Helena Villar Janeiro con Inma Doval
Retorna o ciclo de “Nómades: entre a palabra e a imaxe” com a mostra fotográfica “Luz e mar en Setefogas”, de Helena Villar Janeiro, de novo na livraria Biblos de Betanços (até 26 de novembro) e sempre com curadoria de Inma Doval. Nesta ocasião a recensão é do artista visual galego Xacobe Meléndrez Fassbender (Tegucigalpa, Honduras, 1963).
❧
Horizontes invertidos
Setefogas é o topónimo do peirao vello de Rianxo, eidos de lecer de Helena Villar Janeiro, mestra de profesión e vocación de toda unha vida, que non abandona aos seus 82 anos. É ese querer amosar que aparece sempre transversal nas súas múltiples inquedanzas, nomeadamente en dúas presentes nesta exposición de fotografía e poesías.
Ao pé dese vello cal déronlle a Helena un duplo recoñecemento no ano 2016, a Asociación de Escritoras en Lingua Galega (AELG) fíxolle entrega do E de escritora e o Concello de Rianxo tivo a ben poñerlle o seu nome á praziña. Ela loa ao lugar e aos seus habitantes con estas obras, nun xogo de reflexos infindos, na reciprocidade da homenaxe e tamén no formal. Así as fotografías avanzan cara nós como espello de balcóns, de embarcacións tradicionais, de almacéns … con fragmentacións e grandes contrastes desa paisaxe no borde do social e o natural.
Helena tivo moitas e sucesivas inquedanzas artísticas dende o bel canto na xuventude, á música, pasou tamén pola pintura, imaxe bidimensional que retoma, serodiamente pero doutro xeito, da man dunha cámara dixital esquecida nalgún caixón da casa. Imaxes que comezan ao redor de 2011, coa serie publicada nas redes sociais que denominou “Os soños da marquesa”, na maioría flores do seu xardín manipuladas en contraste e cor que nos levan a ambientes oníricos. Falamos, e ela así o formula, dunha fotografía pictorialista -outrora desprezada por certo canon fotográfico e que nunca chegou a limitala-. Son imaxes fragmentadas pola superficie deformada e rota das augas da ría. Representación que nos leva ás “pinceladas” rápidas das paisaxes impresionistas, ás augas de Monet. Nalgúns casos avanza ate achegarse a certo cubismo picasiano -tardío e sí, paisaxístico-, pois está a amosarnos a realidade dende distintos ángulos, chega case ate un colaxe de luces recortadas sen tesoira, evocando aires da súa xuventude en Becerreá entre teas e alfaiates.
Nas súas fotografías plasma un xeito de mirar mui persoal, resignifica o obxecto da imaxe captada, as veces mediante a elección do momento de luz, o encadre, os elementos elixidos e os rexeitados… O punto de vista é as veces intuitivo, primitivista, dunha criadora que se ten como observadora pertinaz dun mundo que o tempo transforma no tránsito da súa longa vida e que, na irrenunciável vocación pedagóxica, non pode deixar de mostrar.
No poético tamén quere romper coa ortodoxia. Así, ben coñecedora do que é o haiku na cultura tradicional nipoa, fainos propios cunha transformación consciente. Son “os meus” haikus subliña, poemas nos que permanece a métrica e a filiación animista. No seu comezo “naceron nos soutos en outono ao recoller cogomelos”, coa impotencia de plasmar os aromas fúnxicos e froitais da “mellor estación da natureza e da vida”. Estación de recolleita para a que todo foi feito e que a inspirou para recoller poemas pequenos en estado puro, que colleron forma de haikus; máis adiante decidiu sacrificar esa pureza e lealdade a esta forma tradicional e transformalos nos “seus haikus” achegándolle as reflexións e pensamentos propios, de novo pinceladas impresionistas coa paleta das palabras. Non son aqueles poemas medievais en estadio puro, pero gardan tamén importante ligazón de fondo, pois para ela a natureza é máis importante que calquer obra humana. Dende o seu sentimento animista -tan arraigado na cultura galega- arrisca e se permite contaminar a versión purista dos poemas orixinarios do Xapón.
Hai tamén certa alquimia numérica que fai de amálgama nesta exposición, está no número de imaxes e haikus expostos que son 7, na métrica dos versos 5-7-5 e no propio título toponímico. A montaxe en sala destas obras de 50 x 70 cm déixalles aire abondo para respirar, aire que pensado como tempo e silencio nos leva á música, mui presente en toda a traxectoria visual da artista. Helena lembra con gratitude a obra experimental que o compositor rianxeiro Antón Alcalde compuxo para esta serie e que, naquel día, interpretou a Banda Municipal con vibráfonos, xilófonos e outros instrumentos de percusión, como agasallo do Concello.
“Luz e mar de Setefogas” é, xa que logo, un proxecto artístico seminal e multifacetado que implica e inspira outros axentes sociais. Sky line, water-front ou horizontes invertidos nos que, como grandes bloques de xeo flotantes que se desprenden polo cambio climático, agachan máis información baixo a superficie que por riba. Debemos de mergullarnos con coidado e determinación para acadar toda a súa dimensión.
Xacobe Meléndrez Fassbender (Cecebre, Novembro 2022)
You might also like
More from Fotografia
Paz Errázuriz, o reverso da realidade chilena | Lito Caramés
A fotógrafa Paz Errázuriz retratou as faces antiestéticas, incómodas da ditadura de Pinochet. E segue na mesma liña.
“Veneradas e Temidas” ~ O poder feminino entre dualidades | Lito Caramés
Exposición Venerades i Temudes. El poder femení en l’art i les creences. Caixaforum. Divinas dualidades.