Éxtase Dionisíaco, 50 a. n. e.
Comeza o ano 2021 coas mesmas trazas coas que rematou o ano pasado. Pódese interpretar a actual pandemia como “castigo divino”? Con dificultades e atrancos as institucións museísticas e centros de arte seguen a programar exhibicións artísticas. A arte cómpre para vivir, para loitar. Caixaforum Barcelona presenta Art i Mite. Els déus del Prado, un paseo polas iconografías que reflicten boa parte da mitoloxía grecorromana e que se abeiran no Museo del Prado. Iconografías lúdicas e dramáticas, bucólicas e violentas. Foron os raptos e comportamentos similares “modelos” para as sociedades de antano? Que responsabilidade teñen as mitoloxías de tantas e tantas relixións na pasada e actual violencia de xénero?
*
Art i Mite. Els déus del Prado. Caixaforum.
La masculinidad de dios está presente en todas las religiones, nada extraño puesto que éstas, en tanto que tales, son obra de varón. (…) Por asociación, el dios masculino representa la figura paterna y el principio, como ella, de toda autoridad. Los hombres pueden y deben identificarse con él por el temor, como el niño lo hace con su padre para superar su complejo de Edipo. Las mujeres no pueden ni deben identificarse con dios, pues tanto su imago como su imagen son masculinas, pero si adorarle y servirle. (Victoria Sau. Diccionario Idelológico Feminista, “Dios”, 1989).
Despois de percorrer boa parte de España, perante tres anos, a mostra Art i Mite. Els déus del Prado, organizada pola Fundació LaCaixa e mais o propio Museo del Prado atraca en Montjuïc. O contido da mesma presenta unha ampla perspectiva sobre a representación iconográfica de mitos grecorromanos ao longo da historia da arte. A tal efecto a pinacoteca empresta á Fundació LaCaixa 64 pezas de variada confección: pinturas, esculturas e outros obxectos, todos eles datados entre o século I a.n.e. e mediados do século XIX (tendo un peso especial os óleos de época barroca, como é de esperar pola configuración das coleccións do citado museo). A destacar as firmas de Francisco de Zurbarán, José de Ribera, Pedro Pablo Rubens, Michel-Ange Houasse, Francesco Albani, Guido Reni, Jan Carel van Eyck entre outros.
O representado tamén é diverso, pois atópanse imaxes de deuses, deusas, titáns, heroes e as recreacións de mitos ben coñecidos: Rapto de Europa, de Ganimedes, castigos a Prometeu ou Ticio, a caída e Ícaro, rituais dionisíacos ou escenas da guerra de Troia. Na intención de relacionar elaboracións míticas (creación da relixión olímpica) de hai máis de 2000 anos coa realidade (mesmo coa actualidade), en Art i Mite. Els déus del Prado inclúense textos de aproximación á mitoloxía clásica, e tamén un audiovisual onde escritores, artistas e pensadores actuais reflexionan sobre o amor, a beleza, o destino da humanidade, a masculinidade ou a feminidade: significados e a posible actualidade daquelas interpretacións do sentido da vida e do mundo. A plasmación e, por tanto, a fixación escrita de narracións orais anteriores, dos mitos explicativos de feitos e leis consuetudinarias foi iniciada por Homero nas súas obras Iliada e Odisea e tamén por Hesíodo (autor da fundamental Teogonía, orixe das divindades) alá polo século VIII a.n.e. Xa en tempos do comezo da nosa era, Ovidio, autor romano, escribiu as Metamorfoses, rematando os traballos de moitos outros autores na definición de mitos e especificacións de tantos personaxes míticos. Unha fermosa presentación deste proceso -o paso da forza da oralidade (presente en todas as culturas) como xeito de manter tradicións e valores ao seu rexistro escrito (nestas xeografías mediterráneas)- é a que ofrece Irene Vallejo no seu premiado ensaio El Infinito en un Junco. La Invención de los Libros en el Mundo Antiguo. Un ensaio que se le con máis ansia e interese ca moitas novelas.
Art i Mite. Violencia, patriarcado.
Mais ti marcha para os teus cuartos de novo e atende aos teus propios traballos, o tear e a roca, e ordena ás túas servas que se apliquen no traballo; o falar compete aos homes e entre todos a min, porque teño o poder nesta casa. (verbas de Telémaco á súa nai, Penélope, na Odisea, canto 1, versos 355 e ss.).
Como ben di Victoria Sau na súa obra reseñada, La masculinidad de dios está presente en todas las religiones, nada extraño puesto que éstas, en tanto que tales, son obra de varón. As mitoloxías, todas as que chegan ata a actualidade -e as relixións ás que sustentan-, son froito de sociedades patriarcais onde o dominio do masculino é total. Na mostra Art i Mite. Els déus del Prado preséntase a interpretación do mundo que as sociedades gregas e romanas fixeron do mundo e da presenza da humanidade neste planeta. Resultados similares pódense atopar se se argallan iguais recompilacións nas culturas exipcia, xudía, cristiá ou azteca.
Moitos dos lenzos que proveñen dos fondos do Museo del Prado ofrecen versións, unhas estáticas e outras ben dinámicas, de feitos violentos exercidos por deuses, heroes, monstros e mesmo humanos. Hai por exemplo escenas da guerra de Troia (o incendio da cidade co cabalo no medio e medio), onde tan directamente participaron os deuses, xa decidindo as violencias, xa participando nas loitas. É ben coñecida a anécdota dentro desa contenda na que o propio deus da guerra, Ares, “que ía cos troianos”, foi ferido por unha lanza arroxada polo rei grego Diomedes. Como cata á actualidade, dicir que en varias localidades turcas próximas á localización dos restos das Troias antigas (as escavacións demostran que no lugar onde fixo o achado Schliemann houbo varias), existen actualmente réplicas do Cabalo de Troia; unha das réplicas é a empregada para o filme hollywoodiano Troy, de Wolfgang Petersen (2004). Sorprendente o pouco respecto que demostra a industria do cinema aos relatos literarios.
Moi presentes tamén agora en Montjuïc os castigos que as divindades impuñan a titáns, humanos e semideuses que ousasen incumprir as normas ou as ordes dadas. Forma parte do imaxinario colectivo occidental o castigo (obra de Zeus) ao que foi sometido o titán Prometeu, un ser que decidiu axudar aos humanos. O devandito titán comezou tendo problemas por enganar a Zeus, dándolle a comer só os osos perante un sacrificio. Da ira que pillou o controlador de lóstregos e tempestades, negoulles aos humanos o lume. E Prometeu, por mor de axudar, roubouno e devolveulle o lume á humanidade. Castigo: Prometeu encadeado recibía a diario a visita dunha aguia que lle comía o fígado (como era inmortal, a víscera reproducíase). Finalmente foi liberado por Heracles. Castigo idéntico é o que recibiu Ticio (acusado de querer violar a Hera, muller de Zeus), castigo que agora Art i Mite. Els déus del Prado ofrece nun tormentoso lenzo de José de Ribera, estruturado sobre tensos escorzos e dramáticos claroscuros. De Ribera dixo Lord Byron, cando coñeceu moitas das súas obras en Nápoles: “os cadros de Ribera conteñen todo o sangue cristiá”. Haberá que engadir tamén o sangue olímpico?
Quizais os casos máis claros, e hogano sorprendentes, da violencia implícita e explícita nas mitoloxías das relixións sexan os raptos, e intentos de tal cousa. O mito de Apolo e Dafne, tan reproducido ao longo da historia da arte en pintura e escultura, é moi ilustrativo. Nesta exposición é doado contemplar a obra de van Thulden de tal nome. Aínda que a maxia do mármore atopa todo o seu esplendor na peza de Bernini, Apolo e Dafne. Trátase, neste caso dun rapto frustrado, de violencia contra a ninfa, da perpetración dunha violación, que remata coa morte da ninfa. Aínda máis explícitos son os raptos que executa nada máis e nada menos que Zeus (entre outros), o máximo deus olímpico. Quere isto dicir que, para os gregos, o que fai a súa máxima divindade é correcto? Nesta exposición hai exemplos de raptos, o de Europa, sen ir máis lonxe. Os raptos son puros actos violentos, de violación; de violación de vontades e de violación física exercida por un ser superior. Foron estes comportamentos “modelos” para a sociedade de antano? Copiaron os humanos tales actos?
Mitoloxías e realidades actuais.
Rómulo, ao preparar uns xogos dedicados solemnemente a Neptuno proporcionou o intre e mais o lugar oportunos. Despois de ordenar comunicar aos pobos veciños o espectáculo (..) Pola curiosidade de ver a nova cidade xuntáronse moitos mortais, mormente os que vivían máis preto; acudiran tamén os sabinos cos seus fillos e as súas mulleres (,,,) Cando chegou o momento do espectáculo e as mentes, igual ca os ollos, estaban pendentes del, como estaba tramado desencadeouse a violencia e a un sinal dado aos xoves romanos lanzáronse estes a raptar as mozas … (Tito Livio. Ab Urbe Condita, I)
Xa se comentou que un dos intereses dos organizadores de Art i Mite. Els déus del Prado, así como do comisario da mostra, Fernando Pérez Suescun, xefe de Contidos Didácticos, Área de Educación, do Museo Nacional del Prado, é mirar de relacionar os relatos míticos nacidos tal vez hai 3000 anos (logo pulidos e fixados) coa realidade actual. Perante a presentación da exposición o director do Museo del Prado, Miguel Falomir (por vídeoconferencia) comentou que os relatos de superheroes actuais ou as sagas cinematográficas (como Star Wars ou Matrix) teñen unha importante base nesa mitoloxía olímpica que soubo salvar as fortes censuras cristiás e sobrevivir dous milenios.
Tempos de pandemia. Meses de peche social, de negritude cultural. O malévolo 2020 xa pasou, e comeza o 2021 polos mesmos vieiros. As realidades seguen nuns tempos que xa se deran por pretéritos; tempos que os países máis ricos –soberbios– cualificaran de medievais e irrepetibles. Pódese interpretar a actual pandemia como outro xeito de “castigo divino”? A pandemia é a metáfora dos tempos. A metáfora que se repite, contra da carreira tecnolóxica que predica a superación de calquera etapa anterior. Pandemias houbo na antigüidade, nos tempos medievais, nos modernos e mais nos contemporáneos. E a Arte sempre respondeu. A arte cómpre para vivir. Así aconteceu e acontece.
Interesante é tamén a transposición dos mitos a realidades máis ou menos verídicas. Os raptos executados polos habitantes inmortais do Olimpo, tan contados e cantados, foron aplicados logo por grupos humanos. Tal aconteceu co Rapto das Sabinas, como describe Tito Livio na súa historia de Roma. Roma nos seus comezos era un lugar de aluvión, de xentes non moi estimadas polas sociedades do centro de Italia. E alí faltaban mulleres. Por iso o rei Rómulo argallou eses xogos dedicados a Neptuno como artimaña para quedarse -á forza- coas mulleres das terras do reino Sabino. Un rapto colectivo, violento, incumprindo todas as respectadísimas regras da hospitalidade que observaban todos aqueles pobos.
No ano 1954 o director de cine Stanley Donen firma a cinta Seven Brides for Seven Brothers (Sete Noivas para Sete Irmáns), onde o irmán máis vello anima aos outros a raptar mozas, seguindo precisamente o exemplo dos romanos: o rapto das sabinas. Neste caso a presentación é ben edulcorada -mesmo simpática- dentro dun musical con tintas disneysianas, pero que non agocha a violencia exercida contra aquelas mozas. Ergo, as prácticas machistas de certos deuses son levadas á práctica na antigüidade e nos presentes tempos.
Unha peza (ou pezas de arte) poden mudar o mundo? No enterro de Emile Zola as/os traballadores berraban Germinal, Germinal!! O óleo Le Radeau de la Méduse (1818), de Géricault provocou unha revolta en Francia. Volvendo á mitoloxía grega, os mitos relativos a Medusa, unha das gorgonas, son exemplo de violencia e inxustiza. Medusa foi violada por Poseidon (!!), deus do mar, no templo de Atenea; esta deusa, irada, transformouna nun ser horrible: serpes por cabelos, convertía en pedra a quen a mirase directamente aos ollos, … O violador é Poseidon, e Medusa a castigada. Logo -para rematar a súa desgraciada vida- foi decapitada por Perseo que lle deu a cabeza a Atenea para que a puxese no seu escudo.
Pasados miles de anos, actualmente, vén de erguerse en New York unha escultura de Medusa. Unha escultura “especial”, obra do escultor Luciano Garbati. Especial porque neste caso Medusa preséntase de corpo enteiro, espida, en contrapposto, e levando nunha man unha espada e na outra a cabeza de Perseo. A mitoloxía ao revés: Medusa coa cabeza de Perseo (2008). Está diante dos xulgados que condenaron ao magnate do cinema Harvey Weinstein e agora mesmo é un emblema do movemento #MeToo.
Darlle a volta ao mundo. Mudar as realidades que se ofrecen como modelos. Iso mesmo xa o fixo a poeta Xohana Torres no ano 1992, ao escribir o poema Penélope:
DECLARA o oráculo:
“QUE á banda do solpor é mar de mortos,
incerta, última luz, non terás medo.
QUE ramos de loureiro erguen rapazas.
QUE cor malva se decide o acio.
QUE acades disas patrias a vindima.
QUE amaine o vento, beberás o viño.
QUE sereas sen voz a vela embaten.
QUE un sumario de xerfa polos cons.”
Así falou Penélope:
“Existe a maxia e pode ser de todos.
¿A que tanto novelo e tanta historia?
EU TAMÉN NAVEGAR.”
EXPOSICIÓN: Art i Mite. Els déus del Prado. Caixaforum Barcelona, ata o 28 de febreiro de 2021
You might also like
More from Crítica de arte
Ana Tomé: Intemporalidade | Inma Doval
Ana Tomé: Intemporalidade. Exposición de fotografía no espazo cultural da libraría Biblos de Betanzos (mes de marzo de 2024) | …
Os folgos da escultura flúen polas veas de June Crespo | Lito Caramés
Estes meses o Museo Guggenheim instala nas súas salas unha importante mostra dos traballos da escultora June Crespo: Vascular. Que …