dunha das cancións de Freixas.
Lito Caramés
Torné Esquius. Petites annonces. 1907
EXPOSICIÓN: Pere Torné Esquius. Poètica quotidiana
ata o 9 de xullo de 2017
You might also like
More from Crítica de arte
“Veneradas e Temidas” ~ O poder feminino entre dualidades | Lito Caramés
Exposición Venerades i Temudes. El poder femení en l’art i les creences. Caixaforum. Divinas dualidades.
Ana Tomé: Intemporalidade | Inma Doval
Ana Tomé: Intemporalidade. Exposición de fotografía no espazo cultural da libraría Biblos de Betanzos (mes de marzo de 2024) | …