Judy Chicago. Women in Smoke, California). 1971–72
A cabalo dos anos 2021 e 2022 o Museo Guggenheim de Bilbao presenta nas súas amplas salas unha exposición temporal emblemática: Mujeres de la Abstracción. Un esforzo organizativo de gran envergadura, pola calidade das pezas presentadas e mais pola cantidade: máis de cen artistas que traballaron na abstracción. Exposición necesaria. Hai unha estratexia deliberada para invisibilizar a tantas mulleres creadoras? Se nas exposicións temporais se elidisen as autorías das obras, que pasaría?, escolleríanse as feitas por mulleres como as mellores?
*
Mujeres de la Abstracción. Museo Guggenheim, Bilbao
“É tan bo que ninguén pensaría que foi pintado por unha muller”. Este cumprido dirixido polo pintor estadounidense Hans Hofmann á súa alumna Lee Krasner, á que estimaba tanto que insistía en dicir que Jackson Pollock, co que Krasner se casara en 1942, era o discípulo dela, hoxe afortunadamente consideraríase un insulto sexista. (Christine Macel, comisaria, no catálogo da exposición).
O Museo Guggenheim, Bilbao, esa institución que tanto contribuíu a mudar a vida desa vila, presenta agora, a finais de 2021 (Segundo Ano de Pandemia) e comezos do 2022, unha exposición que tamén pretende mudar algunhas cousas. Por exemplo a consideración social que se ten (e se veu proclamando) das mulleres que se dedicaron e dedican ás artes plásticas en xeral, e das que optaron polos eidos da arte abstracta. A inmensa mostra Mujeres de la Abstracción vén sendo un berro xusticeiro en prol das artistas tan maltratadas persoal e profesionalmente; artistas que practicaron un xénero de arte -a abstracta- que se tiña como algo moi afastado daquelas “predileccións femininas”: a pintura de flores, as artes decorativas. Para dar unha idea dos esforzos empregados en artellar Mujeres de la Abstracción cómpre dicir que están presentes máis de 110 creadoras, representadas por máis de 400 obras. A exposición ten unha ordenación cronolóxica e -contra todo prognóstico- exhíbense creacións abstractas xa do século XIX, e logo tamén de todo o século XX.
Mujeres de la Abstracción estivo primeiro no Centre Pompidou de París, a comezos deste ano, baixo o título Elles font l’Abstraction, acadando altas cotas de visitas. Unha das artistas seleccionadas para a exposición é Lee Krasner, unha creadora encadrada dentro do chamado expresionismo abstracto, ou Escola de New York (que seica foi promocionado e financiado pola CIA). O seu home (J. Pollock) gozou de todas as beizóns e recoñecementos públicos, mentres Krasner pasou desapercibida; a pesar que o seu profesor afirmase que era mellor ca el. A nómina de artistas que crearon seguindo as liñas do chamado expresionismo abstracto, e que agora están na mostra Mujeres de la Abstracción, é longa: Joan Mitchell, Helen Frankenthaler ou Janet Sobel, á que se atribúe o comezo da técnica do dripping e que fixo famoso a Poloock. Moitas artistas, das que foron caendo no esquecemento. E algunhas delas casadas cos “grandes artistos” dese movemento (de Kooning, Pollock, …).
Mujeres de la Abstracción foi organizada polo Centre Pompidou en colaboración co Museo Guggenheim, e tendo o apoio de Terra Foundation for American Art. Son comisarias da mostra Christine Macel, curadora xefe do Centre Pompidou e mais por Karolina Lewandowska, directora do Museo de Varsovia e curadora de fotografía; colaborando na organización Lekha Hileman Waitoller, curadora do Museo Guggenheim Bilbao. Mujeres de la Abstracción é unha exposición senlleira, única, coherente. Necesaria. Feita por mulleres sobre mulleres que foron silenciadas; é unha mostra onde caben todas as modalidades creativas plásticas: danza, pintura, fotografía, pintura, cine; e tamén as chamadas artes decorativas ou artes aplicadas (costura, bordado, …) denominadas con eses cualificativos para menosprezalas. Exposición que alberga pezas que van de finais do século XIX ata os anos 80 da pasada centuria. E nela teñen espazo creadoras de calquera lugar do mundo (non só europeas ou norteamericanas). Entre o cento longo de artistas atópase a sueca Hilma af Klint, Fahrelnissa Zeid, turca, ou a xeorxiana Vera Pagana, así como Louise Bourgeois francesa), a ucraniana Sonia Terk (Delaunay), Saloua Raouda Choucair (libanesa) ou as estadounidense Lee Krasner e Berenice Abbott.
Como acto previo á visita, pódese facer un paseo virtual por toda a mostra con esta aplicación que subministra o propio museo Guggenheim. Relacionado coa visita a este museo (aínda que fóra dos límites desta exposición) e feito tamén por unha muller: a artista, crítica e profesora Andrea Fraser, é doado lembrar o vídeo que se fixo facer Fraser (con cámaras ocultas) á súa chegada ao Guggenheim de Bilbao: Little Frank and His Carp (2001), como crítica mordaz á tendencia de construír museos-espectáculo.
Mujeres de la Abstracción. A unha monumental exposición -necesaria-, corresponde a publicación dun fundamental Catálogo. Nas súas páxinas hai textos das comisarias, así como de historiadoras: Griselda Pollock entre outras. E logo, a carón de imaxes das pezas de cada unha das artistas outro texto de outras historiadoras dedicado a cada unha das creadoras. Unha publicación que pasará a ser un clásico dentro da reivindicación da arte no século XX.
A estas alturas da historia as linguas non tiveran aínda que precisar como chamar ás mulleres que se dedican á creación artística. Por iso emprégase a expresión mulleres artistas. “Artistas” (sen adxectivo) é cousa de homes. O tratamento en si mesmo é discriminatorio. Haberá que atopar outros xeitos de denominación. Chamar a unhas artistas e aos outros artistos?
Mujeres de la Abstracción. Invisibilización planificada. Fotografía, Danza
É só no século XX cando presenciamos a anulación deliberada da presencia das mulleres modernas como creadoras da arte moderna, no transcurso do século da máis grande modernización da vida das mulleres, e das súas experiencias, da súa educación e do seu empeño por formar parte da sociedade e da súa transformación política, científica, filosófica e estética. (Griselda Pollock, 2021, no catálogo da exposición).
No ano 1981 as estudosas e feministas Roszika Parker e Griselda Pollock publicaron o importante traballo Old Mistresses. Women, Art and Ideology (hoxe -40 anos despois- publicado en castelán Maestras Antiguas. Mujeres, Arte e Ideología, Akal, 2021). Neste libro xa as citadas autoras denunciaban o feito de que no século XX houbo unha deliberada, e prolongada no tempo, estratexia para anular a presenza das mulleres nas artes. Sorprendentemente, Parker e mais Pollock atopaban en publicacións do século XVI (por exemplo nos libros de Vasari) e séculos posteriores estudos dedicados a pintoras e outras artistas, feitos por homes coetáneos. En concreto citan á artista quizais más valorada: Sofonisba Anguissola, música, escritora, pintora na corte de Felipe II. Por contra no século XX prodúcese o fenómeno contrario, a ocultación deliberada. Segundo as mesmas historiadoras, a partir da Gran Guerra decrétase o silencio entre artistas homes e críticos. Por que?
Hai unha realidade. Nos anos 20, logo de traballar duramente nos anos da Gran Guerra, as mulleres conquistaron niveis de liberdade que antes non tiñan: mudan os xeitos de vestir, estudan, néganse a quedar na casa, fanse sufraxistas. E, quizais como reacción a esa emancipación feminina, os homes -temerosos de comezar a perder o dominio social- optan por tapar, eliminar as creacións que tantas e tantas mulleres van facendo daquela. Tan perigosas son? De ser certo, quere dicir que a súa arte ten moita calidade; cousa que o patriarcado leva séculos negando.
Mujeres de la Abstracción. A extensa exposición -necesaria- vai estruturada por tempos, e tamén por temas. Cabe dentro dela un apartado titulado Las pioneras de la abstracción danzada. A danza como arte. Mulleres como Giannina Censi ou Gret Palucca que miran de atopar os estéticos movementos do corpo axudados pola ciencia (a electricidade, os estudos de Marie Curie). Censi, concretamente, mira de lograr as propostas futuristas de Marinetti e compañía nas súas expresións corporais.
Hai varios apartados onde se dedica a atención a fotógrafas que perante décadas optaron por dar ás súas instantáneas as imprentas da abstracción. Así é como se coñece hogano, por exemplo, os traballos das danzantes citadas anteriormente. Pero tamén son os casos de Ida Lansky ou Carlotta Corpron e as súas imaxes abstractas. Importantes as consideracións que se fan ao longo da mostra sobre as relacións de ciencia e fotografía. Moitas fotógrafas puxeron as súas cámaras ao servizo da ciencia, xa sexa da botánica, xa dos estudos de refracción. Algunhas das máis significativas destas imaxes son as que nos anos 50 logrou captar Berenice Abbott cando colaboraba co Massachusetts Intitute of Tecnology para procurar ilustracións científicas para os libros desa institución. No ano 2019 (coa Pandemia polo medio semella que van alá máis anos) a Fundación Mapfre programou unha fenomenal e retrospectiva exposición sobre Berenice Abbott. Abbott, despois de publicar o icónico libro Changing New York (1935) e de rescatar do esquecemento a memoria e os traballos de Eugéne Atget apostou pola fotografía científica. Agora en Mujeres de la Abstracción hai varios exemplos dos seus logros.
Mujeres de la Abstracción. Medio museo. Artes decorativas versus pintura
Unhas poucas mulleres aparecían con certa regularidade para representar todo o que non era arte, non era arte porque se asociaba co xénero feminino. É o que chamamos o “estereotipo feminino” (…) Ese estereotipo funcionou ao tratar a artistas mulleres como seguidoras ou discípulas de artistas homes, ou como artistas que, por natureza, facían cousas lixeiras: retratos, naturezas mortas, pintura de flores… (R. Parker e G. Pollock, Maestras Antiguas. Mujeres, arte e ideología, 2021).
Aínda na actualidade sobrevive a diferenciación entre Belas Artes e Artes Decorativas. As primeiras son as Artes de prestixio, aquelas que só poden practicar as persoas que teñen capacidade creativa, imaxinación, persoas tocadas polo “xenio creador”, que rachan vieiros xa feitos e logran abrir novas corredoiras. Principalmente a pintura e a escultura. Por suposto, quen ten esas capacidades precisas para dedicarse ás Artes Fermosas son os homes. Homes que posúen o “xenio creador masculino”, que traballan en obradoiros, fóra dos domicilios.
Mujeres de la Abstracción. A carón desas disciplinas artísticas amosan escolas onde se aprenden as chamadas Artes Decorativas, tamén ditas de Arte e Oficios. Son actividades que se consideran socialmente máis preto das artesanías ca da propia Arte: costura, xoiería, forxa, bordado e tantos outros traballos. Estas ocupacións -que, din, non precisan do xenio creador- son máis propias das mulleres, e socialmente menos valoradas. Tarefas que moitas das veces as mulleres fan sen saír dos seu propios fogares. Por estes meses tamén ten acollida no Guggenheim da capital biscaíña a espléndida antolóxica Alice Neel, las personas primero. Neel, que viviu case toda a vida en New York tiña o seu obradoiro no seu fogar, onde criaba aos seus fillos. Unha das pezas que se exhiben agora nas ribeiras do Nervión é o retrato que Neel lle fai á profesora e pioneira nos estudos sobre artistas Linda Nochlin, que sae coa súa filla Daisy. Dous casos nun: Neel pinta ese retrato no seu fogar, e Nochlin ten que vir coa súa filla (Nochlin é moi coñecida por ser a autora do artigo fundacional Why Have There Been No Great Women Artists?).
Contra esta categorización tan patriarcal houbo reaccións. Por exemplo o movemento Arts & Crafts, na Gran Bretaña. Na segunda metade do século XIX, coincidindo coa segunda industrialización un grupo de artistas forman esa corrente que valora especialmente as artesanías. No ano 2017, no Museu Nacional d’Art de Catalunya presentouse a mostra temporal William Morris i companyia: el moviment Arts and Crafts a Gran Bretanya. Ao pouco a Art Nouveau (o Modernismo) segue as mesmas liñas de reactivación do traballo artesanal e a súa revalorización. Pódense entender os edificios modernistas sen entender a lexión de artesáns e artesás que traballaban neles? Que vén sendo La Pedrera de Gaudí senón un viveiro de artesanías? Nun recente traballo Jan Marsh afirma: As mulleres do movemento Arts & Crafts contribuíron substancialmente ao desenvolvemento de determinadas actividades artesanais (…) Miles de mulleres traballaron en pequenas agrupacións rurais, negocios profesionais, talleres e estudos, así como desde os seus fogares.
Mujeres de la Abstracción. Un caso sobranceiro (aínda que non único, por suposto) que ilustra as valoracións das diferentes actividades artísticas é o da artista polifacética Sophie Taeuber (Arp). Suíza de orixe, Taeuber decide matricularse na escola de artes e oficios, e non na de belas artes. Dedicouse á danza, á escultura, e tamén foi costureira, creando vestiarios para pezas de teatro e mais (nada menos!) que para as representacións tan, tan especiais como as que se fixeron no Cabaret Voltaire, de Zurich, onde naceu o tan potente e influínte movemento Dadá. De Taeuber dicían os propios dadaístas que era moi radical. Foi unha artista que practicou a abstracción en calquera das súas actividades; por iso é unha das mulleres presentes na mostra Mujeres de la Abstracción. O que son as cousas! A Historia oficial da arte (até agora) mantén que Sophie Taeuber elaborou as súas obras influída polas obras abstractas (escultóricas) de Jean Arp (con quen casou polo ano 1920), e que ela o que fixo foi pasalas ao deseño téxtil. E agora (neste ano xa van varias exposicións monográficas de Sophie Taeuber -unha no MOMA-) demóstrase que aconteceu todo o contrario: das abstraccións que aplicou esta artista aos traballos de vestiario, aproveitouse logo o seu home, o coñecido, Jean Arp.
Mujeres de la Abstracción. Un caso bastante paralelo ao de Sophie Taeuber é o de Sonia Terk (Delaunay). Sonia Terk tamén foi e é coñecida polos seus traballos como pintora, así como con tecidos téxtiles, deseño de moda, de libros, e ata de automóbiles. Terk foi fundadora do movemento do Orfismo, un intento de conxeniar o cubismo co futurismo e mais coa abstracción, tendo nas cores un dos seus principais elementos de elaboración. A súa actividade creadora tamén se veu coutada na súa valoración social e crítica tras o seu casamento con Robert Delaunay, que tamén aproveita os traballos dela.
Nos estudos xa citados a historiadora Griselda Pollock, e a súa compañeira R. Parker, falan do concepto de Medio Museo. No libro xa citado explican que nos anos 70 (logo dos artigos de Linda Nochlin e das primeiras exposicións dedicadas ás creacións de mulleres) trataron de adiviñar onde podían estar as obras das artistas do pasado: as Maestras Antigas, do título. Logo de moito rebuscar e remirar por todas partes, foron comprobando que no British Museum e noutras institucións museísticas si que había obras de artistas do pasado; pero estaban recluídas nos almacéns. Faltáballes por tanto conseguir que as pezas que foran creadas por pintoras, escultoras e demais profesións artísticas pasasen a constar nas salas expositivas. É dicir, cumpría encher o Medio Museo que falta: a creación feminina.
Na mostra Mujeres de la Abstracción o que máis abunda (aínda que outras disciplinas están moi representadas) son as obras pictóricas. Obras pictóricas de gran calidade. Habería que facer nunha ou máis exposicións temáticas unha proba: a carón de cada obra pór o título da obra, e se se quere o ano de execución. Pero non o nome de quen a fixo. Á saída preguntar a cada visitante que pezas lle gustaron máis e cales considera que son froito do “xenio creativo feminino”. Seguramente, as sorpresas ían ser grandes. Mujeres de la Abstracción comeza con obras de mulleres que crearon na abstracción xa no século XIX. Increíble! Por exemplo Georgiana Houghton, moi influída polo espiritismo e a teosofía. Pero ben a comezos do novecento a sueca Hilma af Klint elaborou obras de rigorosa abstracción, antes de que o pope Kandinsky (a quen se dá como o iniciador da arte abstracta) se dedicase a esa tendencia, e antes de que publicase Über das Geistige der Kunst (De lo Espiritual en el Arte, 1911). Dentro do canon masculino creado ao longo da pasada centuria, a trindade oficial, sacra, é a formada por Wasily Kandinsky, Kazimir Malévich e Piet Mondrian. A estas tres vacas sagradas é ás que hai que enfrontarse por tal de atopar a creación feminina. Contra eles vai esta luminosa exposición. Necesaria.
Mujeres de la Abstracción. Escultura. Cocreación. A arte das mulleres é peor?
O xenio masculino nada ten que temer do gusto feminino. Deixemos aos homes de xenio concibir grandes proxectos arquitectónicos, esculturas monumentais e elevadas manifestacións pictóricas. Que os homes se ocupen de todo o que ten que ver coa arte. E que as mulleres se dediquen a aquelas ramas que sempre cultivaron como o pastel, os retratos ou as miniaturas. Ou a pintura de flores… (L. Lagrange, Du rang des femmes dans l’art. “Gazette des Beaux-Arts”, 1860).
No primeiro texto citado nesta recensión un artisto pronuncia a sentenza moitas veces repetida: É tan bo que semella pintado por un home. Ese é o ton e o contido de moitas das valoracións que se fixeron e fan de obras saídas da creación de artistas: a arte creada por mulleres é de menor calidade ca elaborada polo xenio creador masculino. Entón, por que, ao longo dos séculos e dos territorios, tantas e tantas obras feitas por artistas foron atribuídas a artistos? Se son malas o único que farán será rebaixar a calidade. Se son malas, evidenciarase o fraude! Un só exemplo: á pintora catalá Lluisa Vidal dixéronlle moitas veces: pintes com un home, e hai poucos anos descubriuse que varias pinturas súas, borrándolle a firma, foron dadas como de Santiago Rusiñol ou de Ramon Casas (en concreto a peza Mujer con labor). Deste xeito a cotización da obra elévase.
Mujeres de la Abstracción. A historiadora Pollock afirma nos seus traballos (e nourtros con R. Parker) que non se poden anular as creacións incontables que as mulleres fixeron no campo da arte. Antes e agora. E menos no século XX, centuria na que as mulleres tiveron aínda máis conciencia da súa situación social e fixeron públicas as súas reivindicacións. Por iso propón, para un correcto estudo da historia da arte, falar de cocreación: mulleres e homes conxuntamente reflexionaron sobre as prácticas artísticas e souberon abrir vieiros novos e novos compromisos sociais.
A nómina de artistas presentes, en todas as modalidades estéticas, na magna Mujeres de la Abstracción, exposición tan necesaria, é inacabable. Tamén hai moitas escultoras. Barbara Hepworth en Gran Bretaña foi tan valorada como o seu coetáneo Henry Moore. Lygia Clark vén sendo unha das figuras artísticas máis coñecidas do Brasil na centuria pasada; o mesmo ca Lygia Pape, autodidacta que se acolle ao Arte Concreto brasileiro. E Zilia Sánchez fai o propio na illa de Cuba, con obra presente en museos tan emblemáticos como o MOMA de New York.
Noutro apartado están as artistas que decidiron crear con telas, elaborando impensables esculturas: a catalá Aurèlia Muñoz, coñecida internacionalmente como membro de La Nouvelle Tapisserie, a serbia Jagoda Buic ou a libanesa Saloua Raouda Choucair.
Mujeres de la Abstracción é unha exposición temporal importante, impactante. Necesaria.
EXPOSICIÓN: Mujeres de la Abstracción. Museo Guggenheim, Bilbao. Ata o 27 de febreiro de 2022
You might also like
More from Crítica de arte
Suzanne Valadon, artista valente | Lito Caramés
Agora, no MNAC, pódese disfrutar da mostra Suzanne Valadon. Una epopeia moderna, unha antolóxica dedicada a esta artista que, contra …
“Veneradas e Temidas” ~ O poder feminino entre dualidades | Lito Caramés
Exposición Venerades i Temudes. El poder femení en l’art i les creences. Caixaforum. Divinas dualidades.