Co gallo da celebración do Any Català-Roca, celébranse diversos actos relacionados co legado do fotógrafo que publicou Libro del Mar en colaboración con Rafael Alberti. Este ano o Museu d’Història de Catalunya presenta ao público a exposición Els Català. Fotògrafs d’un segle en alusión aos traballos do pai, Català i Pic, e dos fillos. Non todos eles seguiron polos mesmos vieiros, nin dirixiron os seus obxectivos cara as mesmas realidades.
*
Pere Català Pic e Pere Català i Roca
O primeiro dos fotógrafos da saga, o pai -Pere Català i Pic (1899-1971)- comezou a traballar na fotografía (como acontecía en bastantes ocasións) por azar, por ganar unha máquina de retratar aos 17 anos en Valls, onde nacera e residía. Alí montou o seu propio estudo e coñeceu o oficio. Como aquela vila se lle facía pequena, en 1932 vaise para Barcelona e logo atopa na publicidade (na imaxe publicitaria) un modo perfecto para traballar e ganarse a vida. Traballará para empresas tan coñecidas como Cinzano, Ford, Anís del Mono, Cerebrino Mandri, etc. para quen fará fotografías e montaxes fotográficas que rezuman modernidade, que están na mostra Els Català. Fotògrafs d’un segle e en moitos casos lembran as propostas estéticas que ditara o Constructivismo soviético de Rotchenko e compañía.
En 1936 foi ver ao President de la Generalitat, Lluís Companys, para que crease o Comissariat de Propaganda, que puidese traballar en favor da república e en contra do levantamento fascista. Pere Català i Pic formou parte do mesmo, ocupando o cargo de xefe da sección de edicións do Comissariat e tamén director da revista Nova Ibèria. Como membro activo dese organismo foi o autor do primeiro cartel que fixeron (e un dos máis coñecidos): Aixafem el feixisme. A base do tal cartaz é unha foto súa que se fixo cunha esvástica de barro agretada, sobre lastras, que pisa unha espardenya catalana (ao parecer pertencente a un mosso d’esquadra). A fotografía orixinal seica se perdeu, pero consérvase o cartel con toda a forza da loita que se precisaba naqueles anos tan difíciles.
Pere Català i Pic, no ano 1939, non quixo marchar de Barcelona, pero si que se agachou durante bastante tempo polo gran medo a represalias. Medo totalmente explicable, sabendo as matanzas dos fascistas. Seguiu traballando na empresa familiar, aínda que a súa obra máis recoñecida é a que fixo ata o final da guerra Civil.
Polo que respecta ao fillo Pere Català i Roca (1923-2009) seguiu a tradición e na empresa familiar, igual ca súa irmá Maria Àurea. As súas preferencias estéticas van encamiñadas cara a cultura popular, cara o folklorismo. Neste senso pódese afirmar que as súas instantáneas son documentalistas, como xa fixera tamén o seu pai, e aínda tendentes cara o pictorialismo. Publicou moitos libros e ditou moitas conferencias. Sempre estivo moi interesado polos castells, expresión popular de moita raigame na vila de Valls; algunhas das súas series radícanse precisamente no mundo casteller. Foi un dos impulsores do Museu Casteller que aínda está en construción en Valls. E tamén prestou atención a outras manifestacións populares, dentro e fóra de Cataluña, como a festa de La Patum (Berga) o Misteri d’Elx ou as Falles dels Pirineus.
Els Català. Fotògrafs d’un segle. Museu d’Història de Catalunya
No Museu d’Història de Catalunya (Mhcat) pódese ver perante case todo este ano 2022 a exposición Els Català. Fotògrafs d’un segle, unha ampla exhibición de máis de 180 fotografías de tres persoas que pertenceron á mesma familia: o pai Pere Català i Pic, retratista e publicista mormente da primeira metade do século XX, e os seus fillos Francesc Català-Roca e Pere Català i Roca que continuaron, en parte, a saga familiar, aínda que remataron por diverxer moito nas súas liñas de traballo. Asemade, esta mostra presenta e reivindica á irmá máis grande, Maria Àurea Català i Roca, que foi pintora e tamén participou na empresa familiar (PIC, e logo P. Catalá Pic e Hijos) como retocadora de negativos, sobe todo a partires dos intres que o seu pai decide traballar a fotografía publicista en cor. Ese traballo (o de retocadora), silencioso -pouco coñecido e menos recoñecido-, fixérono moitas mulleres nos ventres dos estudos fotográficos. Os traballos exercidos polas mulleres sempre foron (e son) importantes; e socialmente ignorados.
Els Català. Fotògrafs d’un segle abriu as súas portas o día 19 de xaneiro de hogano e manterase visitable ata o 25 de setembro; case un ano enteiro. O motivo de tal proposta cultural radica en que este 2022 celébrase o Any Català-Roca, pois o 19 de marzo pasado cumpriuse o centenario do nacemento de Francesc Català-Roca, o fotógrafo máis transcendente da familia. A montaxe da exposición é fantástica; vese que non se reparou en gastos á hora de instalar nos espazos dese museo identitario a mostra da que se está a falar. Sorprende saber que o comisario da mesma é Andreu Català Pedersen, fillo máis pequeno de Francesc Català-Roca. Influiría esta endogamia na composición e presentación dos traballos dos tres profesionais da fotografía? Aínda máis, o editor do luxoso catálogo, Rafael Català Dalmau, é primo do comisario.
As fotografías que se expoñen son todas reproducións actuais dos negativos orixinais, é dicir, non hai ningunha testemuña directa dos traballos, encadres, composicións que artellaron os profesionais no seu momento. As tales reproducións, de gran formato, alteran os formatos orixinais. Estas componendas -a maior lucimento das tomas do século pasado- proveñen do Arxiu Nacional de Catalunya, onde se gardan uns 70.000 negativos de Pere Català i Pic e mais do seu fillo Pere, e, por outra parte, do Arxiu Històric del Col·legi d’Arquitectes que garda toda a colección de Francesc Català-Roca, uns 200.000 obxectos. ¿As razóns que puideron levar a “popularizar” a mostra fotográfica, a facela máis sinxela, restan forza e categoría á mesma?
A presentación, ao longo de extensas salas, das reproducións en gran formato pola que apostou o comisario, non vai nin por autorías (cousa aceptable nun traballo plural) nin por criterios cronolóxicos. Ofrécense ao público con lemas que son preguntas: On?, Qui?, Quan? Com? … No percorrido polas salas é habitual ver ás persoas mirando e remirando a ver se acaban sabendo quen é o autor dunha determinada fotografía; outra eiva no seguimento da espectacular montaxe. Facendo referencia ao catálogo, cómpre diferenciar dúas partes. A reprodución das imaxes é boa; a organización gastou moitos cartos en papel, nas 300 páxinas (segue, iso si, a ordenación que se observa nas salas). Por contra os numerosos textos decepcionan. En case todos eles se fai referencia ás biografías dos tres profesionais, o que os fai reiterativos. E, por contra, case non hai análise e valoracións dos aspectos técnicos ou artísticos que permitiría diferenciar moito a uns dos outros profesionais.
Semella quedar claro que polo que se aposta en Els Català. Fotògrafs d’un segle é por querer presentar a unha familia compacta, unida na laboura común de manter unha empresa e na de traballar dos mesmos xeitos: a presentación dunha nissaga profesional, procedentes da vila de Valls. Cousa que parece que non foi así: Francesc Català-Roca, con 26 aos, monta o seu propio negocio e decide seguir os seus propios vieiros. Como exemplo do dito, na páxina 10 do catálogo, o comisario (fillo de F. Català-Roca) afirma que os tres profesionais (máis a súa irmá): Són representants de l’esperit de la calçotada, que els relliga amb el Valls nadiu.
Tamén neste ano no KBr Barcelona Photo Center da Fundación Mapfre púidose ver a mostra Adolf Mas. Els Ulls de Barcelona, unha magnífica escolma de imaxes de comezos de século XX, neste caso con copias de época. Con estas dúas exposicións ofrecidas ao público no ano 2022, a cidade de Barcelona contemplouse a si propia no seu acontecer perante a centuria XX.
Els Català. Francesc Català-Roca
A mi la fotografía que me interesa es la dinámica, aquella que nada tiene que ver con la pintura, aquella que refleja un ambiente, un clima real y auténtico. Para esto hay que visitar el lugar, pensar luego en él y, por último, buscarlo de nuevo y encontrar allí el ángulo o la visión que lo resuma y lo exprese de la manera más elocuente posible.(F. Català Roca, entrevistado por Rodríguez-Aguilera, 1952).
Respecto do outro pé, do outro gallo do tridente que conforma a mostra Els Català. Fotògrafs d’un segle, Francesc Català-Roca, motivador tamén da dita exposición por ser hogano o centenario do seu nacemento, tivo unha traxectoria ben diferente. Aos 26 anos xa se foi da empresa familiar e conformou unha carreira pola súa conta. En troques de quedarse circunscrito nas terras catalás, traballará para moitas empresas de fóra, e mormente para o Ministerio de Información y Turismo de Fraga Iribarne, nas famosas compañas de promoción exterior que levaban polo lema: Spain is diferent.
Recoñecido como un fotógrafo perfectamente integrado nas liñas estilísticas que chegaban de fóra, traballou moito no documentalismo que se foi impondo ao acabar a Segunda Guerra Mundial, e podéndose catalogar como fotorreporteiro; pero sempre coa intención de mostrar as fasquías humanas, xa dos traballos, da miseria, dos días. Segundo ten dito Oriol Maspons, o retratista crítico, Francesc Català-Roca foi o fotógrafo nos que se foron mirando e aprendendo os que ían unha xeración por tras. Moitas das instantáneas de F. Català-Roca xa son emblemáticas, e merecentes do mesmo recoñecemento que se lle dispensan a outros profesionais coetáneos seus, sexa cal sexa a súa área de traballo. A fotografía Estació de França (1950) ten tantos xogos lumínicos como poden ter imaxes doutras latitudes de Berenice Abbott ou William Klein, mesmo de Brassaï ou Miserachs, por citar só exemplos ben coñecidos. Moitas outras imaxes remiten a Francesc cara o documentalismo que se impuxo nos anos 40 da pasada centuria: o ollar cara o neno que carrexa carbón na vila gaditana de Vejer, cara un pastor de Burgos, ou a atención prestada ao estilo de Salvador Dalí saltando a corda (coma calquera infante) no Parc Güell, á elegancia das seis mozas camiñando pola Gran Vía madrileña, …
Así F. Català-Roca é un dos autores que aparece, por exemplo, nas páxinas da revista AFAL, voceiro da Asociación Fotográfica Almeriense (AFAL). En 1956, aparece o primeiro número da revista AFAL que albergará creacións das máis dinámicas persoas dedicadas á fotografía. Publicaron en AFAL Joan Colom, Gabriel Cualladó, Francisco Gómez, Gonzalo Juanes, Ramón Masats, Oriol Maspons, Xavier Miserachs, Francisco Ontañón, Carlos Pérez Siquier, Leopoldo Pomés, Alberto Schommer, Julio Ubiña, Ricard Terré e por suposto Francesc Català-Roca, así como de fotógrafos estranxeiros. Entre José María Artero e Carlos Pérez Siquier foron quen de facer co seu traballo -desde unha cidade que daquelas mesmo estaba fóra dos mapas- o milagre da renovación da fotografía nun país sumido na longa noite da censura. Aí están agora os números da revista para avaliar colaboracións, innovacións e tamén os artigos-manifestos que publicaba AFAL. A diferencia con outras moitas asociacións fotográficas (como a de Madrid, Cataluña, Valencia, …) a de Almería soubo abrirse ás influencias exteriores, e fuxir do que habitualmente promocionaban esas asociacións durante os duros anos da ditadura: o pictorialismo.
Seguindo polos vieiros de colaboracións con outros profesionais e artistas, tamén Català-Roca formará parte da pléiade de fotógrafos que -xunto a escritores- forman parte da nómina da editorial Lumen, na súa colección Palabra e Imagen. No caso deste fotógrafo participou con Rafael Alberti no libro Libro del Mar (1968), escolma de poemas do autor de La primera ascensión de Maruja Mallo al subsuelo. Francesc publicou moitos libros ao longo da súa vida, moitos deles guias sobre cidades ou provincias (Cuenca, Barcelona, Baleares) e outro titulado Els monestirs catalans (1968).
Por outra parte recibiu premios de fotografía e tamén de cinematografía por algúns dos filmes que realizou, como La Ciudad Condal en Otoño e tamén Piedras vivas. Respecto das súas relacións con artistas, foi amigo de Joan Miró sobre o que publicou libros, e mesmo no ano 1993 presentouse a exposición Mirar Miró. El Joan Miró de Català-Roca. Como proba de amizade entre ambos artistas cabe citar a viaxe que no ano 1970 fixeron xuntos ao Xapón.
Els Català. Fotògrafs d’un segle. Museu d’Història de Catalunya, ata o 25 de setembro de 2022
You might also like
More from Crítica de arte
Suzanne Valadon, artista valente | Lito Caramés
Agora, no MNAC, pódese disfrutar da mostra Suzanne Valadon. Una epopeia moderna, unha antolóxica dedicada a esta artista que, contra …
“Veneradas e Temidas” ~ O poder feminino entre dualidades | Lito Caramés
Exposición Venerades i Temudes. El poder femení en l’art i les creences. Caixaforum. Divinas dualidades.