Valadon. La chambre bleue, 1923
Cada pouco van saíndo á luz máis mostras das creacións de mulleres artistas. Agora, no MNAC, pódese disfrutar da mostra Suzanne Valadon. Una epopeia moderna, unha antolóxica dedicada a esta artista que, contra todos os prognósticos triunfou no mundo da pintura. Ser muller e pobre non eran (non son) credenciais para vivir da arte. A súa fortaleza e valentía permitiulle o triunfo. Como non se programaron ata agora exposicións de tan coñecida artista? Unha proposta moi atractiva.
❧
Suzanne Valadon. Una epopeia moderna. MNAC. Modelo.
Je veux m’endormir dans le parfum des roses fanées, des sachets vieillis, des encens lointains et oubliés. / —Dans tous les chers et charmeurs parfums d’autrefois.- / Mes souvenirs chanteront sur des rythmes doux, et me berceront sans réveiller les regrets. / Tandis que le morne et spléenétique hiver pleure sur la terre inconsolée, / Et que le vent hurle comme un fou, / Tordant brutalement les membres grêles des ormes et des peupliers, / Je veux m’endormir dans le parfum des roses fanées, / Des sachets vieillis, des encens lointains et oubliés. (Marie Krysinska, Symphonie des Parfums, 1881).
Nas derradeiras décadas do século XIX houbo grupos de mulleres artistas, valentes e rachadoras, que probaron e seguiron vieiros ata entón reservados a homes. Unha desas mulleres artistas foi precisamente Marie Krysinska que polos anos 80 daquela centuria foi unha das primeiras poetas en iniciar a práctica da poesía sen rima, dos poemas sen métrica; prácticas de escrita libre que Krysinska empregaba en paralelo a autores máis coñecidos, como Baudelaire ou Rimbaud. Esta muller, por riba, foi a única poeta que formou parte do selecto club literario dos Les Hydropathes. Krysinska lía os seus poemas en clubs de Montmartre como o famoso Le Chat Noir, e outros. Ao seu carón participaban de actividades diversas mulleres como Louise Michel, persoa que acabou por afiliarse ao comunismo e sempre defendeu as súas posicións feministas. Pedagoga, escritora e militante política foi unha figura destacada de Le Commune. Perante eses anos, e posterior guerra con Prusia, loitou nas rúas e foi nomeada presidenta do Comité de Vixilancia Republicana de Montmartre; todo un exemplo de loitadora política.
Xunto a elas, Louise France participou -como escritora e como actriz- con regularidade nos espectáculos que se programaban en Le Chat Noir, noutros cabarets e teatros como o Théâtre Libre e outras instancias que aparecían e desaparecían polas bandas de Montmartre naquelas décadas de tanta efervescencia creativa. Neste ambiente, de mulleres arriscadas, loitadoras, é onde cómpre situar á artista Suzanne Valadon (1865-1938). A artista Suzanne Valadon foi unha muller decidida, forte, que tivo que enfrontarse a moitos prexuízos para que fose recoñecida. A súa viaxe de rapaza nova, de familia pobre, que comeza a traballar como modelo para moitos dos artistas que -entre o impresionismo e as primeiras vangardas- inzaban as rúas e noites de Montmartre a rematar sendo pintora recoñecida e valorada por esa mesma xente, é un exemplo de fortaleza e de valentía. Tiña todo en contra: ser muller, pobre, sen oficio. Pero conseguiu o que se propuxo. Valadon é perfectamente identificable en moitas obras de grandes pintores de finais do século XIX. Un exemplo sobradamente coñecido: é a modelo de todas as figuras que se poden ver na extensa peza de Puvis de Chavannes: Le Bois sacré cher aux arts et aux muses.
Agora, neste meses centrais de 2024, o Museu Nacional d’Art de Catalunya (MNAC) presenta por primeira vez en España unha antolóxica desta artista: Suzanne Valadon. Una epopeia moderna. O título -se se consideran os atrancos que tivo que saltar e driblar para chegar a que as súas obras ocupen agora espazos importantes en grandes museos- non é esaxerado. Realmente trátase dunha xesta humana sobranceira. A mostra do MNAC provén dos museos dos Centre Pompidou franceses, que son os que máis obra almacenan desta artista. Nas salas de exposicións temporais é doado agora asistir a unha presentación das obras de Valadon dentro dunha ambientación coidada que permite ver/coñecer como era o barrio de Montmartre alá polos anos 1880 ou 1890, eses tempos nos que a pintora comeza a mostrar as súas dotes de loitadora e mais de artista dona dunha linguaxe propia que, por moito que se lle procuren afiliacións, nunca se deixou encadrar nin nos pos-impresionismos, nin en vangardas como as que encetaron fauvistas ou expresionistas.
Suzanne Valadon foi modelo para que moitos artistas a debuxaran e a pintaran; e tamén foi pintora e debuxante. Valadon é a muller que estivo a ambos lados do cabalete. Como se a súa vida xirase arredor dun espello: o espello que a reflicte, o espello que lle dá vida.
Suzanne Valadon. Una epopeia moderna. Pintora. Morisot? La Chambre Bleue.
Aleshores es feia anomenar Marie (Suzanne Valadon) no s’acontentava a posar, sino que també dibuixava. Mentre els grans noms del principi del segle (XX) l’esbossaven i pintaven, Valadon aprofitava aquestes sessions com a llicons encobertes. D’estudi en estudi, observava i aprenia sense voler reproduir mai, conscient del seu talent únic i amb el desig de deixar la seva empremta. (Chiara Parisi, directora do Centre Pompidou-Metz, 2024).
Suzanne Valadon, desde nova traballou como modelo para artistas moi recoñecidos xa daquela como Degas, Renoir ou Toulouse-Lautrec. Tamén foi coñecida de artistas cataláns que foron traballar a París como Santiago Rusiñol ou Ramon Casas. E tamén doutros como Miquel Utrillo, que tiveron unha relación sentimental curta e que rematou por darlle o apelido ao fillo de Valadon, o pintor Maurice Valadon, artista recoñecido e considerado como o pintor de Montmartre máis xenuíno.
Como afirma Parisi no parágrafo anterior, Valadon está nos obradoiros de grandes pintores para ser a muller que logo aparece en pinturas de cadros e mais carteis, pero aproveita para aprender. Cóntase que entre Toulouse-Lautrec e Degas acabaron por saber da súa labor de debuxante, e decidiron animala e axudala a que seguise. Degas, o pintor das bailarinas e carreiras de cabalos, foi o que mesmo lle permitiu ir ao seu estudo a practicar a pintura. A morte dese artista foi un forte golpe para Valadon. Valadon tamén foi inspiradora de obras artísticas ben coñecidas. Perante unha tempada tivo como parella a Eric Satie, o músico bohemio que tocaba nos cabarets de Montmartre, e tamén compuña obras magníficas e participaba en ballets e outras creacións daqueles tempos. Cando remataron a relación Valadon e mais Satie, o músico compuxo a sentida peza (dedicada a ela) Vexations.
Despois do pasamento de Valadon, cal foi a memoria que dela se gardou? Pois feitos similares aos que se gardaron de outras artistas, anteriores e mais posteriores. Ser muller -aínda que artista- fai xirar as valoracións dos seus pasos pola vida. De Suzanne Valadon o que se puido ir sabendo e diversas exposicións e estudos pasados foi que posou, como modelo, para moitas pezas importantes na historia da pintura, como xa se dixo, e tamén transcendeu que foi amante de bastantes artistas. Así: ela era a amante, en pasivo. Non é un caso illado. Da magnífica fotógrafa Lee Miller o que se leva comentado perante décadas é se fora ou non fora amante de Man Ray; esquecendo a súa valía profesional, como avalan as súas instantáneas. Outro tanto se pode dicir do porvir de Tina Modotti: nada de informar e gabar os seus traballos como fotógrafa das Revolucións Mexicanas, non; interesou máis saber dos seus affairs amorosos.
Suzanne Valadon non foi a única muller que daquelas -e no fervedoiro artística que era Montmartre- practicou actividades pictóricas e de debuxo. Coetáneas súas son Mary Cassat e mais Berthe Morisot, dúas grandes pintoras impresionistas. A diferencia radica en que elas dúas proviñan e pertencían a familias acomodadas, que lles prestaron todo o seu apoio e axudas. E non era o caso de Valadon. Cassatt, norteamericana, veuse a París para ser pintora, sen ter que pasar por privacións nin aprendizaxes duros. Pola súa parte Morisot casou con Eugène Manet – irmán do grande pintor Eduard Manet e marchante de arte. Os puntos de partida son ben diferentes. Mesmo nos temas e xeitos de tratalos vense diferencias. As pinturas de Morisot céntranse en temas domésticos, tratados con cores suaves e cálidos. Incluso moitas das obras fíxoas con pastel, esa técnica a medio camiño entre o debuxo e a pintura, e que -ao facerse no propio domicilio- semella idóneo para mulleres que non viven da súa arte (En 2019 a Fundación Mapfre presentou a mostra Tocar el Color, unha ampla escolma de pezas elaboradas coa técnica do pastel; alí quedou evidente que esa técnica era moi empregada polas mulleres artistas por seren máis barata, por facerse no domicilio e por ter menos prestixio ca pintura ao óleo). No caso de Cassatt as afirmacións son semellantes: unha pintura de gusto burgués, acomodado, cultivado; escenas de ocio.
Pola contra, Valadon dedicou moitos esforzos a facer retratos de coñecidos e clientes, e tamén autorretratos nos que se presenta con bastante dureza. Amén de debuxos, moitos, a súa pintura é case sempre ao óleo. Outro tema sobranceiro nas súas creacións son os nus: mulleres en actitudes cotiás (no baño, arranxándose), e núas. Son pezas sen concesións, realistas. E Valadon pasa por ser a primeira muller que pintou un nu masculino integral. Tal cousa aconteceu no ano 1909, a artista pinta unha parella núa nun medio natural e titula a tela Adan e Eva ou Verán. A modelo para Eva é ela mesma (Valadon a artista que se situou das dúas bandas do cabalete: primeiro como modelo, e logo diante como pintora). E o home nu que a acompaña é o pintor André Utter que, daquela era a súa parella na vida real. Os corpos non agochan nada, aínda que -anos despois- Valadon tapa o pene de Utter para poder expor publicamente a súa pintura.
Suzanne Valadon, que pintou ata os anos 1930, recibiu influencias de diversos artistas, pero sen acabar de caer nas liñas de ningunha escola ou tendencia estética. Agora no MNAC, Suzanne Valadon. Una epopeia moderna, é doado comprobar como algunhas pezas escoran polas bandas de Degas, mentres outras fan pensar por algún detalle en Gauguin e a súa etapa en Bretaña. Andando os anos outro dos artistas que pode verse reflectido nalgunhas das pezas é Cézanne. E así algúns máis. Valadon é colorista, de tonalidades fortes, contrastadas e moitas veces frías (verdes, azuis…). Algúns dos seus autorretratos de madurez -pola agresividade do tratamento, polas contraposicións cromáticas- remiten a fauvistas e ao mesmo Matisse.
Suzanne Valadon foi modelo, e tamén foi pintora e debuxante. Valadon é a muller que se veu a si propia a ambos lados do cabalete: a súa vida a xirar arredor dun espello: o espello que a reflicte, o espello que lle dá vida.
Para rematar estes breves comentarios sobre a obra de Valadon, falar unha miga da súa peza La Chambre Bleue. Esta obra de 1923, de madurez, foi mercada polo estado francés ao ano seguinte; é dicir, hai agora cen anos e que agora está depositada no Centre Pompidou (o Estado francés sempre dando pistas de como tratar a cultura). Unha muller ocupa practicamente toda a peza; tumbada nun sofá e envolta en telas e papeis de parede de decoracións vexetais, con tonos azuis. A muller ten unha pose que ben lembra ás odaliscas que un século antes pintaba Ingres, neste caso totalmente illado de calquera realidade. A de Valadon é ben real e ben actual. Está vestida (unha Olimpia vestida?). Manet pintara a súa Olimpia totalmente núa, mentres que Valadon preséntaa vestida, con camiseta e pantalóns. Esta muller Vende unha imaxe feminista: o seu físico non responde a canons estéticos estilizados, a súa roupa mesmo semella descoidada, fuma e -sobre o sofá- ten libros. Admítese en 1923 unha imaxe máis reivindicativa de muller ca esta? Unha muller dona da súa vida.
Suzanne Valadon. Una epopeia moderna, unha proposta moi atractiva e si mesma e reivindicativa nos seus contidos. Un título moi apropiado.
❧
EXPOSICIÓN: Suzanne Valadon. Una epopeia moderna. Museu Nacional d’Art de Catalunya – MNAC, ata o 1 de setembro de 2024
You might also like
More from Artes
13ª Raias Poéticas ~ Afluentes Ibero-Afro-Americanos de Arte e Pensamento
13ª Raias Poéticas ~ Afluentes Ibero-Afro-Americanos de Arte e Pensamento