E non sabes con quen me atopei? Coa Sabela, a do Roxo. Si, ía ben de tempo sen vela, porque seica viviu anos na cidade, pero agora volveu, contoumo ela. No supermercado. Vina no súper, quero dicir. Ten un cativo, un… Logo chego a iso. Non, ao neno non lle pasa nada, meu pobre, déixame explicarche. Pois vina no súper e funlle falar. Contoume iso, a nai morreu e ela decidiu volver e instalarse na casa dos pais. O pai, o Roxo, morreu hai tempo, a nai hai uns meses (…).
Sabela era do tempo do meu Selmo, máis ou menos, pero os seus pais eran máis vellos ca min. Pois alí estaba con Sabela, falamos un anaco, sempre me gustou esa rapaza. Sabes ben que o meu fillo e ela andaran xuntos no seu tempo, sempre estaban na mesma banda de amigos, hoxe quedan poucos deles. Se o penso, na vila só está a Sabela, (…), algún quedou polo camiño, como o meu Selmo, de accidente de tráfico, Deus mo garde. Outros foron para alá, pero de mal xeito, drogas, accidente, coma o meu, non sei. E o resto, marcharon. Á cidade, a Madrid, a Suíza. Pero non é ese o tema. Sabela e Selmo estiveran xuntos, non sei se lles podía chamar “mozos”, pero algo tiñan, e nos lugares pequenos todo se sabe. A min non me gustaba que se visen, penso que fun inxusta. Éche boa rapaza, pero claro, ninguén é bo dabondo para os nosos fillos e resulta que os fillos non son mellores que ninguén, tampouco peores… sonche uns, coma eses, coma todos, cadaquén coas súas cousas. Pois naquel tempo Sabela pelexou co pai e liscou para a cidade, non se soubo máis dela, pensei que non volvería nunca, non veu nin de visita, nin ao enterro do vello cando morreu. Ata agora.
O meu Selmo tamén marchou á cidade pouco despois, pero non a xunto dela, quedaba uns meses e volvía, segundo ía collendo choio. Pois seica se seguiron a ver, (…), Selmo e Sabela, pero na cidade, eu diso non sabía nada. Logo Selmo matouse co coche, si, filla, hai que seguir adiante, pero era o meu único fillo, e hai días que non dou feito, non dou… Unha ferida dentro, algo roto (…) Pois cando estaba no súper coa Sabela sinto, Mamá, Mamá, apareceu por un corredor o meniño de Sabela, andará polos tres ou catro anos. Fermoso. Fíxenlle algún contiño, unha piadiña, el miraba e ría, que listos son os cativos de agora. E desde que o vin que non mo quito da cabeza. Mira este álbum de fotos, o meu home Antonio moito gustaba de tirar fotos, eu non son quen de manexar eses enredos. Este é o meu Selmo de pequeno, tería cinco anos aquí, xa hai daquela… trinta e cinco anos disto.
Xa sabes onde vou chegar. Agora voucho dicir. Que o cativo de Sabela, Braian creo que lle chamou, é cuspido ao meu Selmo cando tiña a súa idade. Cuspido de vez. Non son parva, a xente ten ollos e sabe que Sabela e o meu fillo tiveron algo. Que podía ser o pai desa criatura, falando en prata. Sabela nunca dixo quen era o pai, dixo que era dela e xa estaba, é moi arroutada. E eu quería o meu fillo, pero parva non son, o meu Selmo non andaba metido en nada bo, nin na cidade nin aquí, aínda non sei se foi mellor que Deus o levase, (…), Deus me perdoe, (…). Xa acougo, has de perdoar. Pois quen sabe se lle fixo un fillo e logo non quixo facerse cargo, ou se non puido, ou se foron indo así, a velas vir, ata o accidente. Selmo non me contaba nada, daquela con el só había desgustos, ninguén o sabe tan ben coma min. Meu fillo daquela non podería terse feito cargo de nada, aínda que quixera. Sabela quedou soa co neno, e terá os seus defectos, que é moi lercha, pero é traballadora, e limpa, e ese neno está ben guapo e mantido e non lle falta nada. E si, dá que pensar. Ese neno é o meu neto, pero estou fóra, non podo axudar nin mirar por el, non son da familia. Se ela non di quen é o pai, eu aí non pinto nada. Podería ver medrar o meu netiño, pero claro… Pero non vou a iso. Dirás: o neno da Sabela aseméllase ao teu fillo Selmo, será fillo del, etcétera. Pero é máis ca iso. E só unha nai pode sabelo.
O Braian é igual que o meu Selmo cando tiña o seu tempo, pero non digo cuspido, como é normal, ou non tan raro, como un fillo se parece ao seu pai. Non, non. Son iguais, idénticos, unha copia. En todo: na estatura, no pelo, nos ollos, no sorrir, no camiñar, na voz. Mira estas fotos e xa repararás no neno se o ves por aí, son iguais. É como ver o meu fillo hai trinta anos, dá arrepíos. Se cadra pensas que toleei, case o penso eu tamén, pero velaí as fotos. Hai máis. Porque claro, eu reparei que se parecía moito ao meu Selmo, e tirei as conclusións lóxicas, o meu fillo que en paz descanse ten que ser o pai desta criatura, pero non caín ao comezo en que eran iguais, calcados, porque o Braian leva roupas modernas que non existían hai trinta anos, outro peiteado, esas cousas. Pero logo falou coa nai, coa Sabela, e díxolle que quería unha bolza de patacaz, de patacaz fritidaz, falaba así co “Z”, eu pregunteille á nai e ela faloume dun logopeda da cidade pero que dicían que era normal que o neno falara así e que non era para preocuparse. Eu xa lle dixen, nuns anos de seguro que dá en falar normal. E seino ben, por que cres que o sei? Porque o Selmo de pequeno tamén falaba así, “azí”, e logo ós sete anos aprendeu falar normal. Decateime de que ese neno era igual que o meu Selmo e que falaba igual ca el, os mesmos xestos e pasos, dúas pingas de auga, algo incrible, da nai non ten nada, que é roxa como o seu pai, e o cativo é moreno coma min, coma Selmo. Falaba o Braian e eu vía e ouvía falar o meu neno, o meniño que perdín, xa feito un home, pero quedáballe tanto por diante… E agora ese neno, eu podería axudarlle tanto, logo vai precisar de lentes para ler, e dunhas soletas especiais nos pés para que camiñe dereito, pero pouco tempo. Que vai tardar en coller as letras e que hai que forzalo a estudar, porque se non acaba sen oficio, como o seu pai. Pero que debuxa moi ben, un artista, sobre todo de mozote, iso que non o deixe. Eu non podo crialo, pero podería guiar a nai, entendes? Seguir o que fixen ben con el, sen cometer os mesmos erros. Pero como? Aínda lin por aí que se pode saber cunha análise de ADN, se eu son familia, se son a avoa ou se son a nai, (…) claro que non son a nai, iso xa o sei, que tan tola non estou, pero é que é moi estraño, tiñan que comparar o ADN dese neno e o do meu Selmo, xa verías como eran iguais, idénticos, cagados, tiña que acadar unha guedella de cabelo do Braian e exhumar o cadáver de Selmo do nicho do cemiterio, unha tolería, pero dígoche que iso unha nai pode velo, que son igual o fillo que o neto, cuspidiños. Como se saíse das miñas entrañas e non das de Sabela. Unha nai pode velo, unha nai pode sabelo.
You might also like
More from Francisco Castiñeira
O escribente
- Que queres? -inquiriume secamente o vello. Medio corpo tapado pola porta que abrira só en parte, o outro medio …
Insolvencia
- Marta rouboume os cartos! Os cartos do meu peto! Quen berraba, coa melena recollida nunha cola que brincaba ó compás …