A ANARQUIA LITERARIA
AS DIFERENTES ESCOLAS: OS DECADENTES, OS SIMBOLISTAS, AS NOVELAS, OS INSTRUMENTISTAS, OS MAGOS, OS MAGNÍFICOS, OS ANARQUISTAS, OS SOCIALISTAS, ETC.
ANATOLE BAJU
París. Librairie Léon Vanier Éditeur, 1892
A ANARQUÍA LITERARIA
«Le Décadent»: unidade aparente do movemento literario
Na época de Le Décadent houbo, entre os escritores da nosa xeración, algo como un sindicato de esforzos para facer cesar os infantilismo do papá Hugo e dos seus imitadores e para lanzar ao sumidoiro as dexeccións literarias do Sr. Émile Zola e dos Naturalistas. Poetas e prosistas, unidos no mesmo sentimento de salubridade artística, combatían conxuntamente na publicación que acabo de citar. Mesmo a loita tomara tal grao de violencia e un carácter tan claramente determinado, que se designaba co nome de decadentes a todos aqueles que atacaban a literatura enfática e proudhomesca (7) en que se ilustraban os Srs. Jules Lemaïtre, Pierre Loti, Guy de Maupassant, H. Becque, Anatole France, Jean Rameau, Richepin, Bouchor e Borelli.
Mais a unidade deste movemento só era aparente e debía de durar pouco. A escola decadente, negativa en si, só existía como forza de destrución. Desde o momento en que se trataba de coordinar as teorías dos seus diferentes escritores, percibíase que era inevitábel unha separación. Por un momento xulguei que eu lle daba a cohesión que lle faltaba intentando converxer todas as súas ideas cara a un obxectivo social.
Velaí como me expliquei en L’Évènement do 13 de abril de 1891:
«Ao fundar un xornal que puxen a disposición dos Novos, non quería remolcar exclusivamente unha literatura. Nunca considerara a lingua como o vehículo da Idea, como un instrumento que é necesario querer perfeccionar, senón que só pode ter, provisoriamente, outra importancia que a das cousas secundarias. O que tiña sobre todo en perspectiva era servir á causa do progreso, da ciencia, é dicir, da Revolución.
»Eu sabía que a falta de sentimentos socialistas, todos os homes da nosa xeración tiñan no máis alto grao o desexo do novo, a sede do descoñecido. A maior parte ostentaban arrogantemente o seu desprezo dos nosos prexuízos, da nosa moral e mesmo das nosas institucións. Nalgúns, é verdade, o antagonismo só era aparente, simple amor polo paradoxo, necesidade desenfreada de que falasen de si mediante declaracións estrañas. Mais este estado de espírito existía: se todos non detestaban sinceramente a nosa sociedade burguesa, cadaquén atacábaa coas súas violentas diatribas, cadaquén tiña unha vaga intuición de algo mellor.
»Son estas tendencias combativas que quixen dirixir cara a un obxectivo único: a loita contra a arxirocracia [goberno exercido polos ricos].
»O número dos meus colaboradores, a variedade dos seus coñecementos, o seu talento era unha forza que, utilizada no sentido da destrución, minaría na súa base o edificio social. Uns atacarían a propiedade, a relixión, a familia; outros ridiculizarían o matrimonio e preconizarían a unión libre; outros máis gabarían os beneficios do cosmopolitismo e a asociación universal. Cadaquén, segundo o seu temperamento, mediante o libro, sobre o escenario ou co xornal, concorrería a formar no dominio da educación esa síntese de acción revolucionaria sen a cal só se poden realizar raros progresos parciais».
Simplemente, non me saíron as contas. A maioría dos meus colaboradores, reaccionarios convictos, atrevíanse a maltrataren algúns prexuízos burgueses, mais por nada do mundo gustarían destruílos. Lanzaban inxenuamente pauliñas contra a ciencia e ao xulgaren a arte incompatíbel co socialismo, foron refractarios. Pola contra, se non tiven éxito coa miña tentativa, fixen nacer unha causa de divisións. A Escola dividiuse axiña en dúas partes adversas: os Decadentes e os Simbolistas.
Os Decadentes
Case todos os críticos literarios confundiron constantemente os Decadentes cos Simbolistas. Mesmo fixeron un sinónimo destas dúas denominacións das que unha expresa precisamente o contrario da outra. Había aquí un grave erro que hai que desacreditar.
O Decadente é un home de progreso. É coidadoso, ecónomo, laborioso e organizado en todos os seus hábitos. Simple na súa conduta, correcto nos seus costumes, ten por ideal o Belo no Ben e intenta conformar os seus actos coas súas teorías. Artista na máis forte acepción do termo, expresa o seu pensamento en frases irredutíbeis e só ve na arte a ciencia do número, o segredo da grande harmonía. Dono dos seus sentidos, que domesticou, ten a calma, a placidez dun sabio e a virtude dun estoico.
Os Simbolistas
Os Simbolistas, en xeral, teñen un carácter absolutamente oposto. Velaí, por outra banda, o retrato dun poeta deste grupo, tirado dun libro a aparecer, L’Amour et la Vie: «Léon Mateau é o tipo bastardo do bohemio romántico cruzado de burgués, no fondo, o que hai de peor no mundo. Un deses homes que afectan aspectos excéntricos e fala nunha linguaxe paradoxal unicamente para se facer publicidade. Un deses berróns que berran que todo está mal cando están na miseria e que, unha vez conseguida unha boa situación, convértense non máis implacábeis arrendatarios da rutina e dos abusos. Poeta por convivencia e por necesidade de se facer salientar, non ten ningunha idea xeral de coordinación nin de síntese: subordina todo ás súas vontades, aos seus apetitos, na súa concepción egocéntrica da vida sacrificará facilmente aos seus gozos todo o resto da Humanidade.
»Incorrixíbel parnasiano ao inicio da súa carreira, pasou rapidamente ao Decadentismo, no que se facía máis ruído, logo ao simbolismo, onde se atopaba no primeiro plano. Hoxe, moqueándose e ridiculizando os seus mestres da véspera, proclámase el mesmo o gran poeta, o reformador da estética. Nunha revista que logrou fundar e que redacta el só con diferentes pseudónimos, promulga as leis da Poética nova. Unhas veces a abolición da rima, a supresión da maiúscula ao inicio do verso; outras autoriza o Hiato, a rima asonante ou gaba a harmonía do verso de trece sílabas [o alexandrino], finalmente todo o que pode facer ouvear os burgueses que len os xornais en graduación de La Revue de deux Mondes a L’Écho de Paris.
»A forza de pontificar, acabou por se facer tomar en serio por todos os aspirantes á literatura que lle chaman «Caro Mestre», ben que aínda non cumpriu os vinte e dous anos. Mais non se deixa enganar por estas homenaxes, atribúeas menos ao seu mérito que á inxenuidade dos seus admiradores.
»Finalmente, para conceder á súa persoa a curiosidade, o punzante, o interese que no escándalo non pode deixar de lle engadir nunha sociedade podre como a nosa, nega decididamente o amor. Esaxerando ou desnaturalizando as doutrinas da Escola decadente, non acha nada de máis exquisito que as amizades célebres de Patroclo e Aquiles, de Orestes e Pilado, de Nisus e de Euriale. El propio préstase facilmente ás bromas máis equívocas sobre a súa persoa, gábase de amañar a súa lencería cun coidado celoso e fala a miúdo das súas longas estadías nas salas de baño. Malia as súas declaracións, é casto é puro como o neno que acaba de nacer, máis comprácelle escoitar que os humildes burgueses, ao que se semella tanto e que arde xa en desexos de imitar, lle chamen «monstro». O súmmum é que conseguir facerse pasar por un ser perigoso a ollos de François Coppée, Paul Bourget e Leconte de Lisle, que o sinalan como un escollo a todos os ventos da opinión.
»Desde o punto de vista literario, segue a receita de Mallarmé, xuntando ás palabras epítetos curiosos como neste verso:
É a virxindade dos horizontes inxenuos.
»Mais escribe así para asombrar, para espantar o público, ten o talento demasiado elástico para non ter, en caso de necesidade, un estilo menos complicado. Salienta tamén na produción por algúns céntimos de prosa anónima que fornece aos grandes xornais. É así que hai algúns anos colaboraba á vez en Le Décadent e en Le Mémorial de Carpentras.
»Finalmente é completo: hipócrita, egoísta, bocalán do vicio, todo o contrario do Decadente».
Noutrora, en Le Décadent, intentara un paralelo entre os dous tipos. Velaí un fragmento:
«Os Decadentes son laboriosos, achegan a fórmula nova. Á versificación plana e monótona dos Parnasianos, substituíron unha poesía vibrante e sonora na que se sente pasar como calafríos de vida. Substituíron toda a verborrea das vellas literaturas en proveito da Sensación e da Idea: os seus libros son quintaesencias. Ser decadente é ser científico, é practicar desde hoxe a filosofía do século XX que se basea no egoísmo social, é facer táboa rasa de todos os prexuízos, nunha palabra, é aceptar todos os progresos da civilización.
»Simbolismo, fóra do seu significado etimolóxico, designa un grupo de escritores que seguen as pegadas dos Decadentes, mais os simbolistas non achegaron nada novo, sérvense das ideas dos seus devanceiros para tronzalas: son pseudo-decadentes. Por unha especie de herdo romántico alardean de aires de excentricidade e manifestan o seu gusto polas innovacións; no fondo, están podres da banalidade da nosa época. Para eles o Simbolismo só é un trampolín. Desde o momento en que escriban nun gran xornal, farán mellor que ninguén prosa anónima. O que queren é a notoriedade. Alborotadores ávidos de publicidade, non viron nunca na literatura máis que un medio para triunfar. Impotentes para crear, intentaron acaparar a obra dos Decadentes: son os parasitos dunha idea.
»Non poderemos entón xa equivocarnos: os Decadentes son unha cousa, os Simbolistas son a sombra desta cousa. Os primeiros están polo progreso, co futuro, os segundos quixeran retroceder até a idade media, viven co pasado. Uns e outros critican a Sarcey (8): Os Decadentes porque é malo, os Simbolistas porque quixeran ocupar o seu lugar».
Os Simbolistas son fatuos, como proba a anécdota seguinte, que me contou un respectábel burgués que non comprendeu absolutamente nada:
Un día do pasado verán, Léon Mateau e un poeta amigo seu volvían do campo, onde foran, sen dúbida, para comentaren os últimos accidentes da vida de Arthur Rimbaud. Como collían o tren para regresar a París, Mateau, no momento de subir ao vagón, fixo o aceno de lle quitar o po ao traxe do seu compañeiro, no que había algunhas ramiñas de herba.
– Bah!, dixo este, non paga a pena. Agradézollo, é vostede demasiado bo.
– Meu caro, respondeulle o outro, non hai que darlle ningunha pista á crítica.
Non teño necesidade de engadir que existen aquí unhas gañas malsás de asombrar o burgués e que todos os poetas deste grupo en verdade non as comparten. Mediante Le Figaro, Vogue e La Revue indépendante, anunciaron ao público que a literatura sería exotérica, que ao desdeñar a exterioridade dos seres só coñecería as modalidades do eu. Xulgaron ter a chave dunha filosofía, mais foron os únicos a seguir por esta vía: a elite dos pensadores non os entendeu. Aínda que produciron un número incalculábel de libros, non poden presentar unha única obra que aguante. Pasaron o tempo a tatexar os principios dunha estética rara, inharmónica co gran Todo e a se gabaren como os pallasos nos teatriños da literatura.
Despois desta primeira escisión, velaí cales eran as súas forzas e as dos Decadentes:
Decadentes: Paul Verlaine, Ernest Raynaud, Maurice du Plessys, Arthur Rimbaud, Jules Laforgue, Moïse Renault, Pillard d’Arkaï, Stuart Merrill, Albert Aurier, Valère Gille, Louis Villate, Louis Dumor, Boyer d’Agen, Martial Besson, Léo Trézenick, Rachilde, Paul Vorsin, André de Breville, Paul Pradet, Georges Fourest.
Simbolistas: Stéphane Mallarmé, Jean Moreás, Eduard Dubus, Charles Morice, Maurice Barrès, Paul Adam, Gustave Khan, Henri de Régnier, Francis Viélé-Griffin, François Poictevin, Louis Pilate de Brin-Gaubast, Léo d’Orfer, Corès Gaillard, Raoul Gineste, Jean Lorrain, Jules Bois, Gabriel Mourei, Iwam Gilkin, Georges Knopff, Georges Eckoud, Gabriel Randon, Henri Chambige, Léon Durocher, Stephen George, Jean Ajalbert, F. Fénéon, E. Dujardin.
Instrumentistas
Case ao mesmo tempo que estes últimos, os Instrumentistas tamén se constituíron en escola. Non son, por outra parte, máis que unha variedade dos Simbolistas opacos que tiran a súa orixe igualmente de Mallarmé. Co pretexto de filosofía evolutiva, escriben unha especie de galimatías abondo suxestivo, dise, cando lle poñen música. Aínda que semella incríbel aos reporteiros groseiros que non teñen a súa finura de sensación, afirman que a cor das vogais xoga un papel considerábel na maioría do fenómenos psíquicos. O seu pequeno grupo, que se denomina comunmente o Orfeón instrumentista, está composto por:
René Ghil, Achille Delaroche, Albert Mockel, Émile Verhaeren, Adholphe Reté, Albert Saint-Paul, Dauphin Meunier, Henri Berenger, Maurice Beaubourg, ao que se poden engadir Jean Carrère, René de Villoyo, Laurent des Aulnes, Eug. Hollande, Fernand Mazade, a señorita Tola Dorian e o brillante sonetista Yvanhoé Rambosson.
Só citei os Instrumentistas, no curso deste estudo, a causa da súa singularidade e porque no meu desexo de informar exacta e conscientemente o público, non quero omitir ningún detalle, por ínfimo que sexa. Talvez son hábiles escépticos que non desexaron outra cousa.
Desaparición dos Decadentes
Despois de todas estas divisións, o antigo grupo decadente atopouse non diminuído mais si abondo enfraquecido. Por outra parte, interrompida a publicación do noso xornal, houbo nos nosos rangos un desenvolvemento completo. En van, nun folleto do que talvez se lembran, intentei fixar algúns puntos da doutrina e mediante a reaparición do noso xornal transformado en revista, lembrar na brecha a aqueles dos meus antigos colaboradores aos que asustaba o progreso do Simbolismo. Todo foi inútil. O desánimo era demasiado forte. Le Décadent desapareceu por segunda vez e as defeccións foran tan numerosas que os simbolistas puideron dicir con orgullo: «Xa non hai Decadentes».
Naturalmente, foron os amigos que xulgaba máis sinceros e máis seguros os primeiros en marcharen: Maurice de Plessys e Ernest Raynaud. Fago xustiza a Verlaine, que rexeitou alistarse entre os cabaleiros do Símbolo, levando a abnegación até se separar dos seus aduladores para ficar só coa súa idea.
Maurice du Plessys
Maurice du Plessys foi noutrora nomeado o «Almirante do Verbo» pola súa habelencia en ordenar nunha frase as palabras máis rebeldes e axeitalas ao ritmo. Merece unha mención á parte. Que estea tranquilo: non o censurarei nin o loarei, quero simplemente constatar as súas «evolucións» múltiplas e a facilidade coa que acomoda as súas teorías ás diferentes escolas literarias polas que pasa sucesivamente. Lembremos que foi primeiramente un decadente feroz e como quen diría a columna vertebral do grupo. Nesta época viámolo, flanqueado dun secretario –que se ocupaba sen dúbida de copiar os seus catro ou cinco sonetos–, correr polos cafés e falar mal do simbolismo, que non tiña aínda maior calumniador. Algún tempo despois facíase inscribir como discípulo de Moréas e anunciaba con gran rebumbio que ía publicar unha obra simbolista: La Peau de Marsias [A pel de Marsias]. Detalle divertido: diversos xornais, grazas á similitude dos nomes, ou vítimas de erros tipográficos, imprimiran La Peau de Moréas [A pel de Moréas]. Un dos nosos amigos que viu esta Peau dime que é unha reunión de follas onde cada unha leva os títulos, dedicatorias, epígrafes, nunha palabra, todos os accesorios do sonetos… que aínda non están escritos. É, xa que logo, unha peau desde calquera punto de vista que se considere, simbolista e simbólico á vez –obra mestra do xénero.
No banquete de Le Pélerin passionné, que foi dalgunha maneira a apoteose de Moréas, Maurice du Plessys fixo a apoloxía do simbolismo e algunhas semanas despois, logo de división neste grupo, pasou á Escola Romana. Na súa Dédicace à Apollodore, proclama enfaticamente a Moreas o «restaurador do Verbo romano». Eu non sei se este último, en materia de restauración, restaurara outra cousa que ao propio Plessys. Que significa, por tanto, esta denominación? Hai aquí, en verdade, un equívoco lamentábel.
Talvez Maurice du Plessys explicarase un día sobre o tema, cando non teña xa razóns para calar. Na espera, é, despois de Moréas, o gran mestre do Romanismo. É el quen se encarga da admisión de neófitos e que distribúe a súa numeración. Exerce unha especie de control rigoroso neste clan hermético que, segundo a súa pintoresca expresión, é máis un «cuartel» que unha escola literaria.
Vai dar ao prelo proximamente, dise, o Premier livre pastoral, que será, no seu pensamento, unha obra que formularía propostas á admiración e á imitación dos mozos romanistas presentes e futuros. A publicación deste libro obrigarao a ficar na nova escola e a permanecer nela definitivamente? É abondo posíbel, porque até o presente o que facilitou as súas peregrinacións nos diferentes grupos é o que non ten no seu activo, ou máis ben no seu pasivo, ningunha desas producións de mocidade que conteñen fórmulas que se quixeran abandonar.
Ernest Raynaud
Despois da defección de Maurice du Plessys, a de Raynaud era inevitábel. Este non é o home de loitas heroicas, é un maligno que vai doadamente cara aos éxitos fáciles e cuxas ideas son abondo elásticas para se adaptaren sucesivamente a xéneros completamente opostos (9). Eu noutro tempo tracei del, en La Plume, un retrato literario do que reproduzo os fragmentos seguintes:
«Por conseguido que sexa o bosquexo que inclúo neste fascículo, só dá unha idea imperfecta do home físico que é Ernest Reynaud. Son indispensábeis varios detalles complementarios para mostraren na súa exactitude as liñas da carne e para dar a comprenderen o xogo completo desta fisionomía tan única e tan estraña. Primeiro, a fronte ampla presenta unha aparencia de convexidade na que o cerebro evolúe á súa vontade. Os ollos posúen unha especie de atracción magnética, sombreados baixo pestanas espesas, medio agachados por pálpebras case inmóbeis, dan a impresión dun ser misterioso á vez cruel e doce. A dilatación das pálpebras, o tinxido vermello dos labios denotan formidábeis apetitos sexuais. O pescozo, o busto, as pernas, toda a musculatura é a dun hércules de feira. Baixo a pel branca e fina, o sangue aflúe e fai estalar en toda a súa forza a vida e a saúde.
»A vestimenta moderna, tan favorábel aos homes mal feitos, élle desvantaxosa. Ernest Raynaud, xeralmente despreocupado das cousas exteriores, non achega a vaidade que consagran a maior parte dos Decadentes. Deixa ao seu xastre unha autonomía completa. Así, na rúa, fúndese absolutamente no impersonalismo burgués.
»Desde o punto de vista gastronómico, é un gourmet do máis alto valor, un diletante de cociñas sabiamente elaboradas, mais que non ama menos a abundancia que a exquisitez dos manxares. Despois da comida, erra longamente polos bulevares á procura dalgún pensamento fugaz que vai axiña fixar en versos irredutíbeis na terraza dun café. Alá, sentado cun xerro de cervexa en medio dunha multitude atarefada e buliciosa, abstráese do mundo exterior e traballa tan facilmente como na soidade do seu cuarto. Ás veces olla pasar as mulleres, as pequenas mulleres de formas voluptuosas: demasiado preocupado para descoidar a cultura do sexto sentido, estima que no estado actual da nosa civilización o amor é unha das funcións máis útiles do organismo…
»Nas súas horas de lecer rima eses versos dunha harmonía tan moderna que recolleu en dous volumes titulados Le Signe e Les Chairs Profanes. Dotado dun raro poder de imitación, «pastichea» cando quere, con éxito, os escritores máis diferentes, máis persoais. Até onde chega a flexibilidade do seu talento! Imita a Sarcey, que a ausencia de calquera característica fai case inimitábel. Un día pensou, para rirse, asinar un artigo co nome deste famoso cronista. Sarcey non soubo absolutamente nada e é posíbel que nunha se decatase se, nesta ocasión, non recibira algunhas cartas eloxiosas. Como nos estaba afeito a estas testemuñas de admiración por parte dos seus contemporáneos, deduciu unha falsificación e apresurouse a previr ao público en Le XIXe Siècle».
Non teño nada a cambiar destas liñas. Aínda que Raynaud abandonara a Escola decadente, non se converteu no meu inimigo: é, por tanto, con toda imparcialidade que podo falar del.
Despois de Le Signe e Les Chairs profanes, publicou Les Cornes du Faune, obra que non dubido en proclamar superior á maior parte dos insípidos volumes que se imprimen hoxe. Mais no seu pensamento, este libro era un manifesto para axuntar os poetas que se horrorizaban xa das tendencias ultrasimbolistas de Moréas. Previra o afundimento próximo do Simbolismo e acariciaba a esperanza de agrupar arredor del os moderados, de converterse no seu xefe. Podía citar poetas que inquiriran sobre este tema. Até o banquete de Le Pèlerin Passionné, mendigaba as adhesións e estaba moi preto de constituír un novo grupo cando a eclosión da Escola Romana desbaratou todas as súas combinacións. Desesperando de triunfar, abandonou o simbolismo como abandonara a Escola decadente e converteuse con Plessys nun dos discípulos de Moréas.
O banquete de Le Pèlerin Passionné
Este banquete marca unha data na historia literaria do noso fin de século e sobre todo na vida dalgúns poetas famélicos. Foi sen dúbida aquí que Moréas conquistou o título de «Restaurador», que lle negan tan enerxicamente os estetas que non foron convidados. Había de todo nesta gran festa do Simbolismo: Decadentes, Parnasianos, Naturalistas, etc. Estas xentes que se comen o nariz nos xornais acharan na mesa o seu verdadeiro terreo de conciliación. Cada un levaba o seu pequeno brinde ao autor de Le Pèlerin, que puido acreditar durante algúns minutos que o seu talento reunira a todos os seus admiradores. Mais esta entente cordiale, este entusiasmo non era máis que un efecto das copas de champaña e non debía durar moito máis tempo que os vapores da deleitábel bebida. Desde o día seguinte, o Simbolismo afundíase co impacto das rivalidades e novas seitas ían xurdir das súas ruínas.
Este banquete tivo resultados contrarios aos que esperaban os organizadores. A excepción dalgúns Decadentes, reuniu a todo o que ten un nome na mocidade literaria, mais precisamente en razón dos elementos heteroxéneos que o compuñan se puido afirmar sen esaxerar moito que era un mitin.
Despois do Banquete
As hostes de Moréas non podían perdoarlle o éxito desta velada. O Sr. Charles Morice, sobre todo, ficou profundamente afectado. Ao non se considerar máis que o crítico, é dicir, o Sarcey da Escola simbolista, quería facer prevalecer as súas teorías. Desde o fondo dos bastidores, quería rexentar as ideas. Por secundario que fose o seu lugar, contentábase con esta condición. Mais despois do banquete comprendeu que a absorbente personalidade de Moréas non lle permitiría xogar este papel, e como non podía resignarse a non ser máis que un ínfimo satélite, fomentou as divisións que conduciron ao nacemento da Escola Romana. Catro poetas molestábano: Ernest Raynaud, Raymond de la Tailhède, Maurice du Plessys e Jean Moréas. É para se liberar deles que organizou en beneficio de Paul Verlaine, di el, a representación do Thêatre d’Art, en realidade para se confeccionar un triunfo fácil e humillar estes últimos ao lles dar no programa un lugar irrisorio. Mais estes tiveron, esta vez, a boa idea de se absteren e deixaren que se asase completamente só no ardente forno que lles preparara.
Ao saír da sala do Vaudeville, os espectadores que atraeran os rimbombantes anuncios na prensa, comentaban entre si:
«Isto é a Escola Simbolista? En verdade, non é cousa moi nova. Non pagaba a pena facer tanto ruído». Con efecto, Chérubin só é unha peza de moralidade burguesa na que a virtude trunfa e que non ten mesmo o mérito de ser conforme á verdade. Quen non sabe, pola contra, que actualmente é o vicio, a usura, a libertinaxe que ocupan a rúa mentres que a probidade e a honra chapuzan na lama dos regatos?
O Magnificismo
Asombrados por estas incoherencias e humillados por este fracaso, a maioría dos poetas non se atreveron xa a se confesan simbolistas. Os Srs. Saint-Pol-Roux, Jules Méry, Albert Aurier non dubidaron en fundaren o Magnificismo, especie de romanticismo literario e místico, negador da ciencia, máis retrógrado que o outro. O Sr. Saint-Pol-Roux converteuse no «plumiñas» desta idea que vexetaba no fondo do seu cerebro e que só puido serlle suxerida pola lectura das poesías litúrxicas de Laurent Tailhade ou de Raoul Pascalis. Grazas a unha entrevista do Sr. Huret en L’Écho de Paris, deulle a aparencia de vitalidade que lle faltaba e védeo aí á súa vez o xefe indiscutíbel dunha nova escola.
Quixen coñecer a esencia desta literatura, determinar a súa característica. Para isto frecuentei asiduamente durante algunhas semanas o café onde se reúnen os poetas «magníficos». A súa estética, que aínda non saíu da tradición oral, consiste, dixéronme eles, en magnificar os seres como nos versos seguintes de Jules Méry, que pode considerarse o verso-tipo do Magnificismo_
O poeta é un deus cativo nunha besta.
Os outros son: Alcide Guérin, Arthur Bernède, André Lénéka, Louis le Dauphin, Pierre Devoluy, Marcel Barilliat, Marcel Legay (asegúranme), etc…
O Romanismo
A Escola Romana é o grupo máis importante que saiu da escola simbolista. Composta por catro poetas, Jean Moréas, Maurice du Plessys, Ernest Raynaud, Raymond de la Tailhède, e dun historiógrafo que comete a equivocación de querer ser un teórico, Charles Maurras, non é, xa que logo, polo número dos seus membros que ten algún valor, senón polas súas obras e sobre todo polas súas formidábeis pretensións.
Jean Moréas, de orixe helénica, moi imbuído das literaturas meridionais que caracterizan o xiro inxenuo, a graza, a simplicidade, debía horrorizarse polos solemnes pesados do Norte cos súas graves reflexións, as súas declamacións baleiras, o seu estilo espeso como a lava. Así, ao se rebelar contra os Románticos, os Parnasianos, os Naturalistas, quixo renovar a famosa «cadea gálica» do Sr. du Plessys e restaurar a nosa lingua natural: a de Ronsard, de La Fontaine e de Racine.
Maurice de Plessys viu aínda máis lonxe. Xulgou, díxoseme, que a destrución das nacionalidades non levaría inmediatamente á unidade da familia humana. Segundo el, os homes agruparanse primeiro por razas, e o Romanismo, que representa o espírito dos pobos latinos, sería unha etapa na evolución social. (Non sería necesario no entanto vincular as súas teorías sociolóxicas a outras máis importantes, como non o fai el mesmo. O seu escepticismo neste aspecto é tal que favorecía deixar pasar co seu nome en La France littéraire artigos dos que non coñecía nin os termos nin o espírito. Xogos (10) de príncipe… mais a moralidade do feito non subsiste menos: canto á súa exactitude, non é el, certamente, que pode contradicila.)
Ernest Raynaud, ao tecer sobre o todo, quere estabelecer a superioridade do Sur sobre o Norte, do Latino sobre o Saxón. Combate o Cristianismo, que é unha causa de debilidade cerebral nas nacións mediterráneas e tenta nel substituír o culto da Beleza tal como o practicaban os gregos.
Velaí as principais ideas literarias, filosóficas e sociais que preconizan os apóstolos do Romanismo. Pois ben, semellante literatura non está en harmonía cos progresos realizados. A lingua de La Fontaine e de Racine, por rica que sexa, non ten a precisión que convén ás épocas científicas. O agrupamento de homes por razas é unha utopía para aquel que ten o menor coñecemento das doutrinas socialistas, e do culto da Beleza preconizado por este bo Raynaud, ide falarlle del ao exército dos infelices que non teñen un anaco de pan a ser meteren na boca. Non, todo isto é incoherente, sofístico, burgués. O Romanismo só ten as aparencias dunha Escola literaria. Non fondo non hai nada –só unha preocupación mercantil. Asombraríame que tivese máis éxito que o defunto Simbolismo.
Magos
Algúns escritores que se tiña o costume de designar coa etiqueta de simbolista non eran máis que propagadores de teorías fósiles, grazas ás cales pensaban atraer sobre eles a atención do público. Aproveitaron o desmembramento do Simbolismo para constituíren un grupo. Denomínanse Magos ou Sârs. Diríase que queren disputar aos Instrumentistas, noutro xénero, a gloria do ridículo. Os principais son: Joseph Péladan, a quen Le Chat Noir (11) reprocha irrespectuosa e groseiramente algúns accesos de filantropía, Papus, Paul Adam, Paul Redonnel, E. Signoret, Louis le Cardonnel, Comte de Gavotty, Maurice Donnay (de Le Chat Noir), Maurice Caucaire (de Le Clou).
Anarquistas
Os que predican o dereito á existencia e á preguiza por todos os medios son os Anarquistas. A maioría son burgueses descontentos que teñen máis rancores a satisfacer que convicción a facer prevalecer. Piden a Liberdade, é dicir, o dereito de oprimir á súa vez. Individualistas a morte, non queren admitir que a sociedade igualitaria de mañá sexa unha máquina onde todo estará regulado como nos movementos dun reloxo. Até o presente fixeron máis ruído con cartuchos de dinamita que con obras literarias. Os máis coñecidos son: Louis Michel, Kropotkine, Sébastien Faure, Charles Malato, Paterne Berricho, Henri Cholin, Octave Mirbeau, Elisée Reclus, Piget, Veidaux, Émile Guatier, Chincholle, Ernest Gégout, Alexandre Tisserand, Lucien Mühlfeld, André Gide, Zo d’Axa, Guillaume Le Rouge, Alain Desveaux, La Purgue (cantante cheo de verbo), Michel Zévaco, Hamon.
Socialistas
Os que pensan que a Arte está na mellor harmonía coa asociación forman o grupo dos Socialistas. No artigo xa citado de L’Événement expliquei as súas teorías. Velaí un extracto:
«Somos socialistas, e se consideramos a arte como o fin supremo da vida, é na ciencia que queremos procurala, non na Revelación.
»Para nós, a Arte é a Toda Ciencia, é unha relación numérica que a intuición fai algunhas veces descubrir, mais que está determinada por leis matemáticas que se trata de formular. Reprochóusenos querer rebaixala ao nivel das multitudes ignorantes: erro ou prexuízo. Son as multitudes que queremos elevar ás concepcións artísticas máis nobres, porque para nós non hai homes superiores: só hai homes inferiores.
»Ao ser o sentido estético o modo máis elevado do gozo e ao participar do funcionamento regular dos outros sentidos, para asegurar a todos os homes o desenvolvemento completo, debemos reclamar para cada individuo a plenitude dos gozos materiais. É, para a humanidade enteira, a idea do vello adaxio latino: mens sana in corpore sano, que debemos realizar. Así, o socialismo, que un dos prexuízos reinantes afirmaba que era a negación da Arte pola Arte, sería, pola contra, a vía directa, o medio, a afirmación».
Moitos socialistas son de orixe decadente, simbolista, romántica ou naturalista. Velaí os máis coñecidos: Jules Guesde, Deville, Paul Lafargue, Rouanet, Rodolphe Darzens, Adolphe Tabarant, Hippolyte Buffenoir, Anatole Cefberr, Eug. Fournière, Auguste Chirac, Galiment, Joindy, Quay-Cendre, Besse, Marius André, Roinard, Bernier, Fècre, Rosny, Frédéris Bataille, Brousse, Lavy, Allemane, Argyriadès, Georges Doré, Pillard d’Arkaï, Ed. Vaillant, a Sra. Astié de Valsayre, Josémile Gonzet, etc.
Os poetas franceses
O Sr. Charles Morice, impotente para deter a ruína simbolista, intentou tamén fundar un novo grupo tendo como razón social: Os Poetas franceses. Mais todos os que indicara como formando parte da súa combinación protestaron en Le Figaro contra unha tentativa de contratación que non lles gustaba. O Sr. Charles Morice, xa que logo, fica, ao seu pesar, o noso único «Poeta francés».
Neo-Decadentes e Simbolistas
Hoxe en día en que a Escola decadente xa non existe en París máis que en estado de lembranza, semella achar en provincias e no estranxeiro adeptos continuadores que son como un eco afastado do ruído que fixo en 1886. Son os neo-decadentes que se poderían chamar tamén os neo-simbolistas, porque só teñen ideas moi vagas e teorías poéticas tomadas das dúas escolas.
Michel Abadie, que acaba de publicar Sanglots d’extases, é un dos que ten máis talento. Os outros son: Jules Fromage, Camille Mauclair, Abel Pelletier, Vittorio Pica, o cantante Montoja, Hugues Rebel, Charles Raymond, o novelista andaluz Sava (sic) (12), o crítico peruano (sic) (13) Gómez Carrillo, Oscar Wilde, de Londres, e finalmente Adrien Remâcle, de Xenebra.
Os Desclasados
A carón de todos estes grupos, hai unha cantidade de literatos que non se pode vincular a ningunha escola, ben porque teñen unha estética particular, ben porque non teñen ningunha. Dunha ou doutra maneira, non gozan dunha característica particular para catalogalos. Imaxínanse sen dúbida que adoptar unha fórmula coñecida e formar parte dun clan equivale a unha abdicación da personalidade. Isto é un grave erro. A despeito das afirmacións de Catulle Mendès, a literatura será cada vez menos individualista, as ideas novas tenden a se manifestaren mediante agrupamentos particulares. Quéirase ou non, haberá por tanto escolas e calquera literato que, co pretexto de independencia, non queira formar parte dunha delas, non terá ningunha influencia sobre os seus contemporáneos. Velaí os nomes da maior parte dos que se encontran neste caso: Pierre Quillard, Merki, Julien Leclercq, A. Samain, Jean Court, Jules Renard, F. Hérold, a. Vallette, Albert Tinchant, Léon Deschamps, Alphonse Allais, Louis Denise, Paul Gabillard, Eugène Longuet, H. Mazel, Georges Bonnamour, Nathanson, Pierre Louÿs, Bernard Lazare, Romain Coolus, Petris Ivanoff (de Kiev), Georges Vanor, a Sr. Jeanne Loiseai, a Srta. Hélène Vacaresco, laureada da Academia Francesa, Fernand Clerguet, Gustave Canqueteau, Jacques Ferny (de Le Chat Noir), a Sra. Marie Krysinska, a inventora do verso libre sen ritmo nin rima.
CONCLUSIÓN
Pasei revista a case todas as seitas que se disputan o paso no asfalto literario. Están case que exclusivamente compostas por mozos, é dicir, homes que substituíran mañá as potencias intelectuais de hoxe. É a nova xeración que sobe e que quere ocupar o seu lugar, debo dicir que a maioría destes escritores teñen talento e unha preocupación pola Arte que non coñeceron os seus maiores. Os literatos da época precedente mataran a literatura e chegaran a cualificar de literarias soamente as obras de fraseoloxía pura caracterizadas polo abuso da retórica e un estilo en que a idea se retorce en caracois –precisamente as que o son menos. Os Mozos, en xeral, semellan pola contra aspirar á grande simplicidade antiga, a de La Fontaine, de Racine e do «suceso» contemporáneo.
Mais por numerosas que sexan as súas escolas, poden facilmente reducirse a dúas: unha que procura o seu ideal no pasado, a outra no futuro. Á primeira vincúlanse os Simbolistas, os Romanos, os Anarquistas, os Magos, os Magníficos, á segunda pertencen os Decadentes e os Socialistas. Estes son os únicos que achegaron teorías novas en estética, en moral como en filosofía; os únicos que se apoian nunha base invariábel e eterna: a Ciencia. Os outros, malia a aparente diverxencia das súas ideas, teñen un principio común: o Dogma. Só representan o pasado, baixo a forma que sexa.
Cal é, por tanto, destas escolas a que está chamada a predominar ou, máis ben, en que dirección vai evolucionar a literatura? Varios críticos formuláronse a pregunta e cada un a resolve no sentido das súas preferencias persoais. Para min non existe nin a sombra dunha dúbida, como xa dixen: «a literatura de mañá non será nin naturalista, nin psicolóxica, nin simbolista, nin romana: será social. O Simbolismo é un anacronismo, algo como o budismo que os espíritos malignos e resentidos contra o século lanzan aos seus contemporáneos á maneira de burla e broma. O Progreso non debe ter en conta esta regresión do pensamento, que non é á marcha ascendente da civilización máis que o menor talude é á pendente da montaña. Les Cornes du Faune, de Ernest Raynaud, Le Pélerin passionné, de Moréas, non son obras que fan desviar a humanidade e lle imprimen unha dirección nova. A pesar do concerto de anuncios que Simbolistas e Romanistas souberon organizar arredor deles, non son nada, non exercerán ningunha influencia sobre a súa época. O futuro é da ciencia, da experimentación, da cifra. A Arte social é, por tanto, a última fórmula cara á que tenden todas as literaturas. Numerosos escritores xa o comprenderon e toda unha lexión de poetas latentes está disposta para afirmar con eles a existencia da escola socialista».
Mais se o éxito do socialismo parece asegurado para o futuro, non se pode dicir que isto sexa verdade para a hora presente. Esta escola literaria non ten toda a homoxeneidade desexábel. Está aínda no período de formación.
O Decadentismo está morto e enterrado: o Decadente é un home de tal maneira perfecto que non hai máis. Case ninguén se reclama hoxe desta escola que semella que o ridículo matou. Só Verlaine non a abandonou. Tamén é verdade que é o único que tirou algún proveito do movemento decadente, non como numerario, senón en consideración e en prestixio. Pode entrar no hospital todas as veces que lle pete. Mesmo fixo admitir mediante a súa recomendación a Colin e Cazals. Outrora mexeriqueiros como Malfilâtre, Gilbert, Hegéssipe Moureau, xulgábanse deshonrados, perdidos ao entraren nun estabelecemento da Asistencia pública, rimaban xeremiadas que os xornais comunicaban piadosamente ao público. Hoxe o hospital converteuse no ideal de vida dos poetas. É unha especie de paraíso no que só se é admitido a favor dalgunha notoriedade e no que se garda moito de laiarse sobre a súa sorte no temor de ser despedido. Verlaine, que chegou a entrar na maioría dos de París, nunca tivo tantas fortes explosión de lirismo como nos versos datados en Broussais, Saint-Antoine ou Laribosière (14).
As outras escolas non teñen unha situación moito máis florecente: o Simbolismo agoniza, o Magnificismo vexeta, o Maguismo divaga e o Romanismo axítase desesperadamente. En resumo, ningunha delas é próspera nin domina sobre as outras. Ningunha corrente se deseña bastante claramente para que se poida afirmar, actualmente, que é tal forma que trunfa. É o caos, é a fermentación de ideas, é a anarquía literaria.
1892.
NOTAS
(7) É dicir, literatura burguesa chea de moralina e sentimentalidade (ndt.)
(8) Francisque Sarcey (1827-1899), crítico literario e teatral, anticomunard (afirmaba que había que fusilar uns 80.000), antidrefuysard, amante da orde, atacou todas as escolas que intentaron, tanto na poesía como no teatro e na novela, renovar o panorama literario francés. Atacou a Zola, Jarry, aos Simbolistas, aos Decadentes, etc.
(9) Cómpre lembrarmos que Raynaud era de profesión… comisario de policía (ndt.).
(10) Xogos de príncipe, referencia a favorecer (faire un jeu). Baju fai un xogo de palabras intraducíbel literalmente ao galego (ndt.).
(11) Cabaret e revista parisiense, no que se agrupaban unha serie de poetas, moi famoso no último terzo do século XIX (ndt.).
(12) Alejandro Sawa? (ndt.)
(13) Enrique Gómez Carrillo era guatemalteco (ndt.).
(14) Hospitais de París (ndt.).
NOTA SOBRE A FOTOGRAFIA DESTE ARTIGO: procede de Wikimedia Commons.
You might also like
More from Críticas
Sobre “Estado Demente Comrazão”, de Paulo Fernandes Mirás | Alfredo J. Ferreiro Salgueiro
Estado Demente Comrazão é um livro complicado. É por isso que não está na moda. Parabéns ao seu autor!
O tempo das “Não-Coisas”. E o uso excessivo das redes sociais segundo Byung-Chul Han
"O que há nas coisas: esse é o verdadeiro mistério" Jacques Lacan Agarramos o smartphone, verificamos as notificações do Instagram, do Facebook, …