Revisión de Tertúlia, de Xoán Castro,
editada por Xavier Alcalá
a partir dos documentos orixinais do autor
❧
Pasei días sen escribir, desganado, roído de preocupacións. O Sieiro deu a alarma e provocou un fervedoiro de intrigas, un dígoche-unha-cousa-se-non-lla-dis-a-ninguén terrible. Foise embarullando o negocio e ao final non conseguimos o que cumpría: que o Escuredo se aclare e nos diga se o esforzo diario, dirixido a gañar o pan (e, no meu caso, a facer que cada vez sexamos menos representación e máis empresa) conduce a algo ou a nada.
Seguimos traballando para ese home porque non sabemos facer outra cousa. Niso ten ben razón o Abeliño Souto. E no entanto chove e ventea, todo un mar gris e branco vense precipitar en vagas contra a costa desafiante, supera praias, escolleiras e paseos, métese cidade para dentro roendo con sal e humidade canto atopa.
Azoutan o mar e a chuvia, o vento varre… e seguimos pululando.
Hoxe volveu o xornal coa leria da preautonomía, e cunha proposta transcendental da irreal academia: mandar á santa basílica de Xerusalén, gravado en pedra, o Noso Pai no idioma que con exemplar valentía defende a douta institución. Xa se están a facer os trámites oportunos.
Ana ten medo de estar embarazada: estáselle atrasando moito. Díxollo á Ramona e a Ramona contoulle por que non sabe escribir (ler sabe, bastante en castelán e palabras en francés). Seica “alá na aldea” había camiños moi ruíns, cheos de lama no inverno, e a mai tiña un cativo cada ano. A Ramoniña era a máis vella e axudou a criar oito irmáns. Por iso e mais a lama faltaba á escola; pero quería aprender e xuntaba palabras nos restos de xornal que viñan da tenda. E, cada vez que vía engordar a mai, dicía para si: oxalá que naza morto…
Chamoume o Lantaño para me recordar que o Pais Cornide presentaba hoxe o seu pelouro filolóxico na caixa de aforros coa asistencia da academia en pleno. Conviña que se vise xente da nosa asociación (convén que se vexa xente da asociación cultural decana arredor do seu presidente, Lantaño, para disipar sospeitas do que se xa se cheira), e por iso cumpría asistir.
Por matar o fastío vespertino, decidín acercarme á caloriña do peto bobo onde o persoal mete os cartos para que lle empresten diñeiro, e ás 8 menos 10 sacaba a gabardina na antesala do salón de actos. Ao instante, axudado pola luz alegre do recinto, comecei a detectar caras: Cameselle rubio, Lantaño encanecido, o pintor Durán con varias voltas de colares que o fan máis artista, unha señora de perruca platinada que vai a todas conferencias (e ninguén sabe quen é), o presidente da deputación, académicos e as súas señoras con estolas de visón (menos a do Barros: esa, parca, monxil en consecuencia), tropa do teatro con teatral indumentaria (nalgún caso, patética) e políticos de traxe gris tan naturalmente vestido como outrora levaran o uniforme do Movimiento. Nun recuncho contra o roupeiro conversaban o Rodríguez Calvo, o senador-académico Pais Cornide e o Barros. O Lantaño, facendo que falaba co presidente da academia, dirixía ollares agudos e dificultosos contra o trío. Seguro que o coitado daba anos de vida nese momento por saber ler os labios ao estilo KGB.
Ás 8 e algo fomos entrando. Nunha fileira do centro do sala estaban xa os da tertulia do Berlovento, polo que o Cameselle e eu, gregarios, nos diriximos a onda eles, eu a preparar algún venábulo sobre García Márquez, Mourín Márquez, Julio Pereirázar… Pero contívenme; ou, mellor dito, detívome a presenza unamuniana do Pereira con chaqueta negra, elástico escuro e coliño de camisa branca á mostra, bicudo (Unamuno sempre me fai pensar na ética; e a cuestión do plaxio é ética, non estética como pretende o Luís).
O público acomodouse encanto os académicos desfilaban cara ao escenario arrastrando reumas e lesións: un crego alto, corcovado, cameliforme; un profesor camaleónico, ollar exoftálmico, boca entreaberta, lingua á mostra; un arquiveiro roído de vexigas, tan antigo coma os seus pergamiños, o cabelo sospeitosamente negro; un avogado sen voz para o foro, bigotiño falanxista, riso bobo de tan doado; un poeta ben mantido, belo mozo hai dez lustros cun corte de traxe de hai seis… Da ducia e media de figuras sobranceiras, deben ser os máis novos o presidente (cara aínda tersa, rósea, os ombros caídos de quen non fixo máis que pasear para evacuar ventosidades) e o Barros, benxamín para eles e protexido de todos, figura fráxil, escorada, a cabeza vencida polo peso dos pensamentos e os lentes de miope sen esperanzas. Non ha ser moito máis novo có presidente, se cadra, mais conserva un aire de crego que se exercita para estar á altura das circunstancias entre os rapaces do grupo de apostolado.
Xermán F. Barros despista; e conquista: coa cara longa, por veces mal barbeada, os lentes sumíndolle os ollos e a camisa con coliño para gravata pero sen ela (hoxe levábaa, claro, discretamente combinada co traxe) ten moito de levado a comisaría que se nega a confesar…
As súas señorías sentaron en butacas de veludo vermello, coa medalla da academia a relucir sobre cada peito. O conferenciante dirixiuse ao atril, teso nos seus oitenta e tantos anos ben levados, e o presidente –sorriso xovial, ollos simpáticos tras dos lentes amplos, xogos de mans e brazos cruzados e descruzados– contounos como o autor de ‘A galeguidade de Teixeira de Pascoaes’ fora un amigo íntimo do poeta; como a Portugaliza que algúns imaxinan idea nova vén de vellas conversas entre vellos viños dos que hoxe xa non fican memorias; como… etc. E deixounos co disertador, non sen finalmente recomendar un libro titulado ‘A History of Spain und Portugal’ (como asasino do fillo de Lindberg, o presidente traizoouse por un and en versión alemá. Todo o mundo sabe da súa formación en Berlín).
Pais Cornide colocou os lentes, dirixiu a luz do atril a un espantoso feixe de follas e dispúxose a ler. Esquecendo o “autoridades, donas e cabaleiros” de precepto, arrincou. Lía un parágrafo e parábase como a meditar o dito, a ollada a vagar polas cortinas do estrado; volvía logo á lectura e parábase e voltaba para atrás, claramente porque saltara liñas e decatábase de que o discurso perdía coherencia.
No entanto, os seus colegas tusían, gargarexaban, engulían, sopraban o nariz, nun convulso ir e vir de moco senil excitado pola crueza do inverno. O noso Valcarce, hoxe co cabelo e as uñas limpos, apuntou para o representante de Igrexa de Roma na academia e rosmou:
–¿Sabedes que dixo na radio aquel puto crego? Que a diferenza fundamental entre o galego e o portugués está nas conxugacións co auxiliar “ter”, que nós non as facemos.
–Se cadra, por iso é académico –opinou a Xulia.
Pero o Cameselle xa terzaba, solemnemente, levantando a voz:
–Pois na miña aldea…
–Non nos fodas coa túa aldea, carallo –tornou a rosmar o Valcarce, pero tan forte, tan imperativo, que as señoras da fileira anterior se viraron para nós horrorizadas.
E calamos, cruzando ollares.
O Pais seguía, trabucándose. Viñeron fotógrafos dos xornais e o cámara da televisión. Cando marcharon, a xente, desconectada do discurso, andaba a osmar, tentando facer ficha dos demais. Logo de se teren estricado os pescozos, as cabezas íanse reclinando nos asentos bos, pagos con nóminas populares, do salón crediticio. Ollei o reloxo e xa ía media hora de Teixeira de Pascoaes, Galicia e Portugal. Decidín aguantar, sen admitir que era pola esperanza dun apartiño co Barros ao final: había que aproveitar a ocasión de falar con el en terreo neutral, lonxe do seu cubículo doméstico e intimidante.
O Lantaño, desde o outro lado do corredor entre butacas, fíxome sinais de que aquilo era un chumbo maiúsculo e devolvinlle o correspondente sorriso solidario cunha indicación de ollos cara aos académicos que claudicaban pouco a pouco: un xa apertaba as pálpebras sen vergoña, aquel deixara caer a cabeza de forma que as patriarcais barbas lle tapaban a medalla corporativa, aqueloutro cabeceaba a intervalos. Só se conservaba de sentinela un profesor miúdo de misteriosa parecencia –calvo e de ollos riscados, mongólicos– e o presidente co seu eterno sorriso, os ollos redondos amplificados polos lentes. Os demais apenas acordaban cando a voz destripada do académico-crítico-senador tentaba reproducir a apaixonante verba do poeta portugalego. E voltaban á soneca, cada vez menos frecuentes as toses e os gargarexos.
Cando o Pais Cornide mencionou “un grande profesor, hoxe recluído nunha aldea da Mealhada” (Rodrigues Lapa na Anadía), o académico don Severino Díaz, tamén profesorísimo, especialista en bable, abriu un ollo e pechouno. Así como estaba, coa carota ancha e os brazos cruzados no peito, con aquel económico abrir e pechar dun ollo asustado, imaxinándolle na boca a pipa que o acompañaba por costume, recordoume o Popeye; o “sailor man” das espinacas lembroume os meus filliños; e os cativos fixéronme pensar na Ana.
Entre todos puideron máis que o interese por falar co Barros e, discretamente, erguinme para saír en puntas de pés.
Parara de chover e corría vento de través arremuiñándose na teima de cruzar a cidade. Con aquel aire tolo viñan cheiros de mar e tubo de escape. Subín as lapelas da gabardina e botaba a andar cando escoitei que me chamaban. Eran o Valcarce e o Lantaño –alto e baixo, louro e moreno, derreado e rexo: unha parella descabal.
Encetamos silenciosamente o treito de camiño común cara aos nosos barrios altos, aguantando vento mareiro ao longo da praza chea de cafeterías e bares, todos co seu televisor, repletos de xentiña incapaz de distinguir entre os transeúntes que observaba un loitador pola cultura do país, un novelista e un poeta.
Pasada a praza, ao inicio da avenida costenta onde o vento xa quebraba, o Lantaño disparou:
–Os vellos non teñen recambio.
–Téñenche o Mourín –arrisquei.
–Que estará a facer maxia negra para que algunha momia se paralice de todo e lle teña que deixar o sitio –redondeou o Valcarce e volvemos calar. Uns rapaces pegaban carteis de “NON AO PECHE” dalgunha fábrica. A min deume un calafrío, parte por culpa do viruxe, parte polo medo de non chegar a cobrar na fin de mes.
–Pero todos contamos convosco, coa xente nova –tornou o Pepe Lantaño nun ton da aleccionamento ás mocidades do partido e nós seguimos calados, subindo a costa. O Pepe teimou aínda–: Estamos nunha loita durísima, pero non estéril –frase que, cavilei eu, en si era un magnífico consolo.
Achegabámonos á esquina do parque onde o Lantaño se nos separaría, e non puiden reprimirme:
–Pepe, ¿segues a ser conselleiro da editorial?
–Sigo, si.
–¿E non lle poderías falar ao Barros do da miña novela? Porque, aínda que ao Mourín non lle acaia o do meu realismo antimáxico…
–Descoida, que lle hei dar un toque… Mira, isto… –detivo o paso–. Valcarce, perdoa, ho, que lle quería dicir unha cousa ao Xoán –o Valcarce, cun aceno, deu a entender que el seguía e, daquela o Pepe inspirou con forza e preguntoume –: ¿Falaches nestes días co Caruncho?
Como estabamos ás escuras atrevinme a mentir, rápido.
Despedímonos.
Retomando camiño pola costa, a xenreira prendeu en min. Fodeume a mentira, encabronábame o complot da puta asociación cultural… Polo enfado, e porque non o esperaba, a figura grandallota do Xosé Manuel Valcarce agardando baixo unha farola pareceume un detalle humano de agradecer. Ata acelerei o paso. Pero cando, xa de preto, lle descubrín ao rapaz unhas follas na man, todos os bos pensamentos se me esvaíron.
Ao sentirme ao seu carón, virouse para min sen levantar a vista do papel e atacou imitando a énfase cordial e montesía do Novoneira, apertando o puño da man libre:
“Liberdade, liberdade!
Berremos, queremos vê-la!
Matria nossa aferrolhada
por vontade da Castela,
liberdade, berra a coro
pra que o povo a conheça.”
Ollei arredor. Afortunadamente non transitaba alma viva pola costa. Nin había veciños próximos. Os eucaliptos lúgubres do parque xemían e azoutábanse ao impulso do vento. O poeta seguía declamando:
“Sabes que com os teus filhos
foi a madrasta perfeita?
Botou-chos na emigraçom,
fora, a outras terras,
destruíndo assi o esprito
que a Naçom quer e deseja.
Galiza, arriba; Galiza, esperta!
Queremos-te metrópole,
a capital de ti mesma.”
Algo como presentido fíxome virar cara ao parque e fun atopar o abraio no rostro dun garda entre os barrotes do valo.
–Perdoa, Xosé Manuel, que non che aguanto co frío nos pés, ho.
O rapaz obedeceu cun ollar de éxtase. Calou e gardou o poema no bolso do chaquetón. Reiniciamos a subida.
–Escribino con normativa reintegrada, total. O de “pra” e “esprito” son licenzas poéticas, claro –explicou e, sen transición, co mesmo acento cándido, veu o pedido–: ¿Poderíasmo publicar no boletín da asociación?
–Podemos, ho, podemos… –e a carraxe volveume á tona dos sentimentos.
No máis alto da avenida tiña que desviarme para salvar o pelouro que a separa da miña rúa obstruída. Iniciei o aceno de adeus mais o Xosé Manuel pousoume unha man grande no ombro.
–¿Oíches? ¿E se volo mando ao concurso? –preguntoume e, quizais vendo que eu non o seguía, aclarou–: ¿E se vos mando este poema ao concurso de poesía da asociación?
–Pois tamén, si. Manda, manda…
–E, mira, Xoán, ¿xa sabes o do concurso de novela?
–¿Que concurso?
–Un de narrativa longa. Falouno o Cameselle co Horacio Pereira: mínimo douscentos folios, duascentas cincuenta mil pesetas de premio.
–Pois non che sabía nada… ¿Duascentas cincuenta mil dis?
–Ahá.
–Non está mal –esforceime por lle dar ton de comentario intranscendente–. Pásame a limpo o poema se queres que cho publique no boletín. E, se queres envialo ao concurso de poesía… Esa decisión éche túa, Xosé Manuel… Ala, ata loguiño. Boa noite e soños poéticos, compañeiro.
Arrinquei cara ao noso pelouro. Alancaba levado do diaño: duascentas cincuenta mil pesetas, ¡cincuenta mil pesos! Estaría amañado para o Mourín; ou, aínda peor, para o máxico Pereirázar:
“Foi unha obra doada. É un tema moi noso, a trasmigración das almas…”
“¿E levouche moito tempo escribila, Horacio?”
“Non, realmente non. Eu mesmo estou sorprendido de como me saíu, tan fluidamente…”
Imaxinando as declaracións do arxentino (“galaico-arxentino”) á prensa, alcancei a beirarúa e a luz, corrín para o portal e abrino, subín a todo correr polas escaleiras, abrín a nosa porta e sentinme na calor do piso cun resto de cheiro de tortilla.
–É papá.
–¡Pai!
–¡Papaíño!
–Pai, pai…
Rendinme. Fun ata o cuarto dos meus paxarucos lindos.Tirei coa gabardina ao chan e deiteime sobre a cativa, ollos de aguia entenrecida, que me envolveu o pescozo cos braciños rolizos e me palmeou a caluga coas mans almofadadas, quentes, mentres me tentaba desvelar algún segredo sobre Zupamán.
O Antoniño esperou paciente porque sabe que a irmá é sempre primeiro, suxeito dun vicio de agarimos. Cando me acheguei a el para lle estreitar a man “coma os homes”, aclaroume a media lingua da pequena:
–¿Sabes que di a Mariña? Que o Supermán ten o corazón de ferro.
–Terá, si, ho. De aceiro ao vanadio… Veña, a durmir, que se vos enfada a mai. Ala, que vos apago a luz –e marchei arrastrando a gabardina, repetíndolles que durmisen, que fosen boíños e non enfadasen a mai.
Abrín a porta da sala de estar onde a Ana vía a televisión. Botoume de alí cun sequísimo “Chamoute o Avelino. Que o chames” e seguín para a cociña.
¡Cincuenta mil pesos! Revisei a mantenza pola neveira e decidín a cea. Con cincuenta mil pesos volveriamos a Bristol, ou iriamos pasar as vacacións a Camarthen ou a Holyhead: a Gales bucólico e lindo, verde e relimpo, carballos, prados, ovelliñas, o dragón vermello, Croeso i Cymru, os druídas, o Eisteddfod, a ilusión do absolutamente distinto. “Somos unha Europa de culturas neolíticas, Xoán. O problema é onde situarmos os vascos dentro dela. Eses son anteriores aos demais, non caben entre nós. Por iso eu son tan pesimista sobre aquela sangría”… Cascando ovos viñéronme saudades do Meic, patriota a contrafío dentro dunha democracia británica sen fusilamentos ao amañecer. Sobre o restalar dos ovos que remexía, fixen xa meu o premio anunciado polo Valcarce e viaxei a Bristol e Caerdidd, e volvín falar co Meic dun dilema que enfronta o Lantaño e o Rodríguez Calvo; e que o Meic resolvera, resumíndoo nunha frase lanzada contra o azul do Mar dos Celtas: “Eu nunca serei laborista mentres teñamos que ser nacionalistas”.
Ovos remexidos con xamón; e viño da aldea dos Parguiña que había gozar o Xosé Manuel Valcarce por puro (“Léveo en confianza, que a este non se lle bota Castilla”), un tinto retinto, un puntiño acedo, que se prende na moleira e solta as engrenaxes, bótaas a correr e cando un se decata pode estar na mesa da cociña, encaixado entre o brancor liso e os ruídos do frigorífico e o lavavaixelas, diante dun prato baleiro e soñando calquera estupidez:
Por exemplo, cunha novela. Orixinal, que toque a fibra sensible, que ninguén a poida discutir; un romance para todos, novelón que conte calquera cousa, tal vez a picaresca da vida universitaria, o paso polo colexio maior; historia que analice a través do microcosmos da sala de estar, o cine, o ximnasio, a biblioteca, os corredores, os retretes, os cuartos…, unha clase social no momento en que todo se lle viña abaixo: o Anano do Pardo cada día máis gagá, o Carrero Blanco facendo de primeiro astronauta nacional, o Bautista a repartir consignas da UPG nun piso da Calle Orden, o Fermín pintando nos valados dos colexios maiores MUERA DIOS… E nas vacacións os panfletos no baile da praia (ERGUE GALIZA CEIVE E SOCIALISTA), o medo do Luís aos gardas civís…
Cun anaco de queixo de San Simón ben curado e máis tinto comezan os flash-backs: a descendencia dun crego fidalgo, segundón que preferiu a Igrexa ás colonias e construíu casa magna con hórreo de vinte pés, escolleu a primoxénita belida dun gandeiro como barragá e dela tivo fillos con apelidos propios. Fillo dun deles, o tataravó carlista, derrotado e fuxido á Arxentina para alí seguir pelexando, contra indios pampas e gauchos alzados, ata se converter en gloria da patria adoptiva, fundador de establecementos agropecuarios, impulsor dos transportes, escritor (‘El rapto’, ‘Sangre criolla’, ‘La Pacha Mama’, pezas dun costumismo horrendo).
E un salto adiante, catro xeracións. Nós. A conciencia de pertencermos a unha Matria eivada, o xurdimento das figuras definidoras, o Luís e o Avelino na infancia, o Fermín e o Kepa no colexio maior; o Fermín agudo, corrosivo; o Kepa, convincente, incitante, demostrativo (“… el cadáver del segundo terrorista, identificado como Pedro María Guruceaga Hierro, alias Kepa…”).
O bisavó retornado da Arxentina, ricacho que reconstruiría o patrimonio do crego concupiscente e montaría unha imprenta para se divertir publicando a ‘Revista de Ilustración Regional’. O avó destemido de Deus, brillantísimo orador e escritor de artigos sobre os celtas; e os penúltimos Castro, dous irmáns, un na liña do pai anticlerical, galeguista, e outro na da mai, entregada ao nacional-catolicismo. A guerra, a desintegración da familia, a avoa falando con cregos influentísimos para salvar o marido e un fillo condenados, rezando por eles e máis polo outro fillo, alférez provisional na fronte de Asturias, rezando e rezando…
Posguerra. O alférez saca o uniforme, desenganado, e entrégase á profesión civil. Resulta mexapías pero laiquizante, inimigo de seitas e organizacións paraeclesiais, adorador nocturno, predisposto a xaxúns e abstinencias, mais defensor da educación pública para todos por igual (ao menos canto aos fillos varóns. Para as nenas, menos, que nun instituto podían aprender groserías).
Unha familia de posguerra, ilusións de fillos enxeñeiros e avogados do Estado, e fillas ben casadas; bautizos e primeiras comuñóns; éxitos no foro e boa clientela; negocios, os rebentos a medrar.
Xoán, o máis pequeno, a derradeira esperanza, os ollos contempladores, as preguntas máis agudas cás dos outros rapaces, o querer saber por que e como funciona todo, a paixón pola lectura…
Eu, a descuberta do outro, do oculto: Radio París, ‘España republicana’, os libros do índice, o compañeiro evanxélico e a súa familia, que non contaxiaban nin arrastraban ao inferno. Un pai que predicaba moral católica co exemplo; unha mai cumpridora de preceptos, sen pensar; dúbidas propias sobre o bo e o malo, sospeitas dos cregos e do seu interese polas intimidades e os pecados alleos. O Avelino e o Luís a compartiren interrogantes e solucións.
Todo se viña abaixo á fin do bacharelato. E, daquela, a distancia á familia, o colexio maior: casa nova, grandísima, compañeiros da máis inimaxinable orixe, descoñecidos todos menos un, o Luís, sempre ao meu carón nesta vida. O colexio é o grande escenario da novela na que os personaxes son persoas co nome inventado: o Fermín e o Kepa acabando de dinamitar o edificio das miñas ideas de adolescente nunha roda viva na que danzan uns coma nós, merecentes de nome, na compaña dos que só merecen alcume: o Bicarbonato, o Meccano, o Inmortal, o Elocuente…
❧
–¿Diga?
–¿Que, conamplias? ¿Non queres chamarme ou que? Porque lle deixei recado á Ana e daríacho, ¿non?
–Deu, Aveliniño, deu… ¿Que contas?
–Que me veu hoxe á consulta o pai do Fermín, que anda o home cunha avaría da idade, e falamos moito e saístes ti e máis o fillo e o Luís e o demo maior… Seica o Fermín está por volver.
–Non me digas…
–Digo… De maneira que, con tal motivo, acabarás de abandonarme.
–Non amoles, Ave. Se non nos vemos é porque ti andas todo o puto día rachando xente para faceres cartos e eu ando coma un can a traballar e facer cultura… para nada.
–Exacto… Para nada.
–…
–¿Xoán?
–¿Que?
–Ah, pensei que se cortara… Mira, xa te libraches da carallada do partido socialista da merda, ¿non? Pois agora á asociación cultural mándala a tomar polo cu xunto co partido, que á fin das contas é a mesma cousa. Ti, rapaz, a parires novelas, que é o teu de verdade.
–…
–¡Xoán!
–¿Que?
–¿Que collóns che pasa, ho? Se non queres falar, avisa e acabouse.
–Tranquilo. É que ti ves todo moi sinxelo, Aveliniño.
–E sempre teño razón; e se algo teño claro desde que nos facías as redaccións no instituto é que escribir sáeche coma nada… Ti colles calquera contiño de merda e fas del un libro: ínchalo, adórnalo, bótaslle angustias e marabillas…
–Eu sonche un escritor con misión, como me dicía o Barros.
–Pois non te rías del, que ten razón o filósofo. Aquí nin Cristo é capaz de fiar unha historia. E hai moito que contar deste esperpentiño diario que vivimos.
–Moi pouco…
–Iso dilo ti, pero se queres imos a medias: eu cóntoche a historia do meu tío avó falsificador, que saíu da aldea analfabeto e acabou cobrando as rendas do arcebispo de Santiago; ou a da monxiña do hospital que lle deu un espasmo de gusto e quedou pegada a un celador enriba dunha camilla…
–Ou as nosas historias, carallo. Se che parece, podo botar a vida facendo novelas sobre a nosa media estatística e as nosas desviacións típicas: A Revolta sobre a emigración intelectual, O mirto e os loureiros sobre as represións infantís… Agora, antes de que entrases, estaba a pensar nunha Casa de la Troya mesturada co maio do 68… Dábache eu un collón por que houbese unha guerra, unha hecatombe, a rehostia, pero algo, algo que contar, ¡algo!
–A cadaquén cádrachelle vivir o seu, e hai escritores en todas as circunstancias, como médicos.
–Certo. Pero unha boa historia…, unha historia boa logo vai enchendo o papel sen necesidade de filigranas, dígocho eu. Iso é o que me fode, Avelino.
–Pois perdoa a miña ignorancia de matachín con bata verde pero eu coido que todo pode dar unha boa historia. Mira a novela do Mourín que anda a ler todo o mundo. Todos nos vemos dalgunha maneira pintados nela… E faime caso: ti ao teu, coma o Mourín, ¿oíches? Nada de asinares cartas contra a caixa de aforros, ou contra a delegación de cultura, ou a deputación ou calquera merda desas. Ti a escribires novelas e contos e fóra, ¡hostiandiós!
–Moi agradecido polo consello, padre Avelino… ¿E como anda a Merce?
–Preñada outra vez.
–Pois nós seica tamén.
–Estamos bos… ¿Oíches?, falando de novelas, a Merce díxome que sentira na radio non sei o que dun concurso que é un peto de cartos o premio.
–¿Ai, si? Pois xa es o segundo que me fala diso hoxe. Habíaslle preguntar a ela logo.
–Pois pregúntolle, ou dígolle que te chame… Ala, a durmir.
–Boa noite, señor cirurxán.
–Que che vaian dando, amargado.
–Adeus, capador.
–Adeus, plumífero…
¡Que volve o Fermín! Non o podo crer, non me escribiu, non me chamou… Carallo, pero o Ferminciño é a hostia, o tipo. Vou chamar o pai. Non, ho, que non son horas. Chamo agora, que non vou pasar a noite a darlle voltas ao asunto…
A ver, a puta guía de teléfonos… Landeira Diéguez, F., Médico, 263114… Imos probar sorte. Non sei se non será moi tarde. Dálle á rodiña: vinte e seis, trinta e un, catorce…
–Dígame.
–Boa noite, don Fermín, sonlle o Xoán Castro.
–Ola, Xoán. ¿Que hai, rapaz?
–Vaime perdoar, don Fermín. Non sei se é moi tarde para chamar.
–Non é, ho, que os vellos durmimos pouco. ¿Que hai?
–Pois queríalle saber do Fermín, que hai tempo que non sei nada del.
–Pois, mira: tivemos carta del aínda antonte, pero sendo como é este noso fillo, que un nunca pode estar seguro de cando vai en serio…
–¿E logo?
–Nada, que volve. Manda unha carta dicindo que xa aprendeu dabondo dos donos do mundo, o suficiente para vir colonizar o seu propio país; que ten unhas patentes dunhas máquinas, que fixeron moitos cartos con elas en México.
–¿Pero di cando vén?
–Manda que o informemos de cando toman posesión os xunteiros, que non quere faltar á opereta.
–Daquela, don Fermín, o noso indiano ten que ter todo disposto. E non me dixo nada…
–Xa sabes ti tamén como é. Se cadra queríache dar unha sorpresa.
–Si, é capaz… Pois non sabe vostede a alegría que me dá, caramba, que son ben anos.
–Son, fillo, son. Á mai non lle cabe a alegría no corpo.
–Pois se lles comunica algo fixo…
–Non te preocupes, rapaz. Chámote logo. A non ser que queiras ti chamalo…
–Non, non o chamo, que se cadra quéreseme presentar na casa coa familia coma quen vén de visita… Memorias a dona Aurora.
–Serán dadas.
–Siga ben.
–Adeus, Xoán…
Pensando no Fermín é doado crer na reencarnación. O Fermín gardaba a foto do avó telegrafista porque é el propio, a mesma persoa nacida cincuenta anos despois: mediano de corpo, membrudo, a cara redonda, de macaco cos ollos verdes e grandes. Seguro que ese vello tiña a mesma capacidade cabrona que el para captar dun suxeito todo á primeira vista e logo lle colocar o alcume correspondente.
A min nunca me alcumou o Ferminciño.
Porque vos amastes a primeira vista na sala de estar do colexio maior (o Ave, meu camarada do insti, ten ciúmes del: “Con tal motivo acabarás de abandonarme…”. Como cambia a vida: de rapaciños era eu o que lle andaba á cauda ao Avelino).
Se o Fermín volve, se ten cartos ou dispoñibilidade de facelos con algún invento, van pasar dúas cousas: que mando o Escuredo á merda e móntome co Fermín, e que volvo a nunca saber o que vai pasar mañá, cando ou como vou rebentar á risa…
–Ana, ¿a que non sabes quen vai voltar ao impaís?
–¿Quen?
–O Fermín.
–¡Horror! –e segue cosendo a tipa… Tamén ten ciúmes. Ou non. Quizais é un mal momento…
–Ana, díxome o Avelino que a Merce está esperando.
–Eses non contan os fillos…
–¿Vas facer a proba, Aniña?
–Aínda non. Déixame crer durante un par de días máis que é unha falsa alarma… Pero que insensatez, ho. Estou cabreadísima: pómolos na vida como se tivésemos dereito a facelos nacer, como se puidésemos obrigar a vivir a quen se cadra non quería.
–Tranquila, muller, que iso non o entende ninguén… ¿Oíches?, ¿a túa avoa contaríame todo o do estraperlo, pero ben contado, deixándome tomar notas?
–Home, se cadra, entre rosario e rosario…
–Ando atrás dun bo argumento para novela, ¿sabes? Pensei nunha dormitory story, algo da carallada dos colexios maiores; pero non… Necesito un tema con gancho para todo tipo de lectores. Non todo o mundo pasou polos nosos territorios de universidade, ideoloxías e demais.
–Tes a historia do teu tataravó mataindios na Arxentina. Iso soa a vaqueirada, pode ter moitísimos lectores.
–Puf, pero tería que remexer unha papelada do demo, ler moito librote…
–Pois da miña avoa non che sei, esa aínda ten o medo nos ósos… Pena que morrese o avó. Desde que viu que morrer a Franco, o vello algo soltaba. O da penicilina que contaba era a hostia: que fillos de puta os falanxistas estraperlistas.
–Faime un favor, Aniña. Imaxina que foses a muller dun escritor; e que os teus avós tiveran unha fonda xunto dunha estación de tren, na que se traficaba de todo nos tempos máis negros da fame e a falta de medicamentos; e que ti puideses axudar o teu home a espremer a memoria da avoa… Voume deitar.
–Vaite, vaite. Xa falarei eu coa miña mai, que esa tamén recorda o que vía cando volvía do internado, todos aqueles misterios…
Ben: concurso. O primeiro é ver o anuncio. Polo momento só hai avisos de palabra.
Serían capaces de non lle dar publicidade a tempo. Seguro que está amañado. Ou non, que os malos nunca son tan malos como nas películas e, á parte, dá prestixio dicir que se recibiron moitos orixinais.
Dormitory story. Soa ben; e a verdade é que fai falta unha novela do colexio maior. Os ianquis fan ben o da literatura: novela e despois filme, de academia militar, de dormitory, de plataforma petrolífera, de corpo de bombeiros…
Podería ser o romance do colexio maior.
Ou non. Nun país de seminaristas e peritos, o de catro colexiais maiores coma nós non ten venda. O do estraperlo, se cadra… Pero ten razón a Ana: a avoa aínda ve os gardas civís co tricorne a bateren portas coas culatas; e a mai só pode lembrar historias fraccionadas, de cando volvía polas vacacións á vila. Non sei o que se lles poderá sacar, e como.
Tamén está o da Arxentina. O tataravó conquistador das pampas. Habería que volver a Buenos Aires e conversar co vello Prada (“Eu pódoche contar moitas historias da túa familia de aquí, Xoán; dos teus e de tanta xente: o Blanco-Amor, o Seoane, o Isaac… pero non me fagas como a Maruxa Veiga. Nada de papel e birome, ¿eh?”). Habería que volver falar co Prada, e viaxar á Estación de Castro para escoitar as testemuñas de todos aqueles vellos con pucha e bombachas (“Mirá, así que vos también sos Castro…”). Levaría tempo e tempo. Para evitar erros que sacasen verosimilitude á historia, cumpriría moito tento, moito papel balorecido, moita fotocopia… E aínda hai que saber o prazo do concurso, que, se cadra, non dan tempo máis que para repasar un orixinal xa feito, e mandalo como estea.
Xa veremos.
Se non dese tempo, sempre se podería botarlle a man a algunha cousa exótica… Non, carallo: iso, nunca. Por moi pouca idea que teñan estes pailáns que nunca leron nada en portugués… Non. Antes mandas O mirto e os loureiros.
Pero esa historia non ten ningunha posibilidade porque falaches demasiado dela: “Teño para publicar un relato xeracional, un…”, un nada: todo cristo sabe que é teu.
Pois quero os cincuenta mil pesos.
De acordo, si. Pero agora le o TIME:
BRITAIN: IRA STRIKES AGAIN
While Reverend Ian Paisley…
…
… this repeated, scandalous way of dying in Northern Ireland.
Para. Para e pensa, carallo. A ver: Verde solidão, Verde solidão, no andel do medio, ao fondo de todo, seguro… Iso si que é tema de novela para todo o mundo: aventura realista, relato de algo incomún, estraño, pero que puido ter acontecido.
Pero non debes, ¿entendes?
É só probar, ho. Non é que o vaia facer definitivamente. É probar nada máis, a ver como resulta. É unha experiencia.
É un perigo…
¿E o método?
Ler un anaco, se cadra un capítulo, tomar unhas notas, recompor a cousa ao meu xeito…
–Xoán, apaga a luz. Mira que hora é. Despois dis que che doe a cabeza.
–Xa vou… Espera, que quero ver unha cousa nun libro. É un momento. Vou e xa veño. Ti vai durmindo…
–Que pesado, oh. Que che andará na cabeza…
Velo aquí, si señor. Verde solidão, Jayme Alves de Andrade, Edições Clube do Leitor, São Paulo…
Nota explicativa
A literatura da Amazônia foi sempre naturalista. Essa marca tem sabor de seiva eterna pela presença da floresta, velha como o Universo, esmagando a figura do homem que nela arrisca a vida, que a desafia. Querendo situar o humano na selva é indispensável descrevê-la, mostrá-la, pintá-la… para acusá-la de agressora. Na crônica de tanto ficcionista amazônico ela é uma personagem principal, um ser belo e vingativo.
Jayme Alves de Andrade é um destacadíssimo autor no grupo dos preocupados pelas criaturas humanas que vão se mergulhar no oceano verde. Ele faz, certeiramente, com que os trechos descritivos da sua Verde solidão sejam paralelos à trama romanesca. Quem experimentar com excluí-los, pode logo ver como o romance, descarnado, desmoronar-se-á. A floresta não é simplesmente um imenso pano de fundo, muito real, talvez palpável pelas pessoas que agem e reagem diante dele. Alves de Andrade fixa com firmes alicerces naturalistas um espaço no que se infiltram os meandros da história.
E dizer “história” também não é correto. Com prosa enxuta, desprovida das lentejoulas que enfeitam falsas vestimentas, o autor nos apresenta distintas pessoas com as suas vidas, com as suas histórias, que vieram confluir na região amazonense, desde o Ceará próximo ou desde a Europa longínqua –se não forem mesmo habitantes da selva.
Desde o sertanejo Colau, servil mas cobiçoso, ao índio Serafim de dupla personalidade, selvagem e civilizada, passando pelo piloto espanhol curtido em duas guerras aéreas
Moi ben o dos meandros da historia pola selva, todo entrelazado. Quen andou coa camisa pegada pola suor naquela irregularidade enlouquecedora, oíndo chíos e berros, ben sabe o que é sentirse parte dun todo vivo…
Jayme Alves de Andrade…, ¿que sería del? Quizais fixo con Verde solidão o libro da vida e nunca máis tecleou nada. Recoñezo a miña puta envexa por el, polo que puido ter vivido ata poder xuntar historias de terra brava, botarlles sal e pementa e mandalas a un editor de São Paulo.
Cadaquén ten a súa vidiña. Si, pero non é o mesmo vivir na selva que vela unhas poucas veces.
Non. Pasemos páxina, que isto do limiar non dá para máis…
CAPÍTULO PRIMEIRO
A viagem do delegado
Sobre a barranca íngreme, vermelha, a clareira. Lá embaixo, o brilho castanho do rio dividindo a floresta maciça, lisa, monótona, até o horizonte. Na clareira, barracões de madeira e telha carunchosa, armazéns com cobertas de zinco requentado ao sol, barracas com o teto de palha estendendo sombra. Entre os refúgios dos humanos, caminhos que conservavam marcas da invernada, rastros na lama já seca. Nas margens da abertura, árvores abatidas que iam se desfazendo; e junto delas, como tumores porosos, vermelhos, os formigueiros.
No botequim protegido pelos leques das palmeiras, a canícula sentia-se com menos força. Seu Zé Espanhol, o dono, observava de longe duas personagens muito peculiares, o delegado Hilário e o índio Valentim, batizado com nome que os da sua raça nunca pronunciavam. O branco velho e o indígena jovem falavam baixinho, grudados ao balcão, fazendo algo impensável para quem conhecia as normas do Serviço de Proteção aos Índios: partilharem uma garrafa de pinga.
Mas o Valentim já se ria dele próprio, da sua rara condição. De menino fora estudar com os padres na cidade e de rapaz voltara para dar ajuda aos seus. Por isso apregoava “não ser nada, nem branco nem índio, apenas sujeito que pode fazer de tudo e de nada ser culpado”. Mesmo podia matar e receber justiça branda, paternal, para selvagem que não percebe de leis.
E o delegado? Quê trouxera ele até essas praias longe do seu território?
–Saudade –respostara quando o Zé lhe perguntou ao vê-lo entrar na loja.
–Mas você, Hilário, não é poeta para sofrer disso. Conte lá a verdade.
–Estou contando, Zé. Lembrei lindos tempos passados entre vocês e montei na canoa. Rio abaixo mesmo preguiçoso rema –e quis fingir sorriso veraz com os olhinhos matreiros afundados entre rugas do rosto.
Mentira. Viera ter com o índio campeão, atleta, canoeiro e nadador no rio, corredor na brenha, capaz de abater fera ou homem com flecha e bala, à luz do dia ou na escuridão da noite. E não viria conversar de marisco, de matar jacaré e tirar-lhe a pele.
A presença do Hilário fazia pensar noutro negócio de mais rendimento, velha história duma floresta sem fim: garimpo, roubo de diamantes, garimpeiros que fogem e vão descendendo, remando de noite e se escondendo de dia; ordem de caça aos ladrões, oferta de recompensa aos caçadores; caçadores que, por sua vez, pensam mais em conseguirem os diamantes para eles do que em entregá-los e aceitar a recompensa… Seu Zé Espanhol sabia muito dessas peripécias. Formavam parte da própria história, capítulo do que –para poder seguir vivo– nunca iria falar…
❧
Prosigo co diario que nunca será libro impreso, se cadra por vergoña.— A noite pasada lin un treito de ‘Verde solidão’ nerviosamente, ollando o reloxo a cada poucas páxinas, botando conta do tempo mínimo que me ía ficar por durmir; e o peor foi que, cando por fin me deitei, non daba collido o sono. A Ana roncaba suavemente; o camión do lixo rompeu o silencio da rúa cegada por un pelouro; os recolledores de bolsas falaban aos berros. Mais o peor era o que andaba na miña cachola tola, a mestura de dous textos cunha conversa: ‘Memoria dos soños idos’, ‘Verde solidão’ e a lembranza dos razoamentos do Luís, que tanto ten de alter ego para a miña triste persoa.
Négome a engulir a mala baba do Mourín cando dixo (se é certo que o dixo) que un tipo de Ciencias, formado nas estreituras das Matemáticas e as leis da Física, cartesiano, non pode escribir con xeito porque o dominan as normas e os canons; pero eu responderíalle (se tivese que lle responder ao que non sei se expuxo para foder a un tipo coma min) que é unha estupidez solemne escribir fóra de regra para chamar a atención. Para iso xa están feirantes coma o García Márquez, sudaca sen luces, ou o Cogggtázaggg medio franchute.
Non sei para que o Alberto Mourín tivo que distorsionar o discurso dos seus soños; por que non escribiu segundo o código aceptado universalmente. Na súa novela, o que importa é a substancia, as substancias, os ingredientes que nos levan a un produto indispensable a partir de telo probado; e na madrugada insomne de hoxe saboreei coma nunca a súa presentación do pecado solitario, a tentación de facer o quen ninguén coñecerá xamais porque só ficará como testemuña a propia conciencia.
Non me marchaban da mente as tentacións contadas nos seus ‘Soños’ polo delfín dos grandes señores da cultura, o delfín de todos, o destinado a reinar con pipa, barba e sweater de coliño alto. Vinme pecando por uso e abuso do prohibido, sen que me vise o resto das persoas do mundo.
Quen considera que Deus é unha construción mental, non teme o ollo divino; non teme máis que a propia conciencia. E para me liberar do peso dela, do seu fura-fura, roe-roe, malla-malla, para coller o sono de calquera forma que non fose artificial, usei a lembranza das ideas do Luís respecto ao teatro co que el perde o tempo (porque non hai arte máis antiga, demodée e infantil có teatro).
O noso Luisiño di que, logo de ver unha peza, sempre pensa en como recompola, en que mover do escenario, no xeito de facer intervir os actores. Coida que coas novelas se pode tentar o mesmo: reinterpretar, copiar para mellorar. Considera lícito refacer para que a obra chegue a máis xente.
Mal recordo como me entreguei ao sono, medio soñando visións propias do Paraná, do Negro, do Amazonas: barrancas vermellas, praias brancas, a muralla verde aos lados, as aberturas polas que penetrar na selva, lama, raíces coma contrafortes de catedral, o silencio por veces, os gritos, chíos, asubíos, a alfombra de follas entre fustes sombrizos, as lianas coma sogas para enforcar…
Hoxe á mañá custoume moito traballar; e non foi pola falta de sono senón porque dúas forzas presionaban dentro do meu cerebro, unha contra outra, esmagando calquera idea que no medio se lles puxese. Seguro de que o meu pecado solitario é só meu, unha parte de min estaba por inicialo xa, coa honradez da improvisación, en loita contra o tempo. Outra revolvíase, revelábase: de cometer o pecado, cumpría facelo ben, sen precipitacións, programándoo.
Ao mediodía non me daba chegado a hora de rematar, de abandonar a mesa de traballo despois de que todos o fixesen para eu non ficar de apurado. E, xa no coche, cara á casa, decidinme polo modelo mixto: avanzar nun copión de novela mentres vou corrixindo e armando a historia completa.
Imos ver se o meu cartesianismo dá resultados. Na guerra cómpre pelexar en canto se decide como gañar cada batalla.
❧
O ABRIGO DO SOL – Capítulo 1º
Unha liña de lagoas
O capitán Ribeiro deu o último grolo ao café da mañá ollando para a tea metálica da janela onde viñeran morrer os bichos da noite. Entraba a luz, era o momento de calma en que acougan os animais noctívagos e van espertando os que molestan polo dia. Repasou as notas de encargos e non puido evitar un sentimento de pena ao recolocar na carteira unha delas: con letra ruín, pedian-lle morfina e auga bendita “verdadeira”. Na casa das mozas habia tragédia; alí a Ernestina, “Bunda Brava”, perdia a bravura que trouxera do seu Nordeste de cactos e poeira. Pouco habia quedar das redondeces traseiras que tanto valor lle deran no ofício. Morria, ainda nova, dun tumor de estómago.
Ribeiro ergueu-se. De pé foi colocando billetes de banco dentro do cinto-peto, pechou-lle a cremalleira, pasou-no polas presillas do pantalón ata o lugar onde colocaba a funda da pistola. Parou, foi coller a arma de embaixo da almofada da cama, acabou de compor os seus arreos e saíu pola Rua do Porto, que máis valeria chamar Rua da Lama pois a maior parte do ano engulia pés descalzos e botas, e todo salpicaba de vermello.
Lama vermella, auga castaña, area branca; gente hipnotizada polo soño dun diamante que lle justificase a vida…, o que se chamaba vida: escavar e lavar, comer de menos e beber de máis, un alcol que atorda e obriga a jogar e, de cando en cando, a tocar carnes de rameira insensibilizada, tan embrutecida coma os própios clientes. As febres e os velenos sumaban-se contra os homes a traballar na selva sempre metidos na auga, ata médio corpo ou mergullados con escafandro. Algún tiña a sorte de sucumbir ao pouco de ter chegado, mais habia-os que alcanzaban a ser vellos no soño louco do gran golpe, do “garavanzo gordo” (que acabaria facendo máis ricos ao intermediário e ao joieiro que ao garimpeiro descubridor da gema).
Os pensamentos agres de Emílio Ribeiro adozaron á vista do seu hidro branco, aboiando serenamente nas augas que se empezaban a ver castañas. Alá viña vindo o sol que lles daba a cor. Coma símbolo audible de que a se iniciaba a jornada, o sírio do almacén de todos os géneros deu volume ao seu altofalante. Era a primeira canción do dia, a modiña chegada da civilización habia só un mes. Despois aquel mouro arteiro habia pregoar novas existéncias, rebaixas do que ja viraba ráncio, supostas gangas, modos de adquisición ao fiado ou por troca.
Mais cando ese barullo ja enchese “a vila” do garimpo, el, o piloto, andaria longe, sobrevoando o que entendia coma un deserto, pois deserto é, á fin das contas, un território sen persoas nin vivendas, sen lugares onde o viageiro poida ter acougo e relación humana.
Un cardume de peixes engurrou a superfície do rio e a seguir xurdiron os lombos dos golfiños que os perseguian. ¿Como se poderian perseguir os bichos fluviais na auga túrbia, chea de anacos de madeira e follas? Difícil de entender para un aviador que todo fiaba na vista.
–Bo dia, capitán Ribeiro –o moreno Corcovinha agardaba no estremo do pantalán, para ajudar na decolage. En canto vivise, e se a doenza non o mantivese prostrado, ninguén lle ia tirar a honra de vigiar o avión, de amarra-lo e desamarra-lo; nin o dereito ás propinas do piloto. Era can vello e fiel, o negro desdentado.
Coñecendo a operación de memória, conduciu o capitán na canoa ata o flotador, retirou-se ao pantalán e esperou sinais. Regueiro subiu á cabina, acomodou-se, levantou contactos, observou marcadores e prendeu a máquina. Todo en orde, fijo indicación de soltar amarras e preparou-se para o momento que sempre lle daba azos, desde que o descubrira: o de abrir gas e elevar-se.
Ja pasaran moitos anos desde os seus primeiros voos como cadete con instrutor. Sobre as costas pesaban-lle duas guerras e moitas acrobácias de vida ou morte; mais nada lle enchia o espírito tanto coma a sensación dun poder supremo: o de abandonar a terra. Aquela necesidade viña-lle de cativo, de cando se deitaba na area da praia a ollar para o ceo, vendo as gaivotas subir e subir. Imaginaba-se no lugar delas, afastado, desprezando os seres que non podian fugir da terra ou da auga…
O hidro tremeu obedecendo a panca do piloto, deixou de soar o roce da auga nos flotadores, o fociño da máquina buscou o ceo; unhas garzas brancas, asustadas, afastaron-se sobre as copas das árbores selva adentro… Cando o altímetro marcou os dous mil pés, a mancha verde escura da gran floresta, negra no horizonte, ia-se encontrar cos vapores da noite. Por cima deles o sol tentaba iluminar veas de auga, maiores e menores, algunhas nacidas de súpeto entre a masa de árbores.
Viña a seca; anunciaba-se porque as lagoas empequenecian e as praias medraban. Habia vir logo o vento a contracorrente da vea maior. Ia-se facer máis difícil pousar nela, batendo cos flotadores nas ondas. Mais as noites serian frescas, sen mosquitos.
Observando as aldeas de índios pescadores, Ribeiro meteu-se a pensar nas cousas que o esperaban moi longe, moito, alén dun océano, na Europa. Cavilaba no arranjo da herdanza cos irmáns, que non comprendian como el se negaba a ir recibir o que os pais lle deixaran.
Os seus, na vila de ruas ben deliñadas, non imaginaban que os homes se tornan orgullosos, mesmo sobérbios, cando se perden na selva sen marcas. El tamén virara bravo, iluminado: ainda sen a brutalidade dos buscadores de gemas, soñaba co grande negócio que lle permitise voltar triunfante. O capitán aviador Emílio Ribeiro Antas perdera unha guerra en España e fugira, si, pero hoje non temia ja a revancha dos gañadores cando os volvese encontrar. Soñaba con ve-los rendidos ante si, pola sua riqueza de indiano. Non voltaria ata poder face-lo falando como propietário dunha liña de transportes aéreos…
Sempre rumbo leste, avistou a Serrinha en boa hora. Os rápidos do rio entre os montes marcaban a fronteira estadual. De alí á capital irrisória do seguinte estado ficaban-lle tres horas de viage. Unha ollada aos niveis de queroseno deu-lle confianza para tirar da panca e imprimir máis velocidade ao avión. Dese jeito, velozmente, divisou torres brancas de cúmulos sobre unha mancha grisalla de nubes de chúvia: a tormenta desabafaba sobre a ruta de costume… Tiña logo que se afastar dela. Tocou panca e pedais, jogou con mans e pés ata reposicionar o aparello en rumbo paralelo ao rio guieiro, mais longe dabondo como para librar-se das fúrias do deus máis temido polos índios canoeiros, o que lanzaba os raios.
Avanzaba millas coa mirada nas nubes e os lóstregos cando a visión lateral lle trouxo nunha rareza geométrica. Ollou-na de cheo. Algunha vez anterior ja a observara, sen conceder-lle moito pensar pois iria atento á pilotage, ou sumido nas suas cavilacións. A altura de voo –cinco min pés–, a do sol –a médio elevar– e o rumbo –E/SE– desta volta permitiron-lle compor na cabeza unha liña recta de pequenas lagoas entre o rio e unha clareira forzada por unha formación de pedra.
Pena non poder fotografar aquela formación estraña (pena non ser ianqui. Os americanos tiñan aqueles avións que fotografaban o mundo desde alturas inatingibles polos foguetes rusos. ¡Que enveja de pilota-los!). A selva estaba chea de sorpresas, intrigas… A restra de lagoíñas daba para imagina-la relacionada coas ánsias de ouro e pedras preciosas. Poderia ter sido unha sucesión de escavacións, de minas a ceo aberto que, co abandono, se converteran en depósitos de auga.
Quizais a clareira estivese ocupada por restos de ganga sobre os que mal podian medrar as plantas. Aquilo non era obra de índios senón de brancos con disciplina de engeñeria.
Ribeiro aceptou a suposición segundo perdia de vista a liña de ocos no bosque mesto. Vigiando novas formacións nebulosas ao sur do rio, deu ainda máis gas: tiña présa por chegar á cidade, por asear-se e gozar dun bo jantar; e por describir aos amigos o visto ao longo do voo.
❧
Segunda parte Tertúlia revisitada,
Na que o Joán justifica ante o seu “mulato literário” privado (o Fermín) a deriva que van tomando as aventuras d’O Abrigo do Sol, história reescrita en 2013-14.
❧
Para: ferminx47@yahoo.com Enviado: domingo 27/5/2013 10:57
CC:
Asunto: Benvidas correccións
Moi curioso o que me contas do problema dos ‘drones’ para uso urbano. Imagina o ceo de Boston cheo de aparelliños fungóns deses a repartir pizzas a domicilio… Haberá que ordenar o espazo aéreo como se ordena o tráfico das ruas, con regras de circulación. Para min a chave do asunto é o dos acumuladores de energia. Seja directamente pila de hidrógeno ou ben bateria, a ecuación a resolver é peso / autonomia / capacidade de carga… Falaremos diso cando veñades (a Ana insiste en que non nos collades de sorpresa: no fondo, quere volver a Creta, ao Líviko Pélagos, a aquelas praias solitárias, e teme que nos desencontremos convosco).
Canto ao do Ferrín que me dis, vale: iso é o que leches ti nos jornais, que a web é de todos e todos a miramos. Ora, hai máis. Unha cousa é o que che dijo o Luís sobre as liortas internas das sacratísimas vacas e outra o que eu vin: que o nacho andaba nun coche de moito nabo con chofer; e iso —o das carruages e os lacaios— é-che unha cousa demodée, e máis no intre demagógico de “austeridade” que pasamos.
Para min o que ocorre é que os de Letras, que nunca andaron na realidade de como se produce, se vende, se factura e se cobra, son coma nenos para sempre; e cando lles poñen o caramelo na boca, alá van. Polo visto el, sendo o capo, non sabia do cadro de persoal, nin das contas de gastos nin de nada da Irreal Taberna. Seica por aí é por onde o cacharon.
En fin, ao carallo o Ferrico. Pensei que serian capaces de pór no seu sítio o Ramonciño catedrático (“non te preocupes, que a cátedra ha ser tua”) de dialecto enxebre pero pugeron outro ainda máis pailán e tan inimigo do Carvalho coma o Ramonciño.
E, indo ao noso de verdade, agradezo-che coma sempre o traballo clasificado das correccións: grallas, erros de puntuación, conceptos dubidosos, incoherencias na grafia. Os de Ciencias somos así de ordenados. Many thanks. Mandarei-che logo o texto modificado e iluminado para veres o que che aceptei e o que non, para que me digas se estás de acordo.
Ora ja, imos ao d’O abrigo do sol e o que me comentas:
¿Por que non refago a historia de diamantes e mortes e a poño “ao nivel das outras aventuras”? Falemos claro: comparas O abrigo do sol con Mar do Sur, cando estamos a falar de textos meus mais moi diferentes (fóra de que os títulos soen parecidos).
Repito o que che teño dito con viño e sen el: eu nunca pretendín nada coa novela interior da Tertúlia. Con todo, ese texto tivo a sorte de se converter nun long-seller porque, coma sempre, cando o burro non tenta nada, a frauta soa.
Ora, O abrigo do sol non pode ter o “nivel” de Mar do Sur singelamente porque escribín o primerio ao voo de tecla e o segundo a mantenta. O conto do Abrigo quiteino dunha reportage arqueológica e das miñas andanzas casuais polas selvas americanas, mentres Mar do Sur obrigoume a chupar cincuenta libros (ata unha tese de construción naval en madeira) e a facer unha dúcia de viages a Inglaterra, ao Uruaguai e á Patagónia.
Deixemos as cousas como están. Son-che partidário de pór os textos ao dia, pero o meu tampouco é o do Luís. As novelas non son pezas de teatro, coma as suas, que cómpre retocar a cada función.
Transcribo-che a seguir dous anacos de cartas que falan sobre O abrigo do sol. Son de Jorge Amado e de don Saturnino, o meu profesor de Literatura do insti. Han-che valer para sopesares a tua propia opinión.
De Jorge Amado:
“… a respeito de ‘O abrigo do sol’ direi que, logo de conhecer uma pessoa encantadora como você, foi para mim grande prazer completar conhecimento com o teu romance. Li-o gozando o mergulho num espaço onde poucos europeus mergulharam. Nesse espaço chocam dois mundos, o dos indígenas e o dos civilizados (por falarmos assim de nós, com vão orgulho) e dão como resultado uma história de grande densidade dramática e poética. Quem ganha? Quem perde? Ganha, sem dúvida, a Literatura. Gostei muito, muito, do teu canto às grandezas e misérias do nosso Brasil…”
De don Saturnino:
“… a tua escritura é limpa, a sintaxe rica, todo concorda a jeito. Afortunadamente para o escritor e os lectores, superaches a tentación de faceres lirismo barato e preciosismo doado, o que proba a tua madurez.
Tampouco te prestaches ao realismo mágico, ao diálogo interior, á narración en segunda persoa, ás interaccións recorrentes, co propósito de que te considerasen seguidor de Günter Grass. A moda é pasageira; o moderno non é a moda. A tua posición ennobrece-te porque a tua creación non fica lastrada por este ou estoutro credo, esta ou aquela banderia…
Os temas da heroicidade, do amor e da natureza foron alzando o noventa e cinco por cento da Literatura no mundo. Son os teus temas, e os que che poderian ter dado unha obra punteira, singular, como eu esperaba do meu alumno.
Estiveches preto de face-la pero non o lograches, Joán. O escenário grandioso en que colocas os teus personages exige deles seren criaturas desmesuradas, enlouquecidas pola desmesura do ambiente. Niso andaches curto de miras: figeches biografia cando uns e outros, os que viajan na canoa da morte, tiñan dereito a destino, predestinación, frenesí capaz de quebrar todas as barreiras.
Canto ao amor, o mesmo. Ti, autor, tiñas a obriga de te namorares da muller que aparece como estrela diferente no ceo selvático. Mais deixaches ese amor apenas abocetado; como se non amases a tua criatura, tan ben descrita e –perdoa a insistencia– só biografada…”
Fin das citas, Ferminciño. ¿Que che parece o que din eses grandes juíces?
Ja che teño preparado o segundo envio de material para revisión e corrección. Mañá cho mando.
Apertas, camarada.
P.S.: Por certo, chamou-me o Alfredo Pardo para se despedir “polo momento”. Seica ja ten disposto como ha de ser o seu enterro na aldea: número de cregos, banda de música, jantar mortuório, poeta para discurso… Despois de dispo-lo, vai-se. ¿A onde? “Ja o saberás” (nin sei para que carallo llo preguntei).
Falamos un pedazo e comentou-me que o do Ferrín fora unha máis das desilusións que lle produciu o Impaís. Vai-se de Vigo sen falar-lle ao vello amigo (“Á fin das contas non é máis que un funcionário do franquismo, un rapaz a quen o pai, por ser juíz, salvou de moitas”. Nunca así me falara do home).
A Ana tamén anda desilusionada co Ferrico académico. Ja non di que é un inspirado.
Para: ferminx47@yahoo.com Enviado: luns 3/6/2013 23:16
CC:
Asunto: Nova entrega
Pois así é, como dis. Unha cousa é que a mente ainda nos pida seguirmos na loita cotiá e outra distinta que o corpo nos responda.
Como escribiches, sabiamente, Ferminciño, para todo hai unha vez última, derradeira, final. Para iso, tamén. Eu non sei se ti o falaches nalgún momento coa Peggy. Eu nunca me atrevín a fala-lo coa Ana. Pero o Avelino conta casos e casos. Aos urólogos cadra-lles intervir nesa miséria (por certo: o Ave Capador recupera-se coma un león. Agora vai-che ser o carallo que non lle deixen operar, e a ver que facemos con el)…
A “disfunción” é a mellor demostración de estarmos fóra de jogo. Cada vez menos interese e menos forza, ata que chega o momento das pastillas ou doutros métodos máis poderosos.
Este dia fun cear cos dous grandes moteiros da nosa quinta, o Gonzalo e o Trepas. Chegaron en paralelo conducindo as suas Harley. Metemos-lle ao corpo grandes viños, uns petiscos gloriosos e gin-tonics nun sítio de gente nova con pantalón apertado e zapatos de puntiña (a ver o que dura a moda). O Gonzalo leva anos coa pastilla azul; o Trepas contou que mete pola uretra un gel eficacísimo, que lle dura para un par de lances polo menos.
A cousa derivou cara a realidades das que ti e eu nos libramos por señoritos de cidade: internado e seminário. Eles, ricos de aldea, sufriron-nas.
Falaron de “emprestar a man” pola noite no dormitorio; emprestar-lla ao veciño de cama: ti e min esta noite e eu a ti mañá. Tamén falaron dos baños en auga quente: seica pagaban cinco pesos ao mes polo dereito a un baño o xoves. As bañeiras estaban separadas por mamparas, pero os rapaces maiores saltaban para as bañeiras dos pequenos, algún dos cales eran “nenas”, para os maiores e para os frades…
O Gonzalo relatou como se iniciara de verdade, na casa da avoa, cunha criada que era un pouco máis vella ca el e chamaba-se Digna. Puña-o tolo movendo as ancas mentres fregaba as escaleiras. Ela deu-se de conta e levou-no para un sítio onde ninguén poderia sospeitar: a un caseto que facia de cortello e mais de palleira. Alí a Digna carretaba todos os dias a lavadura aos porcos despois de jantar e alí se juntaban eles nunhas batallas que non daban rematado. Cheiraba que fedia no caseto, a porco e a comida resesa, pero eles só se ulían a si mesmos
Ata que a ama deu en cismar, porque non via pola casa nin o neto nin a mociña. Cachou-nos e el escapou pola horta cos pantalóns na man.
A avoa botou a criada e nunca máis se falou do caso, como se a Digna morrese. Pasou algo de tempo e, cando el facia preuniversitário, viu-na nun bar de pecado do Papagaio, próximo ao internado. Falaron e volveron enganchar. A moza contaba-lle cales curas do colégio viñan pecar con ela; e o Gonzalo pasaba-o de medo indo confesar-se con eles e contando-lles con detalle os gustos que lle daba a profesional.
O Gonzalo foi estudar a Madrid pero, cando ia a viña da vila para viajar no tren, facia-lle visita demorada á Digna. Ela foi ascendendo, dignamente. Chegou a atender só uns poucos clientes selectos. Pero algo pasou, porque apareceu morta no piso onde vivia do seu rico ofício.
O Trepas lembraba o caso. Digera-se que a matara un póli ou un juíz ou algo así. Por iso se botara terra no asunto.
Pobre Digna, carallo. Pugemo-nos tristes co último gin-tonic, que nos fijo un maricallas artista, moito dá-lle que lle dou aos cortes de casca de limón e laranja. A min deu-me unha pena grande ver marchar os amigos nas motos enormes, esponjados de recordos…
En fin, a historia non ten que ver cos nosos asuntos, pero apetecia-me contar-cha; e veu polo de sempre: que ja non valemos, que lle pedimos ao corpo o que non pode dar; que estamos na vangarda do cemitério. Que temos que apurar os dias que nos quedan para rematarmos as vas ilusións que ainda nos acompañan cara ao nada.
Veña, a tomar polo cu. Alá che vai esa segunda entrega.
Apertísimas de quen sempre che quererá ben ainda que ja non existamos (onte a miña sogra dijo-me que ela non cre en deus nin en nada desas trapalladas, pero que non pode deixar de crer noutro mundo no que ela siga a ver os avós, os pais, os irmáns, os fillos, os sobriños, os netos… Mesmo as putas das monjas que atormentaran a sua nenez).
You might also like
More from Narrativa
Doce Setembro | Morgado MBalate
Morgado Mbalate Doce Setembro Nasci do amor entre o senhor Henrique e a dona Palmira, numa madrugada de 6 de Setembro de …
Cidade Cinza, de Sara F. Costa | Uma entrevista de Nuno Santos
Sobre Cidade de Cinza de Sara F. Costa | Uma entrevista de Nuno Santos