Bansky. Laugh Now, 2003
Interesante a apertura de novos espazos para a arte. E máis se se trata de creacións contemporáneas e actuais. O MOCO vén encher un espazo que na cidade de Barcelona non estaba cuberto. Kim e Lionel Logchies, propietarios do museo, afirmaron na presentación que o seu obxectivo -xa tal acontece en Amsterdam- é atraer ao público xuvenil, a persoas que por norma non entran nos museos. Conseguirán este importante obxectivo nesta vila? Cómpre dar a benvida a esta incorporación de arte actual e ás súas pretensións.
*
The Modern Contemporary (Moco) Museum, Amsterdam e Barcelona
Lionel&Kim. We are known for our outstanding and personal service and have a large database of loyal customers. (…) We are here for you to go over your collection and help you take it to the next level. If you have recently been infected by the art virus, this is the place to be. With our passion for art and joy in doing business, we are looking forward to getting to know you and help you find the right art work for you. (Texto de presentación da Lionel Gallery no seu portal web).
No ano 2016 a parella formada por Lionel e mais Kim Logchies, coleccionistas de arte, deciden abrir un novo museo, un novo centro de arte na cidade de Amsterdam. O Modern Contemporary Museum (MOCO). E fano na praza dos museos, a carón do Rijksmuseum e mais do Van Gogh Museum, instalado tamén nun edificio histórico, a Villa Alsberg. Esta terceira peza museística complementa perfectamente as ofertas dos outros dous espazos, pois MOCO aposta claramente pola arte máis actual (e tamén mediática); por artistas que -nas verbas de Lionel Logchies- crean experiencias, activan a imaxinación, desafían as normas, así como amplían as perspectivas e cuestionan a sociedade actual.
Esta parella de amantes da arte tamén ten no centro da mesma cidade neerlandesa a Lionel Gallery, onde volven apostar por esa arte feita por artistas vivos, polémicos e mesmo innovadores, dentro de esta mundo actual que non se sabe moi ben cara onde vai.
E agora, a finais deste Segundo Ano de Pandemia (2021), cando a cidade de Barcelona vive a polémica (outra máis) sobre se acabará por instalarse no seu porto a franquicia do potente Hermitage de San Petersburgo, sen facer barullo e de xeito eficiente, Kim e Lionel Logchies abren un espazo privilexiado para presentar pezas da súa persoal colección. Respecto de que, ao final, a sucursal do Hermitage (que xa conta con terreos, con proxecto urbanístico faraónico) acabe abrindo as súas portas en Barcelona, os vieiros que semellaban totalmente expeditos, volven atopar coa negativa da corporación municipal (ou parte importante dela).
Os Logchies optaron por alugar perante 20 anos o histórico palau dels Cervelló, sito na rúa Montcada, xusto a carón do Museu Picasso. Este pazo foi levantado no século XVI, residencia da familia Cervelló e onde, segundo contan as crónicas, naceu santa María de Cervelló que co tempo rematou por ser a fundadora da orde das mercedarias. Posteriormente pasou a mans de varias familias, e no século XX albergou a importante galería Maeght, e máis tarde a Gaspar. Un lugar icónico, por tanto. Polo de agora as pezas e colección que se exhiben no pazo dos Cervelló ocupan a planta baixa e tamén o primeiro andar. Queda aínda o segundo andar pendente de reforma para futuras ampliación e/ou exposicións temporais.
MOCO Barcelona, obras de Hirst, Warhol, Dalí ou Barquiat
No percorrido das creacións que nestes momentos da estrea e presentación ao público do MOCO Museum en Barcelona compróbase de contado que hai poucas obras de mulleres artistas (por non dicir que non hai ningunha). Seguen -xa que logo- en plena vixencia as denuncias de Guerrilla Girls?
Ao entrar, na planta baixa, recibe aos visitantes unha impactante peza de Damien Hirst, The Immaculate Heart. Sacred, unha obra provocadora. Poderíase chamar escultura (agora que na Fundació Miró hai unha mostra que pretende coñecer os vieiros polos que viaxará a creación escultórica). The Immaculate Heart. Sacred (2008), consiste nun corazón de boi disecado (tal cal), con dúas as de pomba, e atravesado de arriba abaixo por unha espada brillante, obra que pertenceu ao cantante George Michael. Hirst, neste caso, reflexiona sobre a vida e a morte, e a relixiosidade. A súa educación católica deixoulle esas estéticas de corazóns atravesados por coitelos: a dor. Hai algo sagrado nas sociedades actuais?
Andy Warhol está presente cunha das pezas seriadas que fixo a partires da morte de Marilyn Monroe, ano 1962. Antes Warhol non dirixira a súa atención creativa (ou recreativa) cara esta icónica muller pero, ao morrer, comeza a traballar cun dos seus retratos máis coñecidos e a variar as cores e as combinacións cromáticas. As series elaboradas coa face de Marilyn Monroe son das máis coñecidas dentro dos seus quefaceres na Pop Art. A actriz foi tamén unha das convidadas que o fotógrafo Halsman utilizou para formar parte das súas creacións co Jumping, e que foi portada da revista Life.
A carón atopan os visitantes unha pintura ben coñecida do seu amigo e protexido Jean Michel Basquiat, o creador de orixe haitiano: Untitled. A obra entra dentro das máis coñecidas deste peculiar pintor: sobre unhas madeiras atopadas na rúa, cun tema principal que vén sendo o torso dun corpo masculino (o torso do propio pintor?). Cómpre saber que Basquiat foi atropelado por un coche á idade de set anos, e estivo moito tempo nun hospital para recuperarse. Desde entón o pintor dedicou atención ás anatomías. Esta peza (e a súa historia) fai lembrar un dos contos que Raymond Carver inclúe no seu magnífico libro de relatos Catedral, e que máis tarde foi incorporado por Robert Altman no seu filme Short Cuts (Vidas Cruzadas, 1993), obra na que maxistralmente se vai encrucillando as accións dos relatos que escribiu un dos autores máis coñecidos do dirty realism.
Tamén na planta baixa se pode contemplar a xigantesca fotografía de David LaChapelle, Last Supper (2003). Trátase dunha recreación e “actualización” (de tantas que hai) da iconografía relixiosa de tal nome, onde o artista aposta pola diversidade racial e de sexo para presentar os que serían (segundo o propio artista) agora amigos e cómplices de Xesús de Nazaret. Iso si, Xesús -coma sempre ao longo dos séculos- segue a ser branco e cunha estética que nada variou desde os tempos do Renacemento. Cousa que sorprende moito nesta época, no século XXI. Seguindo polas dependencias do baixo do MOCO Museum, atópase a obra de Salvador Dalí, Woman Aflame, que fundiu en bronce brillante Beniamino Levi, en 1980. Trátase, por tanto, dunha reinterpretación (en tamaño grande, superior ao natural) de pezas do autor de Gala Atómica. A escultura, en bronce dourado, está copiada do famoso cadro de Dalí Jirafa en llamas. A escultura representa a unha muller vestida cunha túnica longa que na parte dianteira do seu corpo está chea de caixóns a medio abrir. Para Dalí, eses caixóns representan a memoria, os espazos onde se albergan as lembranzas. Pretende comunicar o pintor de Cadaqués que as mulleres son as depositarias das herdanzas da humanidade?
MOCO Barcelona: arte actual, Digital Immersive Art
O percorrido polo palau dels Cervelló, colección do MOCO Museum, segue con moitas variantes. Quizais o artista máis representado (polo número de obras) sexa Bansky, ese misterioso e xenial graffiteiro de que ata agora se descoñece a identidade. Atópase a peza Laugh Now, composta por un fato de chimpancés con vestido onde, nalgúns, pódese ler reiterativa a inquietante mensaxe: Lough now but the day w’ll be in charge. Os simios superiores están preparados para tomar o relevo dos humanos? Nestas semanas que se orientan os ollares cara a cidade de Glasgow e mais a COP26, non está de máis preguntarse sobre as responsabilidades colectivas dos humanos respecto deste planeta.
Preto da ringleira de monos móstrase Forgive Us Our Trespassing, outra reflexión sobre a transcendencia. Nunha igrexa gótica, toda chea de graffiti, un rapazote -de xeonllos- reza. De que se arrepinte? A quen pide perdón? E sorprende moito ver unha peza de Bansky que é unha escultura, a obra titulada Bullet Hole Bust (2006): sobre un esteo xónico descansa a cabeza (idealizada, en branco impoluto) dun home novo ao que lle dispararon no medio e medio da testa. A combinación desa cabeza clásica (copia en plástico brillante neste caso) e a ferida sangrante provoca un efecto inmediato: que pasou?, porque? Nalgún xornal e revista lin que se trata da cabeza dun David (seguramente de Michelangelo Buonarrotti), e a seguir comentarios de se é unha recreación da historia bíblica. Iso non é certo. Non se trata da cabeza de ningún David; en realidade é unha copia da cabeza dunha escultura de Praxíteles, o grande escultor grego do século IV a.n.e., concretamente da soberbia Hermes e Dionisos. A peza narra a anécdota de que no camiño ao Olimpo con Dionisos neno, Hermes para a descansar e agarra un acio de uvas (que é o que tería na súa man dereita). Ao ver as uvas, o que logo sería deus do viño bótase a elas. Esta obra (Bullet Hole Bust) regaloulla Brad Pitt a Angelina Jolie; e eles vendérona agora ao separarse.
Nas salas hai moitas máis cousas: unha mostra do artista chileno Guillermo Lorca, que aposta claramente polo surrealismo na invención de oníricos mundos e escenas. Outra sala dedicada a Kaws, así como varias pezas dos irmáns brasileiros Os Gêmeos, (graffiteiros, artífices da street art) que están entre Magritte e Dalí.
Ao final do percorrido inclúese, con bo criterio unha selección de instalacións da chamada Digital Immersive Art, entre as que sobresae a obra creada por Studio Irma, Diamond Matrix. O centro de creación Studio Irma foi posto en funcionamento no ano 2020 pola artista Irma de Vries.
Polo que ten de novo, pola aportación á presenza da acte actual na cidade de Barcelona recoméndase visitar o MOCO Museum Barcelona.
You might also like
More from Crítica de arte
Ana Tomé: Intemporalidade | Inma Doval
Ana Tomé: Intemporalidade. Exposición de fotografía no espazo cultural da libraría Biblos de Betanzos (mes de marzo de 2024) | …
Os folgos da escultura flúen polas veas de June Crespo | Lito Caramés
Estes meses o Museo Guggenheim instala nas súas salas unha importante mostra dos traballos da escultora June Crespo: Vascular. Que …