C. Cahun. Autoportrait, 1929
Todo comeza en París. Tamén moitas revolucións. A revolución provocada no mundo da arte entre finais do século XIX e as primeiras décadas do XX tamén aconteceu na cidade de París. Nas entidades museísticas desa vila permanecen moitas das pezas animaron as revoltas estéticas. O Musée d’Art Moderne de París é un exemplo de xestión cultural: a Mairie da Ville Lumière merca arreo obras de arte para que nas beiras do Sena sigan estando as testemuñas da creatividade artística e das innovacións plásticas.
*
Del Fauvismo al Surrealismo: obras maestras del Musée d’Art Moderne de París. Museo Guggenheim, Bilbao.
Coa invención da fotografía a pintura tivo que cambiar. O Impresionismo, o Surrealismo. Esperábase do pintor que copiase a natureza e a realidade, pero ese papel asumiuno o fotógrafo. Por tanto, o pintor tivo que procurar facer algo que para a fotografía fose imposible. A fotografía cambiou o rumbo da arte. Máis tarde, os pintores comezaron a desprezala: unha máquina non pode facer arte. (H. Sugimoto, fotógrafo)
O xurdimento da fotografía, primeiro como técnica de captación da realidade coa axuda da luz e mais da química, axudou (entre outros condicionantes) a que o movemento impresionista mudase de rumbo: esfarelar as formas por medio das cores que a luz produce nas superficies dos obxectos. Desde ese momento as herdanzas renacentistas estaban condenadas a desaparecer. O cubismo, na primeira década do século XX, remata a descomposición do que se dera en chamar o figurativismo.
O Museo Guggenheim de Bilbao comeza este ano de celebración dos 25 anos de vida presentando a mostra temporal Del Fauvismo al Surrealismo: obras maestras del Musée d’Art Moderne de París. A institución Musée d’Art Moderne (MAM) fundouse en París a mediados da centuria pasada para recoller as creacións plásticas que diferentes tendencias e sensibilidades foran xerando nesa cidade. O concello de París ten, desde o século XIX, un programa cultural que inclúe a compra de obras producidas na Ville Lumière. Magníficas iniciativas. A exposición Del Fauvismo al Surrealismo está comisariada por Fabrice Hergott, o actual Director do Musée d’Art Moderne de Paris, xunto con Hélène Leroy, curadora do Musée d’Art Moderne de Paris, e mais de Geaninne Gutiérrez-Guimarães, responable de exposicións do Museo Guggenheim Bilbao. Asemade, son estas dúas entidades museísticas as que organizan a mostra.
Del Fauvismo al Surrealismo: obras maestras del Musée d’Art Moderne de París é unha viaxe no tempo; un periplo polas sensibilidades estéticas rachadoras da primeira metade do século XX. Son algo máis de 80 pezas firmadas polos grandes nomes da pintura e escultura deses cincuenta anos as que permiten circular, e facer paradas, en propostas novidosas como as diversas concrecións do cubismo, na espontaneidade dos fauvistas, pola pintura metafísica ou polo complexo universo dos surrealismos.
Del Fauvismo al Surrealismo. Mulleres artistas.
O que desexo é a liberdade de ir polas rúas soa, entrar e saír, sentarme nas Tulleries, e especialmente o pracer de mirar as tendas de arte, entrar nas igrexas e museos, camiñar polas rúas de noite. Iso é o que quero; e sen esta liberdade non se poder ser unha verdadeira artista (…) Todo iso é o que me fai rinchar os dentes cando penso que son unha muller. Cun vestido burgués e unha perruca, estarei tan fea que serei libre coma un home! (Marie Bashkirtseff, pintora. Diario, 1879)
Na introdución á mostra que se comenta (Del Fauvismo el Surrealismo) o catálogo da mesma informa que as persoas responsables do MAM de París sempre tiveron coidado e atención ás creacións das mulleres artistas. E agora no Museo Guggenheim pódense contemplar bastantes pezas saídas dos miolos e as mans de moitas artistas. En concreto, as obras firmadas por mulleres artistas contidas na exposición que veñen dos fondos do MAM representan un 25% do total. Nada que ver, evidentemente, coa histórica exposición que vén de pechar o Guggenheim Bilbao: a programación de Mujeres de la Abstracción, unha escolma de máis de 300 obras creadas por 110 artistas (non “artistos”), só nas tendencias que escoran cara a abstracción. Ao tempo, a mesma entidade xa programara con anterioridade a que foi considerada por medios internacionais como a mellor exposición temporal de todo o ano 2021: Alice Neel, un formidable paseo polas pinturas desta muller tan íntegra e coherente.
Falando de París como a Ville Lumière para tantas e tantos artistas de calquera latitude, o parágrafo anterior escrito pola artista Marie Bashkurtseff no século XIX -desgraciadamente- aínda ten vixencia hoxe. A pintora (que morreu aos 25 anos, que de tan feminista que era tivo tempo de financiar a revista feminista La Citoyenne, e mais de escribir nela) o que está proclamando en 1879 é que vai procurar unha máscara (vestido burgués e unha boa perruca) que lle permita saír á rúa e pasar desapercibida, poder camiñar por onde queira, de día e de noite. Como pode facer un home. Canto sufrimento! Canta desigualdade! Que valentías! (O emprego da máscara nese senso non está recollido na mostra La Màscara no Menteix mai, que agora programa o CCCB barcelonés).
As nove artistas (non artistos) que están representadas por pezas na exposición que agora se comenta, estano en bastantes casos por varias obras. Semella que a invisibilidade das artistas inicia o camiño cara a luz. Ben é sabido que as estudosas Griselda Pollock e mais Roszika Parker publicaron a comezos dos anos 80 do pasado século o importante traballo (agora traducido) Maestras Antiguas. Mujeres, Arte e Ideología, Akal, 2021. Unha das conclusións ás que chegaron, despois de anos de estudo, foi que o século XX foi o período histórico onde máis se agochou o traballo das mulleres artistas. Máis ca en séculos anteriores. Hai indicios (tempo era!) que fan pensar que o novo milenio está a mudar as sensibilidades, e cada día son máis as mostras artísticas onde a creación das artistas é máis relevante.
Os nomes que firman as pezas desta mostra atópanse en calquera das escolas e/ou tendencias estéticas representadas na mesma, van de Goncharova a Fini, de Laurencin a Orloff, de Cahun a Blanchard, de Pagava a Prax e Valadon. Atractivos nomes para mellores plasmacións prácticas a ver nestes meses nas ribeiras do río Nervión.
O Fauvismo e o Cubismo, as revoltas da primeira década do século XX.
O logro artístico de Matisse baséase no seu emprego -ou, no contexto da arte occidental contemporáneo, pódese dicir “a súa invención” da cor pura. A cor pura, tal e como Matisse a entendía, non en nada que ver coa cor abstracta. Sempre afirmou que a cor “debe servir á expresión: expresar o sentimento case relixioso que lle provocaba a vida sensual, a bendición da luz do sol, as flores… (J. Berger. Henri Matisse, en Sobre los artistas 2, 2015)
A comezos do século XX, e en París, aconteceu máis dunha vez o que xa se producira con anterioridade (cos impresionistas, por exemplo): que un crítico de arte é o que lle dá nome a un grupo de artistas que presentan obras que foxen da “corrección esperada”. O crítico Louis Vauxcelles, tras contemplar os traballos de Henri Matisse e mais de André Derain no Salon d’Automne de París (1905) escribiu (con desprezo e saña) que eses pintores eran uns fauves (feras), atendendo ás novas propostas estéticas dese mangado de mozos que provocaban a inequívoca ruptura cos convencionalismos anteriores. O fauvismo -como movemento artístico- é moi limitado no tempo, pero tivo unha moi forte influencia nas seguintes vangardas, mormente nos expresionismos. Os fauvistas míranse nos impresionistas para abandonar o debuxo e as formas dos obxectos e disolver todo nas cores puras, tal e como di Berger que comezou a facer Matisse. Empregan as cores puras, sen mestura; cores moi vivas, as veces guindadas directamente do tubo á tela (ou con paletas). E cores moitas veces arbitrarias (non coincidentes cos modelos), como se expresasen máis un estado de ánimo que recrear unha paisaxe ou un retrato. Caso paradigmático do dito é a peza de Matisse, La Raie verte (1905), que vén sendo un retrato de Madame Matisse.
Agora no Museo Guggenheim é doado contemplar bastantes obras fauvistas. Entre elas La rivière, de André Derain (quizais o máis puro fauvista de todos), con seguridade unha paisaxe do río Sena, o inverno de 1904, nas aforas de París. O entretecido de cores (azuis, terras, verdes) agocha bastante a paisaxe. Do mesmo río tamén hai outra visión do M. Vlaminck; cunha carga de cores aínda máis caótica.
Ao tempo que uns artistas apostaban pola rotundidade das cores puras á hora de expresarse plasticamente, outras e outros xiraban en dirección oposta, seguindo os vieiros de Cézanne e procurando as estruturas, os volumes que conforman os obxectos. Por riba, tales artistas (cubistas) desprezan as cores e utilizan case sempre a mesma gana en cada obra. O mesmo crítico Vauxcelles -na primeira exposición dos logo chamados cubistas (1907)- publicou que se trataba de pinturas formadas por pequenos cubos e mais por figuras xeométricas. Un crítico preclaro.
Os artífices primeiros deste movemento foron Picasso e Braque (Picasso deixou dito: Cézanne é a nai de todos nós). Cómpre suliñar que, cando Picasso lles mostrou a algunhas amizades a peza Les Demoiselles d’Avignon, algúns deles declararon que sentiran vascas ante corpos tan feos (a figura feminina como canon de beleza iniciaba o seu declive). Por contra outras amizades opinaban o contrario. O poeta Apollinaire escribiu a tenor de Braque: Aí está Georges Braque. Que vida tan marabillosa a súa! Traballa apaixonadamente pola beleza e alcánzaa sen esforzo. Cada obra súa é o monumento dun intento que ninguén antes emprendeu.
O cubismo, ou cubismos, abrangue etapas creativas de moita xente, e diferentes xeitos de acometer a representación e estruturas da realidade. Na mostra Del Fauvismo al Surrealismo: obras maestras del Musée d’Art Moderne de París hai unha ampla representación de creacións cubistas. Pezas de Braque xunto con outras escultóricas de Archipenko ou Lipchitz e do mesmo Picasso; e tamén pinturas de Gris ou Léger, de Robert Delaunay e Gleizes ou Lhote. (De quen non hai pezas é de Sonia Terk-Delaunay, a gran dama do cubismo órfico. Que pensaría hoxe esta artista ucraniana da violenta invasión que o goberno de Rusia está levando a cabo no seu país?). Tamén hai algún bodegón de Natalia Goncharova e dúas pezas moi peculiares polas medidas (óleos moi altos e estreitos) e polos títulos: Deux femmes espagnoles, un, e Femme espagnole, outro. Figuras esveltas tratadas como figuras xeométricas e practicamente en cores brancas e negras. Pezas sorprendentes.
Del Fauvismo al Surrealismo. L’Êcole de París.
Tous ces peintres, d’âge et de tendance très divers, se trouvèrent d’accord sur la résistance nécessaire de la peinture. Ce qui leur fit accepter ce titre général et lénifiant, destiné à rassurer l’occupant (…) Il ne s’agissait de rien d’autre – de rien moins – que de permettre, par surprise, une exposition judéo-marxiste, sous toutes ses formes, à une époque où les galeries n’osaient montrer que de l’art d’obédience nazie. Après refus d’un certain nombre de galeries, la galerie Braun accepta le risque de l’exposition, qui fut accueillie par des torrents d’injures d’une presse bien dressée. (Jean Bazaine, 1998)
Nos parágrafos anteriores o pintor e escritor Jean Bazaine fai referencia á mostra Vint jeunes peintres de tradition française (1941) que organizou el mesmo. É a primeira exposición que se celebra na capital francesa, baixo a ocupación nazi, e con clara tendencia contraria a tal ocupación e ideoloxía.
Coñécese coa denominación de École de París (acuñado polo crítico Warnod en 1925) a un incontable número de artistas -de calquera lugar do planeta e xénero- que se instalaron no barrio de Montparnasse no período de entreguerras e que foron o xermolo de importantes tendencias estilistas. Con moitas vicisitudes, a tal conformación heteroxénea durou ata os anos 60 da pasada centuria.
Na mostra Del Fauvismo al Surrealismo, os comisarios da mesma titulan baixo este epígrafe ao segunda apartado do percorrido polas obras e firmas. Como corresponde á heteroxeneidade á que se refire a École de París, tamén no Museo Guggenheim hai moita diversidade. Unha das artistas máis representadas é en concreto a santanderina María Blanchard. Blanchard viaxou a París e alí viviu case toda a vida. O Musée D’Art Moderne (MAM) conserva nada menos que unhas vinte pinturas desta creadora, tamén denominada “a dama do cubismo”, grazas á xenerosa doación do marchante Maurice Girardin. No Guggenheim está agora L’espagnole (1910), unha obra pintada aos 30 anos, pouco despois de chegar a París e onde se detecta dramatismo e unha composición sinxela que escora cara o fauvismo. E dos anos 20 -xa con trazados cubistas, xeometrizantes, La lessive e tamén Famme au panier de fruits.
Por citar algúns creadores máis desta etapa e denominación (presentes na escolma do MAM que se pode contemplar en Bilbao) paga a pena citar ao italiano Modigliani, dono dunha produción tan especial, de retratos alongados e melancólicos ou á pintora Susanne Valadon. A modelo e logo pintora Suzanne Valadon comezou sendo acróbata pero, por mor dun accidente, foise vivir a Montmartre onde traballou como modelo para moitos pintores, entre outros para Degàs, Renoir, Puvis de Chavannes, ou Toulouse-Lautrec. Pero non so fixo de modelo, senón que, pouco a pouco, foi aprendendo as técnicas pictóricas (malia non ter “xenio” que -segundo críticos- é masculino). Acabou sendo unha grande artista, que viviu do seu traballo como pintora. As creacións de Valadon acaban aproximándose ás tendencias fauvistas, con moitas cores e vivacidade. Hai poucos meses a Barnes Foundation (Philadelphia) presentou a que se considera a máis grande exposición que desta artista se ten feito: Suzanne Valadon: Model, Painter, Rebel.
Del Fauvismo al Surrealismo. Surrealismos
Je rêve que je suis dans mon lit et qu’il est tard. Impossible de dormir. Je souffre de partout. J’essaie d’allumer. N’y parvenant pas, je me lêve et, dans le noir, je me dirige à tâtons vers la chambre de N… Dans le corridor, je tombe. Incapable de me relever, j’avans lentement en rampant. J’étouffe, j’ai très mal dans la poitrine. A l’entrée de la chambre de N…, je m’endors (je rêve que je m’endors). (Paul Eluard. Je rêve que je ne dors pas. Rêve de 18 de juin de 1937, recollido no libro André Breton, Trajectoire du rêve, 1938).
O terceiro apartado da mostra Del Fauvismo al Surrealismo: obras maestras del Musée d’Art Moderne de París vén sendo a dedicada ao surrealismo. Habería que dicir surrealismos, pois -a redor de certos principios (os mundos oníricos, subconscientes)- os xeitos de creación diverxen e arrincan en décadas distintas.
Un dos artistas presentes no Guggenheim é Francis Picabia. Picabia (a quen moitos analistas consideran o anti-artista por antonomasia, a persoa que levou a escrita automática a niveis non practicados antes) engaiolouse coas máquinas, e boa parte da súa máis característica creación sexan pinturas, e mormente, deseños de enxeños que lle permiten dar renda solta á súa imaxinación e á súa dura ironía aplicada a persoas das súas contornas. En París, a Picasso e mais a Picabia -cando vivían alí- chamábanlle Les Deux Pica. Gertrude Stein, a maga das vangardas fixo irónicas comparanzas entre ambos nas que concluía que tiñan a mesma estatura, similares físicos, pintores, … pero non se parecían en nada.
Outro personaxe de profundo contido plástico é Giorgio de Chirico e a súa pintura metafísica. O doutor Calvesi fai (tamén!) a comparanza entre o autor do e Picasso, e vén dicir que son complementarios na historia da arte: Picasso como o longo día, e de Chirico, a longa noite. Picasso o consciente, atento e cabreado, nunha época de ferro e lume, de máquinas e exterminio. De Chirico, o inconsciente, turbado nos seus claroscuros pero imperturbable na súa soberanía. Picasso, a historia; de Chirico, a poesía do tempo perenne. Picasso, a aspereza, o pai; de Chirico, a dozura maternal. (…) Picasso, o inmanente; de Chirico, a metafísica.
A nómina de nomes neste apartado é moi extensa. Moitas fotografías de Man Ray, autorretratos fotográficos da polifacética artista Claude Cahun (Autoportrait, 1929), que se retrata con fasquías andróxinas e atmosfera inquietante. E tamén -entre moitos outros nomes- unha peza de Dorothea Tanning: Le soir a Saragosse (1965), artista que tamén estivo presente na primeira exposición dedicada en España a mulleres artistas do surrealismo.
O dito ao comezo: visitar agora o Museo Guggenheim comprende (entre outras cousas) darse un fantástico paseo polas vangardas históricas.
Cf. Exposición Del Fauvismo al Surrealismo: obras maestras del Musée d’Art Moderne de París. Museo Guggenheim, Bilbao, ata o 22 de maio de 2022.
You might also like
More from Crítica de arte
“Veneradas e Temidas” ~ O poder feminino entre dualidades | Lito Caramés
Exposición Venerades i Temudes. El poder femení en l’art i les creences. Caixaforum. Divinas dualidades.
Ana Tomé: Intemporalidade | Inma Doval
Ana Tomé: Intemporalidade. Exposición de fotografía no espazo cultural da libraría Biblos de Betanzos (mes de marzo de 2024) | …