O polifacético Criterio Fotográfico de Xavier Miserachs
A Fundació Catalunya-La Pedrera, con sede nos espazos da Casa Milà de Gaudí, segue a artellar
a tarefa de dar a coñecer os traballos e os días de fotógrafos radicados na cidade de Barcelona,
ou que tiveron esta vila como foco principal dos disparos das súas cámaras. A Colita, a Pomés e
outros, segue agora Xavier Miserachs, un dos innovadores da fotografía nos escuros e longos
anos de pedra da ditadura. Pode unha imaxe condensar un relato enteiro?
Xavier Miserachs. Epíleg Imprevist. La Pedrera
Comunicar, explicar, sugerir, enseñar, mostrar, de una manera universalmente comprensible, parecían ser las motivaciones últimas de los que las habían hecho, y yo, maravillado y con los ojos atónitos, recibía perfectamente el mensaje y al mismo tiempo intuía que aquella manera de hacer fotografía excluía el diletantismo, exigía compromiso personal solamente asumible desde el profesionalismo (X. Miserachs, Criterio fotográfico. Notas para un curso fotografía, 1998).
Aos 17 anos (1954) Xavier Miserachs presenta unha fotografía ao concurso convocado pola Asociación Fotográfica de Catalunya. A foto consiste nun corredor longo, escuro, dentro dun túnel do metro de Barcelona, cheo de sombras. Con esta fotografía Miserachs gana o I Trofeo Luis Navarro, en el II Salón Nacional de Fotografía Moderna de la Agrupación Fotográfica de Cataluña. Comezaba unha afección e unha profesión sólida e diversa. Xavier Miserachs acabará por deixar os estudos de medicina para dedicarse plenamente á fotografía.
A mostra que agora se pode mirar e disfrutar en La Pedrera, Xavier Miserachs. Epíleg Imprevist, está comisariada por Laura Terré, doutora en Belas Artes pola Universitat de Barcelona. É estudosa e unha das mellores coñecedoras da produción das fotógrafas e fotógrafos españois dos anos 50, 60, 70 e 80 (entre os que está o seu pai, Ricard Terré). Publicou numerosos estudos e libros, entre os que sobresaen Introducció a la Història de Fotografia a Catalunya (Lunwerg, 2000), Un segle d’Història de Catalunya en fotografies (Enciclopèdia Catalana, 2012) ou Peso y levedad (Instituto Cervantes, 2011). Laura Terré tamén é comisaria de moitas exposicións de fotografía sobre artistas como a fotógrafa barcelonesa Colita: Colita, perquè sí!, tamén na Pedrera, ou Masats: Ramón Masats. Años de juventud, etc.
A comisaria seleccionou para esta ampla mostra unhas 150 fotografías. Delas, a metade son en branco e negro, técnica que lle deu a Miserachs fama desde a xuventude, e a outra metade Laura Terré reservouna para presentar instantáneas en cor, menos coñecidas pero fundamentais para ter unha visión global da produción artística do autor de Barcelona. Blanc i negre. Para facer a selección das 150 fotografías, a comisaria repasou todo o fondo fotográfico de Miserachs que as súas fillas, Mar e Arena, depositaron en 2011 no Museu d’Art Contemporani de Barcelona: Fons Miserachs (MACBA). O fondo consta –entre outros materiais– de 80.000 imaxes fotográficas, das que máis de 10.000 son diapositivas en cor, 2.500 follas de contacto, correspondencia, documentación, etc. Debe ser ben complicado ter que seleccionar só 150 imaxes entre un total de 80.000. Pero Terré eses traballos xa os fixo para outras exposicións anteriores; e volverá facelo para as que veñan.
Fotos sen paspartú. Grupo AFAL
El Grupo AFAL, al qual Miserachs va integrar-se per voluntat pròpia i del qual no va renegar mai, va constituir un “nosaltres” que el va definir com un autor afiliat a un corent sense estil, però amb vincles de posicionament existencial, per dir-ho així: las llibertat a l’hora d’afrontar els temes, el treball al carrer, l’aprofitament de l’atzar, la tècnica precària i urgent, la poesia del quotidià i la dedicació professional (Laura Terré, catálogo da exposición Xavier Miserachs. Epíleg Imprevist, 2018).
Na interesante mostra Xavier Miserachs. Epíleg Imprevist, as fotografías que colgan nas paredes da planta nobre da Casa Milà (La Pedrera) non son copias antigas, pois aquelas perdéronse, e a comisaria tivo que encargar copias novas, tanto para as instantáneas en branco e negro, como as tiradas das diapositivas en cor que se conservan no MACBA. E Laura Terré decidiu que esas 150 copias –tan representativas de toda unha vida profesional– fosen presentadas espidas; sen vidro e sen ningún tipo de marco branco, ou paspartú. A decisión explicouna a comisaria argumentando que o fotógrafo Miserachs non gustaba de adornar as instantáneas; esas instantáneas que moitas veces presentan a realidade cotiá, os traballos das persoas. Unha realidade dura que é mellor non edulcorar con afeites. Tamén comentou que Xavier Miserachs (1937–1998) formou parte das primeiras xeracións de profesionais da fotografía que desexan en España retomar as trazas da fotografía moderna, que neste país a Guerra Civil — como tantas outras cousas, entre elas as vidas de milleiros de persoas– tronzara e borrara da práctica. Curiosamente estes meses tamén se pode ver en Barcelona unha magnífica exposición dun fotógrafo guieiro da primeira metade do século XX: Brassaï, na Fundación Mapfre. E Gyula Halász (máis coñecido polo pseudónimo Brassaï), o fotógrafo húngaro que remata vivindo en París, non permitía que as súas instantáneas tan potentes levasen eses engadidos que enmarcan a foto. E no primeiro libro que publica, Paris de nuit, as fotografías rematan onde remata a páxina; non hai nin un milímetro de borde branco ou doutra cor. Admiraría Miserachs os traballos de Brassaï, o fotógrafo de Picasso? O argumento rachador de Brassaï era, precisamente, que desexaba fuxir da fotografía pictorialista, que tanto se fixera a finais do século XIX e comezos do XX, e que se continuaba practicando, por entender que a fotografía só era un apéndice dunha arte principal: a pintura. De certo, Miserachs opinaba o mesmo.
No ano 1957 –con 20 anos– participa na exposición colectiva Terré-Miserachs- Masats, xunto con dous bos amigos en varios locais: nos da Agrupación Fotográfica de Cataluña, nos de AFAL e mais nos da Real Sociedad Fotográfica, de Madrid. Esa mostra repetiríase, máis ou menos igual, dous anos despois cos mesmos compañeiros de profesión. Miserachs, aínda máis novo ca outros, forma parte desa xeración de fotógrafos que traballarán despois da Guerra Civil e buscaban renovar a práctica fotográfica que se estilaba neste país, empobrecido e reprimido pola ditadura franquista. Entre outros compañeiros de viaxe e pescudas estaban os xa mencionados: Terré (documentalista, moi valorado por Cartier-Besson e que durante décadas viviu en Vigo), Colita, da que xa se falou, Masats, autor da mellor fotografía de futbol (a estirada do seminarista. Foi gol?), e tantos outros: o pioneiro Català-Roca, o voyeur do Raval (daquela Barrio Chino) Joan Colom, Oriol Maspons (con traballos sobre a Gauche Divine e o barraquismo de Barcelona, temas moi tratados tamén por Colita) ou Pomés, o fotógrafo da moda e a publicidade.
A Asociación Fotográfica Almeriense (AFAL) creouse no ano 1950. Era unha de tantas agrupacións de afeccionados á fotografía que foron aparecendo pola xeografía hispana, comoxeito de cultivar esta arte e coa seguridade de que a ditadura e a súa represión non iría contra esas entidades. Mormente nesas asociacións practicábase unha fotografía costumista — pictorialista e académica– contra a que ían, precisamente, os novos fotógrafos que procuraban as
beiras documentalistas, as reportaxes. A nova fotografía. E en 1956, a asociación almeriense comeza a publicación da revista AFAL, unha revista de fotografía que comezou como un boletín interno para os socios, ao xeito que publicaban outras asociacións parellas de Madrid, Cataluña ou Valencia, pero que logo agarra outros voos. Publicáronse 58 números, ata o ano 1963. Ao comezo o seu contido –teórico e práctico– estaba centrado exclusivamente na fotografía, pero andando os anos o cine tamén tivo ampla difusión nas súas páxinas. Esta revista logo gañou o interese dos fotógrafos que daquela tiñan aspiracións de renovar a fotografía en España. Aínda que se publicase en Almería, nas súas páxinas atópanse fotografías de profesionais tan coñecidos, e residentes ben lonxe de Almería, como Paco Gómez (por certo estes meses hai unha boa mostra do seu quefacer fotográfico en FotoColectània), Masats, Maspons, Terré, Ubiña, Català-Roca, Miserachs, Pomés, Ontañón, Schommer, etc. Pódese dicir, sen esaxerar, que a revista AFAL axudou moito a mudar a fotografía neste país, en anos de deserto cultural e estético. A revistas AFAL permitiu aos profesionais españois coñecer os traballos de fotógrafos estranxeiros (Cartier-Bresson, Klein, Frank, Steinert), así como traballos teóricos sobre a fotografía. E ao mesmo tempo permitiu publicitar os bos traballos dos fotógrafos españois dentro do país e mais fóra. Miserachs sumouse a este grupo e nunca renegou da súa pertenza a el.
Barcelona, o grande obxectivo
Después de dormir un año y medio en el cajón de mi estudio, y cuando todo hacía pensar que caería en el olvido, un azar hizo que mi trabajo acabase publicándose en forma de libro: “Barcelona. Blanc i negre”; y su actual contemplación me hace recordar y revivir las tensiones a las que estaba sometida mi concepción de la fotografía durante los paseos urbanos en los que se configuró el libro. En algunas páginas se hace evidente el “patrón Klein”, no pasa nada, la imagen parece tomada al azar, aparece gente que no se sabe por qué está ni por qué la incluí en la fotografía, el espacio en el que se sitúa la escena es totalmente anodino (…) El fotógrafo ha propuesto una imagen de la realidad, pero la interpretación va a cargo del lector (X. Miserachs, Criterio fotográfico. Notas para un curso de fotografía. 1998).
Aos 25 anos, Xavier Miserachs publica o libro que lle abre as portas do mundo fotográfico: Barcelona, Blanc i negre (Aymà Editorial, 1964). O álbum Barcelona, blanc i negre é unha recompilación de fotografías que Miserachs fixo de día e de noite por toda a cidade. É unha escolma próxima ao documentalismo máis xenuíno; aínda hoxe é un libro de consulta obrigada para coñecer a realidade social daquela Barcelona de finais dos anos 50 e comezos dos 60. Miserachs acabou con 7.000 fotografías en branco e negro, para escolmar e presentar á editorial. A súa publicación foi todo un acontecemento. Andados os anos este libro foi e segue sendo o que máis identifica o traballo profesional de Xavier Miserachs, o que non quere dicir que sexa totalmente xusto. Barcelona, blanc i negre é unha radiografía social, un paseo pola vida cotiá das e dos barceloneses. Non hai protagonistas sinalados; hai persoas traballadoras; os traballos e os días da vila que aínda non sabía de Xogos Olímpicos, nin da marea turística que hogano invade as rúas e prazas Son bastantes, e icónicas, as imaxes deste libro que agora se poden contemplar en La Pedrera, na mostra Xavier Miserachs. Epíleg Imprevist. Este fotógrafo utiliza a imaxe para narrar, é un fotógrafo escritor. Miserachs publicou moitos libros, uns con base fotográfica, e outros sobre fotografía e as súas especificidades. Pois ben, Barcelona, blanc i negre é un libro de relatos, relatos sobre o vivir diario. Nas páxinas deste libro é doado atopar nenos xogando nas rúas, domingos na praza da Catedral, traballadoras saíndo das fábricas, traballadores e fumes de chemineas. Hai tamén en Barcelona, blanc i negre a sobrecolledora instantánea da familia inmigrante que abandona a Estación de Francia pola rúa de terra con vultos e maletas ao lombo. Toda unha vida metida na escasa equipaxe; un relato do fotógrafo escribidor. Barracas e novos edificios de pisos; a futura rúa Guipúscoa entre esqueletos en construción e regos de hortas de autoconsumo. Mariñeiros, barcas de pesca, comidas ao aire libre, a vida na rúa. El Born, daquela o ventre de Barcelona, as Ramblas, a vía Laietana.
A cidade de Barcelona foi para Xavier Miserachs o tema principal da súa actividade profesional. Despois desa incursión na vida cotiá da vila (Barcelona, blanc i negre) viñeron outras publicacións. En 1955 foi Els Encants, o primeiro reportaxe que organiza de xeito programado, e que foi o material que presentou na primeira exposición Terré-Masats- Miserachs. As fotografías captan con nitidez e distancia as escenas do popular mercado de segunda man. Máis tarde, xa coa cor como ferramenta, Miserachs publicará, en colaboración con fotógrafos da súa xeración (Colita, Maspons, Toni Catany, etc), Els barcelonins (1988), Barcelona ‘92. Quinze dies d’eufòria (1992) ou Ciutat Vella. Visions d’una passió (1995). Por non falar doutros xeitos de seguir a relatar as vidas desta cidade. No libro con texto de Mario Vargas Llosa, Los Cachorros (Lumen, 1967), Miserachs ilustra a adolescencia e xuventude con imaxes de barcelonesas e barceloneses. Este libro forma parte da colección Palabra e Imagen que a editorial Lumen, con moita intelixencia, programou con textos de literatos de primeira liña (Cela, Vargas Llosa, Delibes) e con ilustracións de grandes fotógrafos dos anos 60 (Colom, Maspons, Miserachs). A portada de Los cachorros é unha das fotografías icónicas de Miserachs: o “piropo” na via Laietana. Hoxe tal vez para moitas persoas, unha agresión evidente. E, que dicir de Les Barcelones del món (1989)? Para tal fin Miserachs percorre América Latina á procura de imaxes das vilas que no Ecuador ou en Brasil levan o nome da capital catalá.
Miserachs apaixoado e diverso. Efecto Klein
En clau del temps que li va tocar viure, Miserachs va defensar una mena d’existencialisme que posa l’èmfasi en l’individu, afirma la llibertat de decidir per si mateix, reconeix la incapacitat de la raó per explicar l’univers i dubta dels motius amb els quals es justifica la presència de l’èsser humà, ja que, al capdavall, l’existència és un absurd (Laura Terré, catálogo da exposición Xavier Miserachs. Epíleg Imprevist, 2018).
Xavier Miserachs sempre tivo motivacións diversas polas que apaixonarse. Como persoa intelixente entregábase a unha misión, pero unha vez lograda, logo a abandonaba pois xa era outro o motivo que o atraía. Neste senso é case seguro que agradecía os encargos editoriais de revistas e outras entidades. Ir a París fotografar o Maio do 68 ou a Uganda mirar que acontece con Idi Amin Dadá, tiña a vantaxe de non ter que elucubrar sobre o obxectivo sobre o que traballar. Mentres dura o traballo, entrega total. Xa de novo deixou a carreira de medicina — cando lle faltaban dúas materias para rematala– pola súa nova paixón: a fotografía. E nese xogo de atractivos mesmo semella burlarse da morte, cando nos seus Quadern de ruta. Apunts autobiogràfics (1937-1998) o fotógrafo escritor anota: 1979 Com a reporters de la revista “Interviu”, l’Àngel Montoto i jo ens escapem pels pèls de ser afusellats a Uganda, durant els darrers dies d’Idi Amin Dada al govern. Per celebrar que som vius, anem a saludar Khomeini a Teheran. Sentir atracción por moitas cousas, non conformarse con dedicar a vida a unha soa profesión ou afección, tamén lle aconteceu a Brassaï, outro gran fotógrafo. No caso de Brassaï a queixa viña porque durante moitos anos non tivo claro se quería ser pintor, escultor ou fotógrafo. Outro dos protagonistas dos seus traballos foron as mulleres. As mulleres aparecen en abundancia nas instantáneas de Barcelona, pero tamén na ampla reportaxe que o leva a publicar Costa Brava Show. As mesmas mozas adolescentes que se poden mirar nas reportaxes sobre a Primavera de Praga, ou as que reclamaban unha revolución intelixente e antiautoritaria polas rúas de París, naquel Maio do 68. E as mulleres africanas, riseiras, e as cubanas, alegres na súa pobreza.
Como ben dicía Miserachs no seu libro Criterio fotográfico, no volume Barcelona. Blanc i negre, está a marca do mestre William Klein. No ano 1956 o fotógrafo Klein (que logo tamén será un recoñecido cineasta), norteamericano que viviu case toda a vida en París, publica nesta cidade precisamente (pois en New York tivo problemas) o libro Life is Good & Good for You in New York, un retrato transgresor da gran urbe contemporánea. O propio Klein dixo anos despois que a estética daquel libro non fora ben acollida no seu momento, pero que aínda nos anos 90 era de difícil aceptación. Klein era principalmente un fotógrafo de moda que traballaba para Vogue e outras revistas, pero as súas provocadoras e innovadoras imaxes provocábanlles problemas aos responsables da dirección das revistas. Pois no libro sobre New York acontece o mesmo: primeiros planos duros, descarnados, arquitecturas deformadas, violencia, anuncios publicitarios. Cando ese libro se coñeceu, anos despois en España, o impacto foi moi forte, e as ansias por lograr ese tipo de imaxes moveu a moitos fotógrafos a apostar polo documentalismo e a reportaxe non convencional. Tres anos despois (1959) Klein publica o seu libro sobre a cidade de Roma: Rome. Klein estaba en Roma porque fora convidado por Fellini a participar na rodaxe de La notti di Cabiria, 1957 (a última escena do filme: Giuletta Massina chorando e rindo á vez ten que constar nas antoloxías da arte cinematográfica), e aproveitou a estancia para retratar a vida cotiá nunha cidade que saíra dunha guerra. O paralelismo entre Barcelona e Roma, máis o libro de Klein, foron razóns para que Miserachs se animase a tirar adiante o proxecto do libro sobre Barcelona.
Costa Brava Show, Pop Art? Fotografía de moda e publicidade
Gran novedad de estas fotografías es la que refleja una de las últimas características de la Costa Brava, a saber, su peculiar erotismo –característica importante del turismo actual, y que alcanza prácticamente todo el Mediterráneo–. Excepcionalmente destacable parece, también, la visión que ha conseguido Miserachs de Cadaqués, que es un pueblo de geología pirenaica, pizarra negra y abundante sol, factores que, combinados, despiertan sobre la piel humana un interés muy complejo (introdución de Josep Plà al libro Costa Brava Show, 1966).
Respecto da valoración moi positiva e definidora que se vén facendo da fotografía en branco e negro de Miserachs, Laura Terré, a comisaria da exposición Xavier Miserachs. Epíleg Imprevist, informou na presentación que todo vén dos Xogos Olímpicos de Barcelona. No ano 1992, dentro da Olimpiada Cultural de Barcelona, precedente e coetánea dos Xogos Olímpicos, a Fundació LaCaixa organizou a mostra antolóxica 1 segon i 25 centèsimes, sobre a fotografía de Miserachs. Foi unha de tantas actividades culturais que se programaron naqueles anos de vacas gordas. Pois ben –segundo Laura Terré– as persoas responsables de escolmar as fotografías para a devandita exposición, xa que había tempo que non tiñan unha visión de conxunto da produción fotográfica de Miserachs, quedáronse moi sorprendidas pola inmensa produción que o fotógrafo tiña en branco e negro, desde os anos 50. E na selección final só incluíron 10 fotografías en cor, mentres que o peso principal de 1 segon i 25 centèsimes ía parar ao branco e negro. Laura Terré comentou que a razón principal da escolma masiva de fotos en escalas de grises foi a nostalxia; aquelas fotografías dunha Barcelona que xa desaparecera –e que mesmo os Xogos Olímpicos estaban axudando a desaparecer (como foi o caso do barraquismo de Somorrostro e o paredón do Campo da Bota, onde os fascistas fusilaran tantas persoas) tiñan para eles máis tirada ca outras que semellaban máis próximas nas estéticas e na policromía. A mostra foi un éxito e, como consecuencia da mesma, Miserachs rematou por ser tido por un fotógrafo que traballara en branco e negro.
Outro dos libros emblemáticos de Miserachs –tamén lle deu moito renome como fotógrafo en branco e negro, aínda que algunhas imaxes xa son en cores– foi Costa Brava Show (Kairós, 1966). Neste libro Miserachs vai relatando, pois o fotógrafo é quen de contar un relato con imaxes, o impacto que o turismo dos anos 60 provoca en vilas pequenas e ata entón deixadas ao seu atraso (agricultura e pesca). Daquela no verán todo se transformaba. Nas imaxes de Miserachs son evidentes o comezo do boom inmobiliario, provocado pola masiva chegada de persoas
europeas e peninsulares, a falta de control sobre negocios hoteleiros, a masificación en rúas, terrazas e outros locais. As fotografías non teñen desperdicio, e Miserachs non procura dar unha visión idílica ou lúdica da Costa Brava. A impresión de realidade inmediata consíguea o autor de Criterio fotográfico facenndo retratos espontáneos das persoas, na praia, polas rúas, comendo. Non hai traballo de estudo, con focos e demais artellos. Nas súas imaxes hai aglomeracións de automóbiles, hai a inflación de carteis anunciadores de calquera negocio, sinalizacións caóticas,
novas urbanizacións a medio facer. E non falta o burro cangado de olas de barro á venda nos areais de Tossa de Mar ou de Lloret, como tampouco o garda municipal que, con salacot branco –igual co traxe– e que patrulla polos areais –entre corpos en traxe de baño e bikini– como se inmerso no máis exótico dos safaris. Son bastantes as imaxes deste libro que agora colgan das paredes de La Pedrera, na mostra Xavier Miserachs. Epíleg Imprevist.
Xavier Miserachs tamén fixo moitos traballos en cor. Tal e como el mesmo dixo en repetidas ocasións, no momento que as editoriais ou as persoas que lle facían encargos pedíronlle que os fixese en cor, abandonou pouco a pouco o branco e negro para pasarse á fotografía policroma. Para Miserachs non é mellor unha cousa ca outra; é un problema tecnolóxico. Moitas das reportaxes que o autor de Barcelona. Blanc i negre fixo para revistas ilustradas (como se verá no seguinte apartado) foron feitas en cores. Moitas reportaxes sobre festas en Asturias, Andalucía ou mesmo instantáneas para o libro da Costa Brava foron en cores. Tamén o son as instantáneas das Barcelonas que hai por América Latina, ou as reportaxes sobre México, Brasil, países africanos ou do oriente asiático. Pero, loxicamente, onde máis traballou coas cores foi nos encargos para revistas de moda e mais para publicidade. Laura Terré, a comisaria de Xavier Miserachs. Epíleg Imprevist, tivo que facer unha selección dunhas 70 fotografías en cores para
esta mostra, entre as 10.000 diapositivas que garda o MACBA no Fons Miserachs, ese tesouro de imaxes e documentación que Mar e Arena Miserachs depositaron no Museu d’Art Contemporani de Barcelona (MACBA).
As reportaxes para revistas ilustradas.
Triunfo La desconfianza –muchas veces justificada– respecto a pa estabilidad de los negativos en color y su perdurabilidad consiguiente ha hecho que la fotografía en color esté poco representada en museos y colecciones. Este hecho, de origen exclusivamente tecnológico, ha dado lugar a un curioso círculo vicioso que muestra hasta qué punto el coleccionismo y los criterios museísticos pueden ser responsables de equívocos culturales. Marginando la fotografía en color sin una explicación clara y precisa, se ha creado entre las nuevas generaciones la sensación anacrónica de que el blanco y el negro era el soporte exclusivo de qualquier trabajo ambicioso (X. Miserachs. Criterio fotográfico. Notas para un curso de fotografía, 1998).
Xavier Miserachs súmase tamén á longa nómina de fotógrafos de calquera continente que colaboraron en revistas ilustradas. As revistas ilustradas –hogano en franco retroceso; agora hai televisións: imaxe inmediata– tiveron os anos dourados a partir da Gran Guerra e ata os anos 60 e 70. Miserachs, en concreto, traballou para publicacións como La Actualidad Española, Gaceta Ilustrada, Interviu, La Vanguardia e Triunfo. As revistas máis antigas, dos anos 50, comezaron publicándose en branco e negro, pero logo pasaron á cor. Para a revista que máis traballou
Miserachs foi para Triunfo. A revista Triunfo comezou a publicarse no ano 1946 en Valencia por José Ángel Ezcurra, que foi o seu director durante toda a vida da revista. Comezou sendo unha revista de espectáculos, pero logo virou a orientación e foi para moitas persoas dos anos 60 e 70 o medio de referencia onde atopar información política, económica e cultural independente (non do réxime franquista). E desde 1948 xa se publicaba desde Madrid, ata a súa desaparición no ano 1982. A calidade dos colaboradores era moi alta para a época, e a calidade dos contidos tamén; por iso sufriu secuestros e multas. Entre os escritores asiduos de Triunfo cóntanse Eduardo Haro Tecglen, Manuel Vázquez Montalbán, Luís Carandell, Enrique Miret Magdalena, Ramón Chao, Ian Gibson, Montserrat Roig, Manuel Vicent e humoristas como Quino, Chumy Chumez, Núria Pompeia ou OPS, (que agora firma as súas vilñetas en El País como El Roto). Con moitos destes escritores colaborou graficamente Miserachs. A comezos de 1968, Xavier Miserachs firma con esta revista un contrato de exclusividade. Desde entón viaxará por todos os continentes para enviar reportaxes fotográficos de conflitos, accións revolucionarias, actos culturais ou represións brutais. Para esta revista Miserachs fará traballos tanto en branco e negro coma en cor. Ao comezo, para case todas as revistas –comentou a comisaria– a foto que ía en portada había ser en cor, mentres que no interior ían en escala de grises, o que dificultaba o traballo dos fotógrafos, pois moitas veces non sabían que instantánea era boa para ir en portada; e os carretes de fotos eran diferentes para cada modalidade.
No mesmo ano 1968 Miserachs viaxa por toda Europa para captar o ambiente contestatario que se cocía no vello continente. E cando rebenta o Maio do 68 en París, alí está Miserachs a carón de Haro Tecglen para reportar entre os dous os acontecementos que proclaman A imaxinación ao poder! Algunhas das fotografías en branco e negro que envía Miserachs a Triunfo sobre a revolución do 68 hoxe son icónicas. A moza que pasa por diante dos innumerables xendarmes da policía, as asembleas, as manifestacións. No seu libro fundamental, Criterio fotográfico, Miserachs afirma respecto do que estaba vivir e a retratar: Pocas veces he tenido como en aquellos tiempos la sensación de estar documentando alguna cosa importante, un hecho que podría incidir en el curso de la historia. Nos textos que acompañan as fotografías de Miserachs, Haro Tecglen –sobre a miopía dos partidos políticos– escribía: Los policías cargan como unos samurais, con gritos guturales (…) Se han creído que la juventud se contentaría con la minifalda y la melena masculina, que se desviaría por el camino de la droga…
Naqueles anos o traballo era seguido. En xuño de 1968 Miserachs está en Praga, xunto con Miguel Delibes, para narrar confeccionar reportaxes para Triunfo sobre a que prometía ser unha fermosa Primavera de Praga, e rematou todo en tristes represións. O que buscaban a xuventude e mais sectores sociais da entón Checoslovaquia (dentro do que se chamaba Bloque Comunista, por estar na esfera de influencia da URSS), era máis liberdade, ter diversidade de partidos políticos; pluralidade. Buscaban fuxir do dogmatismo imposto pola URSS e trataban de chegar a
un socialismo democrático. O ensaio rematou o día 20 de agosto de 1968, cando as tropas do Pacto de Varsovia (alter ego do bloque da OTAN) entraron en Checoslovaquia e acabaron coas ansias de liberdade. Os procesos e condenas foron masivas. O filme A Confesión (Costa Gavras, 1970, con Yves Montand e Simone Signoret como principais protagonistas), denuncia aquela brutal persecución posterior aos días de primavera ceibe.
En conclusión, o bo traballo de Laura Terré como comisaria de Xavier Miserachs. Epíleg Imprevist permite que esas 150 instantáneas, máis un vídeo que compuxeron con anacos de varias entrevistas que lle fixeran a Miserachs, alumen unha panorámica antolóxica e moi completa do traballo profesional do fotógrafo que tanto disparaba coas súas cámaras como riscaba en folios as súas impresións vitalistas sobre fotografía.
EXPOSICIÓN: Xavier Miserachs: Epíleg Imprevist. (La Pedrera, ata o 15 de xullo de 2018).
You might also like
More from Artes
entre espelhos falsos magritteanos e peugadas in-corpóreas de Bete Gouveia | Luís Serguilha
«entre espelhos falsos magritteanos e peugadas in-corpóreas de Bete Gouveia», por Luís Serguilha
Recuperación de Eveli Torent, artista modernista | Lito Caramés
Eveli Torent foi con toda liberdade progresista e masón. Non contaba coa Guerra Civil provocada polos fascismos, e acabou pagando …